Críticas a Walter Benjamin e a Alonso Montero

DIARIO DE LECTURAS

Walter Benjamin.

Xesús González Gómez.

7-8 de agosto. – Días de calor húmido, insoportábel. Paseo a primeiras horas da mañá e topo cunha libraría solidaria aberta. Entro e por cinco euros compro Escritos sobre cine, de Walter Benjamin, edición ao coidado de Daniel Pitarch, publicado o pasado 2017 por Abada. Os tradutores son varios. Trátase dunha recompilación de textos do alemán nos que fala de cine ou do cine; ademais, recóllese a segunda versión de «A obra de arte na época da súa reprodutibilidade técnica» (segundo Pitarch, chegou a facer cinco versións deste coñecido texto), «Experiencia pobreza» e varios fragmentos do Libro das arcadas, de Infancia en Berlín, do Diario de Moscova, así como algúns manuscritos que se encontraban no arquivo de Benjamin. Se ben coñezo a maioría dos textos, póñome a lelo decontado. A introdución de Pitarch é axeitada, mais non acaba, como tantos outros eséxetas e estudosos, de aceptar que as pegas que Adorno lle puña ao texto benjaminiano hoxe semellan máis que correctas (véxase a carta daquel a este, datada en Londres o 18 de marzo de 1936: Theodor W. Adorno/Walter Benjamin, Correspondencia 1928-1940, Madrid, Trotta, 1998, pp. 133-140). Unha excesiva confianza na tendencia á disolución do mito e á desacralización da arte á vez que subestimaba tanto a particularidade da arte autónoma en tanto que arte profana e os perigos das novas formas fetiches compatíbeis coa reprodución mecánica: estas son algunhas das pegas que Adorno lle puña ao texto de Benjamin. Hai máis reproches, salientemos o que lle dirixe sobre a figura de Mickey Mouse e outras figuras de Disneylandia: Benjamin pensaba na transposición cinematográfica dos fantasmas sádicos e masoquistas (que os personaxes de Disney representan á perfección) como nunha maneira de exorcizar e de conxurar as «pulsións reprimidas», mentres Adorno vía nesas transposicións, nesas figuras, a posibilidade de novas formas de alienación, etc, Visto o visto (a controversia é de 1936); visto o que a industria hollywoodense fixo do cine, a pesar do seu pesimismo, ou talvez por esa razón, Adorno foi, esta vez, máis profeta que Benjamin, cuxo escrito deita un optimismo sobre a función revolucionaria do cine e a reprodución mecánica que mesmo nos anos 1930, co ascenso dos fascismos e o triunfo do fordismo incluso no seo dos movementos revolucionarios, xa  non tiña razón de ser (o optimismo).

Nesta introdución, recomendábel a todas luces, cóase un erro que ten a súa graza. Nun momento determinado Pitarch escribe, ao falar da censura exercida sobre o cine polos bolxeviques: «Una censura mayor que en el teatro (un campo en el que estaban involucrados Asja Lacis y su marido Wilhem Reich […]». Máis adiante, na nota 2 da páxina 325, nota de Pitarch, pódese ler: «Bernhard Reich (1880-1982), dramaturgo, director y crítico teatral de origen austríaco. Desde 1926 vivió  en la Unión Soviética, cuya nacionalidad adoptó. Fue compañeiro sentimental de Asja Lacis. Benjamin lo conoció el año 1924 en Berlín, en cuyo Teatro Alemán trabajaba Reich. En 1925, escribieron al alimón el artículo “Revue oder Theatre” [“Revista o Teatro”]». Noutras palabras, rectifica o lapso, mais é unha magoa que este Reich non sexa o teórico da revolución sexual: sería divertido ver como Benjamin loitaba contra el polo amor dunha muller.

Despois de ler estes textos de Benjamin, sobre cuxa importancia non vou dicir palabra, introdúzome no volume dedicado a Cataluña da serie «Bibliografía y antología crítica de las Vanguardias Literarias en el mundo Ibérico», Les avantguardes literàries a Catalunya. Bibliografia i antologia crítica, volume dirixido por Joaquim Molas «amb la col·laboració de Pilar García-Sedas i Tilbert Didac Stegmann» e publicado, como todos os da serie (volumes dedicados a España, Portugal, Chile, Arxentina e Uruguai,  México, Brasil, etc.), por Veuvert-Ibétrica. Veuvert é unha editorial alemá, de Frankfurt am Main. O libro, que me custou 4 euros, consta dun Prefacio, dunha ampla bibliografía xeral e por autores (79 páxinas), e unha serie de estudos sobre diversas figuras da vangarda (sic) catalá até 1936. Dos anos posteriores á guerra civil trata o derradeiro traballo do libro: «La poesía catalana durante el franquismo: de la vanguardia poética a la poesía experimental», de Ramón Salvo Torres.

