As ánimas na véspera de Defuntos

Ó fin –di a xente– morrer hai que morrer.

Vicente Risco

 

Nati Rey.

Coa chegada do cristianismo a Europa de cultura céltica -de bo ou mal grado- as elites acabaron por aceptar e asimilar unha gran parte do calendario sagrado precristián, caso da celebración do Samaín, que se celebraba a noite do 31 de outubro. Esta data foi cristianizada no século IX polo papa Gregorio IV que bautizou o 1 de novembro como o Día de Todos os Santos e posteriormente o 2 de novembro como o Día de Defuntos. Nestas datas a tradición europea pagá cría que as portas do Alén se abren e os vivos reciben as visitas das ánimas.

A visita das ánimas

A comida dos mortos. NATI REY.

Un significado de ánimas é o das almas dos defuntos despois de traspasaren as fronteiras do Alén. Este Alén (o que nos ocorre despois da morte), segundo o cristianismo, componse do ceo, inferno, purgatorio e limbo. As ánimas volven para pedir axuda por elas ou para axudar os seres queridos. Tamén veñen de novo para repararen danos cometidos na vida ou enmendar inxustizas.

Segundo a ortodoxia cristiá, só as ánimas do purgatorio poden cruzar dun mundo ao outro cun motivo xustificado, inda que a miúdo transgreden esa imposición e todas poden volver. Poden vir de forma grupal como a Compaña ou de forma individual, e estas poden aparecérselle a calquera, xeralmente coa intención de que intercedan pola súa alma. No imaxinario popular galego crese que un lugar polo que entran é a cheminea da casa; onde está a lareira, na véspera de Todos os Santos. Cando “baila” o lume sen motivo aparente é sinal de que chegaron, e para que soubesen que eran ben recibidas, os habitantes da casa botábanlles anacos de pan ao lume. Nestas datas non se podía varrer a cociña de noite porque podería interpretarse como que os vivos queren botar os espíritus do outro mundo fóra e tal feito acarrexaría mala sorte para a casa.

Son moitas as formas das que nos poden visitar as ánimas inda que a maioría das veces sexan invisibéis ou intanxíbeis, por exemplo:

–Con forma de formiga, abella ou avelaíña. As avelaíñas brancas son ánimas inofensivas que saen do Purgatorio e pedir oracións e as negras veñen a pedir misas e traen malos agoiros.

–Con voces, ruídos e luces.

–Coa figura humana que tiñan en vida.

–Mulleres enloitadas que aparecen nas encrucilladas.

–Nos chamados corpos abertos.

Dúas supostas testemuñas descríbenas así:”Era no cemiterio cando a sentín. Era de noite e quixen prenderlle a candea que tiña apagada miña tía, e non fun capaz! En cada momento que a acendía apagábase e, de súpeto, sentín unhas carpas con moita dor que viñan de arriba e souben que era unha ánima. Marchei correndo. Dixen e asegúroche que non volvo ir soa ao camposanto nesa noite. Dende ese día sei que hai algo”. “Sabes que son ánimas cando as ves por detrás porque vese que son mortos; inda que por diante parecen que están vivos”.

O apetito das ánimas

 O campesiño galego nega que a morte sexa a fin. Cre que vivirá eternamente no Alén e cre nun tránsito ininterrompido, sen rupturas, entre esta vida e a outra.

Xosé Ramón Mariño Ferro

 

Na Galicia tradicional, o relato explica que os defuntos viven dalgún xeito e teñen a capacidade de desprazarse do Alén a este mundo para compartir alimentos cos seus, sentando á mesa ou recibindo ofrendas. É tradición na Noite de Defuntos poñer un cacho de pan na mesa por cada defunto da familia e non recoller a mesa esa noite xa que os alimentos dos vivos sérvenlles de proveito para os mortos dun xeito espiritual.

No Val do Xestoso (Monfero) coñeceuse, a través das notas dun crego do século pasado, a tradición que seguía un conxunto de veciños de celebrar unha comida cada Día das Ánimas.

As ánimas senten frío e por iso arrímanse ao lume da lareira para quentarse, este é un dos lugares máis acolledores para pór unha candea por cada ánima dun familiar falecido para que alcancen o ceo. E tamén é un lugar propicio para pór as ofrendas, a “comida de mortos”: figos pasos, castañas, noces, viño e mel (productos de outono). O mel tamén ten unha connotación simbólica, xa que as abellas pasaban por ser a encarnación das ánimas que viñan da lúa e por tanto matar unha abella acarrexa 100 anos de mala sorte. Tamén se cocen as castañas co fiúncho para as ánimas do purgatorio e con elas fanse colares de castañas (zonchos) para protexerse das ánimas que veñen con escuras intencións e logo cómense os doces típicos destas datas, caso das chulas de cabaza.

Nenas no cemiterio de Santo Amaro, A Coruña 1959/LA VOZ DE GALICIA.

Outra ofrenda atávica é o refrigerium, de orixe pagá e que xa non se realiza na actualidade. Consistía e deposistar sobre as tumbas de parentes e amigos falecidos alimentos como ofrendas que posteriormente mandaba o crego recoller despois de pregar ante cada tumba a prol da alma dos finados. Frecuentemente eran bebidas, mel, viño, auga e incluso podían verter sangue de sacrificios no caso de achegamento pagán. Tamén se denomina refrigerium a comida conmemorativa que tomaban sobre as tumbas dos defuntos. Por exemplo, na Idade Media un mareante pontevedrés, Pedro de San Antón, ordenoulle no seu testamento ao seu herdeiro que no cabodano do seu enterro dese de comer a pobres sobre a súa tumba, coa finalidade de que Deus perdoase os seus pecados.

Ata mediar o século XX tamén se mantivo a tradición de cocer no Día de Defuntos o “Pan das ánimas”, un bolo de pan que se levaba ao adro da igrexa para lle dar de comer á xente pobre ao saír da misa.

As tradicións e prácticas do “Mes dos Mortos” (novembro é coñecido popularmente como Santos) buscan que a sociedade asuma o momento do falecemento dos seres queridos, reconfortándose con saber que regresarán para estar connosco nesta data máxica e liminal onde se xunta o mundo dos mortos co dos vivos e podemos volver convivir con quen amamos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s