Tintín galegofalante

Tres cadriños da versión orixinal do álbum de Tintín A Illa Negra.

Edu Maroño.

“Isto é jiu-jitsu, meu amiguiño”, dicía o malvado Wronzoff despois de retorcerlle a perna a Tintín. “E isto é zocada!”, retrucáballe o reporteiro belga mentres lle chantaba unha patada na queixada. Este diálogo, recollido no álbum A Illa Negra, é un dos moitos que teño memorizados despois de anos de infancia lendo e relendo as aventuras de Tintín. Para min, Tintín, Haddock e compañía falan galego, o galego de Valentín Arias, que foi quen traduciu aqueles álbums do personaxe que a editorial catalá Juventud publicou entre 1983 e 1991. Acontécelles o mesmo a Asterix e Obelix, que mallaban nos romanos e comían xabarís expresándose no galego pre-normativo de Xoán Blanco-Amor. Velaí a maxia das experiencias vividas nesa fase crítica que é a infancia, que quedan marcadas a lume na memoria e despois non hai quen as mude. Por iso, cando vexo a Tintín e a Asterix falando en calquera outro idioma penso que non é a súa voz, que están traducidos. Porque Tintín e Asterix, como Son Goku e Shin Chan, son galegofalantes.

Aquela sorte que tivemos os da miña xeración non a tiveron os que viñeron despois. En primeiro lugar, porque a principios dos 90 deixou de traducirse BD europea ao galego. E, en segundo lugar, porque o manga, que a partir dese momento pasou a ser o cómic máis popular entre os cativos, nunca gozou de fortuna no noso sistema editorial. Moito se fala da identificación da chamada Xeración Xabarín con Arale e Son Goku, pero adoitamos esquecer que Dr. Slump e Bóla de Dragón, os mangas de Akira Toriyama en que se baseaban as series de animación, nunca foron traducidos ao galego, como tampouco o foron os cómics de Doraemon ou Shin Chan. Uns e outros ficaron no imaxinario colectivo como referentes exclusivamente televisivos.

Na actualidade só hai dúas editoras cunha política sostida de tradución de BD ao galego. Unha é Xerais, que compaxina o lanzamento das novas aventuras de Asterix de Jean-Ives Ferri e Didier Conrad cunha tímida (abandonada?) recuperación dos álbums clásicos de Uderzo e Goscinny. A outra é Rinoceronte, en cuxa liña de Novela Gráfica atopamos clásicos indiscutibles do cómic do século XX xunto con varios dos títulos máis relevantes das últimas décadas. Non hai nada no seu catálogo que non mereza atención, todo paga a pena. Vantaxes de ser hoxe a única editora que se atreve a verter ao galego cómic internacional.

E nestas andabamos cando a barcelonesa Trilita Ediciones anunciou a próxima aparición dun novo álbum de Tintín en galego, As xoias da Castafiore, que tamén terá versións en éuscaro, aragonés, aranés, castúo e valenciano. Restaurarase así unha verdade histórica, a do Tintín galegofalante. Supoñemos que dependendo da acollida seguirán ou non coa serie. Se por fortuna chegan a traducir de novo A Illa Negra comprobaremos se na nova versión “savate” aparece traducido como “zocada”, como fixo Valentín Arias, ou como “boxeo francés”, que seica é o que significa realmente.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s