Consellos relativamente vellos para escritores relativamente novos

Tecleando. SASHA LYNN/FLICKR.

Manuel Veiga Taboada.

Se es home ou muller, mecánico ou profesor de grego, e un día che entran ganas de escribir algo creativo, o primeiro consello é que non o fagas. Probabelmente non terías nin idea de que dicir despois das seis primeiras liñas. Se pasadas varias semanas segues tendo a mesma idea, tampouco debes, de ningún modo, poñerte a escribir. Céntrate nalgunha das outras moitas cousas interesantes que poderías facer.

Se despois dun ano, durante o cal, a pesar de todo, non puideches deixar de imaxinar o teu relato ou a túa novela e incluso sentes unha morea de ideas e personaxes dando chimpos na túa cabeza, reflexiona e pensa nas horas que perderías para que o resultado non fose máis que un taco de follas que a ti mesmo che xera dúbidas e pensa tamén no que terás que insistirlle aos teus familiares e amigos para que o lean.

Se a pesar de todo isto, e cando xa pasaron un par de anos, talvez tres, a idea non se che foi da cabeza, incluso comezaches a ler máis que nunca e incluso mercaches libros de escritores que reflexionaron sobre os motivos que os levaron a escribir, de modo que a túa familia se queixa xa do teu gasto inútil en libros, nese caso, e só nese caso, busca un ordenador, abre un arquivo e comeza.

Acabas de converterte nun escravo, pero pensa que diso só ti tes a culpa. Se aguantaches todo este tempo, pode querer dicir que talvez sexas un escritor de verdade.

Non o esquezas nunca, un escritor non é máis que un criado fiel dos textos que escribe, só eles lle importan. O que quere ser escritor simplemente porque ten unha imaxe romántica dos escritores ou porque ansía fama social ou porque pensa que con iso ligará máis ou porque cre que ten unha mensaxe importante que lanzarlle á sociedade, está completamente equivocado.

Repite ante ti mesmo: un escritor non é un personaxe, un escritor non é ninguén, os escritores nin sequera existen. Só existen as historias, os libros e os lectores. Ti podes ser un lector e alguén que un día escribe algo, nada máis.

Pero o caso é que xa estamos aquí e ti es un dos que non puideron evitalo, a pesar de todo, e sentaches xa diante do ordenador, coa pantalla mostrándoche o seu branco inmaculado. Pois entón, agora debes pensar en algo concreto, algo que coñezas moi ben, aínda que, despois da primeira liña non se che ocorra nada que dicir. Iso non importa, xa irá saíndo. Segundo paso. Aparta de ti as teorías, calquera tipo de teoría, pensa só na materia, nos obxectos, nos acenos. Utiliza nomes propios, pero nada de enumeracións e nada de citar películas nin discos que lembras e que asocias coa situación sobre a que confías en poder escribir. Só estás ti. Esquece incluso os que escribiron sobre algo parecido.

Agora ten en conta isto: a palabra imprecisa confunde, a innecesaria aburre, a pretensiosa desacredita. Busca a palabra exacta. Non debe importarche que esa palabra sexa moi común. Ao contrario.

Xa dixemos que debías apartar da túa cabeza as teorías. Nada tampouco de reflexións profundas. Nada de xeneralizacións, iso é filosofía. Se aínda así queres arriscarte e cres que non podes evitar un sentenza, procura ser orixinal, ignora as ideas mainstream, o que escoitas nas tertulias, o que falas cos amigos, o que che contaron e, sobre todo, non sexas cursi.

Se tendo en conta todo isto ves que non che queda nada e que non sabes de que escribir, pensa que aínda estás a tempo de abandonar. Borras o arquivo que pon Documento 1, colles algo frío da neveira e poste a ver unha serie de televisión. Serás máis feliz.

Entremos xa nalgúns matices, dado que se supón que xa hai varias ringleiras de formigas negras sobre a pantalla e as filas van avanzando, sen que ti mesmo saibas moi ben como. Talvez incluso te preguntas de onde saen as palabras que estás escribindo. Ese é un bo sinal. Non é aínda garantía de nada, pero é un bo sinal.

Non fagas ningún caso do que din que opina a xente. Escóitaa ti mesmo, pero non intentes reproducilo. Interésache o ton, a música da rúa, non a cita literal.

Se algo se parece ao diálogo dunha serie, bórrao. A maior parte dos diálogos das series son absurdos e aburridos. Se queres aprender algo sobre os diálogos –en realidade iso será para ti imprescindíbel–, le boas obras de teatro, desde O’Neill a Mamet.

Que nunca apareza nun texto teu ningunha destas palabras: amor, paz, solidariedade, liberdade… Rara vez significan algo. Só un escritor veterano e moi ben dotado, un dos grandes, será capaz de introducir unha desas palabras nun libro sen que ao lelo o seu sentido resulte falso ou, peor aínda, baleiro.

Isto é así simplemente porque o amor non existe, só existen amores concretos e o mesmo sucede coas demais palabras. Pénsao un momento e verás que é verdade. Deste modo estarás aprendendo o que é máis importante de todo para escribir. As cousas e as persoas non son o que nos dixeron que eran. Que son entón? Iso é o que terás que descubrir. Diso trata precisamente a escritura, de encontrar un ángulo de visión propio. Probabelmente non o consigas, porque é moi difícil, pero non dirás que non estabas avisado.

