‘Lémbrome’, cóctel da memoria

Xurxo Chapela.

Eva Moreda.

Xa falei aquí da certa fortuna que tivo entre nós nos últimos anos o xénero da creative non-fiction memorialística: memoria entendida non como autobiografía totalizadora senón como reconstrución parcial (centrada nunha época concreta, ou en determinado tipo de vivencias) da vida de un mesmo, empregando para iso algunhas técnicas tradicionalmente máis propias da ficción.  Lémbrome, de Xurxo Chapela (Positivas, 2016), cae dentro desta categoría: é unha mágoa que, non tendo pasado tampouco desapercibido, non se falase máis del, porque, aínda presentándose como un libro sinxelo e con pouca complicación, realmente ten unha ambición e un traballo literario detrás superiores ao que adoitamos atopar entre nós neste xénero.

Lémbrome vén sendo unha compilación de cincocentos fragmentos (algúns brevísimos) en primeira persoa nos que o autor vai lembrando diversas experiencias da súa infancia e mocidade entre principios da década do 1970 e principios dos noventa. Esta estrutura, aparentemente moi sinxela, é a primeira cousa interesante: poderiamos, por exemplo, ter o libro na mesa de noite e ir lendo algúns fragmentos soltos de cada vez, e non importaría que fósemos avanzando ou retrocedendo ao chou porque o libro non está organizado cronoloxicamente: non se nos está a contar unha historia de exposición-nó-desenlace. Porén, esta lectura, que é perfectamente factible e posible, furtaríanos un aspecto crucial de Lémbrome que só se acada lendo do tirón (por máis que isto poida chegar a causar certa saturación ás veces: con cincocentos fragmentos, é normal que non todos estean igualmente inspirados): este aspecto ten que ver, non co que se conta, senón co que nos está a dicir Chapela sobre a construción da memoria individual e colectiva e sobre o carácter social e político da nostalxia nunha sociedade capitalista que só entende o tempo como avance cara á modernidade.

Chapela ábrenos a porta a pensar sobre todo iso non abafándonos con citas de teóricos do tema (o que empeza a ser unha epidemia preocupante nas nosas letras: como se as novelas se escribisen para ilustrar teorías e non ao contrario), senón grazas á súa habilidade para mesturar e hibridar dentro dun formato aparentemente ríxido: o fragmento breve que comeza sempre pola palabra “Lémbrome” e que emprega unha linguaxe non exactamente coloquial pero privada tanto de florituras líricas como de tics da linguaxe administrativa. Non hai unha xerarquía aparente, pero si hai intelixencia –non sei se intuitiva ou traballada– no combinar. Chapela combina, por exemplo, fragmentos que falan do persoal e familiar con outros referidos á política nacional, estatal ou internacional que sitúan a escena, pero tamén suxiren que os xeitos en que nos interesamos por ou somos influídos polo que sucede en torno a nós non sempre son lineais; non sempre se pode falar de causa-efecto.

Outra combinación atractiva, e crucial para que o libro funcione, é a que nos leva da cultura folclórica (ditos e cantos populares, cultura da morte, xogos tradicionais, algún cameo de oficios tradicionais) á cultura popular (tabernas, festas gastronómicas), e desta á cultura de masas (televisión, algo de música popular, sobre todo cine e fútbol). Con grande intelixencia, Chapela non fai grandes xestos por lembrarnos en todo o momento que está a facer un retrato xeracional, pero, se nalgún aspecto do libro hai retrato xeracional, sería xustamente neste. Non se trata (ou non só) de que o lector teña o seu momento sentimental ou nostálxico lembrando Raíces ou as novelas de Marcial Lafuente Estefanía ou o ambiente das tabernas tradicionais: trátase tamén de que dentro nos quede algo de desasosego, se cadra non necesariamente nostálxico, cando vemos como unhas formas de cultura van sendo substituídas por outras e como iso nos vai transformando. Unha decisión literaria moi intelixente neste sentido é a de incluír varios fragmentos nos que se narran escenas escabrosas ou sorprendentes que entendo veñen de series de televisión ou películas de serie B: haberá, por suposto, quen teña máis cultura audiovisual ca min e sexa quen de situar estas referencias todas, pero coido que o non situalas non estraga a lectura do libro; vén, polo contrario, incidir en que a memoria e a educación sentimentais son maleables e presta un ton surrealista e fantástico moi atractivo ao conxunto, por inesperado.

Resultoume interesante tamén o tratamento do sexo. Non hai aquí unha abundancia –como adoita haber na nosa literatura ambientada nesta época e máis atrás– de relixiosos ou familiares represores e reprimidos, aínda que tampouco se intúe un clima de plena liberdade e experimentación, o cal non resultaría realista. O que atopamos é, novamente, unha combinación: de escenas se cadra máis esperables de iniciación sentimental e sexual (cines, garaxes, soares detrás do instituto, etc.) mesturadas con outras máis escatolóxicas e nada sentimentais (esa de ter que introducir unha moeda entre o prepucio e o glande como proba iniciática deixoume tocada) e con evocacións –desprovistas de nostalxia, pero tamén de condena– da única educación sexual que moitos rapaces tiñan na altura (destape, revistas pornográficas e sabedoría popular e díxome-díxomes que hoxe dan un pouco a risa). A concepción aquí de Chapela é netamente masculina, e é normal: ben, unha vez máis, por non intentar vendernos este libro a toda costa como retrato xeracional e deixar en troques que o lector ou a lectora escollan a lectura que quere facer; o conto do retrato xeracional é que non só retrata a un grupo determinado por idade, senón tamén, sen dicilo explicitamente, determinado por outros factores, como o xénero, a raza ou o status socioeconómico.

Advertisements

Un comentario en “‘Lémbrome’, cóctel da memoria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s