Lista dos máis vendidos: bailar coa vasoira

Podio de libros.

César Lorenzo Gil.

Todas as semanas se repite a mesma cerimonia. Un escritor agradece nas redes sociais aparecer na lista de libros máis vendidos do Faro de Vigo. “Oh, grazas aos lectores. Outra semana máis… Isto non sería posible sen vós 🙂 :)”. Ducias de parabéns e gústames. Un baile de alegría ao redor dun escaso par de módulos nun xornal que seis días por semana ignora a literatura (cultura, en xeral) galega.

A realidade é que celebrar aparecer na lista de máis vendidos do Faro é algo así como bailar cunha vasoira. Vale para practicar os pasos, facer que se está a celebrar algo nunha festa pero ao final, o máis glamouroso que vas levar contigo é o po das sedas do cepillo da vasoira.

Esta lista de máis vendidos da que falamos non engana a ninguén. Engánanse os que a sobredimensionan e a converten en referencia de algo. Nos créditos da listaxe, o Faro advirte: “Para elaborar a lista consúltase con La Casa del Libro de Vigo e Miranda, libraría de Bueu. É dicir, ese top five componse semana tras semana coas cifras (non teño por que dubidar delas) de dous dos ao redor de cen establecementos libreiros de Galicia. Un deles, xestionado por Fernando Miranda, ten unha asentada traxectoria de apoio e prescrición de literatura galega. Miranda está situada nunha vila próxima á cidade de Pontevedra e a Cangas e a meirande parte da súa clientela é de Bueu, xa que a oferta de libros en ambas localidades próximas é abonda para cubrir a demanda. No caso da Casa do Libro de Vigo, só hai que pasar por alí calquera día para intuír o volume de vendas de libro galego que pode ter. Unha mesiña de novidades, perdida na inmensidade de novidades en castelán, ben organizadas por temas, non por idioma. A literatura galega na Casa do Libro é unha anécdota. Estou seguro de que o Faro non recorre a esta libraría para coñecer que se vende en galego senón porque en efecto debe ser das máis vendedoras en castelán. Hai que recordar que malia que eses escritores galegos afeccionados a bailar con vasoiras case sempre fotografan a listaxe de máis vendidos en galego, a listaxe tamén contabiliza os libros casteláns que se venden; separa ademais a lista entre ficción e non ficción, cousa que non ocorre coa lista en galego. Xa se sabe, o libro galego é en si mesmo un xénero literario.

En realidade, a listaxe de máis vendidos do Faro funciona como un simulacro de contacto entre o mundo editorial e creativo cun mercado que en realidade non existe: o do mercado de libro galego en libraría. As cifras reais de libros publicados na nosa lingua que se venden na libraría a través da única vontade do comprador-lector son escasas. Como son vello, vou lembrar os tempos idos. Na década do 2000 durante un tempo estiven ao cargo da lista de libros máis vendidos que publicaba A Nosa Terra cada semana nas páxinas do Guieiro Cultural. Naquela altura consultabamos con sete librarías situadas nas sete cidades. Eran as máis delas librarías especializadas ou no seu defecto moi sensibles ao libro galego, locais de referencia para quen quería xa non só mercar novidades senón adquirir fondo editorial (daquela aínda había diso nalgunhas librarías). Recordo as chamadas aos libreiros. Sempre estaban ocupados, fungaban cando lles dicía que chamaba pola lista. En moitas ocasións dicíanme: “Pon os mesmos da semana pasada. Esta semana só vendín os que recomendan nos institutos”. Había outra que para iso era máis sincera: mandaba por fax a lista na que só figuraban lecturas recomendadas. Houbo un trimestre que na cidade na que estaba situada a libraría triunfou Castelao. O libro máis vendido era, segundo a semana, Cousas ou Os dous de sempre. Entre unha cousa e outra, dado que queriamos publicar unha lista de novidades máis vendidas, faciamos máis cociña ca o CIS de José Félix Tezanos e en moitas ocasións cuantitativamente o número de exemplares vendidos, no total das sete librarías, non superaba a ducia.

Hoxe traballo nunha libraría. Nunha semana laborable, de luns a venres, hai veces que no mellor dos casos, se venden nela tres libros escritos en galego fóra dese circuíto escolar do que falabamos antes. A cifra, a nivel porcentual, non é menor que na maioría dos establecementos libreiros galegos. Dúas libreiras amigas recoñecen habitualmente que o libro en galego (en total, contando o infantil e xuvenil) non supera o 8% da facturación total das súas empresas.

Con estas cifras, falarmos de lista de libros máis vendidos é absurdo, unha cerimonia de autobombo nunha aldea Potemkin. O único que quixo facer esta lista con seriedade, Ramón Nicolás, acabou por darse por vencido. Recolleu a luva unha páxina web que coido xa non existe mais non puido co traballo ímprobo de consulta e organización dos datos que enviaban as diferentes librarías.

A Federación de Libreiros podería acometer o proxecto de sincronizar as bases de datos e tirar algunha conclusión pero para ben ser non podería publicar datos semanais relevantes e talvez, ao publicar cifras reais de vendas, crease algún intre de pavor entre escritores e lectores (entre os editores non, que saben canto mandan imprimir aínda que sigan os máis deles absorbidos polo mito da reedición). Ademais, faltaría o factor determinante da venda de novidades en Galicia: a influencia do ensino nese mercado. E, loxicamente, a influencia dos departamentos comerciais das diferentes editoriais entre os prescritores de lecturas obrigatorias ou recomendadas.

Mais nunha literatura que soña, maioritariamente, co El Dorado de conseguir un best seller, o mito da listaxe de libros máis vendidos funciona como un aliciente cada semana nas páxinas do Faro. Os aspirantes téñeno fácil. Vaian comprar onda Miranda dez exemplares da súa obra, mellor cun bo bigote postizo estilo Pablo Escobar, para non levantar sospeitas. A viaxe a Bueu paga a pena e Fernando Miranda, o libreiro, ha quedar ben contente.

 

 

Advertisements

8 comentarios en “Lista dos máis vendidos: bailar coa vasoira

  1. Dixo o ínclito editor, libreiro, xornalista, crítico literario, xestor cultural, publicista, instagrammer e lingüista (e humorista involuntario) mentres se contemplaba con ollos amorosos no espello e agarraba con forza a súa vasoira.

  2. Tampouco é cousa de que se mate tan pronto, Cequelinhos, que aínda ten moito que aprenderlle a todos os incompetentes que non son a súa persoa. Sobre todo en canto a coherencia, ética e modestia, niso é vostede todo un mestre.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s