O luxo de ler a Tolkien en galego

John Ronald Reuel Tolkien.

César Lorenzo Gil.

Non é a biblioteca galega rica en éxitos populares. Nin clásicos nin contemporáneos. As deficiencias na normalización literaria teñen o seu punto máis feble nas traducións de libros que son éxito de vendas ano tras ano (os coñecidos como long-sellers). Nin para o público adulto nin para o público xuvenil. As razóns son varias mais principalmente o problema é de viabilidade económica xunto, nalgúns casos, ao desprezo dalgunhas franquías pola cultura galega.

Nalgúns casos intentouse competir coas publicacións en castelán, caso da saga de Harry Potter, que Galaxia tivo en catálogo e en libraria ao tempo que a versión española. Serviu aquel esforzo para mostrar músculo mais 22 anos despois da publicación do primeiro volume, das palabras do pequeno mago en galego só queda o eco.

Edición d’O hobbit en galego.

As ausencias en galego deste tipo de libros e series son notorios: Os Cinco, Diario de Greg, Stephen King, Canción de Xeo e Lume… Hai pouco Edu Maroño salientaba como nin tan sequera o éxito en galego de Son Goku permitira publicar os mangas de Toriyama na nosa lingua.

Por iso ten grande importancia que si poidamos desfrutar de Tolkien en galego. O escritor británico é aínda un referente na literatura fantástica destinada a público xuvenil. As súas obras máis famosas, O hobbit O Señor dos Aneis foron a porta de entrada de moitos adolescentes na fantasía desde hai 40 anos, ininterrompidamente. Mais o universo tolkienano non se esgota na mocidade. Son moitos os adultos que se mergullan na Terra Media, tanto para descubriren por primeira vez as aventuras de elfos, ananos e demais razas como nun exercicio de colecconismo a grande escala. Non en van, Tolkien foi un autor cuxas notas e textos inéditos se converteron en prezado tesouro para os fans unha vez que o seu fillo, Christopher Tolkien, foi publicando cada libro póstumo.

En galego, Tolkien está vivo para ese público “fetichista” que quere ter perto non só as palabras deste autor senón que desexa libros obxecto que estean á altura da historia que gardan dentro das súas páxinas.

Esa foi a filosofía que Sushi Books seguiu na publicación dos dous clásicos populares de Tolkien en galego. Edicións de luxo, cunhas capas espectaculares a pesar da súa aparente sobriedade de deseño.

En tempos foi Xerais quen publicara O Señor dos Aneis O Hobbit. Fora na colección ‘Fóra de xogo’, no caso da primeira obra nos tres volumes dos que se compón: A Compañía do Anel, As dúas torres O retorno do rei. Foron fitos no seu momento porque por primeira vez se podía ler un autor tan famoso na nosa lingua pero o continente non parecía acaído ao contido. A colección non parecía o mellor destino para esa “biblia” da fantasía protoxermánica que moitos lectores xa coñecían en versións anteriores e que non cumpría as condicións para ocupar con presenza e poder un andel de libros favoritos.

Mais agora si é posible. Moisés Barcia, director de Sushi, fora o tradutor de ambas obras para Xerais e só tivo que recuperar aqueles textos para estas novas edicións, de capa dura e estampado de luxo.

A chegada ao idioma galego do mundo creado por Tolkien xa tivera no seu momento gran repercusión pola importancia da onomástica na obra do inglés, que amais de narrador era filólogo. As novelas de Tolkien son novelas dun filólogo, dun auténtico amante das linguas que quixo crear non só un magno planeta onde a maxia e a épica conviven senón tamén unha morea de linguas, alfabetos e tradicións lingüísticas deseñadas con rigor. Con moito rigor.

Na tradución de Barcia esta ansia perfeccionista está presente e o tradutor preocupouse de que a versión galega fose fiel ao orixinal sen deixar nunca de reflectir o propio xeito galego de expresarse. Por poñer un exemplo, os Baggins da Comarca convértense nos Bulseiro e non nos Bolsón da tradución castelá.

Malia a fermosura e elegancia das traducións de Sushi ao galego, o tolkienismo ten aínda moita marxe de produción: á parte da tradución do resto da súa obra cómpren produtos relacionados: bestiarios, libros ilustrados, banda deseñada… A Terra Media é un universo xa integrado e actualizado na cultura galega e mentres haxa interese por parte dos lectores ten moito camiño por percorrer.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s