Antes de continuarmos, hai que afirmar que en Cataluña, até 1936, en que apareceron os logico-fobistas, non existiu ningún movemento, grupo ou colectivo de vangarda, mais si existiron escritores e poetas (e pintores), personalidades, que se poden denominar vangardistas: Salvat-Papasseit, J. V. Foix, Salvador Dalí, que pertenceu, como Joan Miró, ao grupo surrealista de París, Josep Maria Junoy, Joan Pérez-Jorba e outros, que tiveron unha xeira vangardista para acabar renegando dela. Algunhas das personalidades vangardistas (sic) estudadas están collidas polos pelos: Francesc Trabal, excelente novelista; Sebastià Sánchez-Juan, que non é nada; Juan Ramón Masoliver esqueceu axiña o seu inicio vangardista para pasarse ao fascismo; Josep M. Junoy, quen acabou renegando da súa xeira «vangardista» e dedicouse a escribir xaculatorias; Pérez-Jorba, outro que non é nada, ou case nada, etcétera etcétera.

Os traballos críticos inícianse con dous textos de Joaquim Molas, que nos anos 1960 era o abandeirado do «realismo histórico» ou «realismo crítico» e logo se reconverteu ao estudo do vangardismo. Se ben os seus dous textos, «Sobre les Avantguardes» e «Les Avantguardes literàries: imitació i originalitat» están cheos de información, sobre todo no que respecta a Cataluña, os tópicos repetidos durante tanto tempo sobre a ruptura e todas esas cousas enchen demasiados parágrafos. As vangardas, quizais, nunca romperon nada, só iniciaron outros modos de lectura (de ver a pintura, de oír a musica, etc). Os outros traballos están dedicados a autores como Foix, Junoy, Salvat-Papasseit, Gabriel Alomar, Francesc Trabal ou Salvador Dalí; digamos que o traballo máis informado, serio e interesante é o de Emmanuel Guigon, actual director do Museo Picasso de Barcelona: «ADLAN (1932-1936) et le Surréalisme en Catalogne» (os textos están escritos en francés, italiano, o de G. E. Sansonne, dedicado a Gabriel Alomar, o citado de Ramón Salvo Torres en español e os restantes en catalán). En fin, un volume útil pero enganoso: en Cataluña non existiron, até 1936, movementos vangardistas e o título do volume chama a engano. Por outra parte, e isto habería que estudalo a fondo, talvez moitos se chamaron vangardistas, ou usaron técnicas denominadas vangardistas, para «venderen» mellor os seus produtos. E tamén sería necesario refacermos os estudos sobre as personalidades «vangardistas» e mesmo sobre certos movementos chamados de vangarda. Segundo Benjamin, e autores que seguen a súa esteira con máis menos talento (sendo Peter Bürger un representante dos primeiros e o propio Molas nalgún intre representante dos segundos), para os vangardistas (Benjamin fala dos dadaístas) «a utilidade mercantil das súas obras de arte pesaba moito menos que a súa inutilidade en canto a obxectos de inmersión contemplativa. Esta inutilidade trataban en boa medida de conseguila mediante unha degradación radical do seu material. Os seus poemas son “ensaladas de palabras”, conteñen exclamacións obscenas e todo detrito verbal imaxinábel. Absolutamente mesmo os seus cadros, sobre todo os que montaban botóns ou billetes de tren. O que tales medios conseguen é unha destrución sen miramentos do aura das súas creacións ás que cos medios de produción marcan co estigma dunha reprodución». Hoxe sabemos que estas obras producidas polos dadaístas, e outros movementos de vangarda, cotízanse moi alto e os museos pelexan por obtelas. Noutras palabras, a pesar de que puidesen, os dadaístas, marcar co estigma da reprodución as súas obras, estas nunca foron reproducidas, polo que ao cabo do tempo esas obras nacidas para «morreren» foron recubertas dun aura novo e tan forte como as obras de arte dos séculos pasados. E o exemplo maior está nos ready mady duchampianos. Os artistas dadaístas, surrealistas ou situacionistas, ou o que se queira, nunca acabaron, nin acabarán, co aura da obra de arte: foi a industria cultural quen acabou con el… para mellor dominar. Tal é así que hoxe as vangardas son promovidas polos museos, as institucións bancarias, públicas, onde queden, ou privadas, diversas fundacións que levan o nome dalgún coñecido capitalista máis ben salvaxe cando non verdadeiro delincuente (e perdoen vostedes o oxímoro), as universidades… O que talvez as vangardas si produciron foi un maior fetichismo da obra de arte… Ou un novo tipo de aura… Ou quizais dotaron de aura a uns materiais degradados e degradantes que carecían del… Ou… mellor, deixémonos de especulacións.

Quería falar de Joaquim Molas e funme por outros camiños. Molas, xa o dixemos, foi o abandeirado do realismo crítico ou histórico nos anos 1960 na literatura catalá, e xa serodiamente reconverteuse ao estudo das vangardas. Tanto como teórico do realismo e como estudoso/teórico das vangardas sufriu e sofre unha forte contestación en Cataluña, sobre todo por parte daqueles que reivindican o legado dos irmáns Ferrater: Gabriel Ferrater e Joan Ferraté, pero logrou reconverterse e agora é considerado por moitos como un dos máis importantes estudosos das vangardas en Cataluña. Outros intentaron unha reconversión e morreron no intento, polo que tiveron que continuar a venderen o vello e avellentado produto do que eran, e aínda son hoxe, grandes fabricantes, distribuidores e vendedores. Poñamos un exemplo máis achegado a nós (aos galegos). E para ilustrar este exemplo reproducimos unha carta que se publicou nas páxinas de «Letras» de Faro de Vigo, dirixida daquela por Álvaro Cunqueiro, o 13 de abril de 1975. Unha carta importante (deixémolo en interesante) que, penso, até hoxe ninguén falou dela.

