Sete graos de granada

A Italia, que non á patria delle mezze calzzette

“Encanto haxa un mendigo, haberá mito”.

                                                                                                                                                                                                                  Libro das pasaxes. W. Benjamin

Detalle de O rapto de Proserpina, de Bernini.

Bieito Iglesias.

Brillaba o sol no xardín que rodea a Galería Borghese, por fortuna deixara de chover aí polas dez, cando apañei un taxi en Termini disposto a pasar unhas horas ao acollido. Xestionara a entrada por teléfono desde o hotel e apenas tiven que esperar dez minutos que ocupei examinando as pinturas exhibidas nun banco do parque por unha pintora enxoita e de parla meleira. Sempre me entra un certo desasosego en presenza destas criaturas fráxiles que elixen vivir en precario, dependentes do capricho de transeúntes distraídos que se resisten a comprar mercadorías dubidosas, fabricadas por unha lexión de infelices. Roma está chea de pretos que venden todos o mesmo tareco de madeira (unha especie de prato con varias cuncas, pra servir un aperitivo de frutos secos ou así) e de indostánicos que ofrecen castañas artisticamente amoxetadas co bullote á vista envolto nunha tira de casca. Comparada con eses gremios, esta pintora representa a vida do espírito, un restroballo do ideal romántico da artisticidade.  Como Proserpina, foi arrebatada por unha deidade cruel (polo vulcanismo do Xenio) e permanece atada a este xardín e a esta forma de vida boemia. O símile non procede dun levante quimérico da miña imaxinación, sucede que a artista está comendo unha apetitosa granada e sabemos por Ovidio que Proserpina non pudo fuxir do reino plutónico inferior porque mastigou sete graos desa fruta, violentando a abstinencia prescrita polas Parcas que lle tería consentido o regreso ao Olimpo.

Inspiración do mito de Proserpina e a granada.

Xa no interior da galería puden deleitarme co mármore do corpo da deusa labrado por Bernini con tal subtileza que semella carne trémula, na que se entalan os dedos do deus ladrón. Acordeime dun meu profesor de arte, o crego Ares Espada, que cando explicaba filminas con imaxes deste tipo profería dúas palabras (“carnes mórbidas”) que dicían lascivas nos seus castos labios. Ah, as condenadas palabras que sempre traen apegado o pole das reminiscencias! Recando in sé il passato, la lingua, a differenza della matematica, trascina all ´indietro. È questo il significato di Euridice. A reflexión é de Steiner pero, neste ámbito, seica campa mellor en versión italiana de Giampaolo Rugarli. O effeto Euridice atacou de novo cando me plantei diante do cadro de Lucas Cranach, o Vello, onde aparece Venus e o Amor co favo di miele, porque entre os meus árcades mortos erixíase a faba do mel en epítome da dozura (estou oíndo a avoa Ermesinda ponderando o sabor dunha pavía enrubecida “É como a faba do mel”). Apesar da confusión leguminosa, a vella aludía ao alvéolo de cera dos cortizos, a un favo que non a unha faba. Abandonei a pinacoteca e as salas dedicadas á escultura de Bernini ou Canova convencido pola sabedoría de Xúpiter, que mediou entre o raptor Plutón e Ceres, a nai desconsolada da divina garota siciliana, establecendo un réxime de convivio de seis meses con cada unha das partes. Proserpina moraría medio ano nos arredores do Etna, ao pé dun lago cheo de cisnes, e outro medio nas ribeiras da Estixia. Un plano similar foi concibido polo meu amigo, poeta e dramaturgo Millán Picouto, quen alterna meses de residencia florentina con outros de inmersión en Oria, a nosa cativa cidade natal que non podemos abandonar de todo desde o momento en que alí papamos, nas viñas pé do río, sete uvas da caste verdello rubio madurecidas xa nos soles de xullo. Eu pensei en explorar un arranxo igual desde que me aposentei a principios de ano, tras recibir dos meus xa ex alumnos unha emotiva despedida co agasallo dunha caneta marca Morellato que loce o meu nome e patronímico inscritos no capuz e que trae un cartonciño onde figura a Garanzia di Autenticità: classe, raffinatezza, qualità, trovano la massima espressione nelle penne Dalle collezioni Morellato, nate Dalla creatività de Antonio Carraro. Graciñas, rapaces, aquí estou en Roma por ver se me afago ou acubano (acubanábanse os emigrantes da miña estirpe que marchaban ao Caraíba e volvían con bengala de bambú e chapeu de pajilla, conversos en caricatura dun chulo de playa). É ben verdade que, por causa dalgunha malfadada moda fílmica, veñen a estas partes nos últimos tempos moitos norteamericanos –máis ben norteamericanas- en procura dun latin lover, do dolce far niente e demais tópicos resesos nos que xa só acreditan os ruminantes de goma mastigable. É máis doado encontrar na vía do Corso a unha imitadora de Julia Roberts acompañada dun belo profesor de italiano que o eco das antigas carreiras e festas de entroido presenciadas por Goethe ou Dickens.

