Pablo Iglesias: “Os meus compradores son un pequeno grupo que non quere que lles tome o pelo”

Pablo Iglesias.

Javier Domínguez Oubiña-Adrián Feijoo Sánchez.

Iniciamos na libraría Tirana a nosa serie de entrevistas con responsables de negocios de libros en Compostela. Falamos con Pablo Iglesias (A Rúa, 1977), un amante dos clásicos e das conversas. Os compradores habituais xa sabemos que as conversas con el poden durar moito ao redor de autores e edicións esquecidas, lecturas e mais anécdotas. Na Tirana, situada no Pombal, espazo de resistencia diante da crise e da xentrificación. Unha libraría de vello na busca de lectores diferentes.

Quen é vostede?

Non sei, son un libreiro, pero é unha pregunta moi complicada, non? Rimos os tres: falar dun mesmo sempre é difícil. Non sei se definirse pola profesión é o axeitado, pero en todo caso son un libreiro de vello, compostelán de adopción e valdeorrés de nacemento.

Que lecturas o marcaron?

Eu fun, coma todo o mundo, un lector casual, que lía o que atopaba á man, na miña casa ou na biblioteca municipal. Logo, quizais na adolescencia, si que fun escollendo determinados autores. Podo dicir dous que me marcaron o Orlando, de Virginia Woolf (en galego publicado por Irmás Cartoné), probablemente a primeira novela adulta que me deixou pegada; e Marguerite Youcernar coas Memorias de Hadrián (publicado en galego por Positivas). E tamén os novelistas rusos, coma Tólstoi. Realmente non teño un libro de cabeceira, un fetiche que me acompañase toda a vida, pero esas lecturas quedaron.

Por que abrir unha libraría desta clase?

Pois motivos en realidade non hai ningún, porque non son negocios particularmente lucrativos. Eu coñecía este mundo como comprador. Gústanme as librarías, pero máis as de vello, as de libro usado; tamén certo tipo de literatura, xa que non teño unha querenza especial polas novidades. É unha cuestión de sensibilidades. E logo, claro, o momento económico invita a ser cauteloso cos negocios que un emprende, e vexo máis factible levar adiante un proxecto coma unha libraría deste tipo. Polo demais, é unha decisión por gusto e porque nun momento dado podía permitirme aventurarme nisto.

Cal é o prototipo de comprador que lle entra pola porta?

Hai de todo. Habituais, que dan unha volta por aquí de cando en vez, e que xa coñecen este tipo de negocios. Logo hai de tipo máis coleccionista, que busca rarezas, e igual busca unha edición concreta, máis polo obxecto que polo texto ás veces. Logo están lectores que buscan completar a súa biblioteca, que comezan neste mundo, vinculados ás veces ao mundo universitario. Evidentemente non é un negocio de maiorías, e a parte que pasa por unha librería de vello xa é a minoría da minoría, pero xa o aceptei, e traballo basicamente para un grupo de xente lectora, polo xeral bastante culta, e que entende que o libro ten aínda algún valor. De feito, unha das cousas que me preocupaban cando abrín a libraría era se habería un relevo xeracional nos compradores, porque en certas entrevistas había libreiros que dicían que non, que os tipos de lectura estaban a cambiar, e a xente nova estaba abandonando o libro. Eu podo constatar que non é así. Teño todo tipo de clientes, de todas as idades, traballos e procedencias. Que os une? Probablemente a cultura.

Que diferenzas hai entre unha libraría estándar e outra de segunda man? Talvez o interese do consumidor, máis aló do estritamente económico?

Si, á parte do rango de prezos, que son menores excepto nos libros raros. O fondo antigo e as primeiras edicións poden alcanzar prezos que non están ao alcance de calquera peto. Pero efectivamente hai unha diferenza fundamental; eu traballo cos libros en fondo, é dicir, mércoos e despois tento vendelos. Isto obrígame a ser moito máis selectivo no que expoño, porque non teño un plan B, non podo devolvelos, e non teño relación coas distribuidoras. Entón, o que entra na libraría tes que ter claro que pode ser unha venda potencial. Normalmente aquí véndense mal os libros que nas librarías estándar son os máis vendidos. Véndense mellor outro tipo, non me gusta falar de “alta literatura”, pero creo que se entende. Esa é a que mellor funciona. Hai quen dicía que as librarías de vello en realidade son bibliotecas en venda, e é certo; hai unha gran cantidade de libros. Son lugares onde os libros priman sobre calquera actividade e enfoque, e é raro que aquí se fagan presentacións ou coloquios. O que non hai son novidades, e non é unha crítica porque hainas moi interesantes e de autores plenamente consagrados, pero hai outras que –e aquí xa falo como lector– non me interesan particularmente, e xa veremos como envellecen. Ese tipo de libros é difícil atopalos nunha libraría de vello, e non só polo meu gusto persoal senón porque comercialmente non teñen sentido.

