A distancia narrativa en Cid Cabido, Antón Lopo e María Reimóndez

María Reimóndez.

Manuel Veiga Taboada.

Toda obra de arte é representación. Con independencia de cómo se presente, por exemplo como autobiografía ou incluso como resultado dun impulso –pensemos en El desbarrancadero, de Fernando Vallejo–, esa obra debe aparecérsenos a nós como obxectiva, como verosímil. É dicir, en toda obra de arte existe distancia entre o artista ou narrador e o lector ou observador. A forma en que o narrador logra ese efecto xa é máis discutíbel, pero creo que se pode dicir que, antes de nada, esa distancia debe estar na mente do creador. O artista desdóbrase na obra. Non hai arte sen certo grao de “esquizofrenia”.

Este efecto está case plenamente conseguido na última novela de Cid Cabido, Tres pintores. É algo que se nota desde as primeira liñas. O lector sempre agradece esa distancia. Cid Cabido ten unha maneira moi persoal de escribir, podemos adiviñar deseguida as súas opinións. Pero sempre hai tamén suficientes probas nos seus textos de que ao mesmo tempo nos está dicindo: “cóntovos isto pero non o creades de todo” ou “se cadra non foi exactamente así”. Para que lle creamos a un artista debe haber nel algo de non-paixón, algo de escepticismo.

Hai que recoñecer que a Cid Cabido non lle custou distanciarse nesta obra. Un home que rolda os sesenta anos rememora, máis ou menos fielmente, sucesos nos que participou cando tiña vinte e cinco. As aventuras da mocidade quedan lonxe. Todo o máis que podemos facer é describilas con agarimo. O autor sabe, indubidabelmente, moito máis que o personaxe protagonista.

Diferente é o caso ao que se enfrontou Antón Lopo en Extraordinario. Aínda tratándose dunha obra valiosa, na que é posíbel encontrar autenticidade suficiente, o autor non foi capaz, na súa evolución persoal, de desprenderse da pel do protagonista. Aínda lle doe o pasado e aínda se deleita en exceso nos seus triunfos posteriores. Poderíase dicir que o autor aínda está baixo o influxo dos feitos que quixo contar, con independencia do grao de verdade destes. Ao non estar desenvolto de todo o proceso de distanciamento na mente do autor, o lector percibe deseguida esa mestura autor-protagonista. En lugar de encontrarse ante unha paisaxe narrativa, encóntrase enchoupado nela, incómodo.

Notemos que non se trata de pudor. James Rhodes, en Instrumental, cóntanos multitude diso que podemos chamar indiscrecións. Coloca o punto de vista a un paso só de sucesos altamente “escandalosos”, pero grazas á distancia coa que el mentalmente observa o seu pasado, Instrumental non só é un libro autobiográfico, senón tamén verdadeira literatura.

Pero tamén hai que dicir que Lopo se enfrontou a un problema ben máis difícil que o de Cabido. Lopo é un autor homosexual que, até certo punto, dá conta dun pasado no que necesariamente houbo combate e as consecuentes feridas. Cabido só é, en Tres pintores, un autor que asume a madurez.

Un caso diferente ao de ambos é o que nos presenta María Reimóndez nunha obra anterior, pero quizais a máis resoante das súas, O club da calceta.

Nesta novela, composta en realidade por varios relatos, non existe a distancia. A voz autorial non se esforza o máis mínimo por exercer o papel clásico do artista. Pero non cabe falar de fracaso, porque María Reimóndez en ningún momento quixo distanciarse do narrado. Todo o contrario, a súa tese manifesta é a mesma que transmitiu ao longo da historia a narrativa pedagóxica e, aínda que quizais non sempre até ese punto, a chamada nos sesenta “literatura comprometida”.

O de Reimóndez é, como dicimos, un caso moi diferente aos outros dous. Unha muller que vive as agresións do patriarcado con intensidade e que pretende establecer o máximo de consciencia a ese respecto. Autora, protagonistas e lectores/as deben non só ir no mesmo barco, senón identificarse ao máximo entre si.

Como non é un erro, senón unha actitude, pouco se lle pode obxectar. Aínda así, creo que a obra, tomada como instrumento de concienciación, non acada o seu obxectivo precisamente por non aterse ás regras inherentes á literatura. Ao non existir distanciamento, O club da calceta vólvese, entre outras cousas, un libro monótono. Sabedores de antemán do que a autora nos quere dicir, o nivel de expectativa queda reducido.

Ás novelas instrutivas chega con lerlles as primeiras liñas, do mesmo modo que ás obras de suspense abonda con lerlles as últimas.

8 comentarios en “A distancia narrativa en Cid Cabido, Antón Lopo e María Reimóndez

  1. O problema non é que tal autor ou tal autora dedique o seu tempo á escrita de infumables panfletos adoutrinantes. O problema non é tampouco que alguén que se di crítico ou crítica, ou que toda unha plataforma de información literaria nomeadamente formada por xente que escribe, se dediquen a xulgar unha obra en función das súas teimas sociais propias. O problema non é sequera que ningún dos anteriormente mencionados se dediquen a gabar obras pola súa “necesidade social”. Non. Todo iso entra dentro do normal e respectable.
    O que non é normal nin respectable é que eses críticos, esas críticas ou esas plataformas de información literaria sexan incapaces de distinguir a figura do autor da do narrador (xa non digamos da dun personaxe de ficción) e que tal grao de incompetencia sexa escoitado, aplaudido, tido en conta e reflectido nas liñas de edición deste país na procura dun canon entre o patético e o ridículo que non se sostén nin con sika.

    • Debe ser difícil xa non ser crítico/a, senón ser lector de novela galega, xa que vexo certa corrente a mesturar a ficción, protagonistas e voz narrativa, cun pouco de biografía dos autores dos libros recollida no “sálvame” do sistema literario, para que a un se lle escangalle enseguida a lectura.

  2. Pois, P. Fernández, co “club da calceta” van máis de 10.000 que lle meteron o dente, nada mal para un libro “monótono co nivel de expectativa reducido…”

      • Home, os libros están aí, só tes que abrilos. Agora que claro a porcentaxe mingua se lle das o canon popular cun pau como se fose merda seca, e logo se tes o don da clarividencia e sabes o que pensan e como pensan os autores aí igual xa non les nunca máis. Boh.. Eu o que digo, tío, é que a perfección está sobrevalorada. Non sei se polo menos neste punto concordas comigo.

      • O curioso é que sexa, precisamente, a plataforma de información literaria da que participa a autora da novela que con tanto afán defendes quen con máis lixeireza exerce ese don da clarividencia.
        Xa digo: normal, respectable e, agora tamén, curioso.

        O que é de quenda de oficio é que a peña lles faga caso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s