‘Claro de lúa’, narrativa popular que funciona

Puri Ameixide.

Eva Moreda.

Claro de lúa, de Puri Ameixide (Xerais, 2018), foi presentado por parte da editora e da crítica como unha homenaxe a Jane Austen, Charlotte Brönte, Lev Tosltoi, Otero Pedrayo e outros na mesma liña: disto, por suposto, non ten culpa ningunha a autora, pero paréceme que escribir unha novela ambientada no século XIX non abonda, máis que dun xeito moi superficial, para xustificar comparacións cos señores e señoras citados anteriormente, que ao cabo escribían sobre o seu tempo e a súa sociedade e non pretendían crear, digamos, un artefacto histórico como si fai Ameixide. Faille máis xustiza a Claro de lúa avaliala desde a perspectiva da novela histórica popular, de consumo pero ben escrita e traballada, cunha certa xinea British, que é ou debe de ser o maior mercado do mundo para este tipo de produtos. Desde ese punto de vista, Ameixide consegue non poucos acertos –máis, penso eu, que o promedio que este xénero vén deitando nas nosas letras– e algunha que outra pexa.

Para construír os seus personaxes, Ameixide bebe de arquetipos que atopamos adoito neste tipo de novela histórica popular: a heroína nacida en circunstancias humildes que supera sempre as dificultades e non deixa nunca de conservar o seu encanto un pouco inocente, o galán un pouco taciturno e un pouco toxiño, o outro galán de procedencia exótica (Escocia neste caso), a anti-heroína rica e privilexiada, etc. Ameixide trata estes personaxes, se non con fondura (que tampouco é do que se trata), si con habilidade mentres os vai movendo polo tipo de peripecias que resultan habituais neste tipo de obras (amores, desamores, filiacións, guerras, problemas económicos, etc.), e con certa orixinalidade que vén dada sobre todo polo contexto no que se moven: o Baixo Miño durante a época da Guerra do Francés. Neste tipo de literatura ben pode pasarse por alto, penso eu, que os personaxes teñan unha mentalidade un tanto anacrónica, porque do que se trata é de os poidamos recoñecer facilmente en modelos que xa coñecemos; si houbo, porén, un ou dous momentos que me renxeron máis, como cando os personaxes falan de sexo ou de homosexualidade cunha despreocupación que algo difícil de crer si que resulta.

A estratexia lingüística, non sei se por estratexia ou intuición por parte da autora, está tamén moi na liña do que é este xénero popular noutras tradicións literarias. Hai que agradecerlle a Ameixide que non optase, en xeral, polo estilo falsamente elevado e máis burocrático ca arcaizante que atopamos en boa parte das novelas históricas populares en galego. Non se trata tampouco de crear unha poética nin un estilo orixinais senón máis ben de que a lingua sexa funcional, que vaia facendo avanzar a trama a bo ritmo e que teña algún adorno de cando en vez para subliñar momentos de intensidade emocional: isto Ameixide conségueo case sempre, e se algunha vez cae en excesos ou en defectos talvez haxa que atribuílo á lonxitude da novela: máis de seiscentas páxinas, que igual podían recortarse deixando fóra as aparicións de numerosos secundarios que non acaban de engadir moito á historia, pero que por outra parte si achegan algo de color local, que tamén se valora neste tipo de novela.

Tamén dentro do xénero da novela histórica popular poderiamos encadrar o tratamento que fai Ameixide de certos tropos ou motivos que lle dan unidade á historia e contribúen non pouco á ambientación: o máis evidente aquí é o da música, xa desde o propio título ou o subtítulo. Novamente, non se trata de caer nas fonduras de, poñamos por caso, Doktor Faustus, pero si é certo que Ameixide consegue reflectir ben non só os aspectos puramente técnicos nos que tenden a centrarse (sen telos absorbido de todo) outros autores senón tamén a idea do compositor ou artista romántico que xusto se estende por Europa na época en que está ambientada a novela e que contribúe a definir o personaxe de don Leandro. En fin: a lectura toda é un bo exemplo de que nas novelas históricas de vocación popular como a que nos ocupa, por moito que non aspiren á experimentación ou ao vangardismo literario, o autor ten que traballar tamén: para que non teña que facelo o lector cando lle chegue a novela ás mans.

♦Claro de lúa, de Puri Ameixide, Xerais, 2018. 472 páxinas. ♠21€

Advertisements

4 comentarios en “‘Claro de lúa’, narrativa popular que funciona

  1. A min anímame máis a ler -este libro en concreto- unha crítica coma esta, razonada e contextualizada, que non os eloxios pouco verosímiles das reseñas proteccionistas (esas baseadas en que como está en galego hai que pechar os ollos).

      • Talmente. Se só hai que pensar no anuncio dun Opel Kadett de segunda man en milanunciospuntocom.

        Se o vendedor di que só consume 1,5 litros cada 300Km, que está para correr as 24h de Le Mans e que o chasis está feito de aleación titanio-wolframio, pois a outra cousa.
        Agora ben, se che di que ten vinte anos, 15 mil quilómetros, a chapa algo oxidada, a tapicería picada en dous ou tres sitios, e que só se usou para ir á vila a facer a compra e unha vez a León para a xura de bandeira do neno, pois igual chamas.

        Despois, que por que a xente deixou de ler tantas grandes novelas galegas.
        En fin.

  2. Por certo, vexo que o que digo na crítica sobre a lonxitude da novela (+600 páxinas) non se corresponde co que aparece na nota final que puxo o editor (472 páxinas). Aclaro que lin a obra na edición dixital e a vese que a paxinación é diferente, porén, sexa como sexa, estamos perante unha novela dunha extensión respectable na que pode ser difícil manter o mesmo ton en todas e cada unha das páxinas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s