A vergoña do galego

 

A Pitusa e Sanfiz

A Reboiras, que finou no Ano do Suplicio de 1975 (así en Ostia como en Ferrol), e aos demais filiados desa célula fría, ferriniana, na que militan os mortos do noso partido.

Intro da serie Bonanza.

Bieito Iglesias.

A Vítor Figueiredo aconteceulle a historia mesmo antes de nacer (A historia sucede, pero non nos sucede a nós non sendo que nos asoballe, algo así escribiu Updike nun romance que teño esquecido). Erundina, a súa nai, andou de criada co Casiano alá en Cinco Nogueiras e, entre as angueiras do servizo, ocupábase de sacar auga do pozo cunha bomba.

A auga extraíase por vía de regra coa roldana, tirando da corda cun caldeiro de cobre atado na punta, ou ben subíndoa cun guindastre de madeira. No entanto Casiano dispuña daquela bomba roubada cando estalou a guerra do patio da escola La Luz, que edificara a sociedade agraria con donativos de emigrantes a Cuba. Tras estalar o Movimiento, o recinto escolar fora aproveitado como cuartel da Benemérita e logo como cortello do gando daquel raspas que se valía da confusión bélica pra incrementar o capital. Non chegou a rico pero pudo comprar un radio de galena no que Erundina escoitaba coplas que substituían na súa gorxa as foliadas de fiadeiro.

Unha tarde de xuño calorosa foi buscar auga a fin de levarlla nun botixo aos viciños que ardían na aira mallando o centeo. A luz dun sol brillante deslavaba as serras glaucas do leste e os piñeiros da abanda dos outeiros, coa súa casca reseca, parecían aletargados caimás. A muller moveu a mao que empuñaba a panca da bomba, contemplou a propia sombra ao pé do brocal na que destacaba a roda axigantada do chapeu de palla que cubría o topete de cabelo escuro e bebeu  o primeiro cirrichote de auga fresca.

Sentiu pisadas e, ao erguer a vista alén do valado que separaba a cortiña do Casiano da carreira, divisou un mozote bonito que levaba un feixe de palla sobre o carrelo defendido das arganas cun pano de liño. “Julio!”, chamou, aceneando co botixo pra convidalo a beber, pero o porteador nin caso lle fixo. Entón saíulle das alegrías certa cantiga nun idioma que nunca falara: “Julio Romero de Torres pintó a la mujer morena…”. Cantou seriamente, non como o seu fillo Vitiño que dazasete anos despois entoaba –comigo e cos convivas que marchabamos de excursión de fin de bacharelato nun autocarro con destino a Madrid- trapalleiro arremedo: “Julio Romero de Torres pintó a la mujer morena, sentada en la taza del wáter, tirando de la cadena”.

‘La Chiquita Piconera’, obra de Julio Romero de Torres.

Julio Figueiredo non amoleceu así tan fácil, sería dous meses máis tarde e no campo da festa do Patrón cando se deixaría encalatrar. A música mudara, agora unha orquestra tocaba o repertorio mexicano e o galán comeu media ducia de pavías, ofrecidas por vendedoras que as apañaban nas ribeiras do río da Barra, inantes de decidirse a bailar coas raparigas. Danzou unha peza ou dúas coa Erundina, pero esta conspirara cun viciño pra que remudase a Julio cando rousaba ao son de Llorona cunha mao delicadamente pousada nunha omoplata forrada cunha chambra vermella. Quería darlle ciúmes pero o homiño era distraído ou pouco pasional e a piques estivo de non volver con ela no que restaba de verbena.

