A voda das aves da Candeloria

Paxariños namorados.

Nati Rey.

A Festum Candelorum –festa das candeas– derivou na cultura galega na celebración da Candeloria, que se celebra o 2 de febrero. Segundo o cristianismo é o día da Purificación da Virxe María pero coincide co Imbolc, que é unha das catro festividades principais do calendario celta.

A Candeloria/Imbolc forma parte de antigos ciclos de fertilidade e vencéllase a ancestrais cultos do lume. Está conectada cos traballos agrícolas das sementeiras e coa pesca, xa que marca o comezo da navegación a vela tras a tempada invernal, na que os barcos poucas veces tiñan oportunidade de saíren ao mar. Considérase como o preludio da primavera porque aumentan as horas de día e mingua a dureza do frío.

Na cultura popular galega a tradición simboliza neste día a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal, terminan as xaneiras dos gatos e disque os paxariños casan. Na capela do Rosario de San Domingos de Bonaval celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban despois da misa. É tempo de levar as candeas a bendicir á igrexa (segundo o rito que introduciu en Xerusalén unha matrona romana chamada Ikelia no século V)1 e gardalas para acender cando hai tronada para exconxurar o trono. As candeas tamén se lles poñen nas mans aos moribundos que están a finar. Vicente Risco menciona outra das crenzas desta data: os nenos que están no Limbo só ven a luz no día da Candeloria cando súas mais prenden candeas nas igrexas sobre feixes de romeu na súa memoria.

A festa da Candeloria coñecese con diversos nomes: Purificación de María, Presentación do Señor, a festa. Cristo é a Luz do mundo presentado por súa nai María que vén para iluminarnos a todos coa luz das candeas, de onde deriva a advocación da Virxe da Candeloira. Esta Nosa Señora coincide coa celebración da festa da deusa dos afrodescendentes americanos Jemanjá.

Os refráns da Candeloria

A importancia da Candeloria na cultura galega ten o seu reflexo na cantidade de refráns que se refiren á data:

Día da Candeloria, inverno fóra. Se chove ou venta, aínda entra.

Que a Candeloria chore, que deixe de chorar, metá do inverno está por pasar.

Cando a Candelaria chora, mitá do inverno vai fóra: cando ela rir, está por vir, mais cal chorar, cal rir medio inverno está por vir.

Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel.

De Santos ás Candelas, brétemas e xiadas son parceiras.

Se treboa de entre a Candeloria e a Anunciazón, corenta días máis de inverno son.

Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.

1 Bermejo, H. La influencia de la liturgia de Jerusalén sobre las otras Iglesias.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s