Os textos amados de Xoán Abeleira

Xoán Abeleira.

DIARIO DE LECTURAS

Xesús González Gómez.

Abrín unha premiada novela en galego. Na primeira páxina de texto, nas liñas 11-12, leo: «[…] mostra un arco da vella fermoso de negros, grises e brancos», e como quen está a ler pensa que no arco da vella non existen tales cores (sic) senón os sete «primordiais» e se faltan estas sete cores non existe tal arco da vella, abandona a novela até que lle suba o ánimo. Mais continúo co mesmo idioma e releo Nierikate, de Xoán Abeleira, sobre todo porque é daqueles libros que non se poden ler dun tirón e debido a certas circunstancias persoais mellor é ler cousa curtas.

«Nierikate», como avisa Abeleira en nota na páxina 391, é: «Plural da palabra huichol nierika», aínda que por erro vén impresa, no canto de huichol, a palabra azteca. Abeleira tira a información da rede e, acho, que a «definición» que mellor lle acae de todas as que se dan é aquela que di: «Nierika es un punto focal donde nuestros antepasados concentran sus energías para revelarse e instruir al devoto». É dicir, cada texto escolmado e traducido por Abeleira sería un Nierika. Como se di na entrada http://wixarika.mediapark.net, «La percepción transcendental, nierika, que tienen los chamanes curanderos les permite diagnosticar la causa de una enfermedad y localizar su fuente en el cuerpo del enfermo»: cada texto, cada poema traducido diganostica un punto nodal da existencia humana, así como a resposta, non do xhaman, senón do poeta a ese punto: en realidade á existencia. E, tamén, unha resposta ás preguntas ou interrogantes da modernidade. Noutras palabras, a literatura, a poesía, como «percepción transcendental».

O libro apareceu no 2016, é o número tres da colección Banfile e recolle todas as traducións de Xoán Abeleira ao galego, agás aquelas que conformaron libros autónomos. Explícome. Recolle as traducións ao galego publicadas en xornais, revistas e outros medios por Abeleira ao longo dos anos. Abeleira goza dunha merecida reputación como tradutor ao español de Rimbaud, Ted Hughes, André Breton e outros. Ao galego ten traducidos a Rimbaud (Iluminacións, aparecida na mesma colección), O viaxeiro astral, de Jack London (Galaxia) e Porca Terra, de John Berger (Rinoceronte). No presente volume recolle poemas e textos en prosa (relatos ou ensaio –sic–) de poetas e escritores como Baudelaire, E. Dickinson, Yeats, Paul Klee, Rilke, Picabia, Pound, Ungaretti, René Daumal, Benjamin Péret, André Breton, Sylvia Plath, Ted Hughes, Patti Smith, Paul Éluard, Wallace Stevens, Kafka, Pierre Reverdy, César Vallejo, anónimos xaponeses, poesías de pobos denominados primitivos como os yaquis, os siux, os pueblo, os aztecas, os pigmeos, etc., etc. É dicir, un amplo mostrario, mais que non quere ser mostrario de tipo ningún senón entregar, en coidadas e fermosas traducións ao galego, unha serie de poetas e de textos imprenscindíbeis de séculos pasados e da nosa modernidade. É dicir, da modernidade que vai do século XIX ao inicios deste século XXI. Atopámonos, xa que logo, nun libro variado, na que a mellor poesía e a mellor prosa enchen 390 noventa páxinas, que se enriquecen con 43 máis de apretadas, intelixentes e informativas notas.

O lector, a lectora, que se achegue a este altamente recomendábel volume, encontrará unha excelente versión de Ouveo, de Allen Ginsberg, que pode comparar coa igualmente excelente que fixo no seu día Daniel Salgado (Positivas), pode empaparse de sabedoría con eses dous grandes textos teóricos surrealistas que son Ten a palabra Péret e O deshonor dos poetas, de Benjamin Péret, claro. Pode achegarse á poesía clásica xaponesa e tamén á contemporánea, a poemas de Breton, de Henri Michaux, de Bob Dylan, de Peter Gabriel e de Patti Smith, mais tamén de Artaud, de Lorca, de Desnos, de Apollinaire. Ao coñecido texto sobre a «imaxe», de Pierre Reverdy, a un texto sobre Rimaud da gran Patti Smith, a un conto de Vallejo, a un excelente texto de John Halifax sobre as cancións xamánicas, a un pequeño e coñecedísimo texto de Kafka, etc. Xoán Abeleira achega ao lector galego textos amados por el de escritores e poetas que á súa vez amou, ama e amará para sempre. Porque os ama, quixo entregalos ao lector galego e este ten así a oportunidade de achegarse a eles e, de paso, agradecerlle a Abeleira o seu gran labor.

