A literatura e os ensinos morais

Amanda Seyfred nunha recente versión estadounidense para cinema da Carapuchiña Vermella.

César Lorenzo Gil.

Hai unhas semanas publicouse a noticia de que nun centro de ensino catalán fixeran algo así como un “donoso escrutinio de libros” na súa sección de primeiros lectores tras o cal quedaran fóra do plan de lecturas recomendadas clásicos tales como a Carapuchiña Vermella, por considerar as diferentes comisións docentes e de nais e pais que non cumpría determinados requerimentos para ser unha lectura “educativa”. Algúns dos criterios que se publicaron tiñan a ver co número de personaxes femininas na obra e nos roles que personaxes masculinos e femininas desenvolvían na trama.

Hai uns meses, a escritora canadense Audrée Wilhelmy tiña que responder nesta entrevista á relación entre literatura e moralidade cunha resposta moi interesante: “a diferenza dos contos clásicos, a miña literatura busca que non haxa ensino moral”. Wilhelmy é autora dunha moi interesante novela, publicada pola estimable editora Hoja de Lata, na que recrea o reinado de tortura de Barbazul desde o punto de vista das mulleres sometidas á súa tiranía sexual mais non desde un punto de vista vitimista ou maniqueo.

Podemos entender, daquela, que existe certa lóxica na decisión escolar de verificar a idoneidade dos contos clásicos. Se entendemos estes contos como ferramentas de socialización, se lles atribuímos un poder de educación, de definición dun xeito de comportarse e actuar na vida diaria para as crianzas, é normal que eses contidos estean baixo a vixilancia docente. A lectura, seguindo unha teoría clásica, non busca simplemente evadir a quen le da súa realidade senón aproveitar os rudimentos da propia psique humana, desexosa de imaxinar e construír mundos alleos á experiencia empírica, para ensinarnos que se espera de nós. Esta visión pedagóxica considera que todo aquilo que coñecemos nos serve para definir o que é bo e é aceptable. Na historia tradicional, a Carapuchiña valía para alertar as crianzas dos perigos de confiar en estraños. Cando nos fiadeiros xermánicos do século XVIII se contaba a historia o que se procuraba era que a rapazada soubese que calquera descoido pode acabar en inseguridade e morte, para eles e elas e para as súas familias. Naquel momento daba igual que fosen as mulleres as que preparan a merenda da avoa e que sexa un home, o cazador, o que evita a morte da Carapuchiña no último momento. Naquel tempo o estraño sería o outro, o marxinal. Que unha muller andase matando lobos polas fragas mentres un home quedaba na casa facendo filloas e marmelada.

Daquela hoxe é conveniente que se lle dea a volta á tortilla. Precisamos unha Carapuchiña que leve dúas pistolas no cinto camiño da casa da avoa? Que a avoa se empodere e lle dea unhas labazadas ao lobo? Moitas autoras xa lles deron a volta aos mitos e aos contos clásicos da Era Patriarcal (se podemos considerar que esta está nunha crise irrecuperable). Princesas que son guerreiras e príncipes que choran en público ou poñen casacas rosas. Mais, daquela, imos reducir os ensinos morais dos contos a unha loita de xéneros? É unha idea plausible pero loxicamente incompleta. E o que coido máis importante, talvez absurda nun mundo no que o proceso de socialización xa non está nin monopolizado pola familia nin pola escola senón que é froito dunha diversidade complexa, contraditoria, con múltiplas facetas e, curiosamente, un único tabú: o consenso ao redor de que o único sistema socioeconómico desexable é o capitalismo.

Se a lectura compite coa televisión, os videoxogos e os grupos de whatsapp na consolidación dos valores morais, non sería mellor emancipar a literatura dese cometido? Igual que a pintura deixou de ter valor para fixar a imaxe da realidade cando se inventou a fotografía, non debería a literatura deixar de estar sometida á responsabilidade “social”?

Non estou a falar necesariamente de que poida librarse do realismo ou de que renuncia a unha vontade de explicación e análise do mundo que nos arrodea. Só que os autores teñen que ser valentes e deixaren de pensar nos lectores como en xuíces que non os van cuestionar pola súa técnica literaria senón pola súa habelencia sociolóxica de non ofender a ninguén nin valorizar personaxes ou condutas politicamente inadecuadas.

