‘Fálame do silencio’, un debut mediano

Pablo L. Orosa

Xesús González Gómez.

Recibo a novela de Pablo L.Orosa, Fálame do silencio (Xerais, 2018). A primeira novela do seu autor, xornalista, que coa idade de trinta e tres anos se decide dar o salto á literatura da ficción. Como se verá, ou como intentaremos demostrar, o autor «paga o pato» da inexperiencia. Noutras palabras, debido a que máis que levar a novela dentro Pablo L. Orosa decidiu que podía facer unha novela, comete erros ás veces un pouco graves.

Segundo o «lapelista», ou contraportadista, a presente é unha novela de «intriga e de memoria», o que non quere dicir absolutamente nada. A obra iníciase un pouco enfaticamente: «Dende aquí vese a fin do mundo. Semella unha noite de tormenta no Gran Sol. Mais aquí non vai frío. Nin hai reloxos que saiban contar o tempo. Aquí o vento do Atlántico sopra entre os acantilados e no inverno o mar rabiado pelexa contra si desfacéndose nas rochas. Din que aquí se escoita chorar a Terra. Din que neste recanto do mundo agroma o vento das viúvas». Énfase que pode «asustar» a algún lector, mais avisemos que esa énfase vai, se non desaparecendo, si diluíndose, ou rebaixándose, a medida que avanza a narración, aínda que infelizmente volve aparecer de cando en vez.

A novela conta a historia dun xornalista que debe reconstruír, ou acabar, a historia dun tal Daniel Gluckmann, que á súa vez estaba a reconstruír a historia do seu avó que, por arte do autor, se encerella coa súa e nun momento dado, cando saibamos toda a historia, dará a impresión de que o autor, Pablo L. Orosa, é un adepto do determinismo. Un xornalista que reconstrúe a historia doutro personaxe que á súa vez estaba a reconstruír outra historia, etc., e á vez, contracapa dixit, «reconstrución literaria e brillante daquela Coruña popular de hai medio século»: demasiadas cordas para un violín e mesmo para unha guitarra. Se talvez hai demasiadas cordas, o problema engadido é que tales cordas emiten todas o mesmo son, o que é debido, máis que nada, á impericia do intérprete. É dicir, do autor. Expliquémonos. De primeiras, a trama está inzada por un súper plus de historias; de segundas, existen diversas voces narrativas que soan case todas iguais, e soan case todas iguais porque aquí existe un problema de estilo.

Orosa, que como diciamos, iniciaba a súa obra un pouco enfaticamente, aos poucos prescinde do alento da épica que demandaba na súa narración (a trama) e susténtase de máis no lamento e o pranto domésticos, unha opción que foxe da forza descritiva da ruína –que é o que, no fondo, se está a narrar; ou quería narrar o autor– e se recrea demasiado no arrauto neo-romántico. Esta fuxida da épica acaba por producir unha prosa anémica que procura desacougadamente unha conexión sentimentaloide co lector predisposto a se emocionar cos amenceres e os solpores citadinos e agro-mariñáns, cos amores infelices, coas historias que acaban mal, e cos personaxes botados a perder. Ora, o erro maior, o que dá como produto esa prosa anémica é, curiosamente (?), que Orosa é un decidido practicante do que se podería denominar escrita «xornalística», escrita que algúns pensan que deriva de Hemingway e outros de Hammett, cando non é así; ou non é totalmente así. A escrita «xornalistica» de Orosa, e non só de Orosa, é unha maneira de escribir denotativa, fondamente debedora do rexistro estándar, preocupada basicamente pola transmisión de información e marcada por unha monótona tendencia á frase curta (a prosa de Hemingway ou de Hammett non transmite información, a información vai implícita na frase e debe descubrila o lector). A isto engádaselle algúns cambios bruscos (é cando reaparece a énfase de que se falaba) de focalización que contribúen a afirmar a sensación de escrita áxil, rápida (e, de rebote, descoido estilístico) como criterio superior.

A novela sería, no fondo, a historia de Daniel Gluckmann e o seu mundo alá polo 1976/77, historia na que se introduce á da procura do seu avó, que se remite a 1936. Digamos que todas as historias son resoltas, aínda que para resolver algunha o autor bote man dun recurso tan manido, mellor dito, tan pobre, como o das «memorias» dun dos personaxes (o avó).

Curiosamente, a pesar de tantas historias, ou talvez por iso, e de tantas voces, Fálame do silencio é unha novela dunha soa cara e, probabelmente, dunha soa lectura. Iso si, non custa moito ler. A narración, a pesar dos seus altibaixos (estes sempre suaves) non é nada abrupta. Os «capítulos» non son moi longos e entregan cantidades de informacións e, mesmo, uns pinitos de erotismo, de política e de historia. Finalmente, a novela nin brilla nin aburre. Para min, fáltalle xenio e verosimilitude. A economía de recursos que, por exemplo, en man de Carlos Casares dá magníficos resultados, aquí dá a impresión de pobreza. A verosimilitude: non é necesario ser especialista en servizos secretos (británicos) basta con ter lido a Graham Greene, Eric Ambler ou John Le Carré, para darse conta de que a parte en que aqueles (os servizos secretos) aparecen naufraga ostensibelmente. Para acabarmos: unha novela plácida con certa mensaxe ideolóxico-moral, un esquema moi usado e que fixo moita fortuna, mais que ten o defecto de pór en evidencia as pretensións tanto da simplicidade como da vontade de crear momentos sorprendentes e da procura teimosa de brillantez anecdótica.

Diciamos ao inicio que Orosa cometía algún erro grave. Talvez esaxerásemos e dado o nivel editorial actual do país, quizais o erro non sexa tan grave, vai saber ti. Daniel Gluckmann vive na Coruña, co pai, a nai, a avoa e unha irmá de nome Lucía. Cando menos ese é o seu nome ao longo da novela: na paxina 305 convértese en Silvia, que é o nome dunha muller que coñeceu a Daniel e se lía amorosamente co xornalista. En fin, son cousas que lle acontecen a moitos narradores, lembremos, por exemplo, unha das frases máis célebres de Ponson du Terrail no seu Rocambole: «O vello fidalgo paseaba só no seu xardín, as mans nas costas, a ler o xornal». Outro dos erros, para min, é a teima de describir fisicamente cada personaxe a medida que aparece na novela, como se a súa descrición física o caracterizase moralmente. Digamos que, como a énfase, esta teima vai desaparecendo, ou esmorecendo, a medida que avanza a novela.

Fálame do silencio é unha novela menor, pero que apunta calidades, aínda que nesta ocasión os defectos, segundo o meu parecer, gañan case que por goleada. Con todo, é un punto de partida, polo que se debe estar atento ás próximas entregas narrativas de Pablo L. Orosa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s