‘A marreta do canteiro’ vs ‘O coleccionista de antigüidades’

Ferramentas.

Publicamos a primeira semifinal do Torneo Punto e Coma. Marcos López Concepción fronte a Lois Z. Tema: ‘Artesanía’.

A marreta do canteiro

I –A miña nai foi alá [a Pontevedra] de ama de cría dun tal… como era? Xa non o digo… era a casa dun señorito. Total, por unha miseria. E eu tomei leite de burra. Así de pequeno quedei. Que primeiro non me alistaron. Logo si. Xa empezara a traballar de canteiro e tiven que deixalo todo cando a guerra se puxo dura.

E –Onde estivo na guerra?

I –No peor da malanga estiven, con vinte anos en Asturias picando pedra; e despois en Teruel, todo o tempo hasta que se liberou. Fomos nun tren de mercadorías traca-traca, traca-traca… levounos tres días con tres noites chegar ó monte da Palomera que foi onde máis gorda a houbo. A fame foi fenómena. Só había sopas de auga.

E –Nas trincheiras?

I –Eh?

E –Estivo nas trincheiras?

I –Non che estou a dicir… Co fusil ó lombo nunha gabia alí na Palomera. Chegamos de remuda dun batallón. Eu e outros. Había un de Caldas comigo que morreu hai pouco. Avanzabamos cando pasaban os avións anubrando o sol, lanzando metralla. Mandaba en nós un capitán que era o demo. Non sei que día topamos con dous dos outros, estaban moi graves pero aínda alentaban. Deulle igual, dixo que lles botaramos terra e un quedou pedindo por favor. E a man, o brazo estaba…, o corpo estaba todo enterrado e o brazo quedou cara a arriba. En paz estean. Eses e os outros, que como xente morreu moita… porque cando se liberou Teruel houbo un paredón para… en fin… María Santísima… [di]cía…

E –Non pasa nada.

I –Pero hai cousas…

E –Si. Si.

I –Ese capitán, o tal, pois fusilaba a catorce xuntos, quince… e acabamos fusilando mal; eles dicían «disparad bien, soldaditos, no me dejéis sufrir». Empezaba co toque de corneta: ti, ti… para preparar o tiro, e cando facía o «ti» do final: pumba no gatillo. Caían para atrás. Dunha vez non apuntei e o meu quedou vivo, de pé. Gritaba: «matadme, cobardes, matáis a los pobres para que los ricos vivan bien».

E –Non morreu logo?

I –Peor.

E –Como foi iso?

I –Eu estaba canso, enfermo. O capitán púxose bravo. «Mi capitán, usted disculpe, soy cantero, de esto poca instrucción tengo». Dixo: «Pues hoy, gallego, llevas una lección». Virouse e pegoulle un tiro ó que quedara vivo. Levou o pobre unha bala na barriga. Coleaba. Entón pediume que o rematara sen malgastar nas balas. Que o fixera como un canteiro. Pediu unha marreta.

E –Unha marreta.

I –Para min. Entendes? Dixo que o meu oficio na guerra era servir e matar. O pobre coleaba. Así foi que o fixen aínda que non quería. María Santísima… que logo de tanto tempo lembro aquel home, en paz estea, cando me acheguei e así foi; o pasado, pasado está. Estaba de Deus ser así e así foi.

————————————————————————————————————————————————-

Banco de textos orais: 133. Transcrición estandarizada. Concello: Forcarei. Parroquia: Pardesoa. Informante: Home 81 anos – Canteiro e labrego. Ano da Gravación: 1998

………………………………………………

O coleccionista de antigüidades

O xantar fixérano na casa grande. Houbera tanta xente na misa que non fixo falta inventar pretextos para quedar falando no adro da igrexa. Foi aí cando Patiño lle contou a Raimundo o da súa colección. Pasei toda a vida fóra, na emigración, díxolle Patiño, e agora cando vexo esas cousas de antes que me recordan a cando era neno, toleo por elas. Atrás dos cafés insistiu en amosarlla. O primeiro que mancou os ollos de Raimundo ó entrar no pallote foi un Barreiros do 62 pintado coas cores da bandeira de España. Sobre o capó, o escudo do Madrid. Este cacharriño restaureino por pezas, explicoulle Patiño con orgullo ó notar a fonda impresión de Raimundo, e cando o saco pola vila a xente párase a sacarlle fotos. Unha das paredes de cemento da nave sostiña un panel de madeira sobre o que crucificaran a barrena sachos, petas, fouces, forquitas, angazos e unha gadaña. Patiño seguía a mirada do seu hóspede contento coma un can que vai cheirando un rastro. Aquel museo dos horrores continuaba a través duns estantes con chaves oxidadas, catro básculas romanas cos pratos pintados de dourado, réplicas que Patiño cría orixinais, supostas pedras volcánicas, recordos do mundial do 82 e unha figuriña masai. No fondo durmía un carro, tamén pintado de vermello e amarelo, arroupado polo seu xugo.

