Auga durmida

A Véra, siempre a la verita tuya hasta el día en que me muera.

“A pasaxe como templo de Esculapio, sala termal. Paseo terapéutico (as pasaxes como salas termais en desfiladeiros, como en Schuls-Tarasp).

Libro das pasaxes. W. Benjamin

“Apesar do frío, das nubes, da chuvia e o vento, e mesmo dalgunhas folipadas, Nabokov fruíu ese mes de xullo de 1965 que pasou en St. Moritz. Cando o ceo despexaba, a paisaxe e as bolboretas eran espectaculares. Nas abruptas abandas do Alp Grum, cobertas de lirios dos Alpes, cazou unha Aphantopus lyperantus local con faixas amarelas moi rara, o cal fíxolle ceibar berros e chíos de alegría”…”A mediados de agosto (de 1966) regresaron a Suíza, onde pararon no Grand Hotel e Kurhaus de Bad Tarasp, na Engiadina”.

Vladimir Nabokov. Os anos americanos. Brian Boyd

Emigrantes galegos en Suíza.

Bieito Iglesias.

Malia levar desde a pía baptismal un nome alusivo aos canteiros, Acisclo Camafreitas presumía do seu mester de ebanista. Alá no seu remoto país de orixe (o espazo-tempo empezaba a comprimirse cos comboios e aviós, por non falar da edición aérea de La Zarpa que chegaba a aquelas serras alpinas, pero así e todo el flutuaba nunha conciencia cosmonáutica das distancias) fixera mobles de castiñeiro nun estilo salomónico máis retorto que sabio e aquí defrontábano con angueiras insultantemente sinxelas tales como construír pontellas en duras madeiras montesías. Esta xornada en particular resultara especialmente humillante desde que o chefe, herr Röntgen, o apeara do seu carro todo-camiño naquela granxa na abanda do monte, coa encomenda de encorpar en táboas un misterioso plano deseñado no envés dun prospecto que publicitaba o hotel Belvedere. Deseguida saíra da casa de campo un señor co labio decaído por causa do peso dun formidable cachimbo que difundía picantes borreas e sinaláralle o espazo -un resío ao pé dunha palleira- onde debería alzar a traza contida no mapa.

Tardou unha hora en descifrar o que se lle pedía e, cando chegou a unha conclusión firme, aínda demorou a tarefa un bo pedazo paralisado pola dúbida. Durante estas meditaciós perdía a vista nas redondezas, na vila de St. Moritz distante algún quilómetro e no lugar que o rodeaba polo que pasou un paisano con dous bois xunguidos a un carro. O fumador do labio decolgado explicou en romanche que xa non se usaban ese tipo de veículos desde 1955, pero ao parecer aquel viciño era apegado ás cousas dantes, un atrasado. Logo aceneou cara á carruaxe e pronunciou palabras que querían describilo, a Acisclo soáronlle as laitras, as chadainas, e a clavigliola, pois capaz que fosen ladrairos, chedas e chavella. Prendeu varios cigarros seguidos pra competir co cachimbo do petrucio e veulle ao acordo un compañeiro de cando empezara de aprendiz no oficio cunha paga de seis pesetas á semana (acariñaba a utopía de mercar un abrigo que custaba seiscentas), aló nun galpón sempre abafado pola polvoeira da serradura. Aquel colega tiña moitos fillos e tiña o vicio de fumar, pero daba unha chupadela e apagaba a fin de que o cigarro durase toda a xornada. Os nervios tiraban polo fume apesar do efecto calmante das folipas de neve que caían intermitentemente desde que rompera o día. Aí polas dez escampou e unhas lanceiras de sol mornearon a terra ladía. Arredor da granxa había prados que cedían máis arriba diante da mancha dun bosque de coníferas. A herba entremeábase de flores que chamaban polas bolboretas e os ollos descansaban no espectáculo dunhas cores espetadas na terra e doutras que voaban por riba. Pola costa subía un señor armado cun trebello de cazar esas volallas coloristas, que saltaricaba comicamente propinando zafanazos coa rede. Ao Acisclo pegoulle a risa malia que estaba cheo de ver individuos excéntricos desde que viñera á Engiadina, por caso a tudas-chs solitarios que arrecadaban caxato e gueipo de viandas pola mañá ben cedo e saían a montear sociños endeica a noite. Por fin a coraxe daquel tipo vedraio e gordotiño que desafiaba o ridículo entregándose a irrisorias cazatas, impropias dunha paraxe onde se lle tira ao cervo, ao corzo e á camurza, encheuno de valor e decidiu que o plano trazado no folleto do hotel Belvedere era o que parecía: un galiñeiro.