As librarías de segunda man corren o risco de converterse en “cemiterios de libros esquecidos” onde rematan os títulos que ninguén quere?

Máis ben o contrario. Pode terse ese enfoque, e hai quen considera que hai que vender un gran volume con prezos o máis baratos posible. Esa é unha posibilidade para unha libraría de vello, pero normalmente –sobre todo nos máis veteranos– o que facemos é unha criba. Os libros que merca a xente, polo xeral, non son os esquecidos, son os que anos despois de ser editados seguen vendéndose. Igual non son os máis populares pero teñen unha venda constante. Por que? Principalmente porque son moi bos. Entón, acumular papel nun negocio destes non ten sentido porque por moito espazo que teñas a actividade editorial é unha maré oceánica: pensade que só en España se publican uns 80.000 libros ao ano, e a maior parte deles xa nacen coma “títulos esquecidos” que nunca ninguén vai mostrar o menor interese en mercalos.

Cales son os principais desafíos aos que se enfronta un negocio coma o seu?

O tema económico, naturalmente. Son negocios que, a menos no meu caso, xa naceron con vocación minoritaria, e cuns clientes que máis ou menos responden, o negocio vai funcionando medianamente ben; pero este é un mundo cambiante, onde os alugueiros poden subir, e a presión turística pode expulsarte da zona onde estás traballando. Obxectivamente, a época non é boa para emprender, ademais de que hai moita xente que non ten unha situación económica o suficientemente folgada como para permitirse gastar en cultura porque diso podes prescindir, de comer non. Eu podo ser flexible, ter prezos baratos, mais hai unha serie de gastos fixos, e hai que contar con iso.

Parte do seu traballo consiste en visitar algunhas bibliotecas persoais. Que di a biblioteca dos seus donos?

Moito! Se a biblioteca a construíu unha soa persoa normalmente si que ves unha liña nos seus gustos, da época na que se fixo, incluso dos seus medios económicos. É realmente interesante. De feito, unha cousa que che vai dando o oficio é que dunha soa ollada ves a tónica xeral. Logo podes levar sorpresas, pero son poucas. Nunha primeira visualización, polo tipo de libros, autores e editoriais, xa sei máis ou menos o que se pode atopar. As bibliotecas son os nosos gustos ao descuberto, unha creación persoal. Polo xeral, a xente que me vende as bibliotecas non son as mesmas persoas que as fixeron. Ás veces si, porque algúns marchan do país ou precisan facer sitio, e ofrécencha, ou polo menos en parte. Hai bibliotecas que che dan grandes alegrías e outras nas que non paga a pena o desprazamento.

E de que libros se quere desfacer a xente de maneira habitual?

Cando os que me venden son os herdeiros das persoas que fixeron a biblioteca, normalmente queren desfacerse de todo, libros e calquera cousa que teñan. Nas ofertas dos propios donos das bibliotecas, os libros que poñen ao noso alcance non teñen moito interese comercial. Eu mesmo, se tivese que facer sitio dentro de casa, desfaríame de certas lecturas, quizais máis xuvenís, que non teñen demasiado interese. A clave deste negocio é ser selectivo.

Cales son as tendencias do mercado editorial?