Un segundo taxi déixame no cemiterio acatólico do Testaccio onde camiño pola grava atuando as conteiras de goma das caxatas, entre túmulos que me levan á derradeira morada de Shelley e despois, xa trepando herbiña terna, á lápida ornada cunha lira de Keats. Grallan os corvos unha oda á melancolía e non me imaxino por aquí un rousinol canoro con tantos gatos grandes, grosos e atigrados que se despreguizan sobre as campas. No outro extremo da necrópole hai un ramo de flores vermellas sobre as cinsas de Gramsci.

 

Non puoi,

lo vedi?, che riposare in questo sitio

 estraneo, ancora confinato. Noia

 patrizia ti è intorno. E, sbiadito,

solo ti giunge qualche colpo d´incudine

dalle officine di Testaccio…

 

Tra i due mondi, la tregua, in cui non siamo.

Scelte, dedizioni…altro suono non hanno

ormai che questo del giardino gramo

e nobile, in cui caparbio l´inganno

che attutiva la vita resta nella morte.

Recito pola edición de Visor e contemplo na capa do libro a foto do poeta coas maos nos petos da gabardina, estacado no mesmo sitio en que eu estou atalora. Lamentablemente non acredito no mito do bo selvaxe nin na súa encarnadura en avatar de ragazzo di vita pero cómo non amar os versos que o corsario lírico dedicou a un arrabaldo cuspido a aquel no que eu nacín poucos meses despois de que visen a luz estas estrofas:

Ai loro rioni,

alle loro borgate, tornano su motori

leggeri –in tuta o coi calzoni

di lavoro, ma spinti da un festivo ardore-

i giovani, coi compagni sui sellini,

ridenti, sporchi. Gli ultimi avventori

chiacchierano in piedi con voci

alte nella notte, qua e là, ai tavolini

dei locali ancora lucenti e semivuoti.

Stupenda e misera città,

che m´hai isegnato ciò che allegri e feroci

gli uomini imparano bambini.

 

Pier Paolo Pasolini visita a tumba de Antonio Gramsci.