Escena rural na Engiadina, foto publicada no libro Dal gran al pan de Jon Bott, ed Grammeter Druck Scuol.

A mediodía, cando parou pra mougar un bolo preñado cun bisté (lembrouse ao rillar o primeiro bocado do seu pai labrando postes nun coto de penedos e da nai que lle levaba de xantar un canado de leite e un cartolo de pan centeo) xa endireitara dúas paredes da cerra de taborelas. O petrucio surtiulle coa sobremesa -unha copa de augardente- e semellaba contento co labor de carpintería, tanto que desatou a lingua e recitou o que Acisclo tomou por poesía baseándose no verso que el propio botaba de meniño no adro da igrexa. O grisón moveu o vaso de grappa e dixo: Flurinas in tuottas culuors stendan our lur choïns, utschlins e scarafags as laschan udir, perfin l´ovel chaunta sa veglia chanzun. O carpinteiro proferiu algunha palabra en romanche pra agradecer a copa (bellezza, bellas manzinas d´fluors, miraculus, etc) e reatou o traballo con renovado arxil aínda que no curso da tarde tería que velarse das rociadelas de auga fría. O frío corríao estribillando coas ferramentas pero as chuviscas amolábano por encontralas fóra de sazón no mes de Santiago e porque o seu cerebro réptil permanecía no nicho ecolóxico orixinario onde tales inclemencias ficaban atrás, no marzo marzán.

Á noitiña estaba a cerca do poleiro rematada, coa súa porta e o seu pecho taravelo a imitación do usado nos cortellos dos lares nativos do Acisclo. Nesa hora empezaron a pasar rabaños de vacas de capa cinsenta, abalando o escurecer coa música das chocas, e os pastores deron en congregarse arredor do galiñeiro, trecoleando e braceando cara o taravelo descoñecido naquel país. O carpinteiro viviu un momento de triunfo, ben se pudaiva allegrer porque amais era venres, cando chegase á chasa na que moraba (unha corte de cabras que lle alugaran na vila de Scuol) encontraría a Áurea cos preparos da cea e durmiría acompañado. A muller traballaba na lencería do Palace de Tarasp e paraba no mesmo hotel a mantido e con direito a cama nos días soltos, pero sábados e domingos xuntábase o casal e inclusivamente reunían na súa palloza unha boa tropa de inmigrantes conterráneos dispostos a papar un sucedáneo de cocido e a criticar o colega italiano que cada dous por tres se declara stanco. A canseira transalpina era severamente censurada polos transterrados da Galleira, un país de servos medievais afeitos a baixar o lombo de sol a sol. Cando pasou a recollelo o todo-camiño de herr Röntgen, Acisclo chimpara varias copas e mesmo probara o cachimbo cedido polo seu empregador. Afumado como ía, reconciliouse con aquel xullo destemperado, sentiuse cómodo no papel de aventureiro alpino e ideador de arquitecturas pra gillinas. O petrucio deulle unha ducia de övs e despediuno con afectuosos cocococo e kikeriki.

Esquío rillando nunha noz.

 

O tomavistas exhibía unha decena de imaxes tópicas, as preferidas de Deolindo eran unha chega de cervos escornándose, unha ringuileira de telecadeiras en ascenso pola serra branca e un esquío outeando desde a póla cunha noz entre as patas. Nunca vira cervos, esquíos nin estaciós de esquí. Pousou o xoguete panorámico no mesado da cociña e pensou en como entreter a tarde. Nos eidos da contorna retirárase onde ela ía a fauna medieval de cérvidos, esquíos e porcos bravos pero aínda podía ver aniñadas de paxaros. Cando abriu a porta vidreira e surtiu ao corredor, enredou os ollos na revoeira de anduriñas que portaban o cibaño aos niños do beiril do tellado. Nese momento achegouse a avoa coa encomenda de que fose á tenda do Fabas por unha lata de aceite La Giralda e máis unha de doce de marmelo. A súa merenda dependía desta última encarga pero amargáballe facer mandados de modo que propuxo substituír o marmelo por morogos e leite recén munguido. A vella insistiu e Deolindo botouse ao camiño fociñudo e rosmando polo baixo.