Encol dunha interpretación de Castelao

Sr. Director de FARO DE VIGO

Muy (sic) señor meu:

Son leitor asiduo e entusiasta desa páxina (ben certo que co retraso que chega aquí, a Valencia o seu xornal) e a vostede me dirixo pra rogarlle a ben publicar as seguintes liñas:

 A editorial Akal, na sua coleición Arealonguiña, acaba de publicar un folletiño de X. Alonso Montero, que se titula «Castelao» e que leva oito traballos, xa publicados antes en libros e periódicos. Nas suas páxinas o profesor lugués insiste unha vez máis na sua conocida tesis do marxismo de Castelao. As suas conclusións son mesmo abraiantes e se en Galicia se practicase sistemáticamente unha labor crítica, –e non somentes entusiasta–, coidamos que as afirmacións do Sr. Alonso Montero terían unha resposta rigurosa e clara. Porque, ¿pódese realmente, utilizando os métodos da critica literaria  de procedencia marxista –todo o discutibles que se queiran, pro evidentemente respetables cando están informados con talento–, sosteñer de ningunha maneira o marxismo, nin explícito nin implícito, dun escritor cuio pensamento político pode ser perfeitamente definido con palabras que nomean a realidade en vez de confundila? Calquera estudio que pretenda ser fiel á verdade encadrará a Castelao como o que foi: un político nacionalista xurdido das teorías elaboradas por Vicente Risco e os seus compañeiros das Irmandades da Fala, ademais de un populista, palabra esta suficientemente acreditada nas estudos políticos, e que cadra perfeitamente á raíz máis fonda da personalidade pública de Castelao. ¿Como pode ser marxista un home militante nun grupo que non chegou a formular nin un soio análisis marxista da realidade sobre a que, con vontade transformadora, incidía? De todos xeitos, si os meus informes non están errados, o día que saian á luz as numerosas cartas de Castelao que obran en poder dos seus amigos de sempre (é decir, dos seus compañeiros de fé), este extremo, hoxe tan confuso mercede a estudios desvirtuadores da realidade, quedará suficientemente claro e verase entón que lonxe andaba Castelao do pensamento que, sen dúbida como demócrata el respetou, e que hoxe, dunha maneira ben pouco democrática, quéreselle asignar.

Ao marxe de esto, coidamos que hay (sic) moitas outras afirmacións no folletiño de Alonso Montero que conviría aclarar. No traballo titulado «Comentario semiolóxico e sociolóxico dun texto de Castelao», pensamos que non aparece de ningún xeito a brillante e acreditada metodoxía (sic) semiótica que se anuncia no tíduo. Porque non abonda con facer certas alusións a palabras como «emisor», «código», «canle», etc., pra entender e analizar a obra literaria como un signo, cuia significación se desvela ao traveso dun análisis riguroso dos seus elementos estructurales. ¿Está seguro o profesor Alonso Montero de que ten algo que ver coa semioloxía un párrafo clave do seu traballo como é: «É un error crer que no eido das humanidades 2+2 son catro; a verdade é verdade de clase, de tal xeito que tan certo é cinco como tres (o catro é a idea que, ó marxe da complexidade sociolóxica da realidade, grabaron en nós os pregoeiros da Verdade, do Ben e da Beleza?»). ¿Pode, por outro lado, reducirse a complexidade dos estudios sociolóxicos a unha afirmación como a final deste mesmo traballo: «Neste affair (sic) non pode haber hoxe por hoxe neutrales: ou se está cos da cadela ou se está cos da vaca?».

Pra rematar, conviría chamar a atención sobre un párrafo pertenecente a un traballo que no seu día Alonso Montero publicara nunha revista infantil e que di así: «Castelao debe pronunciarse con diptongo au final, como irmau, chau e mau, que xa moi pouca xente escribe ao». Ao marxe de toda discusión filolóxica do problema, que sinceiramente non procede, si xa que non respetamos a verdade histórica polo que se refire á sua ideoloxía, ¿non poderíamos polo menos respetar o seu nome?

 Luis Fernández REBOREDO

(Facultade de Letras. Universidade de Valencia.)

Noutras palabras, a reconversión a semiólogo e sociólogo de Xesús Alonso Montero era, como afirmaba este Luis Fernández Reboredo, unha broma; unha gran broma – evidentemente, non tan grande como as dos profesores de literatura reconvertidos en sociólogos: os «bourdienianos» ou «bourdienócratas»–, o que facía do reconvertido un grande humorista. Na seguinte entrega daremos unha recensión que se publicou nun xornal barcelonés deste folletiño de Alonso Montero.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s