Non vou recomendar ningún texto en especial, senón o conxunto, aínda que, talvez por xustiza,debería recomendar os poemas dos pobos denominados primitivos, que é onde a poesía medra en estado salvaxe. Mais os poetas e escritores que escolmou e traduciu Abelaira son dignos herdeiros e continuadores desta poesía, léase, por exemplo, esta poesía azteca:

 

O artista

O artista: discípulo, abondoso, múltiple, inquedo.

O verdadeiro artista: capaz, activo, habelencioso;

Dialoga arreo co seu corazón, acha cousas coa mente,

O verdadeiro artista: tira todo do seu corazón,

Traballa con gozo, crea con calma, con sagacidade,

Traballa coma un auténtico Tolteca, compón os seus obxectos,

Traballa con destreza, inventa;

Ordena os materiais, adórnaos, axústaos.

 

O artista preeiro: traballa ás toas, mófase da xente,

Fai as cousas opacas, limítase a ficar na superficie de todo.

Éche un trangalleiro, un trampón, un ladrón

 

Ou estoutro canto dos arapahos, que semella un poema fonético, dadaísta ou letrista:

 

Canto do culto ó peiote

Ye nowu ci hai

Yo wu hau

Wo ci hai

Yo wi ci no

Wi ci ni

(Bis)

 

Wi ni ci hai

Yo wi hai

Wi ci hai

Yo wi ci ni hai

Yo wi how

Wi ci hai

Yo wi ci no

Wi ni no wa

 

Poemas que demostran o xa sabido: non existen temas esgotados, existen formas esgotadas. Para acabarmos,velaí unha curiosidade.

Abeleira traduciu o Ouveo de Ginsberg: Daniel Salgado como dixemos, fixo outro tanto. Máis descoñecida é a versión (mellor sería dicir «parodia») que o meu amigo Carlos Posada publicou n’O Correo Galego, nun suplemento que aparecía o primeiro xoves de cada mes. Esta versión apareceu o 1 de febreiro de 1996. (Corríxense grallas máis que evidentes e adáptase o texto á nova normativa)

Howl («Ouveo» ou «O ouveo») é un dos máis famosos poemas de Allen Ginsberg, e pode ser considerado como un manifesto da xeración Beat. Descoñecedor do inglés no seu máis elemental grao, o tradutor-adaptador usou diversas versións bilingües a idiomas como o francés, o catalán e o español. Pero máis importante para a súa tradución ao galego foron dúas cousas: o ollar ao arredor e mais un método comparantista-máxico, ou esotérico, de tradución-adaptación. Por todo iso, o poema quedou considerablemente reducido tanto no seu intrínseco valor poético, como no seu tamaño físico. Saiban os lectores perdoar todos os erros cometidos, pero pensa o tradutor que, talvez, non se poida facer outra versión do poema para que poida ser lido totalmente polos lectores galegos. Con todo, cómpre avisarmos que Ginsberg é inocente de todos os erros cometidos, e de todo o que se di, nesta adaptación (traizón a sabendas) do seu famoso poema.

 

Ouveo

Vin as mellores mentes da miña xeración

destruídas pola falta de loucura, medosas,

pensando que alguén podía decatarse da súa nudez,

arrastrándose cara ás portas dos poderosos, levando

no peto a súa adhesión a quen a necesite, a quen a queira,

enviando telegramas conmovedores.

 

Escritores de caluga dócil, que se esvaeron

no esforzo de evitar que se pense que eles

poderían crear algún problema nun momento dado,

Deus non o queira,

vendidos por un artigo nun periódico, ou unha intervención na TV,

un premio ou unha recompensa oficial.

 

Políticos con nenez de aldea e adolescencia

de casa de hóspedes e mocidade desafiante e anticonformista,

que foron expulsados das escolas, institutos, academias, universidades,

por loucos, con discursos pronunciados en tabernas delirantes

onde todos deciden facer a Revolución,

 

que viviron ese vía crucis invertido que vai

do Castiñeiriño a San Caetano, dun lugar perdido a Raxoi

a través do Castromil,

 

que se esconderon en cuartos cutres, sen afeitar, queimando

os seus cartos en infames baiúcas e casas de comidas

e escoitando o terror a través da parede,

 

que foron comunistas, trosquistas, maoístas, subversivos

e radicais e arderon na dor e na miseria dos pobos,

mais que agora están dispostos a recoñeceren

que sempre o mellor camiño é o da cordura e a razón,

poetas que pasaron polas universidades recitando

poemas de Curros, de Neruda, Maiakovski ou Celso Emilio

e discutiron ás agachadas as teses de Sartre, de Lukács,

de Fanon ou de Althusser,

 

que escribiron odas obscenas que todos desprezaban,

loas a Viet-nam, Castelao, Bóveda, Chile e Nicaragua,

que chegaron das aldeas co temor de non seren recoñecidos

ao dar unha volta polo Toural ou tomar un viño no Franco,

 

que se sentiron derrotados e triunfadores en Compostela

e se avergoñaron das súas maneiras, dos seus dicires, e

repararon, ás escondidas, nas maneiras dos outros, e enviaron

cartas que queimaban por unha soidade que ía diminuíndo

pouco a pouco.