Coa mesma pasou un caso emocionante que excitou o sentimentalismo do xentío. Escurecera e a iluminación dicía escasa (os mordomos trouxeran a corrente cun arame tensado sobre os toros dos carballos desde un transformador  situado a medio quilómetro), unicamente se vía algo nunha aura de tres ou catro pasos arredor do palco e no bar da comisión de festas alumeado cunha formosa luz azul que proxectaba unha lámpada de carburo. Alí ao pé deste bar (un mostrador improvisado cunha táboa montada sobre dous burros) había varias mesas e cadeiras de tesoura onde comían costeletas de vaca as persoas principais da freguesía. Por exemplo o médico, un tipo elegante e faladeiro en compaña dun casal ben vestido; co Cechelo de traxe branco e zapatos esburatados de idéntica cor e a súa muller morena, la del clavel español, que naquel tempo constituía o cánone de beleza do macho ibérico que perdurou ata o boom turístico dos sesenta, cando irromperon as valquirias suecas.

Julio chimpou un botellín de cervexa de penalti –quizais lle afectara despois de todo a remuda na danza- e deseguida correu a aliviar a vincha ao escuso das olladas. O rumor da regueirada non logrou tapar un xemido fraco que surxía da polvoeira erguida polos bailarinos. Anicouse no escuro, prendeu o chisqueiro e viu o rostro contorcido do galeno. “Apuñaloume o Cechelo”, dixo cunha voz tomada, e o mexón soltou un aturulo de auxilio. Axiña se xuntou unha santa compaña de curiosos que se alumeaban con acendedores ou mistos. O ferido repetiu a acusación antes de expirar e a parella da garda civil tivo que guiar o Cechelo ao cuartel. Amargáballes porque era un señorito de casa grande e porque os tricornes pensaban que o crime estaba ata certo punto xustificado. Toda a parroquia sabía que a súa señora acudía ao médico amiudadamente, atacada por misteriosas doenzas que o seu bo aspecto desmentía.

Julio viviu momentos de gloria porque, de non mediar a súa excursión á estrema do campo da festa pra facer xixí, un asasinato ficaría impune. Ninguén sospeitaría do Cechelo, sentado na mesma mesa que o médico e ríndolle os chistes toda a tarde, tamén ninguén o vira desviarse empós do sedutor cando pretextara que ía encargar máis vitela.

Erundina deulle unha aperta a Julio e, tantiños meses pasados, naceu un bebé ao que lle botaron enriba a graza de Vítor coa cuncha de auga benta.

Viñen a Francogrado coa idea de calcar a rota que seguiu Vitiño certo día funesto dun verao dos setenta. Estou diante do predio onde tiñamos o piso franco, houben caír no paseo, seica se me varreu o sentido e decidín meter algo no bandullo. Falta de azúcar?

O bar é pequeno, hai unha mesa ocupada por dúas mozotas e un raparigo que falan encanto fuchican nun computador. Sento o máis lonxe posible do trío aínda que o vagantío do local non permite illarse. Pido un vasete de viño que envío dunha sentada e reparo no xornal aberto sobre unha mesa apegada á miña. Dáse a coincidencia de que coñezo a un home que sae fotografado na páxina par. Apaño o papel, coloco os lentes e descubro que se trata dun obituario.

A semana pasada lin outra necrolóxica dun colega ao que tamén coñecía. Os tres, eu e mailos dous defuntos, coincidimos nun encontro de escritores celebrado en Iruña. Lembro como se fose atalora que, ao despedirnos na xornada derradeira, certa autora de Valenza trocou beixos con nós. E espetoulle ao morto máis recente: “Estes aínda se defenden pero tu non sabes bicar a unha muller”. O interpelado retrucou: “Moita falta de treinamento”.

Alá van os dous colegas e a min branqueoume a barba. O viño e as tapas que encarguei non conseguen librarme da melancolía, intento distraerme seguindo a trécola do trío que estribilla no computador. Veñen sendo roteiristas, están a escribir o roteiro dun videoxogo no que unhos así chamados mortífagos atacan como xogadores de béisbol, conquistan bases e disparan con bolas de cores. “Cantas vidas teñen os mortífagos?”, pregunta unha das creadoras. “Ponlle tres contando o superfeitizo que os resucita”, propón o membro varón da troica. A que manexa o computador terza: “Vale, as pelotas son o imperio, pero que son as reliquias polas que loitan os mortífagos?”

