‘A viñeta de Schrödinger’, a épica da supervivencia

Ilustración da capa do primeiro número de ‘A viñeta de Schrödinger’, obra de MIGUEL ROBLEDO.

Edu Maroño.

O pasado verán vía a luz o primeiro número da nova revista de banda deseñada promovida por Kiko Da Silva, A viñeta de Schrödinger. Xa daquela houbo quen cuestionou a idoneidade do nome, que non parece fácil de memorizar ou mesmo de escribir, máis aínda se consideramos que a publicación se dirixe teoricamente a un público infantil-xuvenil. A explicación deuna Da Silva naqueles días e tamén aparece recollida no editorial do primeiro número: se no célebre experimento do físico austríaco Schrödinger as probabilidades de supervivencia do gato son dun 50%, esta nova revista de BD en galego nace con vocación de sobrepoñerse á estatística e sobrevivir. Podemos preguntarnos se sementar dúbidas acerca da propia viabilidade do proxecto é unha táctica publicitaria intelixente, pero aínda de ter optado por unha outra estratexia, a cuestión da supervivencia da revista sería o elefante na habitación: un asunto incómodo pero difícil de ignorar.

De feito, coñecendo a historia recente das revistas de BD en galego até poderiamos pensar que asignarlle á Viñeta de Schrödinger un 50% de posibilidades de supervivencia a medio prazo é pecar de optimista. Oink!, o magazine promovido por Agalip en 2013 co Xabarín da TVG como imaxe, non pasou de cinco números e o intento de reflotalo vía crowdfunding fracasou. De Fiz, a revista de cómic infantil que Da Silva lanzou en 2011, só chegou a distribuírse o número 1. Foille mellor á cabeceira satírica Retranca, da que apareceron 33 números en catro anos e en cuxo peche influíu decisivamente a quebra da empresa distribuidora. De aí para atrás os proxectos son poucos e efémeros coa única excepción de Golfiño, que pasou dos 100 números en dúas encarnacións, unha editada por Xerais e outra como suplemento de La Voz de Galicia.

Antes de empezar a laiarnos do pouco que apoiamos os galegos a cultura de noso cómpre erguer a vista e ollar ao noso redor. Se excluímos os fanzines (e cada vez é máis difícil diferenciar fanzines de revistas), a día de hoxe só existe en España unha revista de cómic en curso, La Resistencia (reparen no nome, por certo). Visto con perspectiva histórica, a fórmula miscelánea das revistas gozou de popularidade nos anos 80, entrou en decadencia nos 90 e dende entón foron ensaiándose diferentes formas de actualización do modelo, case sempre cunha calidade nos contidos máis ben alta e cunha vida máis ben curta.

O editorial do número inaugural da Viñeta de Schrödinger recolle unha invocación á militancia que se expresa ademais mediante un argumento emocional: “como o futuro da nosa lingua, a bd galega precísate, ti decides se queres que Schrödinger viva ou morra”. Malia o que acabamos de dicir, non deixa de sorprender que se interpele tan directamente ao lector e que a supervivencia da revista se vincule explicitamente ao ecosistema cultural galego e á normalización do noso idioma. Cómpre lembrar que os editores son a Mesa Pola Normalización Lingüística e a AS-PG e que o xeito de adquisición preferente, a subscrición, denota que, alén de particulares interesados e proxenitores comprometidos, o produto vai dirixido tamén a centros de ensino e bibliotecas.

