‘Xan do Arrabaldo’, feble narrativa histórica

Rafael Fontoira Surís.

Eva Moreda.

Xan do Arrabaldo (Laiovento, 2018), a primeira obra de ficción que publica Rafael Fontoira Surís, sofre de case todos os vezos da síndrome da coidada documentación, ata o punto de que hai pasaxes e capítulos enteiros que semellan estar aí unicamente para demostrar e ilustrar o coñecemento profundo que sen dúbida ten o autor sobre a Galicia tardomedieval e en particular sobre o mundo da navegación. Vexamos un exemplo que se nos presenta xa na segunda páxina, coa escusa de retratar ao protagonista, o preadolescente Xan do Arrabaldo, recitando unha lección nunha escola da Moureira de Abaixo, en Pontevedra:

—A máis cativa é a branca de cobre

Dúas brancas fan un marabedí de vellón

Trinta e catro marabedís fan un real de prata

Dezasete marabedís valen medio real

Hai moedas de dous, catro e oito reais de prata

Dezaseis reais de prata fan un ducado ou excelente de ouro

Hai ducados de a dous, de a catro, de a dez e de a vinte

Continúase a usar o medio dobrón de ouro, que ten un valor de trescentos setenta e cinco marabedís ou once reais e un marabedí.

E nun capítulo posterior no que vemos a Xan en Londres, convertido xa en grumete na nave Cedofeita comandada polo seu tío:

—Tío, chámanme a atención os vestidos das mulleres, son distintos dos que se levan no noso reino de Castela…

—Si, aquí as mulleres levan un corpiño ata a metade das pernas de longo, atado con cintas polo peito. Os escotes son amplos, e bordados ou con encaixes traídos de Flandres.

—Mira, tío, ao outro lado da ponte tamén hai casas.

—Si, está a nacer outro barrio. Chámase Southwark. Londres está a medrar moito, en competencia co porto de Anveres.

Pouco máis adiante, o autor pon os protagonistas a camiñar por Fleet Street só para dicir que a rúa fora recentemente aberta. É esta, certo, unha novela que case seguro precisa da documentación, dunha pincelada de cor para funcionar como un artefacto, se non de alta literatura, si de boa literatura comercial e de entretemento: está na liña das novelas da Idade Media (ben que cunha ambientación máis tardía do que vén sendo habitual) que tanto proliferan ultimamente nas nosas letras, tamén das novelas de tema naval de Hixinio Puentes ou máis recentemente Alberte Blanco. O problema é que esta novela, todas estas novelas, precisan tamén dunha voz narrativa, se non potente, polo menos sólida e dunha xerarquización do relato: como dicían os simpáticos de La fiera literaria, unha novela non é poñerse a contar cousas.

Aquí cousas cóntanse abondas: non hai unha trama de intriga, como si hai en moitas novelas de tema naval (un inimigo que vencer, un tesouro que atopar, un misterio que desvelar), e isto non é, por suposto, un problema, pero, en non habéndoa, hai que procurar captar a atención do lector por outros medios. Algo hai, así e todo, no personaxe de Xan que esperta empatía, debilidade ou polo menos interese en quen le: unha certa inocencia se cadra, mesmo un certo esquematismo, un certo misterio. Opcións para explotalo habería moitas: picaresca, ou Bildungsroman, ou un relato moi esquemático e case fabulista como pode ser A xente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero (onde tamén pasan abondo cousas e abondo apresuradamente). Pero Fontoira Surís non se decide por ningunha: os diversos episodios que vive Xan a bordo da durante a súa adolescencia e primeira mocidade están tratados con demasiado pouco detalle e fondura psicolóxica, con pouco struggle, como para facer Bildungsroman con xeito (así, por exemplo, o episodio en que Xan se reencontra cunha antiga amante na Bretaña aparece desaproveitado: faise todo tan ás présas que é limitado o impacto emocional que pode ter no lector), pero ao mesmo tempo o detalle é excesivo se se quere facer un relato fabulista. A acumulación de episodios sen que o protagonista madure ou evolúa substancialmente (salvo no capítulo final), por outra parte, remite á picaresca, pero para iso faría falta outro tratamento da linguaxe, unha relación menos inxenua co material: os diálogos son demasiado prolixos e faltos de axilidade, e o carácter distintivo que puidese ter o estilo fíase todo ao léxico, especialmente o de tema naval.

Porén, ademais da personaxe de Xan, na súa inxenuidade, hai outro aspecto da novela que merece destacarse, que puidese talvez ser a base dun relato máis xerarquizado, con máis punch: a súa relación, por toda Europa adiante, con diversos personaxes do mundo xudeu. Non é isto algo frecuente nas nosas letras, nin é tampouco frecuente o tratamento que se lle dá: agradécese, certamente, que Fontoira Surís trate o tema, se non con fondura, si con bastante contención no que se refire a sacar conclusións moralizantes precipitadas.

♦ Xan do Arrabaldo, de Rafael Fontoira Surís, Laiovento, 2018. 172 páxinas. ♠16€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s