‘O anxo negro’, buscando un best-seller con conciencia

Manuel Gago.

César Lorenzo Gil.

Unha trama internacional. Ladróns de arte con zapato fino aliados coa cúpula eclesiástica para roubar pezas moi relevantes da arte galega. Unha veciñanza disposta a evitalo. A traxedia dun país incapaz de valorarse.

Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) escolleu para a súa primeira novela unha fórmula narrativa cuxos compoñentes veñen sendo: unha trama complexa, con ramificacións en diferentes escenarios xeográficos e implicacións sociopolíticas ao máis alto nivel, personaxes de diversos estamentos sociais, clasificados polos seus valores morais (bos e malos) e un desenvolvemento da acción baseado na acumulación de escenas cuxo fin é desembocaren nun desenlace (clímax) que lle dea satisfacción a unha lectura que vai engordando o interese pola obra a medida que pasa páxinas e máis páxinas (a novela ten 495). Todo isto elaborado mediante unha estrutura moi atractiva: capítulos curtos, moitos diálogos.

Mais Gago fracasa no seu intento por varias razóns. A primeira porque o seu interese pola novelística popular quéreo conxugar cunha especie de función social da literatura. Sente que ten que haber unha mensaxe, unha denuncia. Nunca sabemos que foi antes, se un proxecto de novela accesible, para todos os públicos, ou un traballo de pesquisa sobre a implicación da Igrexa no roubo de gran parte do patrimonio artístico galego que, para mellor dixestión pública, quixo o autor armalo coas estratexias da novelística convencional. E esa indefinición dana o conxunto da obra porque o texto aparece reseso, pouco natural, adubado con diversas salsas de best-seller que saben a ketchup de sobre.

O segundo problema é a incapacidade para a elipse do autor. Á novela sóbranlle un terzo das páxinas. Nunha novela, máis se se busca que sexa popular e accesible, hai que manter a raia o exceso de información, hai que darlle a quen le só aquilo que realmente ten interese. Os diálogos son insubstanciais, reiterativos, conversas baleiras que espertan o bocexo.

Pola contra, o escritor demostra que ten músculo para recrear escenas históricas con viveza, que atesourou nestes anos un cadal de coñecemento amplo e profundo que lle permite converter en temas literarios moitos acontecementos da microhistoria ou incluso imaxinar novos relatos míticos do noso pasado. Nótase seguro na técnica do relato clásico, especialmente o épico. Incardina neses momentos co mellor da nosa tradición. Os mellores momentos de Víctor Freixanes ou Xosé Miranda, por exemplo. 

♦ O anxo negro, de Manuel Gago, Xerais, 2016. 495 páxinas. ♠21€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s