Correa Calderón e o surrealismo

Xesús González Gómez.

Evaristo Correa Calderón.

Agosto 29-30-31.– Cando no seu día (1982) a Editorial Taurus publicou, na colección Persiles, serie «El escritor y la crítica», o volume El surrealismo, en edición de Victor G. de la Concha, sei que lle botei unha ollada nas librarías e, en vista do seu contido, decidín non compralo. Hai uns días encontrei o libro, canda outro da mesma serie, o dedicado a Antonio Machado, e mais as primeiras edicións (Editorial Emecé) dos poemarios La rosa profunda e La moneda de hierro, de Jorge Luis Borges, aparecidos o 24 de agosto de 1975 e agosto de 1976, respectivamente, e cunha tiraxe de «diez mil ejemplares de los cuales, el primero, numerado 1 a mano y formado por el autor, lleva los originales de Horacio Butler que sirvieron para ilustrar las guardas y la o segunda lámina frente a la portada», o primeiro e de 12.000 exemplares o segundo, nun punto verde do Concello de Barcelona. Como pode imaxinar o lector, levei os catro libros para casa.

Así, pois, 36 anos despois da súa aparición introdúzome na lectura deste volume dedicado ao surrealismo. Ao denominado surrealismo español, para ser máis claros. Un surrealismo que, na súa maior parte, até 1975 (deixando fóra a Facción de Tenerife), é un invento desa cousa denominada industria universitaria. Un surrealismo ao que hai xa anos Octavio Paz, nun traballo titulado «El fin de las habladurías» (In/mediaciones, Barcelona, Seix & Barral, 1979, P. 153-1629, que é unha recensión do libro de Stefan Baciu Antología de la poesía surrealista latinoamericana, publicada en 1974 pola editorial mexicana Joaquín Mortiz;) un surrealismo, como diciamos, ao que Octavio Paz puxo no seu sitio, é dicir, na súa «inexistencia»: non hai máis que botarlle unha ollada –lelos sería facerlles un favor que non merecen–, por exemplo, a Los poetas surrealistas españoles, de Vittorio Bodini,  e Los surrealistas españoles, de Paul Illie (entre outros) ou ás antoloxías Poesía surrealista en España, de Pablo Corbalán, Antologia de la poesía surrealista en lengua española, de Ángel Pariente (aínda que nesta si aparece máis dun só poeta surrealista, que é a cantidade exacta de poetas surrealistas escolmados Corbalán), ou mesmo Poesía española de Vanguardia (1918-1936), de Francisco Javier Díez Revenga, que das 331 páxinas de escolma dedica 100 aos que el denomina poetas surrealistas: nin un só deles é surrealista, aínda que non se poida negar a pegada de certa retórica surrealista nuns ou outros. Digamos que os libros de Illie e Bodini falan de poetas, mesmo de surrealismo, pero non se inclúe neles ningún poeta surrealista. Isto, mais ou menos, sen citar nin un nome nin un título, é o que viña dicir Octavio Paz, con máis razón cun conclave de santos e santas.