Persoalmente, o que máis me interesa son esas pequenas editoriais que posúen un fondo literario, é dicir, que teñen un catálogo coherente no xénero que sexa, incluíndo aquí as traducións. Falo, por exemplo, de Impedimenta ou Funambulista; pequenos negocios onde prima a calidade sobre a cantidade ou onde se recuperan autores algo esquecidos. En Galicia temos a Positivas, Urco, Irmás Cartoné ou Rinoceronte, esta última fixo un gran labor de traducións directas de autores fineses ou húngaros, por exemplo. En todos estes casos serán libros que envellecerán ben porque neles hai calidade literaria. Pola contra, interésame menos os grandes e xeneralistas grupos editoriais, onde pode que a moda ou a presenza mediática do autor primen sobre a calidade da obra. No meu negocio, como non se rexe polas novidades ou polo marketing, non rematan de funcionar.

As macrotendencias son reproducidas polos clientes dunha libraría “normal”?

Son dous mundos diferentes: cando miro a lista dos libros máis vendidos, estes non poden coincidir en absoluto co que aquí albergo. É outra historia; na maioría dos casos non teño eses libros ou, se isto ocorre, non teño máis de dous ou tres exemplares. O que si podo ver é o tipo de libro que vou vendendo, e podo dicir que hai unha distancia enorme entre o que se di que venden as cadeas de librarías e o que venden as pequenas.

Os best-sellers aturan ben o paso do tempo?

Xa se verá. Un millón de mortos, de José María Gironella, foi un dos libros máis vendidos en España no século XX, e probablemente un dos primeiros best-sellers do Estado. Hoxe é invendible, aínda cun prezo reducido e edicións en perfecto estado. O tempo é inflexible; cando as entrevistas coa prensa ou a presenza nos suplementos dominicais rematan, o que queda é a obra. Estou pensando, por exemplo, na “Xeración Nocilla”, os cales obtiveron premios moi novos e entraron nese mundo, pero agora o contorno é hostil para eles. O importante é que a obra se sosteña, xa que incluso hai autores coñecidos por un só título, caso de Charles Baudelaire e As flores do mal. Nos autores recentes ás veces hai que intuílos, e con estas tamén se fan apostas. Por exemplo, Francisco Umbral é un autor que se está recuperando pero aínda así non todo o que escribiu é recuperado da mesma maneira. Dos actuais, os que poden envellecer ben son Vila-Matas ou Belén Gopegui, incluso Javier Marías, aínda que é bastante irregular e polémico, mais penso que hai literatura nas súas obras.

O que pode ser rendible para o negocio pode non ser tan bo para a calidade…

Para o meu tipo de libraría, non. Non sei como funciona a FNAC pero intúo que o que se segue é ó suplemento dominical ou o que diga El País. Aquí teño que afinar a compra, porque pasado un tempo quedas cun stock de libros invendibles e dende este negocio non hai un plan B. Hai que ser esixente por vocación e por necesidade. Os meus compradores son un pequeno grupo que non quere que lles tome o pelo.

Como ve o sector do libro en Galicia?

Aquí xa non coñezo. Lía que dende o punto de vista industrial baixaron o número de títulos publicados en galego, e que en castelán se recuperou un chisco; viñamos de publicar arredor duns 95.000 libros ao ano en España onde, por desgraza, a lectura non é un hábito. Sen coñecer os datos de lectura, a maioría deses libros nunca van encontrar lectores. Cando menos, en Galicia temos unha notable produción de poesía ao nivel de calquera literatura internacional. É un pequeno país no que se fan grandes cousas cos medios que temos. Pódese dicir que temos unha especie de industria cultural galega. Xa non sei valorar se está no seu mellor momento. Despois está a cuestión da autoedición, onde a xente debería posuír un pouco de auto esixencia á hora de publicar algo. Debe ser que a xente lle concede un status especial a publicar un libro, xa que dalgún xeito alimenta o seu ego. Tan só hai que ver os libros ofertados en Amazon. Con todo, é probable que dentro dese magma de autopublicación haxa algo bo, aínda que non podes comprobalo a causa desa intensidade de contidos. Pero tamén son necesarias, xa que, de feito, hai primeiras obras de autores que foron autoeditadas ou pagadas polas súas familias, e co tempo se tornan “valiosas”. Aquí xoga a outra persoa, o editor, que eu descoñezo e que non envexo a causa da criba que debe facer.

O descenso de publicacións en galego é un síntoma fronte ao descenso de galegofalantes?