Todo o que gardara algún valor fora destruído durante as restauracións que lles practicara Patiño. Non sabes cantos cartos hai aquí metidos, presumía o dono. Nun aparte repousaba unha mesa grande, maciza, de carballo. Era a última adquisición do coleccionista. Estaba ornamentada a man con moita destreza. Ten máis de cen anos a condenada, afirmou Patiño, vai vella pero aínda se ten.

Esa noite na cama Raimundo miraba para o teito estremecido pola necidade dese home. Aquela mesa excepcional Patiño proxectaba convertela na súa mesa de traballo para o garaxe. Íalle acurtar as patas e engadirlle un caixón de aglomerado para gardar as ferramentas. A nobre madeira acabaría chea de riscos e golpes de martelo. Que tristeza. Que pensaría o artesán que a fixo.

O ano seguinte Raimundo devolveulle a Patiño a invitación. Na sobremesa o coleccionista contou que lle entraran a roubar no pallote. Foi pouco despois das festas, lembrou, debían saber que non estabamos na casa. Rebentaron a pechadura, pero non levaron nada de valor, só aquela mesa que che ensinara, acórdaste dela? Raimundo puxo cara de póquer. Alguén retirou o mantel. Quedou ó descuberto unha mesa longa e pesada, de carballo. A Patiño puxéronselle as cellas de sombreiro. A túa era coma esta, non?, preguntou Raimundo sen que lle caese o escarvadentes da boca. Patiño mirou para ela, limpa de couza e ben lixada, espléndida. Non, que va, a que me roubaron era máis vella, dixo, esta é boa boa de verdade. Manda carallo, de entre todo o que alí había apandaron coa mesa os aparvados eses. E co que pesaba! O que fai a ignorancia.

Advertisements

30 comentarios en “‘A marreta do canteiro’ vs ‘O coleccionista de antigüidades’

  1. O meu voto vai para A marreta do canteiro. Paréceme un relato moi ben escrito, que manexa á perfección os diálogos e que trata o tema dunha forma atractiva. Unha historia pechada e cun formato que non vira ata agora. En xeral notase moito traballo detrás, parabéns ao autor
    O coleccionista de antigüidades é un relato moi bo tamén, sen ningún erro grande que poida ver , a comunicación está traballada e funciona. Sen embargo e o cadro completo o que me fai decantarme por A marreta do canteiro. Sinto non saber analizar os textos con moita máis profundidade, pero aínda descoñezo moito de análises e prefiro andar sobre seguro. Dende logo é un logro ter chegado ata aquí. Moita sorte¡

  2. A marreta do canteiro

    Despois dos formatos email chegoulle a quenda ao formato entrevista. Co ben que tería quedado o relato sen as intervencións da entrevistadora… Despois dun «[di]cía…» que non entendo (o entrevistado dixo cía?), ese non pasa nada paternalista… Ai! Despois de lle dar moitas voltas, penso que o autor quere dicir que o entrevistado choromica, mais non o teño claro…
    Un bo relato que narra de forma crúa unha realidade de tódalas guerras, baseándose nun caso particular, gañaría moito quitándolle, sinxelamente, esas intervencións. Sen tocar máis nada. Quedaría igual de claro que fala con alguén irrelevante para a historia. Fóra diso, está moi ben escollido e narrado; transmite ben o arrepío da situación.

    O coleccionista de antigüidades

    Faise difícil comparar unha mesa de carballo coa vida dunha persoa. Tiven que facer un exercicio de perspectiva, pois o tema do primeiro relato ten difícil competencia. O coleccionista… é un relato clásico (e non pasa nada por non experimentar con formatos orixinais; tampouco polo contrario) ben levado até a conclusión final. O meu pai era ebanista, así que non me custou empatizar coa pobre mesa de carballo e odiar a morte ao criminal que a quere mutilar. É certo que este relato non ten a riqueza léxica da marreta e que o tema é máis lixeiro, pero, que carallo, en honor ao pai que hai pouco marchou pero deixou feitas coas súas mans auténticas obras de arte (como ese moble circular da foto), o meu voto vai para O coleccionista de antigüidades a modo de homenaxe.

    • Amador, os corchetes empréganse en transcricións fonéticas, en gravacións ou de discursos para aclarar/completar cousas que se din/escoitan a medias. Penso que vai por aí…

      • Non hai de que 🙂 Cando lin o relato, chegábame o recordo olfactivo da madeira acabada de pulir. Algo que teño metido no nariz desde ben cativo. Unha mostra máis do subxectivas que poden ser as votacións.

  3. O meu voto vai para “O coleccionista de antigüidades”. A historia que conta non é nada do outro mundo, pero o conta de xeito aceptable.

    “A marreta do canteiro”, igual có outro relato, non me di nada. Unha historia sobre a guerra, aburrida agás o último parágrafo pero que xa non é capaz de levantar o relato.

    As semis son os peores duelos de calquera campionato. Os contrincantes están cansos, sen ideas e amosan unha táctica conservadora, pensando en non perder máis que en ganar. Neste duelo vese todo isto.

