‘Abadessa, oí dizer’, unha irregular antoloxía erótica

Dous amantes. ROWENA WACK/FLICKR.

Eva Moreda.

Dei en pensar, despois de ler Plug & Play e logo estoutra colectánea de relatos eróticos esta vez de autoría feminina (Abadessa, oí dizer, Através Editora, 2017) que hai un discurso un tanto curioso no noso sistema ao redor da narrativa erótica. Desde a publicación dos dous volumes de Contos eróticos en Xerais aló polos comezos da década do 1990, cada certo tempo publícanse antoloxías como a que nos ocupa, convócanse certames (o máis coñecido, o Narrativas Quentes de Edicións Positivas; algún outro intento houbo no eido do relato curto) e vénse a dicir, máis ou menos abertamente, que isto se fai para normalizar o tema erótico na narrativa galega. O curioso que dicía antes é que estas veñen maiormente dos editores: non dá a impresión que os escribidores teñan a gabeta chea de relatos e novelas eróticos e demanden oportunidades de publicación, senón que os editores propoñen (antoloxías, certames) e os escribidores e escribidoras escriben en resposta, aínda que non lean habitualmente este tipo de literatura. Isto dígoo porque con frecuencia se nota un escribir o que un pensa que debe ser a literatura erótica, copiando modelos e referencias non de todo dixeridos, en lugar, se cadra, de intentar encadrar o elemento erótico no estilo ou nos temas que un adoptaría de natural. Esta sensación case nunca nos abandona de todo durante a lectura de Abadessa, oí dizer. Por sorte, as referencias e modelos adoptados polas dez autoras son variados, o que fai máis amena a lectura e suxire certa pericia editorial no encargar ou orientar os relatos (por certo, as editoras ou editores non sei quen son: non aparecen nomeados por ningures). Tamén son variados, porén, o éxito e a habilidade cos que se adaptan estes modelos.

Empezo polo modelo que máis abunda no libro e que ao mesmo tempo menos exitoso me pareceu, en xeral: falo aquí dunha especie de erotismo ancestral, de Nai Terra, que na práctica se exemplifica en relatos de ton lírico, con poucas referencias temporais ou xeográficas para que quede todo ben universal, e con ansia de transcendencia ou de metáfora, aínda que non se saiba moi ben de que nin se achegue nada novo. Isto é o que atopamos en nada menos que catro dos dez relatos do libro: os de Carmen Blanco, Raquel Miragaia, Isabel Rei Samartim e Rexina Vega. O de Blanco, “Filme infinito” (tan breve que na lapela aparece mencionado como prólogo e non como relato en si) mal escrito non está, pero repite os tópicos arriba mencionados ata tal punto que unha dá en preguntarse se estamos ante unha parodia (entendo que non). “Sem título”, de Miragaia, e “ErótiKa”, de Rei Samartim, non acadan, infelizmente, o rigor ou a inventiva lingüística que se precisaría para achegar unha ollada orixinal a estes tópicos. “Loba de lava, uivarás á lúa”, de Vega, é o mellor resolto dos catro grazas a un certo ton de realismo sucio en lugar de lirismo desaforado.

Temos logo dous relatos que tiran pola evocación demorada do sensual (entendendo por isto o que percibimos a través dos sentidos): é este o caso de “A língua na cozinha”, de Emma Pedreira, que vén dar unha volta máis ao tema de sexo e gastronomía e evidencia a solvencia narrativa que é habitual na autora, e “_ _ _ _ _ _ _ _ _ (a preencher pel@ experimentador/a dos sentidos)”, de Eva Xanim. Xanim teima tanto por pasar tanto esta sensualidade pola peneira da metaliteratura e o cientifismo que o relato dá a impresión de exercicio literario ao que lle falta pousa e reflexión para ordenar e presentar ben os achados xerados durante a fase de experimentación.

“Em carne viva”, de Teresa Moure, está argallado sobre dous piares que, en combinación, ofrecen posibilidades do máis interesantes: unha premisa un pouco de película porno (señora de bo ver que vai facer unha revisión médica) mesturada con outra máis surrealista ou fabulista (un peixe que pon as ovas no pé da señora). É unha mágoa que isto quede estragado polo ton do relato, que vén sendo o de certa ficción middlebrow que se centra moito no realismo da vida cotiá e o fai con abondas pretensións (contar os círculos do papel da parede facendo ver que esta actividade ten unha alta carga de profundidade, etc.). Premisa de película porno (sexo nun velorio) atopámola tamén en “Pequena morte”, de Susana Sanches Arins: ben resolto en xeral, e un uso moi interesante ao comezo dunha especie de corrente de consciencia lite (cos diálogos integrados, sen guións, na narración principal) que despois, por algunha razón, non ten continuidade. “Barbarella ou do erótico”, de Verónica Martínez, é, se cadra, o único relato que non nos remite de entrada a un subxénero erótico ou pornográfico determinado. Mesmo pode causar unha certa desazón que un relato que ten como tema o abuso sexual a menores fose incluído nunha antoloxía destas características. Máis aínda: a descrición das escenas de abuso en cuestión non está exenta de sensualidade (minimalista), o que causa un efecto estético (e ético) inusual e interesante en quen le. O final feliz suxire un certo apresuramento en deixar todos os cabos ben atados, pero, desde logo, seguramente sexa aquí Martínez a autora que máis arrisca.

“A visita do cometa”, de María Lado, vén sendo unha especie de chicklit actualizada sobre unha parella de follaamigos á que Lado lle dá un toque noso ambientándoa moi habilmente nos círculos da Filoloxía Galega-ILG, con cameos de ilustres filólogos incluídos. Maior transcendencia non sei se terá, nin tampouco sei se se comprenderá facilmente fóra dun círculo de iniciados, pero non creo que importe: desde logo, é un relato que se colle e le con gana. Tamén, en contraste con boa parte dos outros relatos da antoloxía, nótase que Lado quixo pasalo ben escribilo en lugar de transmitirnos unha ou outra mensaxe; con iso o pasamos ben tamén nós, que será do que se trate.

♦ Abadessa, oí dizer, Varios, Através, 2017. 120 páxinas. ♠10€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s