‘Soños. Arquivos. Cartas’, unha nova obra mestra de María do Cebreiro

María do Cebreiro.

César Lorenzo Gil.

Hai un ano publicaba Xerais Soños. Arquivos. Cartas, de María do Cebreiro. Un libro de poesía a mantenta fragmentario e translúcido coma o eco dun soño.

A escritora compostelá deseña este volume como unha especie de diario críptico, ateigado de citas sen explicar e iniciais. Un misterio que engarza moi ben co ton do libro, por veces profético por veces nostálxico, afincado na memoria cotiá mais coas azas estendidas do solemne, do perfecto.

María do Cebreiro consegue neste volume completar unha nova obra mestra. Afeitos estamos ao seu dominio de tres elementos fundamentais da lírica: a imaxe poética, a precisión lingüística e a fondura expresiva. Esta trepia está intacta en Soños. Arquivos. Cartas e coido que consegue outro éxito: compón unha poesía que comunica, que confesa. Desde un punto de manancial humano, dolorido pola experiencia, a autora crea unha voz que se amosa como parte do concepto literario e posúeo todo. A voz non aparece sabia nin perfecta; mais ben é o contrario. Aparece en forma de enorme cicatriz que serpentea todo o texto.

É importante a cita que abre o libro: “Tiña vinte anos e non permitirei que ninguén diga que esa é a idade máis fermosa”, do francés Paul Nizan. Xa nos vai marcando un camiño de recordo e soños, confundidos ambos nunha amálgama literaria poderosa e sedutora. María do Cebreiro é capaz de crear ao mesmo tempo unha memoria do desexo, unha elexía polo tempo ido e un breviario acugulado de sentenzas.

Soños. Arquivos. Cartas está cheo de grandes poemas, de estrofas limpas e afinadas. Mais non a base de palabras grandilocuentes senón atopando a beleza do nunca dito no visto acotío: “Unha remolacha non é unha pataca. Ábrela e sangra nas túas mans, como sangraría o teu corazón se cho arrincasen”. María do Cebreiro é quen de encontrar sentidos novos para os signos que temos diante do fociño. E o mesmo fai coa principal materia prima da que se nutre a poesía desde a saliva primixenia: o amor (nas súas caras de dor e gozo). Pódese dicir algo novo do amor a estas alturas? Pódese. A poeta demóstrao. E nin tan sequera ten que inventar novas palabras senón que se conforma con dicir con autenticidade algunhas frases que de socato deixan de ser vulgares e se converten en cantos: “Aínda penso en ti todos os días”; “A xente fala de superar a dor pero ningunha dor verdaeira se supera. Limítaste a enterrala e logo esperas a que floreza como florece a flor branca das patacas”.

Antes dicía que neste libro a voz que enuncia quere comunicar. Á parte dos outros temas, quizais máis íntimos e universais a un tempo, é interesante o papel da poesía neste libro. Como esa voz que conta vai definindo, sen deixar nunca ese ar fragmentario e misterioso, en que consiste a enunciación poética. Consellos convertidos en versos sobre a técnica, a atmosfera pero sobre todo sobre a relación entre os sentimentos do poeta e a ambición do seu texto. É moi interesante, neste sentido, o poema “G. (5)”, onde MdC asina unha carta da que intuímos se eliminaron parágrafos dirixida a unha persoa que escribe poesía. A proximidade, a cotidianeidade do contacto, case físico, entre mentora e discípula/o marca moi ben o ton do que este libro pretende ser, un pequeno manual de incertezas escrito con pulso firme malia intuírse que hai por perto unha placa tectónica ou areas movedizas.

♦ Soños. Arquivos. Cartas, de María do Cebreiro. Xerais, 2018. 73 páxinas. ♠12,50€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s