    • Non estou para nada de acordo contigo, Ariza. Penso que un dos dous escribiu neste duelo o seu mellor relato de todo o torneo e o outro non o fixo porque era difícil superarse con respecto ao anterior.
      E na outra parella de semis, como dis, tamén penso que un dos relatos é o mellor que esa persoa escribiu no seu percorrido no certame. O outro non, vale…

      • Pois que queres que che diga. Nos cuartos houbo un alto nivel e eu pensaba que as semis aínda serían mellores. Pero para min non o son. Oe! Que eu non son crítico literario (ni lo quiero ser), eu comento segundo as impresións que me levo dos relatos despois de lelos varias veces. E estas semis non me din nada. Síntoo.

      • Expreseime mal, Ariza. Non intentei dicir que os catro relatos sexan bos para o meu gusto. Nin moito menos. Tampouco bos desde un punto de vista técnico (eu tampouco son crítica literaria: só fago o que podo). Quixen dicir que penso que dúas das catro persoas que escribiron nesta semana fixeron o seu mellor relato do torneo, xustamente nestas semis nas que ti dis que se relaxaron. Entendo que se relaxaron todos, segundo ti. Por iso dixen que non estaba de acordo.
        De feito, creo que unha desas dúas persoas fixo unha progresión paulatina moi boa e encantaríame poder ver como continúa na semana que vén. Da outra persoa, penso que a mellora veu da man do afastamento do propio: ás veces funciona mellor imitar que ser un mesmo.
        Porén, ningún dos catro contos están (para o meu gusto) nos mellores relatos do torneo, tendo en conta todos os relatos que lin ata agora. Ou sexa, niso si que estou de acordo contigo: non hai nivel como outras veces.
        Agardo expresar mellor o que quixen dicir sobre o teu: «están cansos, sen ideas e amosan unha táctica conservadora». Non estou de acordo porque eu si percibo moito traballo detrás. E non só nestes dous nos que creo que fixeron a súa mellor achega (máis lícita ou menos lícita), senón tamén nos outros dous. Como moito, salvaría un ao meu rebatemento sobre a túa frase, porque creo que aquí alguén si que se abandonou á mediocridade sen razón. Ou sen unha razón que me valla a min. E isto último de deixarse derrotar cando se pode dar máis si que me parece imperdoábel. Como sempre digo: estamos aquí exhibicionistas para exercitar e ver como funcionamos nos ollos alleos. A cousa é dar o que podemos cada un e encaixar as críticas boas e as malas para mellorar como somos cada un; a cousa non é imitar nin deixarse bater por ninguén premeditadamente. Tamén por sorte non hai armas: teño a impresión de que os hai que esquecerían que o xogo vai de verbas. 😉

      • Son eu o que se explica mal. Os meus comentarios son curtos, esquemáticos e poden levar a confusión. Cando escribín: “As semis son os peores duelos de calquera campionato. Os contrincantes están cansos, sen ideas e amosan unha táctica conservadora, pensando en non perder máis que en ganar” referíame aos torneos en xeral (sobre todo os deportivos). Sei de sobra que os 4 autores destas semis traballaron moito nos seus relatos, o que pasa é que non se pode escribir 5 ou 6 relatos de alto nivel seguidos nin sempre se vai levar una liña ascendente (de calidade literaria). Levamos dous meses de torneo e é normal que haxa altos e baixos, para min os cuartos tiveron nivel alto e as semis baixo.
        Non levo un seguimento personalizado de cada duelista, non sei que progresión levan. E agardo que ninguén dos 4 se enfade comigo por dicir que non me gustaron os relatos. Seguro que escribiron antes textos moi bos (e por iso chegaron ata aquí) pero estas semis a min me deixaron moi frío.

  4. Ainsh… Dura elección.

    A “Marreta” véxolle sentido que use o formato entrevista e gústame moito, moito a linguaxe que emprega. É moi natural e flúe estupendamente. Tampouco entendo algunha das acotacións, como lle pasa a Amador, nin ese “non pasa nada”, é unha cuestión de sentido e contexto, para min. Non son amiga dos temas bélicos, pero paréceme que está moi ben narrado e transmite moi ben imaxes e personaxes.O tema da artesanía vai algo “pillao” con pinzas, na miña opinión.

    “Coleccionista” parece comezar ben, pero ao avanzar non entendo as dúas primeiras frases. Paréceme complexo de máis para contextualizar o relato nun día de festa, debería quedar máis claro, na miña opinión, ao ser simplemente a contextualización. O tema encántame (o vicario de Roald Dahl, anyone?) e a historia gustoume moito pero os diálogos sen marcar son superiores a min. É cousa miña, seguramente, pero nin a Saramago dou lido sen marcar os diálogos. A lingüísta que pervive en min impídeme aceptar tal ousadía 😀

    Tema? Estilo? Conxunto? Como votar? Vou quedar cun que teño que marchar… Vai o meu voto para “Coleccionista”.