A rota partía do campo da aldea, descorría entre cortiñas e chegaba a un cruce sinalado por un eucalipto ornamental, á esquerda continuaba a corredoira poeirenta (no inverno amolecía co bulleiro ou endurecía coa xiada e o lazo dos charcos) e á direita saía un carreiro entre viñas. Foi este atallo o elixido e deseguida avantou un portelo cun chamativo cirrichote de sangue barnando a pedra. Pensou nalgún crime, en relatos de bandidos que despoxaban camiñantes nas memorias dos vellos e en duelos librados no ecrán os domingos cando facía esta mesma andaina pra ver un capítulo d´O Virxiniano no televisor do Fabas. Aos dous ou tres pasos, entre vides con acios que aínda non querían pintar, reparou noutra pingueira de sangue a tintar o sendeiro, sentiu un laio e coas pernas tremendo apartou as follas dunha cepa de uva garnacha. Alí estaba o Palanquín, viciño de porta con porta e moi faladeiro cando estaba sobrio. Naquela hora apenas revolvía a lingua pra explicar que tropezara no portelo de regreso da taberna.

–Xa vin que sangrou como un carneiro– certificou o rapaz.

–Iso non é nada –protestou a voz gaga–. Habías ver as carnificinas que eu vivín na guerra.

Deolindo temeu que lle volvese contar de cando varrera un fato de falanxistas na frente de Aragón. Obsequiáraos con fogo amigo inantes de asaltar os parapetos hostís porque pasara fame e amolábano aqueles conmilitós relambidos que chegaban ao campo de batalla ben mantidos e cantando. Por sorte o Palanquín non estaba pra lerias, pediulle que o soerguese e que o auxiliase pra avantar o valado, como así fixo despedíndoo con alivio. Non bateu con máis obstáculos na rota cara a tenda que viña sendo tamén taberna, de facto había aínda xogantís de dominó golpeando as mesas de mármore cando se achegou ao Fabas pra solicitar as latas da encomenda. Sobre o mostrador abríase un exemplar de La Zarpa e folleouno encanto esperaba polas mercadorías. Ministros na Coruña, bombardeamentos estratéxicos no Vietname, o Real Madrid de xira, oitenta e seis paquistaneses mortos en Caxemira e vinte e nove baixas das tropas indianas, desastrosa colleita da URSS, café-bar Alongos selectos vinos del Ribero, selección de las gallinas ponedoras por el método Hogan, Se necesitan empleadas para puestos reguladores de huevos, La ventilación de los establos, Lo que nos destruye una rata en un día supone más dinero del que nos cuesta matarla, Raticida Ibys…

Á saída da tenda viu o Grilo Branco guiando habilmente un aro polo torreiro, manexaba o guiador con pericia e trazaba revoltas entre as árbores do campo. Era dos maiores da escola, un palandrán co que nunca brincaría de non verse no impasse das vacaciós. Mostrouse prosmeiro e convidouno a guiar o aro de entrada pra axiña escavar unha foca e propor unha partida de bólas. El lanzou unha esfera de betas azuis e ao Deolindo emprestoulle outra con aspecto de ollo grolo inxectado de sangue. A bóla do Grilo caíu e parou a vinte centímetros da foca, no entanto a vermella aterrou no burato. Non tivo máis que medir unha cuarta desde a pociña e proxectar a canica co cotobelo do polgar, acertou no iris celeste e meteu as dúas esferas no peto como trofeus xustamente conquistados. O Grilo Branco case alzou o rabo de alacrán, pero dominouse e sacou unha pelota de detrás dun carballo. Botouse a sortes e tocoulle a Deolindo apandar na porta (entre dous troncos facendo de postes), sufriu un gol imparable de tiro esquinado e detivo a segunda penalidade con soberbia estarrica. Pasou a chutar el batendo tres punteirolos polo medio e medio da meta que entraron tras rebotar na cara e no corpo dolorido do porteiro. Dixeriu esta segunda derrota como pudo e aceneoulle pra que o seguise a un pendello da súa familia onde gardaban apeiros de labranza. Alí furgou debaixo dunha albarda e extraeu unha chocolatina envolta en papel verde brillante, retirou este primeiro envelope e un segundo en papel de prata e fixo amago de levala á boca sen ofrecerlle ao conviva. Deolindo pousou as latas no chao e exclamou:

Nabokov cazando bolboretas en Zermatt, xullo 1962, foto publicada no libro de Brian Boyd Vladimir Nabokov los años americanos (Ed. Anagrama)

–Mira que hai no teito!

Ergueu a vista un segundo, o bastante pra que o larpeiro lle arrebatase a chocolatina da pouta e comese a metade dunha dentada. Diante do seu aceno pampo, completouse a rima:

–Hai un ratiño co rabo direito.

Trabouse unha boa rebimba e o rapaz maior mallou no máis miúdo. Deolindo perdera a loita, pero sacudiu as roupas (calzas vaqueiras e camisa azul nanquín) e abandonou o campo dos desafíos con aceno triunfal. Despois tivo o mal acordo de deixarse tentar polos innumerables labios vermellos que lle enviaban beixos desde os ramos dunha cerdeira. Agatuñou polas pólas e comeu tantiñas cereixas antes de verse importunado por unha ameaza:

–Baixa ou fúroche a lata de aceite!

O Grilo Branco apuntaba á Giralda estampada no latón amarelo cunha escopeta de aire comprimido. Cando desceu, aquel becerriño desviou o punto de mira cara a súa cabeza. Un paxaro saíu da cerdeira en voo descentellado, como se ventase o perigo daquela escena túrbida, e Deolindo quixo desarmar a ira cun estribillo infantil:

–Merlo pinto pon cinco, merlo pedrés somente tres.

O outro non amoleceu e mesmo se viu aguilloado pola voz medrana da súa vítima.

–Téñote apuntado e estás comido do gurrufello como non obedezas- alardeou, e logo guindoulle unha mazá colorada xunto cunha orde terminante- Pona enriba da cachola!

Comidas do morrión están as plantas cando non se protexen con codesos como el ben sabía, engradábanlle os ollos igual que ás vacas cando comen as cimas do millo e contodo foi quen de avistar un tanque que deitaba auga ao lonxe, na caída dunha regata. Aquela mina fora aberta polo seu avó e polo seu pai cando este era aínda rapaz. Papá Acisclo tíñalle contado que primeiramente a auga encoraba nunha barraxe de terra furada cada dous por tres polas aguaneiras. O barro substituírase con cemento e o tanque seguía regando os tarreos, el propio acudía ás noitiñas a esborrifar cun cazo de rabo longo aquela auga durmida sobre os chícharos plantados en venres pra que non os comesen os gaios.

–É pra hoxe ou pró ano que vén? Pon a mazá na cabeza ou acértoche nun ollo.

Viu o cano endireitado aos seus ollos, colocou a fruta onde lle mandaban e así logrou desviar un chisco o punto de mira. O Grilo Branco esgallou as pernas e apuntou concienzudamente, pero entón oíse o vozarrón dunha méndiga que se achegaba cunha vara ergueita e o rostro rubio, descomposto.

–Deixa o neno en paz, golfo, que levas unhas lombeiradas!

O Grilo alandillou e Deolindo ollou con agarimo a aquela marimonda. E con ternura evocou a voz da súa nai que lle falaba desde o pasado ou desde un hotel entre barroncas coas xanelas adornadas de flores:

–Pobre Remedios, descalza de verao e inverno, sempre mal aviada. E durmindo arrimada ao forno, vale Deus que nunca pegou o lume nela.

Imaxe do hotel Carlton, en Sankt Moritz, Suíza.

