‘Senlleiras’ e o misterio das dúas Corona González

DIARIO DE LECTURAS

Antía Yáñez.

Xesús González Gómez.

13 de novembro. – Collo do pila de libros por ler Senlleiras, de Antía Yáñez, novela coa que a autora gañou o Premio Illa Nova de Narrativa, 2018, e que publicou a editorial promotora do premio: Galaxia. Unha vez lida a novela, a primeira conclusión que se pode tirar é que é talvez un libro con carencias, fallos (narrativos, doutros xa falaremos) e excesos, mais que finalmente soubo eludir os problemas e dar un resultado case que equilibrado.

Senlleiras narra, en principio, a vida de dúas mulleres: unha nos anos 1920 e outra na actualidade. Dúas mulleres que teñen unha vida case que paralela: casan namoradas con homes de maior «cultura» e «posíbeis»; ambas son maltratadas polos seus maridos, e ambas teñen un mesmo final. Alana é filla de nai solteira (logo saberase, de nai violada); non se leva coa nai, casa cun home pertencente á alta sociedade coruñesa, etc. Alana, lectora empedernida desde nena, casa namorada e segue as pautas que lle marca o marido. Deixa de ver a nai, os avós, os amigos que tiña e deixa de falar en galego. Un día, nunha exposición coñece unha muller, tamén da clase alta, que lle fala en galego e lle dá a coñecer un mundo que nin sospeitaba; cartéase con ela e Alana le novelas en galego, le A Nosa Terra e mesmo envía un artigo a esta revista, até que o marido a descobre e a obriga a queimar todo: cartas, libros, etc. A muller que coñecera era Corona González, que se presenta como viúva de Ramón González Fernández e que escribirá unha serie de artigos en A Nosa Terra e mais tamén en Céltiga desde un punto de vista feminista e nacionalista. Digamos que aquí hai un fallo: Corona González Estévez, tal é o segundo apelido da escritora (cos dous apelidos asinou algún artigo en Céltiga) non era viúva do empresario Ramón González Fernández; a viúva do empresario chamábase Corona González Santos. Non é que Antía Yañez se equivoque, é que até hai pouco todo cristo daba por feito que as dúas Corona eran unha única persoa. O erro veu porque un día un/ha investigador/a deulle por dicir que a escritora era a viúva do empresario e así quedou escrito. Se se busca Corona González en Galiciana, decatarémonos de que mentres a escritora envía artigos ao boletín das Irmandades da Fala ou a revista arxentina desde diferentes lugares, a viúva de González Fernández está en Galicia participando nalgún que outro acto ou veraneando nun ou outro sitio, etc. Por outra parte, algúns investigadores –ou investigadoras– lanzan a hipótese de que ao ser Corona González a muller do devandito Ramón González, que foi conselleiro do Banco Español de Rio, explicaría a estadía da muller en varios países: Ramón González morreu en decembro de 1925 e os artigos de Corona González aparecen en A Nosa Terra a partir de finais de 1926, etc. Por outra parte, penso que o artigo de Fernanda Padín Ogando, «Corona González Santos (1875-1972), demostra o que estou a dicir con bastante claridade e moitos datos.

O marido de Alana pasa do maltrato verbal ao maltrato físico e, finalmente, ela marcha da casa ao lugar onde está a nai, o lugar onde pasou a súa infancia, e onde está Xosé, con quen pasou a nenez e de cuxos segredos nunca saberá nada Alana: un, que está namorado dela; o outro, ningún dos dous coñecerao.

A outra muller é Alda, unha influencer moi coñecida que ten diversos promotores e «ía case polo medio millón de seguidores». Seus pais morreron e ela non quere saber nada deles (eran ionquis). Casa cun home que ela considera que foi quen fixo dela o que é, aínda que a maltrate verbalmente. Ten unha amiga desde a infancia, Navia, que o seu marido, que lle dirixe a vida, non quere que vexa. Como Alana, Alda tomará, despois de moitas dúbidas, as dúas pensan que o maltrato é culpa delas, conciencia de si.

A novela está narrada dando a voz ás veces a personaxes que teñen pouco a ver coa historia das dúas mulleres ou son personaxes, digamos, oblicuos ou laterais que actúan como contrapunto insuflando o equilibrio natural do contrapunto á narración para que esta non se «desmadre» e, nalgún capítulo, cando fala o policía, serven para lle dar un descanso ao lector e mesmo outro punto de vista. Para dar entrada a estes personaxes, cambian as voces narrativas e nárrase en primeira, en terceira persoa, mesmo en segunda: cando se narra en segunda persoa o lector deduce facilmente que quen está a falar é a autora. Tamén usa dun certo experimentalismo «suave» na composición que imprime un bo ritmo á narración e fai máis doada a lectura. Talvez neste experimentalismo suave radiquen algúns dos excesos: a reprodución icónica das mensaxes telefónicas, que xa se repite en demasiadas novelas, etc.