Esa mirada persoal é o que chamamos “poética” dun texto e que non se encontra só, nin moito menos, na poesía, senón en toda obra de arte. Non hai obra de arte sen a súa “poética” específica. Se a obra está ben feita pero non a ten, non evoca nada, non nos achega nada máis alá da súa función, non será arte, senón manufactura e debemos situala no ámbito da industria ou da artesanía. O que non quere dicir, claro, que non existan obxectos relacionados coa industria ou obras moi comerciais que si posúen poética e que, polo tanto, son arte.

Estás en marcha, afonda, concéntrate nos detalles, anota os que máis te obsesionan, aínda que en principio creas que non significan nada. Talvez adquiran un sentido cando acabes, un sentido que ti mesmo nos tiñas previsto, que nin sequera imaxinabas. Iso é o marabilloso da creación. A creación é algo novo incluso para o creador.

Agora imos entrar xa na parte decisiva. Aínda que nunca antes escribises nada, e máis aínda nese caso, tes que sentirte moi seguro de ti mesmo, aínda que no momento en que te levantes da cadeira volvas ser o que eras antes, un individuo vulgar.

As formigas avanzan. Non divagues, tes que sentir que as palabras pesan, que están aí por algo, aínda que non saibas dicir exactamente por que.

Non intentes agradar os lectores nin cando buscas temas nin cando pensas na forma de tratalos. Xa escribiron moitos antes con ese mesmo obxectivo. Ti non podes ser un máis, tes que ser diferente.

É o teu primeiro libro. Se non vas dicir algo interesante e directo sobre unha vida particular (podes empezar pola túa, que probabelmente é a que mellor coñezas), non escribas. Sempre existe a posibilidade de abandonar, non o esquezas. Non pretendas pasar ao papel esa boa historia que che contaron. Hai no mundo miles de guionistas que xa espremeron antes, ao máximo, ese mesmo tema, podes estar seguro.

Está claro o que estás pensando: así é imposíbel. De seguir estas regras ninguén escribiría. En efecto, acabas de chegar á conclusión acertada. Ninguén debería escribir. Xa está todo escrito, o que pasa é que somos seres humanos, nacemos cunha ansia que nos move, a que fai que nos ergamos cada mañá, e para algúns, uns poucos, ese desexo concretase na escritura. É algo inevitábel desde o punto de vista do individuo, aínda que por suposto o mundo seguiría igual sen a nosa contribución.

A pesar disto, debes lembrar que se non te sentes seguro, incluso moi seguro, cando escribes, non conseguirás nada. É unha contradición, claro. Pera pensa nesa frase tan bonita: pesimismo da razón, optimismo da vontade. A vida réxese por iso.

Pero, onde queda a importancia de redactar ben, de entreter, de rescatar un tema esquecido? A resposta é esta: nin a boa sintaxe, nin a diversión, nin o descubrimento de grandes temas ten que ver co que caracteriza a literatura, co que a diferenza de todo o demais. Se esas tres cousas son para ti o máis importante dedícate ao xornalismo. A literatura non nos presenta máis obxectos, persoas ou acontecementos para que os poidamos ver, o que nos proporciona a literatura é un terceiro ollo, un novo punto de vista.

Non intentar agradar non quere dicir que debas poñerlle trabas innecesarias ao lector. Cando unha frase non se entende só pode ser debido a dúas razóns: a que o autor non tiña a idea clara ou a que é un autor pretensioso. A boa literatura non é a que se escribe difícil pero di cousas fáciles, senón a que se le fácil pero presenta ideas difíciles.

E para acabar: Observa e fíxate sobre todo no que os demais pasan por alto. Le moito e imita os mellores, despois deixa pasar o tempo até esquecelos. Esquece tamén o que ti mesmo escribiches e volve lelo un ano despois. O tempo permitirá que te distancies e que poidas xulgarte a ti mesmo.

E agora que xa non es un aspirante a escritor, senón o servidor máis fiel da túa propia obra, ten en conta algo: non debes renderte nunca.

Advertisements

6 comentarios en “Consellos relativamente vellos para escritores relativamente novos

  1. “Nin a boa sintaxe, nin a diversión, nin o descubrimento de grandes temas ten que ver co que caracteriza a literatura.”

    Home, pois se o 70-80% da narrativa mainstream que se premia e se promociona en galego usase unha boa sintaxe, e non a sintaxe artificial, plúmbea, pouco creativa e pouco galega que vén usando actualmente, eu creo que xa sería un bo comezo. De todas formas, co resto da frase moi de acordo e co resto do artigo en xeral tamén. Consegue dicir cousas interesantes dun proceso do que pouco se fala, atrapados como estamos entre consellos pedestres estilo “Escribe tu propia novela” e pronunciamentos místicos estilo “A literatura é que non se pode definir con palabras”: como pasar (ou intentar pasar) das puras escollas lingüísticas a ese “algo máis” que é a literatura.

    • Unha boa sintaxe pode ser plumbea, artificial e pouco creativa. Esa é de feito a que se aprende nos institutos. Hai moitos profes, con perdón, que son uns ases en análises sintáctica e uns petardos en literatura.
      Apertas.

  2. Si, un bo artigo para pensar. O de “se tes ganas de escribir, non escribas, espera tres anos e así serás un escritor “de verdade””, máis que consello vello semella de catecismo católico, como o de non ter sexo antes de casarse. Dito con todo o cariño do mundo 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s