Iniciei a lectura deste volume dedicado ao surrealismo no avión, destino a Compostela. Fóra do traballo de Octavio Paz –talvez o único serio do volume– e, en menor medida, os de Agustín Sánchez Vidal dedicado a Buñuel e o de D. Pérez Minik dedicado á conquista surrealista de Tenerife (lembremos que naquel lugar das Illas Canarias apareceu o único grupo surrealista español antes de 1936), e en moita menor medida o de Joaquim Molas dedicado a Salvador Dalí; e cabe mencionar a seriedade de C. B. Morris; todos os demais traballos (deixando de lado a súa calidade intrínseca), polo que respecta ao surrealismo, poderiámolos definir coa mesma palabra con que Enrique Líster adxectivaba os escritos de Augusto Assía na prensa franquista: «parrapuchadas». Todo ese conxunto de traballos, que tratan de Rafael Alberti, Lorca, Cernuda Aleixandre, Hinojosa, etc., e mesmo sobre o teatro surrealista español, traballo mediante o cal acabamos por saber que Claudio de la Torre, Azorín, o toureiro Ignacio Sánchez Mejías, Valentín Andrés Álvarez, por non falarmos de García Lorca ou Alberti e algún máis, foron, nun momento ou outro, dramaturgos «surrealistas». En fin, toda esta serie de traballos poderían ser considerados surrealistas en si se a intención do/as autore/as fose querer contribuír á confusión xeral, mais, infelizmente, non é así, xa que todos estes traballos só serven ou interesan para engordar esa industria cultural universitaria que se mencionaba ao inicio e que hai anos describiu perfectamente Edward W. Said en «Adversarios, públicos, partidarios y comunidad», traballo incluído en Reflexiones sobre el exilio. Ensayos literarios y culturales, Barcelona, Debate, 2005. Poderíamos falar moito, e mal, deste libro. Digamos, simplemente, que é un deses exemplares de compra obrigada para todo aquel coleccionista de sandeces literarias. A historia do surrealismo español hai que buscala noutros sitios, lonxe das academias e, infelizmente, as universidades, polo que recomendamos os libros de Miguel Pérez Corrales que o lector pode atopar doadamente.

Se este libro, esta recompilación de traballos podemos adxectivalo de «sandez», hai libros que poden parecer tal, é dicir, sandeces, e, en realidade, non son máis que humoradas. Humoradas non intencionadas, pero humoradas. Se fosen intencionadas, serían outra cousa e os seus autores, ou as súas autoras, contarían co noso aplauso e beneplácito. Un libro, unha biografía, un estudo literario, etc., poden converterse facilmente en «humoradas». Cando acontece isto? Normalmente cando o seu autor ou autora é secuestrado polo tema ou polo personaxe motivo do seu traballo. Tamén acontece cando o autor ou autora quere ser orixinal custe o que custar, cando en realidade non tiña necesidade desa orixinalidade (sic). O que non quere dicir que non se digan ou descubran cousas importantes nesa biografía, nese estudo, etc., senón que ao padecer o síndrome de Estocolmo o autor acaba por «saírse de madre»: déase por boa a expresión.

Despois de dar conta do libro sobre o surrealismo español do que acabamos de falar, e xa unha vez en Compostela, entreille, é dicir, metinlle o dente, á biografía de Evaristo Correa Calderón, publicada pola Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo no 2003 e escrita por Xulio Pardo de Neyra. Pardo de Neyra sofre, a pesar de todo, neste libro –dos outros escritos del sobre Correa Calderón non podo falar, xa que non os coñezo– a síndrome de Estocolmo. Escribo a pesar de todo porque non esconde nin o falanxismo, nin o españolismo nin o dereitismo de Correa desde 1934, máis ou menos, até a data mesma do seu pasamento. E, tamén, xa e hora de dicir que todos eses intelectuais falanxistas ou para-falanxistas, carlistas, católicos, etc., pero francamente franquistas foron cómplices voluntarios das mortes e asasinatos que ser perpetraron, non digo xa durante a guerra civil –que tamén–, senón dos que se realizaron desde abril de 1939 a setembro de 1975. Mais deixemos a política (?), de momento.

Non vou facer unha recensión global do libro, senón, simplemente, sinalar dous ou tres parágrafos polos que o volume se converte, ao meu parecer, nunha humorada. Vexamos dous exemplos:

«Todos os elementos máis rompedores das literaturas peninsulares e europeas teñen cabida nos “Poemas sinxelos”: o post-modernismo de carácter rubeniano, a bohemia de corte madrileño, o imaxinismo anglosaxón, o ramonismo, o juanramonismo, o superrealismo, o dadaísmo, o criacionismo huidobriano ou o ultraísmo cansiniano, todo, por suposto, cribado pola peneira dos aires galegos máis tradicionais» (a cousa ten mérito, estar influído polo «superrealismo» cando este non se dera a coñecer). Un pouco de seriedade. Os «Poemas sinxelos», cando menos os publicados en A Nosa Terra, son poemas post-rubenianos, e máis nada. A poesía de Correa Calderón oscila entre o balbordo e a sordina modernista, ambos a destempo e fóra de ton; na súa poesía hai palabras, pero non unha voz: unha sopa de letras. Unha forte pegada do modernismo español e hispanoamericano, e talvez algo menos. A súa calidade deixa moito que desexar. Por outra banda, habería de comprobarse se unha poesía, uns poemas, que «conteñen» toda esa serie de influencias ou pegadas, ou que menten algo de todo iso en si mesmos, non serían, máis ben, uns monstros, no mal sentido da palabra, literarios e/ou poéticos. Pardo de Neyra afirma que estes poemas «supoñen a introducción da lingua galega nos vieiros da vangarda europea do momento, significando para o vangardismo galego a súa nivelación co dadaísmo francés, o ultraísmo español e o expresionismo alemán […]». Si, e despois, como din os cataláns, «flors i violes»: polo amor de Deus, se este existe, o máis malo poeta do expresionismo alemán ou do dadaísmo francés (?), comparado coas composicións de Correa Calderón é, como mínimo, un Baudelaire, e non de «trazer por casa». Correa Calderón, como escritor de ficción (sic), en galego e castelán, é o que é: unha mediocridade que roza o menos cero: as síndromes de Estocolmo son enfermizas cando se escribe dun autor ou autora de calidade, máis perigosos aínda cando o autores non son nada ou case nada. Non hai que enganarse, Correa Calderón, e tantos outros, mesmo algún ao que lle dedicaron o día das letras galegas, é daqueles autores dos que unha literatura, mesmo «reducida» como a galega, pode prescindir doadamente: non é ninguén.

Por outra banda, semella mentira que un home como Pardo de Neyra, caia en tan bastos erros: o denominado «vangardismo galego», se é que existiu, foi o que foi, e comezar a introducir nomes nel para dar a impresión de que foi o non vai máis, é unha mostra do que antes se denominaba provincianismo. Correa Calderón non foi, evidentemente vangardista, que non fora semellante ou parecido aos escritores que o precederon inmediatamente no tempo –ou a aqueles que compartían páxina con el en A nosa Terra ou outros medios–, non quere dicir absolutamente nada, polo que respecta ao que se denomina vangarda un pouco, ou demasiado, confusamente. Ou si quere dicir algo, que escribían de diferente maneira, o que, en principio, tampouco quere dicir que un fora mellor que os outros. Facer a historia da literatura con criterios de vangarda/non vangarda, non é cousa moi «científica», mais pode dar resultados divertidos, aínda que nada teñan a ver coa historia da literatura. En fin, co vangardismo galego acontece –salvando as distancias– o mesmo que co denominado «surrealismo español»: inventos máis ou menos académicos para uso de tesiñas de licenciatura e teses doutorais… e para distraer a estudantes indolentes, abúlicos e despistados.

Tamén, pensamos, se deslizan algúns erros factuais que non son, en principio, culpa de Pardo de Neyra, senón de lendas que de tanto correr de boca en boca acabaron por terse como verdades incontrovertíbeis. Por exemplo, cando escribe que durante o curso académico 1927-1928 «marcha ao distrito universitario de Toulouse […] alí funda con André Cayatte a revista vangardista Transit. Involúcrase co grupo surrealista e coñece de preto a xestación do Segundo manifesto do surrealismo». Antes escribira Pardo de Neyra: «[…] en Toulouse coñece a Marcel Bataillon […] quen o introduce nos círculos vangardistas do Café du Dôme do Montparnasse parisino, onde estableceu amizade con André Breton e Louis Aragon, o que lle permitiu coñecer directamente a xestación do Segundo Manifesto Surrealista (sic)». Vaiamos por partes.

