Así se escollen os premios da Gala do Libro

Figuriñas de Rosalía, único premio material dos gañadores na Gala do Libro.

César Lorenzo Gil.

A Gala do Libro Galego celebrouse en Compostela, como de costume, no mes de maio, o mes das letras. Desta volta a festa caeu o 11 de maio, o sábado anterior ao 17. Estes premios están convocados en conxunto pola Federación de Librarías Galegas, a Asociación de Escritoras en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras.

Repartíronse once premios a obras publicadas no 2018, tres recoñecementos a traxectorias en distintos ámbitos culturais e tres premios honoríficos. Unha vez coñecidos os gañadores todos os anos nacen suspicacias, queixas, teorías conspirativas… Como dicía un escritor na propia gala, nestes eventos “sempre hai que levar unha alegría moi grande cando te premian e dicir que por fin se fixo xustiza ou dicir que os premios xa están dados e que sempre gañan os mesmos se marchas só cos pintxos para a casa”.

Malia haber certa aura de misterio, os premios da Gala teñen un sistema de elección sinxelo. Nos primeiros meses do ano, cada un dos colectivos pregúntalles aos seus socios (entidades e persoas segundo cada caso) polas súas preferencias en todas as categorías que se premian (non nas honoríficas, que defenden das propias directivas). Non hai guía e cada libraría, autor ou editorial pode presentar as candidaturas que queira sempre que cumpra co requisito de nomear unha obra publicada no ano anterior á gala. Este sistema pode motivar casos curiosos como que Rinoceronte ou Baía, por poñer dous casos de editoriais cunha produción anual cuantitativamente importante, non tivesen ningunha obra entre os finalistas. As cifras de participación nesta primeira sondaxe non se publican, o que ben pode significar que son baixas. Este dato podería explicar por que unha mesma obra acaba competindo en máis dunha categoría, unha anomalía tendo en conta o elevado número de obras publicadas. É discutible tamén que no caso de obras nas que colaboraron varios autores na creación do texto e das ilustracións, a organización diferencie as autorías segundo o premio ao que aspiran. Por exemplo, Antonio Manuel Fraga gañou pol’O bestiario científico de Anxos Nogueirosa un premio que non puido compartir co ilustrador da obra, Vítor Rivas, que si era candidato na categoría de mellor obra ilustrada polo mesmo título. “Se a organización considera que ese é un libro ilustrado, non debería premiar ambos os autores?”, obxectaba un experimentado ilustrador ao finalizar a gala.

No caso das editoriais hai unha segunda rolda de votacións xa que na primeira, en realidade, cada empresa presenta as súas obras nas categorías que cre convenientes.

Con todas estas votacións, as tres asociacións presentan a listaxe de finalistas, que polo xeral conta con cinco obras ou iniciativas por cada categoría.

É entre estes finalistas que decide un xurado. Este ano este xurado estivo composto pola crítica literaria María Xesús Nogueira, o xornalista cultural Camilo Franco, o libreiro Antonio Fernández Maira, a novelista Elena Gallego Abad, o poeta e profesor Román Raña, Pilar Sampedro, dinamizadora cultural, e o ilustrador Kiko da Silva. Curiosamente, algúns dos xuris, caso de Da Silva, Franco e Nogueira, non estiveron presentes nas deliberacións de banda deseñada, xornalismo cultural e poesía, respectivamente, o que choca co feito de que se podería considerar a especialidade de cada un deles.

Nesta edición, os resultados finais, máis alá da diferenza de criterios sobre os méritos de cada obra gañadora, marcan o fin da hexemonía das dúas grandes tradicionais do panorama editorial galego. Xerais e Galaxia só obteñen dous premios cada unha (aínda que os de Galaxia son en poesía e narrativa). E confirman que arestora é Kalandraka a grande editorial do país. Gaña catro premios de once. Os demais foron para selos pequenos, dos varios que publican en galego e que naceron na última década. Quizais algún xa non exista na edición do 2020.

Todos os premiados

A lista completa de premios foi a seguinte:

Narrativa: Natura, de Iolanda Zúñiga (Galaxia).

Poesía: Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Galaxia).

Ensaio e investigación: Común temos a patria, de Emilio Insua e Xurxo Martínez (Xerais).

Divulgación: Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón).

Tradución: A señora Dalloway, de Virginia Woolf, traducida por Celia Recarei (Irmás Cartoné).

Banda deseñada: O puño e a letra, con textos de Yolanda Castaño e ilustracións de varios autores (Xerais).

Libro ilustrado: Man de Camelle, de Carme Hermo (Kalandraka).

Libro infantil: Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka).

Libro xuvenil: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga (Urco).

Teatro: Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka).

Iniciativa bibliográfica: Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka.

Libro mellor editado: Seis poemas galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos).

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.

Traxectoria de proxecto literario na internet: Brétemas, de Manuel Bragado.

Traxectoria de xornalismo cultural: Luzes.

Escritora galega universal: Maria Teresa Horta.

Premio honorífico á edición: María Xosé Queizán.

Premio honorífico das librarías: Antonio Fernández Maira.

Advertisements

4 comentarios en “Así se escollen os premios da Gala do Libro

Deixa unha resposta a Pilar Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s