As primeiras horas da tarde son desapacibles, da parte do Tibre verdecente vén un biruxe fresco e aquí, na praciña que esconde o palazzo Ricci, La casa della vita na que morou Mario Praz, sorpréndeme unha chuvisca importuna. Amólame sobre todo porque non permite que voe o pensamento en levantes perdigueiros, ora imaxinando o interior amoblado con cisma de anticuario; ora superpoñendo á autobiografía do Mario o filme de Visconti que o retrata traizoándoo (sinto unha melodía nalgunha estancia do pazo e camiño sobre as pernas atléticas de Burt Lancaster, non sobre os meus ferranchos ortopédicos, á procura do salón en penumbra no que se celebra un guateque amenizado pola voz de Iva Zanicchi e un tema orixinal de Roberto Carlos); e aínda retrocedo na memoria mariana endeica 1933 cando lle escribiu un poema a unha moza de elegancia cretense despois dunha excursión en veleiro a Bocca di Magra: Tu sei per me come una dalia / Splendono nella sera violetta dei giardini del nord / Gialle, rosse, lilla / Fiori geometrici  dagli  angoli risentiti / Fiori primonati, prima che i fiori avessero profumo. Ao Campo das Flores me dirixo, porque o paseo pola via Giulia tórnase un martirio de lastros negros e mollados, esvaradizos, de modo que renuncio a engolfarme na banda sonora de Gruppo di famiglia in un interno (La mia solitudine sei tu, Iva, Quantas veces eu pensei voltar, na versión príncipe de Roberto Carlos) e marcho tanteando o chao coas bengalas cara rúas máis concorridas nas que os acordeonistas romenos repiten como discos raiados o tema d´O padriño. Tomei un café no Mercado e deseguida tirei cara o Panteón onde me acollín da pioggia di marzo. Leváronme lástima os cabalos xunguidos ás calesas que agardan pra pasear os visitantes do monumento, porque se cansan de esperar paralisados como estoas e alzan alternativamente os pesuños de tras pra descansalos. Escampou e chamoume unha música rueira, algún benemérito Hamelín tanxía Amapola na flauta e alá que me fun por se daba con Jennifer Connelly bailando de nena nun fotograma de C´era una volta in America. Doíanme as maos, castigadas polo roce das caxatas, e os ortopédicos entalados na carne das nádegas, pero contodo arribei ás inmediaciós da Fontana di Trevi a tempo de fruír a dolce vita en forma dunha sabedeira pizza napolitana.

O rapto de Proserpina, por Bernini.

Rente ao chao, entre o trepetel da multitude, descubrín a unha mociña fraca, lisa como unha táboa pero coa desculpable coquetice dun cabelo tinxido de amarelo. De facto deslocábase na táboa rodante dun trotinete, que cabalgaba e impulsaba cunha mao embutida nunha zapatilla desportiva. Remaba e pedía esmola con voz aguda e perentoria, exhibindo impudicamente unha minusvalía, descalza de pé e perna pra que todos visen as secuelas dalgunha parálise deformante. En medio daquel vómito consumista, occidental, entre xentes que fan por reprimir a relixión, a morte, a doenza ou a loucura e non conciben outra regresión romántica que non sexa lapexar na taza da fonte en imitación de Anita Ekberg, aquela pedichona era o emblema da beleza horrible, unha especie de Medusa Rondanini. Decidín achegarme e darlle unha moeda de dous euros pero hesitei intimidado por un relato de Cortázar que pon en xogo un truco de maxia baseado na metempsícose. Un visitante ben fardado crúzase cun mendigo nunha ponte de Budapeste e a súa alma transmigra ao esmolante, sente o frío da neve nos zapatos escalazados, através dos farrapos que viste, e ve como se afasta o señor quentiño e ben aviado que era el un minuto antes. Se sufrise un parello destino e quedase entrampado no corpo tinguiliñas daquela mozota, probablemente iría durmir baixo unha ponte do Tibre no canto de volver ao cuarto do hotel onde me espera o minibar e o programa Top Calcio que repetirá o memorable tanto de Sergi Roberto contra o París-Saint Germain. Daquela descería ao reino inferior e restaría secuestrado alí polas Parcas, suxeito por algo máis apegadizo que os graos dunha granada e sen que me buscasen as sereas paxaro por orde de Ceres, sen a paternal mediación xupiterina. Achegueime así e todo, estendín a mao coa moeda e ela fixouse nas miñas canadianas e sorriu:

Grazie tante!

Prego, tu sei per me come una dalia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s