A revista tolosana Transit apareceu por vez primeira en febreiro de 1928. O seu último número, o 3, en maio dese mesmo ano. Nos números da revista danse como directores a  André Cayatte e Marcel Sauvage –quen co-dirixe desde París. Os secretarios de redacción son Marcel Haradou e Suzanne Néraud, e a secretaria artística Jane Ayméric e logo André Fament. O xerente, Victor Blanc. Correa Calderón colabora nos números 1 e 3. No primeiro con «Femme du pain» (p. 20-28) [«Conte de Galice / C’est ainsi qu’on appelle en Galice les femmes de mauvaise vie»]. O seu tradutor é A. Deltour. No número 2 aparece o seguinte anuncio: «À partir du troisième cahier, Transit publiera une rose des vents de la poésie espagnole d’aujourd’hui par D. E. Correa Calderón». E no número aparece da autoría de Correa esa «Rose des vents de la poésie espagnole d’aujourd’hui» (p. 287-298), e a noticia de que a partir dese número o escritor galego será o correspondente para España da revista. Corresponsalía que nunca puido exercer, xa que, como se dixo, o terceiro foi o derradeiro número de Transit. Correa Calderón colaborou nesa revista tolosana, mais foi o seu fundador? De onde se tirou ese dato? Talvez o fixo correr o propio Correa, xa que segundo Méndez Ferrín, De Pondal a Novoneira (nota 9, p. 62), aquel dirixiu a revista con André Cayatte. En fin, seguramente o «dato» deuno o propio Correa ao seu regreso da cidade francesa.

Polo que respecta a que coñeceu no Café du Dôme a Aragon e Breton e asistiu á xestación do Segundo manifesto surrealista, isto xa entra dentro do apartado de ciencia ficción. Eu non dubido que Bataillon (fondamente antifascista, tesoureiro en Alxer da asociación anarquista Francisco Ferrer que promovía actos e cuestacións a favor da República española durante a guerra civil) coñecera a Correa, e que o mesmo o levase ao Café du Dôme, mais é difícil que nese café se topase, a non ser por pura casualidade, con Aragon ou Breton: naqueles anos os cafés en que se reunían os surrealistas eran o Cyrano e en menor medida o Certà: a partir de 1929 o Café Radio era o seu lugar de reunión. O Café du Dôme era famoso porque alá se reunían os escritores americanos que vivían en París e todo escritor americano que ía á capital francesa visitaba obrigatoriamente tal café.

Teño na miña biblioteca diversas (e algunha exhaustiva) biografías de Bretón e de Aragon: o nome de Correa Calderón, evidentemente, non aparece por parte ningunha en ningunha delas. Por outra banda, Correa estivo en Toulouse durante o curso 1927-1928, logo volveu á súa casa: o Segundo manifesto do surrealismo comezou a se redactar a inicios do outono de 1929 (vexase a Notice que entrega José Pierre no volume primeiro das obras de Breton, Colección La Pléiade, Gallimard, 1988, p.1583-1590), aínda que a idea puido tela o seu autor, debido a diversos acontecementos que longo sería comentar, en abril-maio dese mesmo ano. Correa Calderón non ligou amizade nin con Breton nin con Aragon, e non asistiu á xestación de ningún manifesto surrealista. O máis achegado que estivo a estes dous surrealistas, sería nas páxinas de Gaceta literaria e de Amauta, a revista dirixida por José Carlos Mariátegui, na que o galego publicou dúas colaboracións, no número 22, abril de 1929: «Palabras a Don Miguel de Unamuno» (un poema en castelán abondo deficiente, p. 32) e «Notas sobre la nueva novela francesa» (p. 66-69) (https://digital.iai.spk-berlin.de/viewer/image/818714220/71/LOG_0022/#LOG_0022). O escritor galego era presentado desta maneira: «Correa Calderón es un poeta de la España Nueva, la de Picasso, la de Cajal, la de Torres Quevedo. Él es de Galicia, vestido de la honradez del espíritu celta. De las inquietudes modernas, ama el destino del hombre, la presencia de la felicidad en el hombre. Es con Valle-Inclán la voz más pura que llega a Galicia en viaje a América.

»La vanguardia del Perú, anota esta vez su nombre entre sus grandes amigos de Europa, X. A.»

As iniciais corresponden ao poeta peruano Xavier Abril. Pouco sospeitaba este que sete anos despois estarían en distintas barricadas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s