Mais, desde o meu punto de vista, existen certos erros que deslocen o resultado final. A novela móvese nos parámetros dun realismo abondo escrupuloso, aínda que finalmente, e xa se avisa indirectamente no inicio –non menciono os indicios para non escangallar a «sorpresa»–, hai unha deriva fantástica (ou paranormal, ou sobrenatural) que estraga este realismo. O «malo», por dicilo así, desta deriva fantástica é que a fantasía serve para «realizar» un acto de xustiza, o que nos leva ao famoso mecanismo de consolación, o que, seméllame, se ben é un fallo, demostra máis inxenuidade que impericia por parte da autora.

Senlleiras –malia as promesas (narrativas) que deita: creación de atmosferas mediante unha escrita ás veces lenta, mais nunca liricoide malia algunha que outra «caída», que acaba creando unha sensación de «malestar», no sentido de que todo o que se está a ler dá a impresión de que vai desembocar nun drama ou unha traxedia, aínda que a escrita non dea sensación de tal cousa– non é unha novela redonda polo que respecta ás personaxes. Ás dúas mulleres que serían, en principio, as «protagonistas» principais, perfiladas no seu aspecto máis extremo (procura-matrimonio-fracaso-auto-redención ou auto-conciencia de si-estoupido final), pero sen conseguir unha psicoloxía abondo complexa, súmanselles unha serie de personaxes «secundarios» mais que non son tal (Navia, André, Xosé, a nai de Alana, os maridos, etc.) que son debuxados de maneira estereotipada e que, infelizmente, dada a súa importancia na novela, acaban por non seren críbeis aínda que gocen de certa verosimilitude.

Por esta primeira obra pódese afirmar que Antía Yáñez non é unha novelista lúdica (aínda que calidades ten para tal: lease o primeiro dos capítulos en que fala o policía), nin unha estilista sen alma (o que ante se denominaba «fina estilista»), senón unha autora que ten unhas mensaxes que facer chegar aos e ás lectoras. Esperemos, para ben de todos, que nas próximas obras que entregue se dea conta de que non abonda con ter pensamentos e argumentos interesantes e acabe por construír un estilo, é dicir, construír unha música e unha arquitectura: aquí hai bastante arquitectura, mais pouca música, debido a que en certos momentos a escrita debeu ser máis «nerviosa». Estilo que aquí quedou a medio camiño: derramouno, en parte, a mensaxe. Un estilo non é vestir ideas senón que é a única maneira que ten o lector de entrar en contacto con elas. Malia os reparos que lle puidemos pór, Senlleiras é unha novela que se le con interese e Antía Yáñez algo máis que unha promesa.

Noticia do pasamento de Corona Gonzalez Estévez no Rio.

A respecto de Corona González Estévez, o 7 de novembro do 2018, na web do xornal ourensán La Región líase a seguinte noticia. Traducimos:

A Rúa investiga se unha escritora do século pasado naceu na vila

«O Concello pretende homenaxear a Corona González en caso de que finalmente sexa ruesa.

O lugar de orixe da escritora Corona González Estévez, que salientou polos seus artigos relacionados co feminismo ou a emigración, deu pé a unha investigación do Concello da Rúa. A súa figura foi destapada (sic) no último pleno municipal polo portavoz do P. P., Avelino García Ferradal, no transcurso do debate dunha moción solicitando medidas para combater a violencia machista, que foi aprobada por unanimidade.

O concelleiro popular, que situou o lugar de nacemento da escritora na Rúa, queixouse de que o equipo de goberno bipartito non lle dedicase unha rúa, resaltando que Corona González é descoñecida para moitos veciños.

O alcalde socialista e a tenente de alcaldesa nacionalista, Luís Fernández Gudiña e María González Albert, recoñeceron non coñecer á articulista. Explicaron que buscarán información sobre ela para estudar unha posíbel homenaxe.»