  5. Non creo que decaera o nivel. Os dous relatos son moi correctos, moi levados e relativamente coidados, comparado co que levamos de concurso. Hóuboos mellores, si, pero son catro relatos en semifinais contra (déixame calcular) vinteoito anteriores. Hóuboos ben peores, tamén. Pero son gustos, e o meu é bastante atravesado.
    Se cadra a “A marreta…” pésalle o formato, a entrevista tipo áreas lingüísticas. Non porque estea mal adaptado, porque si que está con xeito, senón porque quizais estaría mellor “sen formato”, un relato en primeira persoa e xa está. Con todo, un diálogo ben levado. O tema, a Guerra Civil, moi manido, pero relémbrame ao meu avó, que tamén o levaron á forza para Teruel. Hai avós que son bos contando historias… o meu era máis de calalas. Volvendo ao conto, na relectura o final non me acaba de cadrar.
    Moi bo “O coleccionista…” até o final. Por desgraza, perde verosimilitude. Patiño amósalle a mesa a Raimundo, días despois rouban a mesa, logo Patiño ve unha mesa igualiña na casa de Raimundo… e non amarra cabos? Si que era necio de vez. Como eses que pintan os hórreos centenarios de cores. Con todo, gustei da prosa do relato, do ritmo e da sinxeleza.
    Voto a “O coleccionista de antigüidades”.

  6. Tres veces tiven que ler os relatos para tomar unha decisión. Penso que os autores fixeron un bo traballo e que cumpriron coas expectativas da semifinal.
    A min si que me cadra o formato de “A marreta”. A historia flúe que dá gosto e, se hai que poñerse roñón, direi que me chirría a frase “pasaban os avións anubrando o sol” por iso de que non me soa espontánea posta na boca dun canteiro ancián.
    O comezo de “O coleccionista” pareceume algo lento, aínda que entendo que o autor quixo deixar todo ben atado para que así comprendamos mellor o peculiar senso artístico do Patiño. É máis clásico nas formas pero efectivo.
    Voto por “A marreta”.

  7. Levo uns días pensando nestes dous contos, moi difícil decisión, pero das que gustan, porque penso que os dous estan a moi bo nivel.

    A marreta do canteiro
    O primeiro que sentín ao ler este relato foi unha pequena envexa sa. Noutras rondas andei coa idea de escoller este mesmo formato de entrevista rexistrada, e ao final non o chegara a usar porque nunca me cadrara de todo. Un dos libros que sempre teño de referencia é o “Contos galegos de tradición oral” de Camiño Noia, fonte inesgotable de imaxinación popular, sempre rexistrada con rigorosidade empregando este formato, e aínda quedo coa idea de trastear con el para ficción. Precisamente por iso, non teño máis que gabanzas cara a forma de entrevista. Penso que é difícil porque implica arriscar moito no rexistro oral do narrador, que ten que ser coloquial pero ao tempo un pouco elevado, nese punto intermedio da historia contada a media voz. Penso que se fai un gran traballo neste sentido, introducindo repeticións, algún castelanismo moi habitual, ” Xa non o digo” ao principio ou “a fame foi fenómena” as miñas favoritas do conto. Quizais o único que podería comentar a este respecto foi o mesmo que comenta Couto no de “pasaban os avións anubrando o sol”, un chisco de máis poético, pero aínda nun limiar aceptable. Entendo o que comentan outros compañeiros sobre que as contestacións os sacan da historia, pero para min foi todo o contrario, fan presente a escena dese home relembrando, a distancia do tempo que desaparece para el pero que denota ademais como esa hitoria pesou nel durante tantos anos. Comentaba Lois no meu relato de Eabeca que non lle gustan as historias mediatizadas, pero a min é un recurso que me encanta, non o podo evitar.

    Como pequeno e pouco importante comentario de lingua, hai unha cousa que creo que só me molesta a min pero que rebento se non o digo. “Entón pediume que o rematara sen malgastar nas balas. Que o fixera como un canteiro.” Frase importantísima do relato, centro do conflito. Pero debería ser: “Entón pediume que o rematase sen malgastar nas balas. Que o fixese como un canteiro.” En galego si hai diferencia entre antepretérito e o pretérito do subxuntivo, utilizalos de xeito indistinto é influencia do castelán (acabara/acabase). Digo que só me molesta a min porque o vexo constantemente na fala diaria de case todo o mundo e non parece dar lugar a equívocos, pero neste caso en concreto, cos verbos ademais en cursiva destacados así, tiña que dicilo.

    Falando do tema, pasoume un pouco o que comentaba Fran, de lembrar aos meus avós, que tamén eran máis ben de calar as historias. É certo que a guerra civil é un tema recorrente, pero non sen razón. Penso por exemplo no conto que gañou a primeira edición do concurso, onde si lembro pensar, “outro conto máis sobre a segunda guerra mundial”. Quero dicir con iso, que temas como a guerra, a violencia e as situacións límite son moi suculentas para o autor, pero tamén o foron para outros antes, e hai perigo de caer en lugares comúns. Aquí, ese órdago resólvese pola forza do formato, e precisamente o tema, sacar da artesanía a marreta que é o cerne do relato. Neses riscos é onde o conto se atopa a si mesmo e se libera de ser un conto máis sobre a guerra civil.
    Vexo moito traballo a nivel formal neste conto, e mérito no xeito de tratar o tema e a época para lograr unha imaxe que se quede comigo. Moitos parabéns.