Malia isto, dificilmente podemos considerar A viñeta de Schrödinger tan só coma unha ferramenta de normalización lingüística. Entre os autores participantes atopamos creadores cuxo talento e experiencia sitúan a publicación no terreo da relevancia cultural: Miguelanxo Prado, Miguel Robledo, Víctor Rivas, Fran Bueno, Kohell, Miguel Porto ou Da Silva. A eles súmase un grupo de debuxantes saídos do Garaxe Hermético, a escola de BD que dirixe o propio Da Silva. Aldara Prado, Miriam Iglesias, Fon, Zaida Novoa ou Pablo Prado son artistas novos que están a dar os primeiros pasos da súa carreira profesional e que, cómpre poñelo de relevo, non desentoan en absoluto a carón dos veteranos. Formalmente estamos perante un produto de feitura impecable co único matiz das súas reducidas dimensións, relacionadas sen dúbida co abaratamento de custos. O debuxo da maioría destes creadores respiraría mellor cun tamaño de páxina máis grande pero é máis notoria aínda a limitación material que supón para cada autor o contar apenas con tres ou catro páxinas. Que tipo de desenvolvemento creativo pode ofrecerse nesas condicións? Os dous números da revista aparecidos ata a data amosan tres solucións: as tiras cómicas, o relato autoconclusivo e o serial.

Miguel Rojo, Fon e Pablo Prado contan as aventuras do gato Schrödinger e fano optando pola tira cómica, un formato narrativo que ten a súa orixe nas publicacións periódicas e que funciona con total naturalidade nun medio coma este. Os autores procuran o humor partindo da oposición entre o Schrödinger vivo (debuxado por Fon) e o morto (debuxado por Prado), mais están aínda no camiño de atopar as caracterizacións enfáticas e os motivos recorrentes que aseguran o éxito neste formato.

Miguelanxo Prado é o único autor que ata o de agora optou polo relato breve sen leit motiv común nin personaxe recorrente. A súa primeira achega descansa na capacidade evocadora do seu debuxo para ofrecer un microconto de alento poético; a segunda transita entre o humor negro e o relato de terror, situándose nun rexistro mordaz no que non o viamos dende hai tempo. A Prado sóbralle oficio para conseguir espertar interese investindo realmente pouco.

O vigués Fernando Llor escribe dúas series distintas. En Lessons to be heroes traslada os clixés superheroicos ao ámbito escolar coa axuda da debuxante Zaida Novoa, pero o resultado humorístico non é tan afortunado como en Mincha, aprendiz maldita, na que colabora con Miriam Iglesias e que ten ao seu favor un humor tan elemental e directo coma alleo a calquera pretensión moralizante. Quen si aposta polo humor reflexivo é Kohell, que baixo o significativo título de Distopías remexe nas miserias dun mundo sometido ao xugo do totalitarismo. Pola súa banda, Kiko Da Silva parte de casos paranormais tomados do mundo real para construír pequenos relatos anecdóticos nos que o máis destacado, aparte do “baseado en feitos reais”, é a profundidade do seu debuxo. Demos de area, de Aldara Prado e Joan Casaramona, está aínda en proceso de definición, mais polo de agora transita polo camiño da aventura xuvenil convencional.

Fronte aos autores que optan por historias autoconclusivas, Fran Bueno e Miguel Porto prefiren desenvolver un relato longo de forma seriada. Ambos elixen escenarios de ciencia ficción: Fran Bueno apóiase na transparencia do seu debuxo para deseñar unha space opera intimista, mentres que a proposta inicial de Porto sinala cara ás ficcións de amizade adolescente. Ambos conseguen deixar sentadas as premisas de cadanseus seriais e achegan suficientes elementos de interese, pero a periodicidade da publicación pesa coma unha lousa sobre o seu traballo. Vivimos en tempos de vertixe nos que non parece razoable ofrecerlle a un lector, moito menos un lector novo, un relato que avanza a razón de tres páxinas cada tres meses. Isto mesmo pode dicirse do serial que asinan Antonio M. Fraga e Víctor Rivas, que trasladan a un escenario futurista o fenómeno dos swingjugend, os rapaces alemáns que admiraban a cultura anglosaxoa no momento do ascenso do nazismo. Aínda que os autores ofrecen acción dende a primeira viñeta, cun Rivas máis en liña clara que nunca, o ritmo transfórmase en síncope polo baleiro entre número e número. É probable que estes tres seriais estean entre o más ambicioso e atractivo da revista, por iso resulta especialmente frustrante ter que consumilos en pílulas.

Sexa como for, A viñeta de Schrödinger está xa na rúa e agora confrontará ese destino que leva invocando mesmo dende antes de nacer.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s