Non o creo, é máis, penso que nunca houbo tantos lectores alfabetizados en galego como agora, aínda que as estatísticas da fala do idioma mostran o seu descenso. O que non estou tan seguro é que o mundo literario posúa unha influencia directa no número de falantes. Hai quen din que o galego corre o perigo de “latinizarse”, é dicir, que se continúen a producir magníficas obras en galego pero que a xente deixe de falalo a longo prazo.

Hai un mercado do libro en Compostela?

Si que o hai, se non nunha cidade pequena, de arredor de 100.000 habitantes, non podería manter un negocio deste tipo nun momento adverso economicamente. Un dos exemplos dese mercado son os estudantes, ese relevo xeracional que algunha xente dicía que estaba desaparecendo. Deste xeito, a Universidade axuda de forma indirecta; sempre se adquire certa sensibilidade polo libro e pola cultura. Pola contra, eu non vivo do turismo, aínda que hai unha ínfima porcentaxe que cando está de paso agarda ver este tipo de negocios nunha cidade con casco histórico, Universidade e cun pasado propio. E búscante.

Cal é a relación entre as Universidades e as librerías?

Como institución, pola miña parte, ningunha. Non vendo directamente, aínda que existiron algúns casos, pese a que esta é unha época na que o Servizo de Bibliotecas da USC reduciu notablemente a súa compra de libros. E, claro, para os manuais universitarios, por exemplo, pois deben acudir a unha libraría de novo. Aquí que se pode ter? Pois algunhas primeiras edicións como, por exemplo, de libros galegos dos anos 20 e 30, ademais uso ás veces o catálogo da USC para ver cantos teñen e comprobar a súa posible rareza. Se esas obras entraron no catálogo puido ser pola súa compra en librarías de vello ou por algunha doazón persoal.

Debería existir (se non existe xa) unha relación máis aló da estritamente comercial?

Penso que non. As librarías deben sosterse só cos lectores. As relacións coas institucións, se hai diñeiro de por medio, deberían ser as menos posibles xa que distorsionan o mercado e obrigan a entrar nun xogo que a min non me gusta.

Involúcranse a Xunta ou os concellos, neste caso o de Santiago, na promoción da lectura en todos os niveis de idade?

Claro que se fan cousas porque se supón que ler libros é unha cousa positiva, co cal concordo. Sempre é unha política que hai que levar a cabo, para ter unha poboación lectora o máis ampla posible. Por exemplo, na Rede de Bibliotecas da Xunta si que se realizan actos, caso de actividades para crianzas, sobre todo para que se acheguen á lectura dunha forma lúdica, e a ser posible coa familia. É o que din de Finlandia; que as familias van no final da semana ás bibliotecas. Por iso é importante que a biblioteca permaneza aberta sábados e domingos, aínda que me chama á atención que predominen os puntos de intercambio de libros en vez de solicitar a apertura da biblioteca pública, a Ánxel Casal.

No mesmo sentido existen iniciativas privadas, de contido popular e social, a partir da unión de libreiros locais?

O pequeno grupo de “Compostela Literaria” fai a súa propia achega cos poucos medios que posúe. Sen contar cos postos para a venda dos libros, hai unha serie de actividades lúdicas no mesmo día que se sacan á rúa, caso de combates de debuxantes, un pouco de música, etcétera.

Que iniciativas poderían axudar a consolidar o sector do libros en Compostela?

No tocante ao meu sector, prefiro funcionar ao meu xeito. Do que se queixa a xente do mundo editorial é de que as axudas para a tradución ou a edición minguaron nestes últimos anos. Poñen isto coma se fose algo malo, aínda que de feito o mundo cultural castelán está infinitamente máis subvencionado ca o galego. Porque todo o mundo económico está subvencionado, e o cultural tamén. A última polémica lida na prensa foi sobre a presenza da Xunta nas feiras internacionais do libro, aínda que só vai estar presente na de Bos Aires, e non en Frankfurt ou Guadalajara. Esa presenza é importante para normalizar o mundo cultural galego, que sexa viable ou que se poidan sacar produtos fora.

Dicimos isto último, porque de aquí a un tempo están pechando librerías “históricas” ou consolidadas como Vetusta, Encontros ou Universitas.