    O coleccionista de antigüidades
    O primeiro que quero destacar deste conto é o meritorio do xeito en que insire os diálogos. Comentaba Sabela que ela non é quen de aturalos hahaha, é certo que son un risco porque non saen do habitual e das convencións sobre o xeito de reproducir a realidade que temos normalmente na ficción, pero precisamente por iso penso que hai que gabar o ben feito que está aquí. Nunca se descoloca ao lector, sempre sabe quen está a falar, onde comeza e remata un inciso. Non é sinxelo. Comentaba Sabela a Saramago, un mestre desta técnica, pero quero mencionar eu a Cormac McCarthy, que fai tamén o que lle peta coas convencións dialóxicas, e aínda así nunca perdes o fío.

    Falando da estrutura do conto, hai algo curioso nela. Pensando no conto, pensei que eran dúas escenas, a inicial do día de festa, e a de volta do ano seguinte. Pero ao lelo máis polo miúdo vexo que en realidade son tres, hai un parágrafo onde Raimundo pensa sobre o roubo que cometerá só na súa cama. Parecería que isto pode dar lugar a certo desequilibrio no conto, pero creo que funciona porque o lector (polo menos eu), nin tan sequera a percibín como escena, senón como interludio interior de Raimundo, en abstracto. Quizais funcionaría aínda mellor o conto eliminando esa pequena referencia a Raimundo durmindo, pero non estou seguro.

    Deste conto destaco tamén o ben que se debuxan ás dúas personaxes con moi pouco, arredor de algo tan persoal como é a restauración, a imaxe de canto de nós mesmos deixamos nos obxectos que transformamos. Idea amplificada despois ao ler o fermoso comentario de Amador sobre o seu pai. Esa vontade de personalizar arredor da artesanía dúas visións do mundo penso que é unha gran idea, que vexo moi a miúdo eu noutros eidos, como a maneira de tratar o monte ou o patrimonio. No particular, o conto consegue falar do universal.
    Como pequena pexa, que comentaba tamén Fran, para min no final hai un pouco de perda de verosimilitude. De verdade Patiño non recoñece a mesa? Entendo que hai unha intención de demostrar con iso que Patiño non valoraba os obxectos, que os vía dun xeito superficial, pero non é unha casualidade xigantesca? De feito volvendo a ler o parágrafo quedei coa frase “Alguén retirou o mantel”. A muller de Raimundo quizais? Non cheiraba nada do roubo ela? É un pequeno detalle, pero sinto que a escena é un tanto artificial. Quizais tería funcionado mellor se Raimundo decidise desafiar a Patiño directamente, recibíndoo e dándolle de comer sobre a mesa descuberta desde un principio. Nese caso, a resposta de Patiño de non recoñecela funcionaría doutro xeito, máis patético e quizais mellor por contraste. Ou deixar a escena como está, pero que sexa Patiño o que retira o mantel, sabe que a mesa é a súa pero decide non dicir nada, recoñecendo ao seu ladrón. Non sei, propoño ideas, pero porque hai algo que me renxe un pouco nese desenlace, sen desmerecer un conto de alto nivel.

    Fáiseme difícil votar porque os dous contos están moi ben, pero tamén porque son tan diferentes que sinto un pouco inxusto valoralos conxuntamente. Decido dar o meu voto a “A marreta do canteiro”, pero reito os meus parabéns aos dous autores, dignos semifinalistas.

    • A min o das repeticións chócame moito, porque quedaba igualmente natural usar «comezar» nalgunha das frases, no canto de dous «empezara» (que ademais non fala de empezar as pezas, que sería o propio para unha persoa que revisa e púe os textos ata configurar un formato-entrevista deste xeito e a ese nivel léxico).
      Considero, por outra banda, que precisamente os verbos antepretéritos están en cursiva para marcar a incorrección. Coido que ninguén salientou iso antes porque fica claro que é intencionado. Polo menos eu vino claro, percibindo esa dor dos filólogos que sentiches tamén ti, mais recoñecendo a intención da persoa que escribiu o texto, que foi: si, isto é o que estou transcribindo dunha entrevista, é o que hai!

    • He, xa dixen eu que o dos diálogos é algo moi persoal, Guillermo 🙂 Para min si que se perde o fío, pero está claro que certas cuestións estilísticas son cousas de gustos. Non nos pode (nin debe!) gustar a todos o mesmo.

  8. Pois a min estas semis estanme a prestar máis que as do anterior torneo, a verdade. Igual falla algo a chispa, pero hai moita solidez nas narracións. Unhas semis a lo catenaccio, vamos.

