Balanzo da poesía catalá no 2018 (I)

Márius Sempere.

Xesús González Gómez.

Se ben é verdade que a narrativa catalá actual esta a vivir un  momento que poderiamos considerar «glorioso», cal é o estado da actual poesía catalá? Para dar un informe polo miúdo necesitariamos un tempo, e sobre todo uns coñecementos, dos que non dispomos, así que atallaremos. É dicir, lanzarémonos polo camiño recto, saltando escollos e dificultades sen, polo demais, reparar neles. E o camiño recto é moi doado: botar das de diversos «dossiers» sobre o que se publicou de poesía en catalán o pasado 2018. A partir do publicado o pasado ano, talvez nos poidamos facer unha idea máis ou menos xeral para coñecermos os vieiros polos que transita a poesía catala nesta segunda década do século XXI. [Poesía catalá: enténdese por tal a que se compón, evidentemente, en catalán, mais non só no Principado senón tamén nos territorios adxacentes das Baleares, País Valencià, Cataluña Norte –Cataluña francesa– e no enclave de L’Alguer, na illa de Sardeña.]

O 26 de maio do 2018 morría o escritor e poeta Màrius Sempere á idade de 90 anos. Era, en certa maneira, o patriarca da poesía catalá, aínda que é un título que nunca lle outorgaron e no que el, de seguro, non se recoñecería. A súa obra poética foi recoñecida con diversos premios: Carles Riba (1963), Premi de la Institució de les Lletres Catalanes (1997), o Nacional de Literatura da Generalitat, medalla de ouro ao mérito cultural do Concello de Barcelona, o Premio Cadaquès a Quima Jaume (2008), a Lletra d’or (2015), etc. A súa obra poética é unha meditación sobre o sentido da existencia humana (ou sobre a súa falta de sentido). A pouco do seu pasamento, aparecía na Editorial Proa, colección ‘Ossa Menor’, unha escolma da súa poesía realizada por el mesmo co título Descodificacions. Obra nuclear. Outro dos falecidos foi o poeta, nacido en Eivissa mais que residía en Valencia, Manuel Marí, que entre outros, gañara o Premio Ciutat de Palma de Poesía Joan Alcover, no 2007 e o Alfons el Magnànim, de Valencia, no 2016. Marí nacera en 1975.

Se por sorte o apartado das necrolóxicas foi «feble», o dos aniversarios tampouco brillou moito, xa que se celebraron ou bicentenarios de autores que poden encher páxinas nos manuais de literatura, autores dos que talvez non se lles poida negar a súa importancia, mais que hoxe non le ninguén, agás os estudosos da prehistoria e algún outro que nada mellor ten a facer: Manuel Milà i Fontanals (1818-1884) e Joaquim Rubió i Ors (1818-1899), dous dos poetas da Renaixença. Tamén se celebrou o centenario do nacemento dos poetas Ramon Bech (1918-1995), Joan Barat (1918-1996) e Montserrat Abellò (1918-2014). Se o centenario dos homes pasou sen pena nin gloria, como, por outra parte a súa poesía, a Montserrat Abelló dedicóuselle o Any Montserrat Abellò e unha exposición itinerante visitou as principais cidades catalás.

Montserrat Abelló exiliouse en 1939; despois de estadías en Francia e o Reino Unido foi parar a Chile, onde seu pai montara unha empresa. Retornou a Cataluña en 1960. En 1963 publicou o seu primeiro libro, mais até inicios dos 1980 non foi recoñecida, tanto como poeta como tradutora (traduciu a Agatha Christie, E. M. Foster, Iris Murdoch, Anne Sexton, Denise Levertov, Adrienne Rich, M. Atwood, etc., e Sylvia Plath, cuxa pegada se nota na súa poesía. Tamén traduciu autores cataláns ao inglés: Salvador Espriu, Mercé Rodoreda, Maria Mercé Marçal, etc. A partir de 1998 enchérona de premios. Pódese afirmar que lle deron todos os premios importantes que se conceden en Cataluña: desde a Creu de Sant Jordi até o Premi d’Honor de les lletres catalanes, pasando polos da, crítica, Asociación de Escritores, etc, etc. Unha das últimas bibliotecas municipais de Barcelona, inaugurada a mediados do pasado anos, leva o seu nome: está situada no Barrio de Les Corts, a uns 500 metros do Nou Camp e teñen un estante con todas as súas obras e algunhas da súas traducións.

Publicacións

No apartado de antoloxías e obras completas podemos consignar a aparición de Mig segle de poesia catalana. Del Maig del 68 al 2018, realizada por Vicenç Altaio (un que se autotitula a sí mesmo radical e vangardista e sempre mamou do teto das institucións públicas) e Josep M. Sala-Valldaura, publicada por Proa. Esta antoloxía quere ser a continuación da que os mesmos autores realizaran en1980, Les darreres tendèncias de la poesia catalana (editorial Laia). Como na anterior, a escolma é dun poema por poeta, e malia que os autores escriban, p. 27, que escolman 231 poemas de 231 poetas, en realidade son 232 poemas de 232 poetas. A escolma quere ser unha panorámica case totalizadora da actual poesía catalá. Como ser totalizador en calquera campo é imposíbel, digamos que faltan algúns nomes de poetas actuais que teñen abondo éxito, Eva Baltasar, por exemplo. Pero isto é o de menos.