Son negocios distintos e pecharon por diferentes razóns. Pero morreron máis, caso da pequena librería-quiosco do Toural, Miranda, cultura para levar. A época non é propicia pero non o é para montar ningún negocio. Eu sabía onde me metía. Aínda así, no mesmo momento que abrín a librería tamén apareceron Numax ou Chan da Pólvora. Probablemente estea cambiando o paradigma. Hai que buscar algo que te personalice e non especializarse porque si, xa que é moi perigoso nunha cidade tan pequena. Incluso ás veces se crea unha especie de comunidade arredor do negocio, caso de Numax. Aínda, e con todo, non podes competir cunha libraría xeneralista pero si que hai negocios que conseguiron consolidarse, como Lila de Lilith en cultura feminista. O meu é completamente outsider, xa que non hai comunidade nin nada polo estilo.

Isto pode indicar que coas crises e con certos cambios de paradigmas tamén cambian os hábitos lectores?

Creo que si. Como hipótese persoal creo que os lectores que queden, polo menos en papel, cada día serán exixentes no que len, xa que se se quere outro tipo de entretemento podes conseguilo a través de grandes series, películas… Pero se che gusta a literatura, cos anos, tende un a ser máis esixente. Non mercas calquera cousa.

Así pois, onde se encontra a futura venda dos libros: nas tendas, na internet, nunha combinación de ambas?

Non o teño claro, pero se realmente o futuro está na internet non ten sentido a apertura ou mantemento dunha libraría. O que debe existir, sempre, é unha localización física. A cuestión non é conxugar ambas formas de venda senón cal é o primordial; a loxística e o envío de paquetes mediante a internet ou a atención ao público? A min, esta segunda opción non só me garante “a comida” senón que me enriquece debido a que un nunca sabe de todo. Ademais, ese feedback cos clientes dáme moita información e vaime permeando. A xente, do que lle gusta, sabe moito, e por ende máis ca min. Son cuestións que a raíz de ter unha libraría aberta me fan mellor profesional. E isto coa internet pérdese. En último termo, os que saen prexudicados son os clientes. A internet é unha opción e non se pode obviar. Os prezos agora no meu negocio se estandarizaron a nivel mundial, aínda que non todo vale en todas as linguas. Nos portais da internet non; en xeral os prezos son un chisco máis caros que nas librarías de vello, xa que hai uns custos que ao final paga o cliente. Quero pensar que a libraría física seguirá funcionando, ou polo menos en determinados sitios cunha certa masa crítica ao redor. O problema é como merco os libros, porque en Compostela teño pillado boas pezas. Por exemplo; se vou a unha aldea a Lugo a recoller os libros teño que estar moi seguro para que os beneficios tamén me cubran a loxística. Se realmente se orienta cara á venda en liña, pois loxicamente deixarei de pagar un local céntrico e ireime ás aforas e con máis metros. O que máis me preocupa é o futuro do papel, aínda que realmente o que está caendo en valor é o libro dixital a pesar de que hai catro ou cinco anos a fin do papel parecía inminente. Eu aposto polo papel, loxicamente. Ademais, os trebellos que nos venden para os libros electrónicos son, desde a súa base, obsoletos. Xa veremos se os que utilizamos agora serán usados dentro de quince anos, tanto polo tipo de arquivo, polo obxecto, etcétera. Algo farán para volver obrigarnos a comprar todo de novo. Ademais, non se le nin se retén o mesmo; incluso a súa capacidade duns cantos miles de libros é inútil porque ninguén vai ler esa cantidade de libros. É máis, o nivel de atención que che pode dar unha pantalla está no tamaño de artigos, de entre 12 e 15 páxinas. Dicía Umberto Eco que tiña libros de trescentos anos que se podían seguir lendo, e é certo. Poñamos o exemplo contrario, segundo fala Juan Villoro, escritor e periodista mexicano; “pensemos que vimos todos do libro dixital. De repente aparece unha cousa que non precisa batería, que non tes que descargalo nin estar conectado a ningún lugar e que nos vai sobrevivir”. Marabilloso!

 

Advertisements

Un comentario en “Pablo Iglesias: “Os meus compradores son un pequeno grupo que non quere que lles tome o pelo”

  1. Gustoume a entrevista. Pareceume ben feita. Só botei en falta algún exemplo máis. Os detalles concretos sempre fan a lectura máis amena.
    Grazas. E a miña felicitación os autores.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s