A epopea de vender libros en Portugal

Anuncio da presentación de dous libros que afondan na relación entre Galicia e Portugal.

César Lorenzo Gil.

Hai anos Xerais publicou Contra a morte das linguas. O caso do galego, de Miguel Moreira Barbeito, un ensaio sobre ecoloxía lingüística moi interesante que desafortunadamente pasou sen pena nin gloria no seu momento. Entre moitísimas cousas de valor, lembro como Moreira valorizaba o reintegracionismo polas súas achegas varias mais advertíao de que era un erro tomar unha posición mercantilista para gañar razón. A idea de que a norma reintegracionista valería para ampliar o mercado da cultura galega, viña dicir o lingüista, amais de falaz ía en contra dos principios de diversidade idiomática.

Unha parte do reintegracionismo utiliza como un mantra o tópico: “O galego escrito na súa norma internacional gaña de repente un mercado de centos de millóns de persoas en catro continentes”. Isto é falso, polo menos desde o punto de vista editorial.

Primeiro porque non existe ese conxunto de centos de millóns de lectores. Existen varios mercados (portugués, brasileiro, angolano…) que loxicamente teñen unha relación privilexiada entre si pero que á fin e ao cabo son estancos. Os libros brasileiros non se len en Portugal por medios comúns. A lexislación portuguesa prohibe a venda de obras publicadas no Brasil por unha razón puramente demográfica. Se Portugal abrise as fronteiras editoriais aos libros fabricados no Brasil, en cuestión de meses desaparecería toda a súa industria do libro, fagocitada por un país de 200 millóns de habitantes. Alén diso, a pesar de que se aprobou xa hai anos unha reforma ortográfica para evitar as diferenzas entre o portugués e o brasileiro, na práctica os lectores seguen a diferenciar ambas variantes do tronco común. Nalgún caso, como o do xornal Público,pola vía da insubmisión ao acordo. Na meirande parte deles, pola evidencia de que a construción gramatical é moi distinta a ambos lados do Atlántico e se fai moi complicado utilizar os textos para o ensino coas marcas de nacenza do outro país. Isto motiva que haxa moitos libros brasileiros que se traduzan en Portugal e que sexa aínda marxinal unha corrente que pide respecto para os orixinais, aínda que en campos como a literatura, sempre que se trate de autores brasileiros, as súas palabras chegan a Lisboa coa súa prosodia xenuína, iso si, sempre baixo selos made in Portugal. De aí que pasen cousas ben curiosas. A novela Eles eram muito cavalos, de Luiz Ruffato, publicouse no Brasil no 2001. Gañou varios premios e foi considerado polo xornal O Globo un dos dez mellores libros de ficción da década do 2000. O seu autor viaxa decotío a Europa (estivo en Galicia tamén; ten antergos galegos) e participa activamente nos moitos encontros literarios que se suceden todos os anos en Portugal. A pesar diso, Eles eram muito cavalos non se puido ler en Portugal até xaneiro do 2018, cando Tinta-da-China publicou a novela. Esta obra estivo dispoñible antes en francés, italiano ou español (español da Arxentina. En España está inédito).

Segundo porque a diferenza do brasileiro, o galego, incluso escrito coa ortografia portuguesa, non consta como lingua cultural válida para o lector de Portugal. Contábame hai pouco un amigo meu libreiro portugués o desafío que era para el venderlles na feira do libro do Porto os títulos de Através (publicados coas normas reintegracionistas) aos portugueses. “Os portugueses len aqueles nom e esfregan nos ollos aterrados”, dicía. Para un portugués, o galego escrito en reintegrado non é unha variante do portugués, é un portugués escrito por alguén alfabetizado de xeito deficiente. Incluso aqueles autores que son editados na norma de Lisboa, explicábame este libreiro, seguen a parecer foráneos porque utilizan xiros nas frases ou nos diálogos que soan estraños en Portugal. Iso tamén pasa cos brasileiros, interrompino. Si, mais o portugués está afeito a escoitar o sotaque brasileiro. Estas cousas do galego, para o portugués medio, convénceno de que o libro está escrito en portuñol. Vaia, o mesmo que se o portugués intentase ler un libro escrito no galego da norma oficial.

Non en van, hai autores galegos que en efecto fan unha inmersión lingüística no portugués e é aí onde se encontran co paradoxo de seren vistos polos lectores galegos como escritores portugueses. Para poder incorporarse (no plano cultural, non no plano económico) integramente en Portugal, o galego escrito ten que renunciar a calquera das súas condicións de lingua viva e debe intentar confundirse co portugués, xa non tan só desde o punto de vista lingüístico senón tamén no propiamente xeográfico. Descoñecida a cultura galega, o lector portugués vai preferir coñecer a Manuel Rivas ou Rosalía de Castro ben en portugués ben en castelán, lingua que si entra na súa lóxica como a propia da expresión dos galegos. É famosa a anécdota da familia do Algarve que chega a Pontevedra e lle pregunta a un paisano pola forma de chegar a unha rúa. O pontevedrés, xentil, utiliza o galego. Na familia ninguén entende. É nese momento cando o avó se adianta e lles di aos outros: “Deixem-me a mim que eu estou entendendo tudo o espanhol que está a falar este homem. Que eu fui contrabandista en Huelva”.

En conclusión: o mellor xeito de vender cultura galega en Portugal é considerando ese mercado como próximo xeograficamente pero independente no resto dos factores. Eis a vía de Kalandraka, que fabrica e deseña en Galicia libros que vende en Portugal. Outras editoras galegas poderían intentar vías semellantes de penetración de títulos galegos traducidos. Através opta por outra estratexia; até ten títulos en importantes librarías portuguesas pero sempre xoga coa desvantaxe de que alguén ache, inxustamente, que editan con grallas e faltas de ortografía.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s