Que Corona González nacera na Rúa de Valdeorras, exactamente na aldea de Fontei, non se sabe de seguro. Algúns dos artigos enviados a A Nosa Terra están asinados na Casa Grande da Rúa. A Casa Grande, ubicada na aldea de Fontei, era (é) propiedade da familia Casanova Ojea, Os Ojea descenden do político federalista Telesforo Ojeza Somoza, que foi secretario de Francisco Pi y Margall, e son dos que defenden que nos arquivos desa Casa debe haber importantes documentos para o coñecemento da historia, e non só da Rúa de Valdeorras. Tamén entre eses documentos debe haber informacións e/ou correspondencia de ou con Corona González, entre outros moitos. Documentos que poden informar do nacemento de Corona González e onde morreu e está enterrada, etc. E tamén ratificar, porque evidentemente é ela, que é a mesma Corona González que desde A Rúa de Valdeorras envía 5 pesetas para incrementar os «Donativos recibidos en la redacción de ABC para premiar a la fuerza pública por su actuación patriótica frente al movimiento revolucionario», o domingo 28 de outubro de 1934. Ese mesmo día aparecen tamén outros donativos enviados desde A Rúa, entre eles as 5 pesetas doadas por Antonia Estévez, viúva de González. É máis que evidente que esta Antonia Estévez era a nai de Corona. Lembremos que con estes donativos a dereita española quería agradecerlles ás forzas represivas do Estado, a súa brutal actuación en Asturias cando a revolución de 1934. Tamén, hai que dicilo dunha vez por todas, foi o momento en que moitos homes e mulleres da denominada esquerda burguesa se pasaron á dereita e case dous anos despois, en xullo de 1936, tomaron partido polos militares sublevados.

Por outra parte, segundo recolle Carme Blanco en O contradiscurso das mulleres (Vigo, Nigra, 1995, p. 69, nota 8), Margarita Ledo, en Prensa e galeguismo, informa das palabras de Lois Soto que situaban ideoloxicamente a Corona González no «grupo anarquista de Montevideo». Non sei se Corona González Estévez estaba no grupo anarquista de Montevideo do que fala Soto, o que é case seguro e que a viúva de Ramón Gonzalez Fernández non militou nunca nun grupo anarquista. Foi Corona González anarquista? Talvez «coqueteou» cos anarquistas, mais cando lle viu as orellas ao lobo, é dicir, ao proletariado, tomou outro camiño. Na nota de Carme Blanco transcríbense toda unha serie de datos erróneos, xa que se confunde (con axuda doutros «informadores») a Corona González Estévez con Corona Gonzalez Santos. Con todo, se mal non lembro, e ao mellor me equivoco, noutra parte Carme Blanco entregaba outros datos biográficos de Corona González Estévez, datos fornecidos por Xavier Rodríguez Baixeras, quen, por outra parte, está emparentado cos propietarios da Casa Grande de Fontei, da Rúa de Valdeorras.

En 1936 estaba Corona en Galicia? Paréceme que non, que daquela vivía en México ou no Brasil, polo que non podo afirmar que posición tomou o 18 de xullo de 1936 (en vistas á que tomara en outubro de 1934, pode imaxinar o lector que posición podía tomar de estar en Galicia naquel momento) mais digamos que un dos xefazos da Falanxe local da Rúa de Valdeorras era Antonio Casanova, último dos propietarios que coñecín da Casa Grande.

Supoño que agora, xa que o Concello da Rúa toma cartas no asuntos, saberase se Corona González Estévez, o rexistro civil fala por si só, ás veces, naceu nesa vila ou noutro lugar de Galicia e tamén, talvez se saiba a data da súa morte e onde morreu e está enterrada. Non obstante, no xornal brasileiro, de Rio, O Correio da Manhã, a terça-feira 30 de abril de 1963, aparecía o seguinte «solto:

Está máis que claro que a Corona González que envía 5 ptas, para homenaxear as forzas represivas que actuaron en Asturias (e noutros puntos da xeografía española) en 1934, asasinando e violando, é a mesma Corona González (Estévez) que escribiu en A Nosa Terra e mais en Céltiga, de Buenos Aires, podía caber algunha dúbida de se a Corona González Estévez da que se dá a nova da súa morte n’O Correio da Manhã, de Rio, é a mesma Corona González. O que se reproduce a continuación penso que confirma que a Corona Gonzalez Estévez morta en 1963 en Rio de Janeiro é a escritora que enviou artigos ás devanditas revistas galegas.