    Pasoume coa “marreta do canteiro” o que a moitos. Lembrei a xente vella falar da guerra. O relato podería ser tal cual unha transcripción de calquera conversa cun galego de certa idade. Había un na aldea de meu pai que contaba o que conta o señor deste relato doutra maneira, pois a el prestáballe iso de matar, e facíao tan ben (según dicía) que mataba para o que máis pagase. Poñía os pelos de punta… meu avó contaba cousas ben distintas e calaba moitas máis. A min tal como está este relato chegoume moito.

    “Coleccionista de antigüidades” é un relato moi traballado, cunha idea central perfectamente definida e ben levada. Non se lle ven as costuras máis alá dese final un tanto impostado. (Eu tamén penso que quedaría mellor se a mesa fose ensinada adrede). Ademais adícase a retratar un ser xa mitolóxico dentro do acervo galego: o emigrado retornado con ínfulas creativas. Hai un tipiño preto de onde vivo que montou unha capilla que… hai que vela pra crela.

    Difícil elección.

    Eu sonche moito de votar coas entrañas (danos colaterais do Anal Intruder, supoño) así que o meu VOTO vaise para o peto da “marreta do canteiro”. Parabéns aos dous por tratar o tema, sobre todo, no bo facer dos vosos textos.

  9. ‘A marreta’: Coido que o formato escollido é interesante. Ao contrario do que ocorreu nalgún outro relato deste torneo que ensaiou o continente non literario para facer literatura, o autor desta historia si conseguiu darlle coherencia ao fondo coa forma. Non renxe nin a naturalidade do diálogo nin a pescuda literaria. O personaxe central ten tanta forza coma se nacese nunha narración máis “convencional”. Pero si noto que o autor se freou. O punctum deste diálogo paréceme pouco traballado, algo esquemático de máis. Estrañei que o autor modelase máis o personaxe para tirarlle moito máis partido. Non me inoportuna que se trate o tema da guerra porque penso que aínda ten moito que dar de si literariamente. Pero si coido que ao final o relato está baseado principalmente nunha anécdota tremendista e que o autor puido ter “cociñado” mellor o prato para que, sen necesariamente deixar de ser sinxelo, ser máis nutritivo.

    ‘O coleccionista’: Non me chistou como empeza. Demasiado costumista para o meu gusto. Logo remonta e a partir de que asistimos ao esperpento do museo do Patiño paréceme que o autor consolida un texto moi interesante. Que xoga ao seguro? Pois si. Pero nun relato de 500 palabras nin sempre compensa arriscar. E entendo que quedar ás portas da final doe. Eu sentino así no I Torneo de Duelistas. Un detalle, non sei se foi a mantenta o de unir Raimundo e Patiño, nome dun dos nosos grandes artistas.

    O meu voto vai para ‘O coleccionista’.

  10. O meu voto vai para «A marreta do canteiro», a pesar de que me sinto tentada a inclinarme polo pai de Amador. Resulta que o meu avó tamén era un artista da madeira. Abofé, ese moble está moi ben rematado e a súa beleza non lle fai perder a capacidade útil e de almacenaxe dentro da dificultade que supón na ebanistaría traballar a curva. Unha verdadeira obra de arte. Eu non levo o cheiro da serra ou da lixa tatuada na pituitaria (oxalá!), mais conservo a pegada da meticulosidade que non admite a superación do milímetro marcado como herdanza xenética nalgún lugar non moi oculto da memoria.

  11. Bo traballo, Marcos, agora a desfrutar da final!

    Xa apliquei as suxerencias de Guillermo no meu relato. Eliminei a escena intermedia (só con quitar iso de que estaba na cama xa valía!) e tamén á persoa que quita o mantel para buscar unha solucion distinta. Raimundo non sente ningun agarimo por Patiño, invitouno só para que vise a mesa. Que Patiño non a recoñeza é tan inverosimil como o que facía no pallote. Esa é a personaxe que quixen construir, non alguén “real”, senon alguén como Patiño.

    Por certo, que sexa a final non quere dicir que haia que presionar ós autores para que escriban os mellores relatos do torneo, nin sequera os seus mellores relatos personais. Da final vai sair o ganador do Torneo, aparte diso é un duelo coma calquera outro. Sei que costa abstraerse desta circunstancia, pero non se lle fai favor ningún ós autores se se comentan os seus relatos cargados de expectativas (por ser a final, por ser tal ou cual tema), prexuizos ou especulacións que caen fóra do ámbito literario, como o de se o autor estaba cansado, tiña frio, fame ou lle doía a barriga mentres escribía o relato. Tampouco me parece unha boa práctica comentar desde o punto de vista de quen creu adiviñar quen é o autor de cada relato. Isto non vai -ou non debería ir- de investigar quen escribiu cada texto e aplicalo logo nos comentarios, vai de comentar os relatos deixando especificamente de lado a identidade dos autores. Se non, os duelos non serían anónimos.

    Clara, ti dixeches que un dos autores se deixara ganar. Non comprendo a razón desta afirmación, pero supoño que te referías a min, pois sería estraño que lle deras o teu voto a un relato ó que previamente lle auguraches unha derrota tan absoluta que a calificaches como “premeditada”. Bueno, pois eu non me deixei ganar, perdín en buena lid. Xa nos dirá Marcos a quen tentou imitar. Eu, sempre a Songoku.