 

Rapaces que se iniciaron sexualmente en lugares non-sanctos,

Pombal, Moureira… que arrasaron bordeis, cabarets, barras

americanas, festas de vilas e cidades cos seus berros que lle saían

do fondo do corazón, e a súa pretensión de se satisfaceren de balde, e repetiron

todos os chistes de todas as xeraciòns, e vomitaron

en todos os canellóns e beberon os viños inventados

en incertas tabernas infames e escuras onde a dor se unía á

soidade e á miseria, que se fachendaban da súa capacidade de beberen,

 

que se negaron a fumar haxix ou mariguana

e desprezaron aos que non eran moi machiños e levaban cabelo longo

ou pendente na orella,

que cantaban cancións prohibidas logo da tristes ceas dos sábados ou dos domingos:

«Santo Cristo de Fisterra, / Santo da barba dourada, / Axudádeme a pasar / A negra noite de España», se eran peixes,

«Españoles non seremos nós / cando triunfe a nosa terra / na súa loita de liberación», se eran gallos,

 

que saíron ás rúas, ás vilas, aos camiños, ás aldeas, ás  cidades,

a proclamaren a liberación dos pobos, o amor entre os homes,

a chegada do reino da felicidade aquí na terra,

que amaron sen amor, que odiaron sen odio, que beberon sen sede, que comeron sen fame, que se chimparon contra as porras da policía para anunciaren a chegada dos tempos en que as nosas vaguidades cumprido fin terán,

 

que nunca dubidaron, que vían a verdade cando ninguén a distinguía, que ceibaron porcos a doutores honoris causas para acabaren defendendo as súas causas nas tribunas máis pérfidas,

que exerceron a necesaria constancia nos grandes hoteis

e nos restaurantes de primeira

onde almorzaron con importantes funcionarios, con novos xerarcas,

cos dinámicos homes de empresa e mostráronse solícitos, cordiais, e souberon rir os chistes,

e eclipsarse, e esperar cando así conviña,

 

que nunca se precipitaron na rebeldía e na indignación porque,

á parte de calquera outra consideración,

resultaba de mal gusto e preferiron a actitude estética

ou o sorriso escéptico e irónico,

e concibiron a vida como o que é, unha escala

ascendente, e non me vas dicir, benquerido amigo,

que é a mesma cousa estar enriba que estar

abaixo?,

 

que se xustificaron a si propios, que todo o facían

porque era a única maneira de transformar as cousas,

que foron asesores culturais, conselleiros políticos,

escritores vergoñentos de discursos oficiais, que

coparon direccións xerais, consellos de administración,

institutos oficiais e para-oficiais, que souberon

cambiar o mundo á súa medida,

todo para ben do pobo,

 

que se iniciaron na prudencia negándose a comentar

as fallas dos superiores e continuaron negándose a oír

as fallas dos superiores e remataron negándose a pensar

nas fallas dos superiores, non por lealdade, senón

por consideración á gloria intrínseca do cargo, dese

cargo que dalgún modo xa lles pertencía, dese cargo

que borraba toda falla posible dos superiores,

que aceptaron dirixir este país coa seguridade

de que poderían facelo dignamente e foron adquirindo

a expresión  necesaria, e a cita axeitada e a biblioteca pertinente,

e o repertorio clásico de anécdotas e preocupacións cívicas

como unha condena,

 

que decidiron aceptar o país (oh Galicia, cando serás digna

do teu millón de emigrantes!) porque un non rexeita

o cumprimento dun grave deber,

e no seu interior decatáronse de súpeto de que non morrera

ningunha da vellas ilusións,

que o que nos legaran os precursores, aqueles que foron a conciencia e o espertar do país, eles o encarnaban e o representaban e o servían e o estaban a levar a cabo con magnífica humildade, e xa non lles coubo máis remedio que caer en transo,

arregalar os ollos con maxestade e aceptar o vestido de pais

da Patria, de gobernantes demócratas, de elixidos do pobo,

e dirixíronse ao micrófono para declararen:

«Se nesta hora de grandes responsabilidades cidadás o pobo galego necesita de nós, sabe que sempre contará co noso desinteresado sacrificio…»

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s