Tampouco queremos facer unha recensión do libro e menos discutir as razóns que lanzan no limiar os seus autores. Moito menos discutir a divisións ou periodizacións, que son as seguintes: A xeración dos 70 (poetas nacidos entre 1940 e 1959, ambos inclusive), A xeración da caída do Muro de Berlín (poetas nacidos entre 1959 e 1975, aínda que se inclúa algún nacido antes, mais dise por que) e A xeración do Terceiro Milenio (poetas nacidos entre 1976 e 1997). Como pode imaxinar sen moito esforzo o lector, pensar que poetas que se levan entre si 20 anos poidan gozar dalgunhas características comúns (agás a de escribir en catalán, publicar nas mesmas editoriais, vivir na mesma cidade ou ter amigos comúns) é un exercicio próximo á critica-ficción ou algo semellante. Como non queremos discutir os criterios de división, deamos algúns datos para curiosidade e solaz de quen está a ler estas liñas.

De primeiras, o libro está publicado por Proa Editorial, pertencente ao Grup 62, é dicir, Editorial Planeta. A anterior escolma, Les darreres tendèncias…, publicáraa Laia, unha editorial da banda eurocomunista do PSUC. A editorial, como o comunismo e o eurocomunismo, tamén desapareceu, ben que nuns poucos ano antes.

Poetas e Poetas. No apartado A xeración dos 70 escólmanse un total de 80 poetas, dos que 13 son mulleres, o que dá unha porcentaxe dun 16,25%. Na Xeración da caída do Muro de Berlín son 88 os poetas e 17 as poetas, do que resulta unha porcentaxe do 19,31%. Da xeración do Terceiro Milenio son trinta as poetas escolmadas ante un total de 64,o que dá unha porcentaxe dun 46,89%. O libro publicouse o mes de maio pasado, en xuño tirouse a segunda edición, nestes momentos non sei por cal anda. Consta de cincocentas páxinas e custa 20,50€. Complementario, máis interesantes e de maior calidade que o de Altaio/Sala-Sanahuja é o volume La poesia catalana al segle XXI, balanç crític, coordinado por Olivia Gassol e Òscar Bagur, publicado polo Insitut d’Estiudis Catalans,  130 p., 18€. Outra escolma publicada o pasado ano foi Antologia de poesia catalana, realizada por Joan Oriol i Giralt e publicada por La Galera: unha escolma didáctica para uso nos institutos. Poemes de La Suda. Antologia 2007-2017, publicada por Pagès editor. trátase dunha escolma que celebra que a colección de poesía La Suda alcanzou o cumio dos 200 títulos en 10 anos.

E neste apartado de antoloxías, salientemos o éxito alcanzado por Amors sense casa. Poesia LGBTQ catalana, realizada por Sebastià Fornell (Angle editorial) e que nestes momentos debe de ir pola terceira edición

No apartado de obras completas e de clásicos cataláns debemos consignar A obra poètica completa, de Emili Rodríguez Bernabeu (Institut Juan Gil-Albert); por certo, un dos poetas que falta na escolma de Altaió/Sala-Valldaura.0 Convivència d’aiguas, da poeta Zoraida Burgos (unha excelente poeta que mercé a esta publicación, ademais de cruzar os límites da comarca en que desenvolve a súa actividade: Tortosa, por fin é dada a coñecer ao resto dos lectores e lectoras cataláns) publicada por unha editorial que está a copar os primeiros postos no que a edición de e poesía nova se refire: LaBreu. A editorial Vitel·la entregou Llibre blanc, de Caterina Albert, «Víctor Català», que recolle dous libros de poemas desta gran narradora, Policromi e Tríptich, que foran publicados por vez primeira no 1905. Tamén se reeditou, cun limiar de Sam Abrams (norteamericano instalado na cultura catalá: como curiosidade digamos que cando era estudante, alumno de Basilio Losada, traducira ao inglés a poesía galega completa de Luís Pimentel), Ecce homo, de Agustí Bartra (Lleonard Muntaner)