    • Ai, Loisiño..! Fasme sentir tan anciá…! Vexo que escribiches ti un comentario e xa noto como van minguando as miñas enerxías. Esgótasme. O teu enrevesado xeito de que todo o que se diga sexa interpretado por ti como unha actitude de malicia chúchame a pouca vitalidade que lle corresponde xa ao meu ánimo cansado. En serio. E precisamente por esta calidade de vella que carreto comigo, non teño tempo que perder na vida. Entendes? Podes entendelo/respectalo?
      Véxome na obriga de estar respondendo isto polo que dis, que se só lese eu, pasaba do ataque e punto. Pero como vai ler máis xente, pois… Non quero facer ave Fénix co que xa se explicou nin que se malentenda o que ata agora non precisou explicación. E quero pór en destaque antes de comezar que falo desde a educación. Aclároo porque moitas veces por escrito as cousas non se entenden e non gostaría de que ninguén pense mal das miñas palabras.
      Lois, fixen un esforzo por ir en contra do que eu creo que é o xenialérrimo espírito deste certame e non dixen ren do teu texto e aínda así queres tirar de min cousas nas que salientar discrepancias? Tampouco esa actitude é consecuente co que dis de comentar os relatos sen ter en conta nada máis, non che parece? Iso penso que fixen eu en todos os duelos, o mellor que souben, pero si que me axudou moito saber (ou supoñer, posto que saber saber non sei nada nunca) quen había detrás: así podo axudar mellor coas miñas achegas, sabendo como responde ou como me vai entender mellor a persoa que hai detrás. Ou se esa persoa xa foi axudada por min en certos aspectos que non quixo mudar. Non vou insistir, se non quere. Paréceme un xeito de ofrecerlle máis axuda, sabelo eu. Porque o que pretendín sempre foi axudar, o máximo que o tempo e o cerebro me permitían. Nunca dixen nos meus comentarios que pensaba que o relato que votaba ou non votaba era de Manoliño. Só o usei para construír unha argumentación sobre o bo ou o malo que atopaba nos textos. Para iso o empreguei e para iso me serviu. Así tamén aprendín que a ti non che podo ofrecer axuda en nada. Por iso, alédame o que dis da axuda de Guillermo. Gárdaa como tesouro porque non todas as persoas terán a xenerosidade de pararse contigo a revisar os textos e a ofrecerche alternativas, suxestións, etc. Quero dicir, atopar o que Biosbardia nos ofrece aquí (outra visión, outros ollos e moitos comentarios) é algo que moitos queren e poucos teñen. Non sabes canto me aleda que puideses aproveitar e gozar desa experiencia. É un privilexio. ❤
      Non sei por que tes que supor que me refiro a ti nin por que tes que dicir que eu augurei nada. Eu defendín a miña postura en contra doutra que ao final nin sequera existía. Xa non é a primeira vez, Lois, que non entendes os meus comentarios. Como podes seguir dicindo que dixen tal ou cal? Todas as veces que aconteceu isto, eu asumín que foi porque non me sei expresar ben (obviamente non dixen en ningunha ocasión que a culpa fose túa). De novo, Lois, non entendiches o que quixen dicir (insisto: non me sei expresar e a culpa é miña). A cousa é que con me tiven que entender foi con Ariza, así que non vén a nada que removas. De todos os xeitos, non trates de adiviñar de cal dos catro falaba en cada punto. Iso pertence só ao meu gusto persoal e non axuda en nada a túa escrita (que é do que vai este certame). Eu falei de catro porque eran catro persoas e porque vía cousas diferentes nesas catro en contra do non-traballo que entendía no comentario de Ariza. Punto. De feito, tiven un cruzamento (que ao final non foi tal) de ideas con César Ariza porque eu non entendera ben ao que se refería. Xa sabes que non me dá a cabeciña para máis. Pensei que el non atopaba traballo detrás dos textos e eu saltei dicindo que pensaba que, de feito, dous dos catro autores escribiran o seu mellor conto deste torneo. Por iso, eu dixen que non estaba de acordo e falei da traxectoria das catro persoas implicadas nos relatos e tamén lembrei que nesta semana había catro, non dezaseis. Para min algúns dos mellores xa están fóra do torneo. Eu podo escribir o meu mellor conto e que me dea mil voltas aínda calquera de Cortázar. Como é obvio. Iso quixen dicir. Por último, dixen que (de ser isto o que dicía Ariza) como moito, salvaría a unha persoa que pensaba que non dera todo o que puido ter dado nesta semana, que non vén a nada que diga quen é porque non vai nutrir o seu texto. Despois, para finalizar o comentario, expuxen que me parece imperdoábel deixarse derrotar, non que a persoa que á que me refería se deixase derrotar ou fose a ser derrotada. Penso desde a primeira semana que Marcos ía chegar á final, pero non son bruxa, sabes? Conto con errar na vida. E conto con aprender. Neste final do meu comentario, eu falaba do xeral de que iso ocorra, que me parece imperdoábel, non de que ti/Guillermo/Marcos/Couto nada. Ao final, foi todo un malentendido e César e eu acabamos entendéndonos entre nós sen sangue correndo polo río. Falando, como podes comprobar nos comentarios de aí arriba. Nós non tivemos ningún problema para entendernos ao final e eu agradecín moito saber que entndera mal. Non sei por que me fas volver sobre eses comentarios, como se fose eu unha máquina de repetición, cando penso que entre nós ficou claro que eu, co meu carácter aparvado, non entendera o que quixo dicir. Explicoumo amabelmente, entendino e foi enterrado o tema. Ímolo deixar, entón, enterrado.
      Por favor, tendo en conta que en máis ocasións non me entendiches (insisto outra vez que é a miña culpa), non digas Clara dixo tal. Probabelmente Clara non dixo tal e só Lois quere ler que Clara dixo tal. Dígoo só porque se cadra alguén que si entendese a Clara comeza a non entendela pola túa non-comprensión. Se cadra é mellor que preguntes que se quixo dicir, antes que afirmar o que se dixo collendo de aquí e de acolá. Sobre todo cando hai ocasións previas de non comprensión. Dígocho desde a educación, vale? Só para que flúa a comprensión e a boa intención dos debates/conversas.
      A semana que vén, intentarei falar dos relatos e, como non haberá relato teu, agardo que cos meus comentarios (libres de maldade e achegados á crítica dos textos, sempre coa pretensión de axudar, sen deixar pistas neles de a quen creo que me dirixo e por que me dirixo desa forma e non doutra) non se vexa incitada a túa manía persecutoria de comentar os comentarios dos comentarios dos comentarios dos comentarios que xa foron comentados e pechados. A ver se o conseguimos! 😉