O mércores 17 de febreiro de 1937, no xornal cubano Diario de la Marina, en portada, nunha columna á esquerda baixo a rúbrica de «Actualidad» publícase un artigo asinado por León Ichaso titulado «Más cartas». Son cartas de xente a favor dos militares sublevados e contra o goberno lexítimo da República Española. O xornal cubano, que se editaba na Habana, era descaradamente pro-franquista. O tal Ichaso (pai dun coñecido director de cine cubano-estadounidense) reproduce diversos fragmentos de varias cartas que se recibiron na redacción do xornal, dirixidas directamente ao xornal ou a elementos que alá traballaban. Son cartas, afirma o xornalista, que confirman «la generosa y bizarra contribución que las familias gallegas han dado a la España nacionalista». Entre os fragmentos das cartas hai este que enviou Corona González, desde Rio de Janeiro «a su primo Celso González, administrador del DIARIO DE LA MARINA». E velaí o fragmento: «Nuestra familia se porta de maravillas en la salvación de nuestra querida España. Tenemos varios héroes; de Elisita está Pepito en el frente de Oviedo y Camilo en el “crucero Baleares”. De mi hermano Gerardo está el mayor que tiene 16 años en el “crucero Canarias”, estuvo preso y se salvo milagrosamente, y  otro de 15 ya estuvo en el frente de San Sebastián y en el de Huesca, el mayor se llama Luis y el otro Adolfo». A carta, contra a vontade e Corona, é estarrecedora: rapaces de 15 e 16 anos disparando, matando e morrendo!!

Evidentemente, esta carta enviada ao administrador do Diario de la Marina só confirma que en Rio, desde antes de 1936, había unha Corona González Estévez, galega de nación, e que morrería nesa mesma cidade 26 anos despois, mais nada afirma nin confirma que sexa a mesma Corona González Estévez de, xa, os nosos desamores. (Non obstante, «Se ves dúas veces unha balea branca, desengánate, viches sempre a mesma balea», dixo non sei quen.) Mais procurando en Galiciana o nome de Gerardo González Estévez (un irmán de Corona chámase, di ela, Gerardo), o venres 30 de marzo de 1934 El Pueblo Gallego dá a seguinte noticia.

«Rua-Petín. – En el almacén de pequeña velocidad de la estación de la Rua, unos desconocidos intentaron robar en la noche del pasado 26 al 27.

(…)

»Del caso dió cuenta a las autoridades el jefe de la estación D. Gerardo González Estévez».

De Gerardo González Estévez volve o mesmo xornal a dar o seu nome anos máis tarde. O 7 de decembro de 1941 aparece nunha lista na que se relacionan os donativos para o «Aguinaldo a la División Azul». A Sección Femenina da Rúa fora a encargada de apañar os cartos. Gerardo doou 5 ptas. Aparecen os nomes de todas a forzas vivas: comerciantes, empresarios, funcionarios, etc, da Rúa de Valdeorras, e algún outro nome que non era franquista pero había que «cotizar», e xa se sabe por que.

Supoño que o concello da Rúa de Valdeorras, que xa tomou «cartas» no asunto, aclarará se Corona González Estévez naceu nesa vila ourensá, e tamén se é a mesma Corona González Estévez que, finalmente, viviu e morreu en Rio de Janeiro sen volver, ai!, á súa «querida España».

En fin, vistas as cousas, espero que nin lle dediquen rúas nin lle dean por homenaxeala, sobre todo mentres na Rúa non se homenaxeou oficialmente, que eu saiba, a Roberto López Rodríguez, coñecido como O Pajarito, guerrilleiro que fuxiu a Francia en 1952. Cando menos, o Pajarito encheu a memoria dos rapaces da miña xeración, e sempre que saía o seu nome falábase de que as multas obrigaran á súa irmá a vender a casa (sita na Rúa do Progreso/Estrada Ourense-Ponferrada, a carón de Correos e do que logo sería o cine Avenida). Vendida a casa, a poucas semanas incendiouse totalmente. O solar que quedou só foi edificado xa nos anos 1970: afirmábase que O Pajarito volvera de Francia e queimara a casa, e que ninguén se atrevía a construír por medo a outro incendio. Outras lendas corrían sobre O Pajarito na Rúa: non se trata aquí e agora de referencialas todas. Mentres Roberto López Rodríguez non sexa homenaxeado no seu lugar natal, outras homenaxes, sobre todo a segundo quen, para min, sobran.

 

Advertisements

Un comentario en “‘Senlleiras’ e o misterio das dúas Corona González

  1. A Corona González muller do empresario Ramón González, con rúa-homenaxe en Ribadeo e Porriño, está enterrada en Ribadeo, na capela da Orde Terceira, que o seu marido construíu a carón da praza de abastos, tamén financiada por el como agasallo ós ribadenses.
    Polo que teño lido en varios lugares, non é ela a autora dos artigos na prensa, pero é frecuente a confusión incluso por parte de xente bastante meticulosa nas análises.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s