Nesta altura, o viño teletransportoume a un día de mil novecentos setenta, cando o Vitiño e mais eu nos puxemos finos a base de cuncas na rúa do Franco compostelá. Acórdome que afociñei ao esvarar nas pedras lambidas da cidade vella. A purrela que servían as tabernas sentoume como un tiro, retireime á pousada de Entrecercas e chorei por non trousar. Se cadra eran engradas de efecto retardado pois o ano anterior parara alí, na mesma pensión, ao regresar dunha visita estival aos pais emigrados en Suíza. O avión trouxérame ao aeroporto de Lavacolla e, antes de apañar o comboio que me levaría ao apeadeiro da aldea dos avós, quixen estrearme como fodichas pero non dei co barrio de perdición nin tiven a coraxe de preguntar por el. A pornografía dos cinemas de Zurique pruía e alí non ousara abordar mulleronas de falas metálicas. Co achaque de explorar a vila que me acollería en vindeiros cursos universitarios, parei un día e unha noite en Compostela antes de volver á placenta familiar. Todo estaba previsto menos a miña covardía. Estrañamente, dous anos máis tarde, souben que tiña pelotas pra loitar contra o imperio.

Participara co Vítor nun protesto contra a entrada da policía na facultade de historia, de onde resultara un sucedido lutuoso. Un compañeiro quixo fuxir das cachamorras saltando por unha xanela desde o andar alto e esboirouse nos lastros. Baixo os arcos da rúa do Vilar, no trinque de Docobo, pasmabamos ao ver exposto un rifle Winchester 73 que tanto tiña disparado na nosa fantasía coa lectura de romaces do Oeste. Nese momento un estudante que pasaba envolto na néboa e nunha trenca azul mariño deunos un panfleto asinado co emblema do mapa incendiado da Galiza. Vímonos trasladados definitivamente ao Far West, en concreto a un bar no cabezallo parroquial onde ardía o mapa de Nevada cada sobremesa dominical, ao empezar unha famosa teleserie de vaqueiros.

Moncho Reboiras.

Non foi esa a única ocasión en que a nosa política se viu condicionada pola cultura de masas. Naquel instante, alí na rúa do Vilar e no inicio da carreira universitaria, o mapa ardente do país embrullounos na militancia clandestina pois ás poucas semanas ingresabamos no exército das sombras que loitaba contra os invasores. Por certo que, invitados a elixir nomes de guerra, o Vitiño quixo adoptar a nomeada de Esgaravana Vermella, digna dun parente de Anta Preta ou Cabalo Louco, bravos guerreiros sioux (querse dicir “serpes”), pero o responsable da célula explicou que non nos conviñan aos aloitadores saefes alcumes extravagantes que alertarían aos escoitagrilos da Brigada Político-Social. O meu conviva resignouse entón a tomar un nome un chisco taurino, na guerra pasou a chamarse Francisco de Paula, mimetizándose destarte cun profesor feixista e anano que ministraba aulas en Direito.

Xa en Francogrado, cando nos vimos co pescozo nun talleiro, sitiados pola policía armada, a Benemérita, a B.P.S. e tódolos bandos de Paquito, tamén aquí nos atraizoou a condenada cultura pop, neste caso a literatura de quiosque. Vítor pudo saír canda min do toco polo patio de luces, avantar o peitoril da xanela da viciña e agacharse na casa daquela vella que me acolleu, que case sofre un tastabao cando os tiras rexistraron o predio e petaron na porta, pero que así e todo calou e nin remexeu pra non delatarme. Se o Vitiño viñese comigo, hoxe estaría vivo e coronando, coma quen di coa pixa na auga, se cadra pintando o indio no movemento dos indignados ou en calquera trangallada polo estilo. No entanto pereceu con vinte e catro veraos porque lle deu por facer de heroi empoleirándose no tellado, caíndo ao afundirse unha claraboia e salvándose de milagre agarrado a unha calexa baixante que o depositou nos xardís, a rente da rúa onde agardaban os fusileiros.