      P.D.: sei que usei interrogantes neste comentario, pero só por falta de capacidade expresiva, non porque agarde respostas.

  12. Parabéns tamén, Lois, polo teu coleccionista, e grazas a todos polos comentarios.

    Lendo os dous… É inevitable facer cábalas sobre a persoa que hai detrás dos relatos (a curiosidade vai dentro do adn) e entendo que haxa a intención da facelo para que os comentarios sexan máis acaídos a cada quen, pero tamén ten o risco de deixarnos influír por unha imaxe trabucada cando, e esta é unha opinión persoal, nun torneo como este non hai marxe para valorar a evolución ou progresión (outra cousa sería un obradoiro literario), e cada duelo semella ser un compartimento estanco antes de que a organización quite, pasada a fase de votacións, o veo do anonimato que ten a súa razón de ser para procurar que sexamos o máis obxectivos posible (sempre hai elementos subxectivos, claro). Tamén é un xogo, onde a fortuna reparte as súas cartas e unha semana sae algo aceptable e a seguinte sacas suspenso.

    E a min como xogo que é e polo xeito que teño de divertirme escribindo (aínda que supoño haxa elementos polos que a miña escrita poida identificarse), adoito a escribir de todo con máis ou menos graza. Respondendo a túa pregunta Lois e por se os comentarios de Clara ían por aí: Poida que algunha vez imite a algún estilo en concreto pero desta vez ocupeime máis do formato (pode ser que demasiado). Non quixen facer un relato “Lois”. É moi difícil escribir tan ben como Lois. Si que manexei outra historia e pensei que esta da marreta tiña máis posibilidades, máis pola forma de entrevista (que pensei que aportaba un plus) que polo fondo. Tampouco teño a sensación de deixarme ir ou vencerme que boa tinta suei… Eu quería que Lois quedase no banquiño!! que xa o ano pasado xogou unha final e non vai repetir todos os anos…!! Pasa pa casa Lois!! 🙂

    Un último apuntamento sobre a marreta. Antes de escribilo lin testemuñas que hai na rede de participantes na guerra civil, entre elas a dun home que estaba nun pelotón de fusilamento. De aí saquei algunha frase, entre elas a de “os avións que anubraban o sol”. A oralidade tamén hai que aparentala e a esa expresión semella que non lle pasei ben o filtro 🙂

  13. Home, Lois, logo de ter convertido isto nun “pequeno obradoiro de plaxio” (anota aí, Botana), que lle preguntes ti a Marcos que a quen imitou… ía dicir que ten traca, pero ten máis de accidente pirotécnico en Tui.
    Dito isto, parabéns. A ti e aos outros tres semifinalistas. E aos dous finalistas en especial. Na miña porra particular metín 3 de 3 candidatos entre vós os catro! Se fósedes fumbolistas, aínda me metía a cazatalentos e adicaba a miña vida a vivir de vós. Mágoa que sexades escritores. En galego ademais. Unha ruína. Conformareime con seguirvos lendo.
    En fin, a ver con que nos deleitan Erica e Marcos, mais será, coma sempre, un pracer gozar dos seus relatos.
    Sorte!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s