 

A mañá estivera despexada e, despois de horas na lavandería e repasando roupa branca, encontrara un momento pra estarricar as pernas cun paseo polos arredores matizados por estreliñas brancas entremeadas no panasco. Sentou na herba algo húmida e sentiu as cóxegas dos lirios nas pernas liberadas dos panties de la grosa que gastaba a maior parte do ano. Estábase a dazaseis de agosto e Áurea lembrou as merendas camponias na festa de San Roque, as costeletas ben pasadas, as pavías e rosquillas caleadas de azúcar. Acordábase ben de bailar o repertorio de Irma Vila apesar de que Acisclo era unha toupa danzando. O home non se afai na Suíza pero ela é feliz, acó descubriu o labio doce do italiano e a calefacción central. Pasaba máis frío nos invernos de aló que nas piores nevadas de decembro cando toda a Engiadina desaparecía baixo un cobertor de silencio. Percibía un salario equivalente ao dun catedrático da provincia natal, lavaba ou cosía sen ter que ocuparse de ningunha outra angueira e cada fin de semana acudía ao rocho de Scuol pra darlle aulas particulares ao marido, empeñada en que dominase polo menos un dos idiomas do país: “Di comigo cara, ti voglio tanto bene”. Na lencería do hotel atopara un xineceu semellante ao obradoiro de costura aldeao, con parecidos ruxe-ruxes e coas series da cadea televisiva do Ticino no canto das radionovelas. Desprendérase en boa dose da fardica pasadista e desmentía a idea de que a ventura está profundamente ensopada no aire que respiramos entre persoas que viviron sempre connosco. Certo que lamentaba ter deixado un fillo de poucos anos cos sogros (preferiría encomendarllo aos seus proxenitores pero a escola ficaba máis próxima á morada dos pais de Acisclo), no entanto compensaba esa esgazadura comprándolle roupa ou xoguetes e empetando pra garantirlle un porvir. Sacouna do ensoño unha refoleada de vento que anunciaba tronada, encamiñouse ao balneario de muros cor pastel (a tonalidade de confeito destacábase baixo a luz tormentosa) e, tras pasar polas cociñas pra comer un prato de polenta, ocupou unha hora morta en meterlle a un vestido folgado demais. O vindeiro sábado celebrará os dez anos de casada, co Acisclo e media ducia de viciños como eles mobilizados polo Instituto Español de Emigración. Os lostregos acométense na cima dos montes ermos e os tronos estremecen o desfiladeiro que protexe o hotel-balneario, pero non a amoucha a tempestade porque pensa no vestido branco que ha lucir nesas segundas nupcias, tan distinto das galas escuras, festivas pero lutuosas, que ensina nos retratos de voda. Entre os usuarios do dialecto materno de Áurea, os tronos asócianse a pisadas divinas dunhas xigantescas chancas ferradas con chatolas, pero ela rememora foguetes esboirando nun ceo que ferve de estrelas e ao su pequeno perseguindo as varillas chamoscadas do folión de San Roque.

Completou a xornada gobernando albornós descosidos na basta ou no sobrazo e foinos levar aos baños. Na sala termal cruzouse cunha parella que vadiaba en torno a unha piscina atestada de bañeses e o home, un pelado de porte señorial, dirixiuse en estraña lingua á muller aínda belida, cun rostro de artista moldurado polo algodón dunha doce manela. Se Áurea soubese eslavo escoitaría algo parecido a isto: “Un baño peludo e viscoso, a auga avolta da mediocridade… o traballo en equipo”. Á tardiña había sarau e a señora Narina, gobernanta que vixiaba as tarefas, pediulle que axudase no servizo dun banquete con música ao vivo. Foi á cociña, apañou unha bandexa con ensalada de leituga (imitábase á leituga dos marraos que na súa terra reservaban prós cebotes) e endireitouse ao comedor. No instante de ela entrar, unha soprano atacaba esta estrofa:

 

Ninna nanna, mio figliuolo!

Ninna nanna, occhi ridenti!

Canta, canta, rusignolo,

che il mio bimbo

s´addormenti!

Fresche rose, gigli aulenti

ne la culla è il mio figliuolo.

 

A bandexa coa leituga dos porcos frascouse contra as baldosas do chao.

