‘O exército do fume’, fazañas bélicas na busca de público

Manuel Gago.

Xesús González Gómez.

«Na súa segunda novela, Manuel Gago mergúllase nun poderoso relato de acción no que se mesturan a historia, a lenda e a ficción. Unha novela sobre esquecidos heroes anónimos que non saben que son tal. Cando dúas guerras se xuntan, o futuro do mundo está en xogo», lemos na contracapa. O das dúas guerras vén explicado, tamén, na devandita contracapa: «Principios de 1942. Galicia vive dúas guerras ocultas ao tempo. Na costa, nazis e aliados combatendo mar polo dominio do Atlántico. No interior, a resistencia enfróntase teimuda ao poder de Franco, ata que todo se cruza». E aparecen mestras a facer de espías, guerrilleiros que se enfrontan ao franquismo e a outros guerrilleiros, o MI-6 británico, espías nazis, un «pintor de océanos», etcétera: por variedade de personaxes non queda a cousa. E para que a cousa non sexa sinxela, misterio sobre misterio: un gran segredo sobre a familia da mestra…

A novela que argallou Manuel Gago é, simplemente, unha novela de aventuras. Ou, se se prefire, unha novela de «fazañas bélicas», que penso que é o que autor quixo construír, sen máis, a pesar de que introduza nela actos, accións e pensamentos políticos que se se lle quitan deixan a novela igual que está: non variaría nada, así que esquezamos neste rápido comentario calquera «valoración» política; ou a intromisión da política no comentario.

Novela de aventuras, afirmamos, pero o erro que comete o autor é que crea unha atmosfera demasiado inxenua, que consegue, demasiadas veces, que o lector pense que está a ler un guión de debuxos animados dobrado dunha novela con política: incidentes, caídas, amoríos, intrigas dentro das intrigas, un algo de sexo… e demasiadas trampas agachadas son o contrapunto dun argumento sinxelo que o autor, intelixentemente, consegue facer aparecer como «revirado» ao introducir personaxes que aparecen e desaparecen sen que o lector lle dea importancia ningunha a esas desaparicións, como non lle outorga importancia ningunha á omnisciencia do autor/narrador, que coñece todos os nomes e apelidos dos seus personaxes, mesmo só sexan «extras» (no sentido cinematográfico da palabra), aínda que ten a ben dosificar ese saber e só dá eses nomes cando lle peta: os dos aviadores da RAF, por exemplo, cuxos nomes non veñen a conto, mais iso tampouco, o que non veñan a conto, ten ningunha importancia. Outro dos elementos que usa o autor para dar a impresión de que creou unha trama complicada é narrar mediante capítulos máis ben curtos que se desenvolven en distintos tempos sen seguir un curso lineal. Mais o importante para o autor, e talvez para o lector afeito a este tipo de textos, é que todas as casualidades cadren –como cadran– cunha vontade demasiado matemática (como, por exemplo, a do «pintor de océanos», que non é outro que Urbano Lugrís, cuxa importancia no desenvolvemento da novela é nula) e uns personaxes de reaccións superficiais, a pesar de que os diálogos, e a intervención do autor (nada de voz narrativa), se empeñen en mostrar e ensinar unha conciencia política e social e uns detalles elementais de sentimentalismo e erotismo que en realidade están para o que están: encher baleiros.

Como adoita acontecer nas novelas desta clase (de aventuras, subxénero fazañas bélicas a que se lle agrega unha parte do subxénero de espionaxe –ou viceversa: elixa o lector o que máis lle agrade ou o que lle pete), os personaxes son todos dunha peza aínda que poida aparecer algún que outro ao que se lle presta, ou ao que se lle introduce, algún punto de ambigüidade. Polo demais, xa pode imaxinar o lector, aínda que non estea afeito a este tipo de literatura, de que características físicas, morais, intelectuais… gozan os «protagonistas», é dicir, os heroes anónimos, da novela (a mestra, Celia, que, segundo a contracapa, «recibe o seu primeiro destino unha distante aldea da Costa da Morte», é, evidentemente, unha beleza, sabe non sei cantos idiomas e mesmo leu Madame Bovary á idade de 14 anos). Sobre as características morais dos inimigos destes heroes, non fai falta dicir palabra: tamén as imaxina facilmente o lector.

O exército de fume é un intento de producir unha narrativa de argumento comercial que sexa competitiva coas novelas de xénero que fabrican os escritores de best-seller americanos e ingleses maiormente, mais un ten a impresión de que quedou a medio camiño, quizais por unha falta de distanciamento dos personaxes: aquí ingleses (aparece até W. Churchill), alemáns (aparece Albert Speer), galegos, etc., falan todos igual e botan máis ou menos as mesmas maldicións. Ás veces, por exemplo, cando están a falar dous membros do MI-6 dá a impresión de que quen están a charlar son dous seareiros nun bar do Orzán.

Está claro que esta novela non ten ambición literaria, a pesar de que frases teoricamente líricas ou poéticas incen ás veces o texto (A noite mordía anacos de luz (…); un denso manto de nubes impedía ver ese firmamento fulgurante.// As formas definíronse con perfís prateados.// O mar arrolaba as barcas como unha avoa o seu neto.// Aquela nube insólita no medio do mar, etc.): acho que o autor quere, simplemente, ser lido sen formular problemas aos seus posíbeis lectores e, evidentemente, nin a si mesmo: quixo, e fixo, unha novela de aventuras, con demasiados mecanismos tirados do folletín (aquí, todo acaba ben, individualmente; é dicir, para os heroes anónimos), porque Manuel Gago intúe, ou intuíu, que tamén hai unha serie de lectores que queren ler e non queren ler o que se coñece como literatura, que lles parece unha cousa pesadísima e máis inintelixíbel que os manuais de instrucións de usos que acompañan os electrodomésticos e outros aparellos electrónicos: manuais que en escuridade danlle leccións, por exemplo, a Martin Heidegger. Noutras palabras queren ler best-seller escritos en galego e que se desenvolvan en Galicia. Se existen eses lectores, por que non entregarlles eses produtos?

♦ O exército de fume, de Manuel Gago, Xerais, 2018. 448 páxinas. ♠21€

Advertisements

2 comentarios en “‘O exército do fume’, fazañas bélicas na busca de público

  1. Concordo co crítico en que se trata de unha novela “de aventuras” e mesmo tamén en que o rol de Urbano Lugrís na historia é un tanto feble. Porén, penso que como “narrativa de argumento comercial” para min está ben conseguida. Léndoa pasoume como con moitas películas de acción feitas por Hollywood. Un sabe inmediatamente quen son os bos/heroes e sabe que, na fin, estes van ser os vencedores. Contodo, cando rematei a historia eu tiven a sensación de que o pasara moi ben, como se tivese visto unha de Bruce Willis. Alén diso, penso que se ben a historia de O anxo negro me resultaba máis atractiva, esta segunda novela está, ao meu entender, mellor narrada. Especialmente porque Manuel Gago foi moito máis comedido que no Anxo negro co seu “didactismo”. Centrouse máis en contar unha historia e menos en contar a Historia.

  2. Que hai unha masa de lectores galegos que demanda best sellers? Pois oxalá que si.
    Que Gago escribiu unha novela pensada para eles? Pois ben por el.
    Agora só queda que Xerais lle rebaixe o prezo en 6€ (a esta e mais ás de Feijóo) para lles substituír as sunormaladas que lles colocan aos rapaces na escola por estes best sellers e quen sabe se aínda zafamos algún resto do naufraxio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s