‘A tumba de Breogán’, un misterio para Eduardo Pondal

Viñeta de ‘A tumba de Breogán’.

César Lorenzo Gil.

A tumba de Breogán (Demo editorial) é un cómic de Esteban Tolj, e Abel Alves. Estamos na Coruña no 1870. O poeta e médico Eduardo Pondal anda enredado en descubrir onde está a mítica tumba do mítico rei Breogán, do que obtiveron noticias logo de ler os Leabhar Gabhála, onde se afirma que das terras de Brigantia partiu unha expedición cara a Irlanda. Mais mentres llo conta a Murguía alguén escoita a conversa e decide eliminar o futuro escritor de Os Eoas. Velaí é cando aparece Antón Dedo D’Ouro, ex bandoleiro e home de acción liberal, que se vai inmiscir cento por cento na busca de Pondal e serviralle como brazo armado en varias ocasións.

Este cómic é máis unha historia de aventuras ca unha novela gráfica histórica, polo que hai que darlle ao desconto en canto ao rigor dos personaxes e feitos. Os autores aluden vagamente a feitos relacionados co seu tempo pero dunha maneira moi superficial. Malia estar nesa altura vixente a I República non se fala dela e si en cambio dos carlistas, convertidos nunha especie de sociedade secreta.

Aos autores pareceulles máis interesante incluíren persoeiros reais e fundamentais da nosa historia. Amais de Pondal e Murguía (para a súa representación escolleron un “actor” ben máis lanzal do que era o personaxe real), aparecen unha nova Emilia Pardo Bazán (con 19 anos) e incluso fai un cameo Rosalía de Castro, a pobre con cara de triste, supoño que para non romper o tópico.

Así como a presenza de Pondal e Murguía ten sentido e parece moi oportuno vincular figuras do noso pasado co xénero das aventuras a partir das propias arelas persoais ou profesionais, neste caso o interese polo pasado céltico (algo que se fai acotío noutras culturas), a Pardo Bazán parece posta con calzador. Foi por crear unha personaxe feminina cunha chisquiña de protagonismo? Non o sei. Aínda por parte chámaselle condesa cando nesa altura nin sequera o seu pai, o ex alcalde José María Pardo Bazán, recibira tal título, canto menos ela.

Nesta novela presta máis a parte gráfica ca o guión. Cun estilo aparentemente sinxelo, o debuxo reproduce bastante ben os ambientes e os personaxes; esvara un tanto nas escenas de acción pero en xeral temos diante un moi bo labor.

Mais a historia está chea de tópicos e présas. O xénero aguanta ben os clixés e podemos desculpalos como homenaxes, en especial ás películas de Indiana Jones ou de Sherlock Holmes. Pero o guionista foi incapaz de asegurar os puntos de xiro e sobran varias viñetas con diálogos intrascendentes. Se no cómic é fundamental a economía de medios, neste caso malgastáronse varias páxinas e en cambio apuro de máis noutros casos. Por exemplo, en varios momentos os personaxes teñen información que lles debeu vir por ciencia infusa e non seguindo o raccord da novela.

Aos personaxes fáltalles xustificaren a súa motivación e apenas teñen conflitos máis alá dun sinxelo xogo de bos-malos con ben pouco suspense. Nunha novela de 100 páxinas estráñase maior complexidade e ambición narrativa.

Os diálogos tamén son mellorables. Á parte de non seren precisos e consumiren moita enerxía do debuxante en globos e escenas, a linguaxe non está coidada e a meirande parte deles soan anacrónicos e, outra vez esta palabra, moi tópicos.

E é unha pena porque esta vía de historias pode dar moito de si e é de agradecer o intento por parte dos creadores e a editorial por cubrir un oco da banda deseñada galega que produce gran cantidade de títulos cada ano, incluso en culturas onde xa debería estar todo espremido, como é Francia.

Oxalá este libro, editado con moito gusto por Demo e posto no mercado a un moi bo prezo, estimule a creatividade de editores e creadores e pronto poidamos desfrutar de máis banda deseñada que fale, con imaxinación e sen complexos, de nós.

♦ A tumba de Breogán, de Esteban Tolj e Abel Alves. Demo, 2016. 100 páxinas. ♠16€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s