O reto da auténtica literatura, non da ficción vinculada ao mercado, será rachar esas amarras e encontrar o seu público. Un público que ha buscar na literatura novos niveis de reflexión sobre o que somos como individuos e como colectivo. Para o mercado quedarán as novelas cuxa sinopse se pode resumir en cinco liñas, os poemas obvios que ao autor se lle ocorreron no que dura un pis, as historias de bos e malos de sempre nas que unicamente muda o papel de quen é o malo e o bo segundo a moda sociolóxica imperante. Esa ficción non literaria que copa o 80% do que se publica a diario en calquera país do mundo pode vivir na ilusión de que é socialmente influente, de que marca unha axenda de valores morais. Mais en realidade a cousa funciona ao revés. Son os outros medios de socialización os que impoñen a temática e ese mercado do libro simplemente intenta ir ao rebufo, estresado por chegar a destempo. Non foi a saga de Grey a que descompuxo a fantasía sexual das mulleres maiores de 40 que estaban cansas da postura do misioneiro senón ao revés. Para cando se publicou o best-seller de E. L. James varias enquisas feitas nos EUA xa afirmaban que aumentara exponencialmente o consumo de pornografía por parte de mulleres desas idades.

Iso non significa que a literatura de calidade teña que ser intrascendente ou minoritaria. É máis, debería aprender da ficción comercial como dar resposta a pulsións que si existen na sociedade. Xa será mérito do autor que na inevitable pugna entre imaxinación, literatura e socioloxía, non gañe esta última.

2 comentarios en “A literatura e os ensinos morais

  1. En calquera caso, toda lectura de quen está sendo educado para desenvolverlle todas as capacidades debe acabar nunha comprensión global que inclúe reflexións, incluídas a ética e a visión feminina da historia. E isto si que axuda a facer persoas críticas e libres a través da lectura literaria.

  2. Eu creo que a dimensión moral forma parte intrínseca da vida emocional e intelectual dos seres humanos. Emitir xuízos morais é tan imprescindible e inherente á vida social como practicar a reflexión lóxica. ¿Existe a amoralidade? Creo que non existe a amoralidade do mesmo xeito que non existe o apolítico. Abstermos de facer un xuízo moral dunha determinada conduta é tamén unha postura moral, do mesmo xeito que non intervir ou manifestarse politicamente na sociedade constitúe un acto político.

    Historicamente, as obras artísticas adoptaron diferentes funcións; de representación (de imaxes, conceptos, teorías) , de expresión, ou de pura exploración formal e goce estético. Non creo que debamos pretender limitar a arte a ningunha función concreta; creo que hai cabida para todo tipo de obras que perseguen diferentes fins, ou que non perseguen fin algún. Obras literarias que adoptan unha postura moral de amoralidade, obras literarias que exploran a complexidade moral e os conflitos que agroman nas sociedades humanas, algúns deles irresolubles …O máis interesante desde o meu punto de vista é fuxir da sinxeleza maniquea …

    Do teu artigo parece desprenderse a idea de que a calidade ou a beleza dunha obra artística radica exclusivamente nos seus aspectos técnicos e que debería xulgarse exclusivamente en relación a eles . Non estou dacordo. Loxicamente, cada arte require o dominio dun conxunto de aspectos formais básicos e esenciais para poder practicarse, e moitas obras poden ser sublimes só ou principalmente polos seus aspectos formais; pero outras principalmente por aquilo que son capaces de expresar, e outras principalmente por aquilo que representan. E “aquilo ” que representan pode ser un feito, unha idea, ou incluso un conxunto de valores morais…Hai unha estética non só das formas, hai unha estética das ideas abstractas, e por suposto a ética tamén ten a súa dimensión estética…

    Isto quere dicir que unha obra artística pode ser xulgada en todas estas dimensións; formal, expresiva, e tamén, por suposto, moral…Podemos pedirlle valor ás autoras para non pensar no público cando escriben e atreverse a explorar contidos e condutas que poden xerar rexeitamento moral; o que non deberíamos desde o meu punto de vista é pedirlle ás lectoras que prescindan de analizar a dimensión ética dunha obra literaria, porque esta dimensión forma parte da obra artística, do mesmo xeito que as ideas e aspectos técnicos que a conforman… Que creen as artistas libremente; pero que aturen, ademais dos xuízos “técnicos”, os xuízos “morais”

    (Resúltame curioso, porque para min o máis destacable do conto da Carapuchiña non son os roles históricos de xénero patriarcais, se non o papel ético histórico como encarnación do mal que ocupa o lobo no imaxinario social das comunidades campesiñas europeas. Podería parecer necesario e evidente que xogara este papel “maligno”, pero existen comunidades campesiñas africanas na actualidade que non só conviven cós crocodilos máis grandes e perigosos que existen, se non para os que o crocodilo é o gardián da súa comunidade. Diferentes contextos , diferentes consideracións morais de animais veciños potencialmente perigosos; non dá a análise sobre dimensión ética da Carapuchiña para diversas e interesantes reflexións?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s