‘Dentro da literatura’, unha lección humilde

Suso de Toro.

Manuel Veiga Taboada.

Son moitos os escritores que, chegados a certa idade, toman a decisión de publicar un libro coas súas reflexións sobre a propia literatura. En certa medida, esas obras constitúen un resumo do que foron aprendendo do oficio ao cabo dos anos. Non adoitan ser obras de consumo maioritario e interesan sobre todo a novos escritores e a lectores especialmente curiosos.

En Galiza tamén contamos con libros así e en número maior do que parece. Como ten reflexionado Manuel Gago, ás veces queixámonos de que non hai certos libros en galego que realmente si existen. É de supoñer que se trata, en boa medida, dun problema de visibilidade.

Sen rebuscar nos textos de Otero ou nas ducias de artigos que Cunqueiro dedicou á literatura (a maioría en castelán, por razóns obvias), podemos citar máis recentemente dous libros de Xavier Seoane, Atravesar o espello. A arte de ler e O sol de Homero. Unha defensa da poesía. O malogrado Ramiro Fonte deixounos outro interesante libro sobre poetas, As bandeiras do corsario. E aínda poderiamos falar de Fin de poema, de Juan Tallón, a medias entre o ensaio e a narrativa.

Achegándonos máis á reflexión sobre a propia obra encontramos, por exemplo, Os dominios de Caín, de Xosé Carlos Caneiro e Parados na tormenta, do propio Suso de Toro.

Son todos eles textos interesantes que non desmerecen comparados cos de calquera outra literatura.

Hai que dicir, porén, que non todos os escritores son amigos de reflexionar sobre ese labor artesá de escribir. Manuel Rivas, por exemplo, rara vez fai referencia ás técnicas que usa ou que usan outros e das que el aprendeu. O seu esforzo céntrase en contar as propias historias, non no método que utiliza para facelo.

Suso de Toro, en cambio, repite agora reflexión e vén de publicar Dentro da literatura, un texto de madurez. Quizais o texto máis suxestivo de todos os que vimos de citar. O autor de Sete palabras non só nos ofrece un repaso do mundo que rodea á literatura senón que o fai utilizando o propio estilo narrativo. É dicir, non estamos exactamente ante un ensaio, onde cada capítulo trata de mostrar, máis ou menos, unha tese, senón ante unha corrente fluída, con voltas atrás e adiante que nos fan crer un pouco, só un pouco, que estamos a ler unha novela ou iso que agora se chama narrativa de non ficción.

E, por debaixo desa segunda lectura, aínda podemos atopar outra, talvez a máis interesante, a autobiografía literaria de Suso de Toro ou cando menos unha parte dela: as súas etapas, as súas dúbidas, a súa relación cos lectores/as e cos editores/as, a súa forma de ver o mundo, a partir dun oficio egocéntrico e hipersensíbel, pero tamén xeneroso. Un oficio, en fin, contraditorio.

Un dos principais méritos literarios de Suso de Toro, o que lle permite ser contemporáneo e atraente para os lectores, é o seu interese obsesivo por comunicar, sen formulismos antigos ou artificios. Suso de Toro optou, desde Caixón desastre, pola lingua de todos os días, cun ton coloquial e frases vividas, fosen consideradas ou non, no momento de ser escritas, como canónicas.

Alguén podería temer con todo que, chegado a certa idade e posto a falar expresamente de literatura, o seu estilo se volvese máis distante, de intención máis elevada, como marcando un pouco o terreo. El mesmo fala dos autores que, acadado certo recoñecemento, se volven institucionais e maiestáticos. Pero non é iso o que sucede aquí. Suso de Toro defínese, máis que ningunha outra cousa, como lector e como lector solidario cos demais lectores.

O libro respira humildade (termo que emprega, e quizais non é casual, no título do seu pequeno ensaio anterior). E para ser humilde é necesario espirse. Vargas Llosa fala de que os autores fan algo parecido ao striptease nas súas novelas. Aínda máis se podería dicir deste ensaio. De Toro non nos oculta as súas dúbidas, nin a súa ambición, seguida moitas veces do fracaso. Esa debilidade persoal é precisamente unha das fortalezas do libro. Sendo fiel ao título, Dentro da literatura é un libro escrito como quería Susan Sontag: desde dentro e cara a fóra.

♦ Dentro da literatura, de Suso de Toro, Xerais, 2019. 192 páxinas. ♠16€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s