Para acabarmos por hoxe, velaí unha lista dalgúns libros de poemas traducidos ao catalán: La ferida de Berta Piñán, traducido do asturiano por Jaume Benavente (El Gall Editor); Del desig, de Hilda Hilst, traducido do portugués por Josep Domènech Ponsatí e Joana Castells Savall (El Cep i la Nansa), Deliri d’amor, de Alda Merini, traducido do italiano por Meritxell Cucurella-Jorba (El Cep i la Nansa); Poesia completa. Cartas a Fernando Pessoa, de Mário de Sá Carneiro, traducido do portugués por Vicent Berenguer (Lletra impresa); D’Arquíloc a Teognis. Poesia lírica grega, traducido do grego por Joan Ferrer Gràcia (Ela Geminada); El sol i les seves flors, da hindú-canadense Rupi Kaur, traducido do inglés por Bel Olid (Empúries); Les ànimes de Brandon, de César Brandon, traducido do castelán por Mercè Ubach (Columna); Ariadna de l’aigua, de Etnairis Ribera, traducido do castelán por Miquel-Lluís Muntané (Parnass), por certo deste poeta apareceu no 2018 unha antoloxía dos seus poemas: Construir la transparència, edición a cargo de Vicenç Llorca; Baluard, de Elvira Sastre, traducido do castelán por Sara Serrano (Valparaíso); Eros gai, traducido do grego por Jaume Juan Castelló (Adesiara); El meu piano blau, de Else Lasker-Schüler, traducido do alemán por Feliu Formosa (Adesiara), Cos i ànima, de Iehuda Amikhai, traducido do hebreo por Manuel Forcano (Adesiara); Poemes, de Hannah Arendt, traducido do alemán por Lola Andrès e Anacleto Ferrer (Edicions del Buc); Matar el gos negre. Memòria d’una depressió, de Les Murray, traducido do inglés por Jordi Nopca e con textos de Michael Hofmann e Sam Abrams (Días Contados); Un altre temps, antoloxía de W. H. Auden, traducida do inglés por Marcel Riera (Edicions del 1984); La terra eixorca, de T. S. Elliot, traducida do inglés por Neus Nadal con notas de Bernat Nadal (é, que eu coñeza, a terceira versión ao catalán deste gran poema de Elliot, as dúas anteriores débense a Agustí Bartra, incluída na súa magna Antologia de la lírica nord-americana, cuxa última edición é a publicada por Redccions en 1983; e a Juan Ferrater, incluída no seu libro Lectura de “La terra gastada” de T.S. Eliot, publicado por Edicions 62 en 1977, e que levantara certa polémica ao traducir da seguinte maneira os dous primeiros versos do poema: «Cruel arriba el mes d’abril, / llevant lilàs en terres mortes, barrejant […]»), a nova versión está publicada pola mallorquina Lleonard Muntaner editor, que no 2018 tamén deu ao prelo Una existència de paper, de Al-Berto, traducido do portugués por Elm Puig Mir; Res. Poemes (1988-1992), de Mircea Catarescu, traducido do romanés por Xavier Montoliu Paulí, e Corb. De la vida i les cançons del Corb, de Ted Hughes, traducido do inglés por Núria Busquets Molist; Gaspar de la Nit, de Aloysius Bretrand, traducido do francés por Paulí Arenes i Sampera (Adesiara), Poesía completa, de Edward Thomas, traducido do inglés por Marcel Riera (Adesiara) e moitas máis. Para acabarmos, lembremos que se reeditou Sòc vertical. Obra poètica 1960-1963, de Sylvia Plath, en tradución de Montserrat Abelló, poeta da que se fala ao inicio deste artigo (Proa).

MONTSERRAT ABELLÓ

Ameite

con demasiadas

palabras.

 

Quixera

poder volver

a te amar

cunha

soa palabra.

 

MÀRIUS SEMPERE

TAMÉN PODERÍA SER

Tamén podería ser que as palabras

non expresasen nada e que as cousas

fosen, elas mesmas,

as que nos viñesen á boca dende fóra

como un bafo contrario,

ou ben un grolo invertido, e que só elas

–e non as palabras–

expresasen horribelmente e pacientemente

as palabras –como diría?– mortas.

Mortas as palabras

quedarían (tal o verbo fecundo

feito corpo e fame de corpo) só as cousa,

é dicir, a creación pola palabra,

por tanto a alusión destas cousas,

das cousas –como diría?– mortas

creando a ilusión das palabras.

Tamén podería ser.

(de Osiris i el tret del caçador.)

 

EMILIO RODRÍGUEZ BERNABEU

HÖLDERLIN

Morrerás diante do mudo xuízo das rochas

E a primavera acóllete como veciño

E a alegría apouviga o clamor da protesta

Entre mans ideais que te levarían polo solpor

 

Ninguén oirá as antigas pregarias

Entre cereais maduros do verán que comeza

Se quedaba ao teu corpo a ultima caricia.

 

Só vale a conciencia

Do infinito presente

Á hora que corresponde.

 

ZORAIDA BURGOS

En dupla ficción de espellos, e espazo, evoco

o xogo. Esvara o dedo por unha lembranza da pel.

Grisura de tellados, e a choiva, fóra.

Dentro, o sol, memoria de algas,

borra, elíptico eco, os signos, outros.

Esvaraba o dedo por unha liña branca atravesando o lombo.

A irreal secuencia revirou o eixo,

perdura o cálido instante da cámara, falsidade de fábula.

Un comentario en “Balanzo da poesía catalá no 2018 (I)

  1. Pingback: Vinte e unha poetas catalás para ao século XXI (1/2) - Palavra Comum

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s