‘Nova Nursia’, máis didáctica ca literatura

Héctor Cajaraville.

Eva Moreda.

Nova Nursia, de Héctor Cajaraville (Xerais, 2018) é unha novela, en principio, de grande ambición na que intenta abarcar todos os aspectos dunha vida que o propio Cajaraville nos agradecementos (seguindo a J. A. Linage Conde) cualifica de formidable: a de Frei Rosendo Salvado, monxe bieito tudense e pioneiro das misións católicas entre os aborixes australianos. Cajaraville documentouse ben, coñece tanto o contexto coma o detalle e móvese pola biografía de Salvado con gran facilidade. Facilidade, desde logo hai; o que xa non creo que haxa tanto é estratexia, e isto fai que, ao cabo, esta biografía novelada teña moito do primeiro e non tanto do segundo e dea a impresión de ser unha sucesión pouco xerarquizada de episodios destinados a ilustrar didacticamente esta vida, efectivamente, formidable.

Penso que, como en tanta novela histórica (e non histórica) galega a falta de estratexia digamos, fabulatoria, está ligada a unha falta de estratexia lingüística. A novela mal escrita non está, e hai que agradecerlle unha notable contención no adxectivar, pero renuncia tamén a buscar un estilo propio e remata por adoptar o que xa vén sendo unha koiné na novela histórica galega: un estilo requintado máis ca elevado, administrativo máis que arcaizante, que aquí ademais aparece tanto na narración en terceira persoa como nos diálogos que aparecen dentro dela (menos abundantes a medida que vai avanzando a narración) e nas cartas que Salvado lle envía ao longo da súa vida a un seu amigo que queda en Galicia. Como parte desta koiné poderíase sinalar tamén o exceso de datos documentais en contextos onde creo que pouco achegan: oito liñas dedicadas a enumerar rexistros de órgano, conversas nas que sen vir moito a conto se trata o tema de tal concello vai pasar a ser de tal provincia a formar parte de tal outra, etc. Este estilo resulta demasiado pouco coidado, pouco ambicioso, se o que se pretendía era facer novela histórica de grande altura, filosófica, formidable e mesmo un pouco enciclopedista; por outra parte, é demasiado lento e ampuloso se o que se pretendía era facer unha biografía popular accesible que se lea case como unha novela de xénero. As dúas serían boas opcións para a vida de Salvado, pero non é ao final ningunha delas, nin tampouco unha especie de síntese nin de terceira vía.

Deume a impresión tamén de que unha estratexia lingüística máis rigorosa podería axudar a definir mellor o personaxe de Salvado, aínda que o xeito en que nolo presenta Cajaraville é xa abondo interesante. Nos capítulos iniciais temín que a cousa fose derivar polo lado da haxiografía, pero despois non é así, nin é tampouco un retrato de luces e sombras ben marcadas e un pouco anacrónicas: en boa parte dos capítulos centrais do libro vemos un protagonista tratado de xeito, por así dicilo, condutista, mesmo cunha certa distancia con respecto a nós que non deixa de ser atractiva. Este, penso, podería ser un achado que destacar entre os exemplos que se deron entre nós de biografías noveladas (aquí, aquí, aquí); isto e algunha pasaxe, como a chegada de Salvado a Australia, en que o coñecemento exhaustivo do contexto se subordina ao desexo de crear espazos verdadeiramente poéticos, literarios, e se deixa de lado momentaneamente o didacticismo.

♦ Nova Nursia, de Héctor Cajaraville, Xerais, 2018. 344 páxinas. ♠19€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s