Non quería sonear na sesta pero os vellos obrigábano a facer que durmía. Retirábase á alcoba e arrebollábase no xergón, aínda que por sorte a luz dun ventanuxo permitíalle brincar ou mesmo ler. De ordinario mataba o tempo cun xogo da oca, desdobrándose en dous contendentes en figura de lentellas, amarela unha e verde a outra, que abalaban alternativamente no barrilete. Porén estes días contaba cun brinquedo máis excitante: un libro tamaño folio, de tapa dura e branca, con deseños ilustrativos cada tantas páxinas. Trouxéranllo os Reis Máxicos na visita correspondente ao ano 1966 (coincidía que a mamá estaba na casa, revezábase co pai pra coller vacaciós cadaneiras: Acisclo viñera no Natal do 1965) e contiña aventuras de James Bond. Aquela sesta, inantes de que o levase o sono, estivo tomando un Campari na vía Veneto, á beira dun paseo e dun Alfa Romeo descapotable estacionado.

Espertouno o avó pra que subise á figueira, o vello gustaba dos figos aínda verdes, contradicindo a Deolindo que os prefería xa espapallados de maduros, reducidos a puro mel. Agatuñou cun cesto, fixo equilibrios nas pólas crebadizas e emitiu o berro de Tarzán. Na atmosfera límpida de agosto sentíanse ruídos lonxíncuos: o folión dalgunha festa, os esborrecos dos touros sementais que tiñan os seus momentos de bravura malia estaren presos polo narigón nos currais do Pazo de Fonte Felice. Sumouse a esa pastoral rústica co arremedo do tipo en tanga que saltaba polas árbores de correola en correola. Facía este número moitas veces subido a un pradairo do patio escolar, a fin de seducir as raparigas que xogaban ao tello nos recreos. A falar verdade pretendía encalatrar só a Carmiña, unha loura alta de cabelo fráxil como de mazaroca de millo e maos perennemente avermelladas e frías. Aquela ave pernalta case levitaba saltaricando sobre o debuxo trazado na terra cun guizo empós dun anaco de tella que empurraba cara o salón da vitoria coa vira dun zapatiño cor medianoite.

Cando a mamá veu de vacanza, preguntou se lle chistaba algunha nena da escola e o inocente confesouse devotado da Carmiña. Entón a nai, no italiano que se lle apegara na Svizzera, cantou Non ho l´età e explicou que o Papa parabenizara a Gigliola Cinquetti por aquel purísimo suceso musical. Meses despois tropezou Deolindo co retrato de Paulo VI entre as páxinas da Enciclopedia Álvarez e non pudo evitar un arroto de antipatía por Giovanni Battista Montini.

O avó dispuxo a endeita da tarde e pediu que o acompañase a un eido de millo xa rendado pero tamén sedento e a piques de agulletar, de enrolar as follas en picos á moda das plantas do deserto. Chegaron á leira e o vello empezou a turrar da vara dun guindastre, afondando no pozo un caldeiro xa amolegado prendido na punta do pau e deixando logo que o contrapeso do aparello alzase a auga que vertía na terra reseca. A misión de Deolindo consistía en deseñar unha rede hidrográfica que abranxese a maior extensión posible do milleiral. O pozo non tiña moito depósito e os fortes brazos do petrucio baleiraban caldeiras a bo ritmo, de modo que a rega duraría pouco. Tal limitación impedía pensar en complicadas tramas de afluentes, pero guiouse pola xeografía fluvial do mapa de América pendurado na parede da escola xusto á beira do pupitre da Carmiña. De tanto endireitar a ollada cara á figura da meniña, coas súas tranzas douradas destacándose sobre o mandelete a raias brancas e verdes, memorizara a bacía amazónica. E así foi que replicou no eido de millo o curso do Amazonas entre Macapá e Manaus, desviándose logo ao norte polo río Negro endeica a raia de Venezuela e volvendo ao cauce principal pra abrir co rodo un río Madeira que estiñou no territorio de Rondonia. Concluído o traballo de enxeñeiro de canles, Deolindo ascendeu a un altoeiro desde o que se divisaba o val dilatado ata as serras orientais. Afinou o oído pra captar voces de pegureiros, latidos de cas, chíos de paxaros e de nenos. Dunha aldea abismada entre amieiros subía o balbordo dun concerto de estribillos típicos da brincadeira infantil. Entón púxoselle un punto no peito, doeulle recoñecer a voz de Carmiña porque el estaba excluído daquel coro.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s