Cando ao día seguinte souben que morrera trocando balotes, boteille catro ao rabo ao quiosqueiro establecido `perto do Instituto Masculino, quen por sacarnos da rotina das noveletas de cowboys recomendara a lectura dunha intriga policíaca protagonizada por un axente antidroga. Na pasaxe máis trepidante da historia, o axente fuxía dos malandros saltaricando de azotea en azotea pola casbah de Alxer.

Ese confronto final que acabou co meu compañeiro e que a min me deixou a memoria en lardo vivo fora preparado por multíplices acciós no seo do movemento estudantil e nos comités de apoio ás loitas operarias (chegamos a proletarizarnos unha tempada nunha central térmica) ou camponesas. Toda a nosa briga, por ben que se librase en distintas frentes, estaba permanentemente encirrada polo odio ao supremacista invasor. Pra nós, que falabamos un idioma desprezado ou reprimido polo goberno, a televisión, a Conferencia Episcopal ou o Exército, a delegacía policial da Avenida Rodrigo del Padrón viña sendo un avatar de Fort Apache. Cando fomos recrutados pró servizo militar, xuramos bandeira cuspindo con disimulo no canto de beixar a insignia rojigualda.

Aos que viven presentemente baixo a férula do triunfante estado policíaco pareceralles disparatada unha tal executoria, pero nós chegamos a mozos nos setenta, en anos de chumbo disparado polo Vietcong ou o Ira. E nacemos canda moitas naciós africanas ou asiáticas nos cincuenta, nun territorio onde o oitenta por cento da poboación falaba a lingua de Luanda, do Rio de Janeiro ou Lisboa. Debiamos volver por ídolos como Manolín (Bueno) antes que torcer por Jairzinho, mesmo se te chamabas Vitiño tiñas que considerar estranxeiros aos xogadores de futebol brasílicos que lucían nomes artísticos co noso diminutivo. En 1968, cando o Barcelona ganou a taza do Generalísimo no Bernabeu, tomamos nota de que Zaldúa, goleador blaugrana de orixe navarresa, foi motexado de “perro catalán” polo público. Non había medo de que nos circos do imperio se apostrofase ao cadelo galego porque en termos etnopolíticos, os galaicos –incluídos Severino Reija e Amancio Amaro Varela– eramos unhos chaíñas.

Tamén non fixemos moitas arnadas na loita clandestina porque non cumpría. Pra provocar a reacción das autoridades abondaba con algunha pintada, volantinas impresas en vietnamitas ou “saltos” (manifestaciós ilegais subitáneas con algús berros de protesto e disolución antes de que reaxisen os antidisturbios). O estado terrífico érache moi sentido e detiña ou torturaba por menos de nada. Claro que, sitiados como viviamos por unha maioría fiel á tiranía, as nosas brincadeiras contestatarias semellaban por contraste aduanadas radicais. Porque si, case todos eran franquistas por activa ou pasiva, como continuarían sendo hitlerianos os alemás se a derrota non os desnazificase con bombardeamentos, limpeza étnica en Polonia e nos Sudetes, violaciós macizas do exército vermello, presos forzados ao traballo reparador na posguerra e millós de mortos. Así é a condición humana e non cabe enganarse sobre a tendencia do rabaño a irse cos donos da vara e a besta. Nós nunca nos trabucamos neste punto: sempre soubemos que a única linguaxe que entende a populaza é a do poder, a do gorila batendo os puños no adufe do peito.

José Antonio Zaldua.

Cando pasabamos polo baixo da rúa do Vilar onde estivo a imprensa de Casal, editor e alcaide asasinado polo fascio, nunca se nos ocorría pensar en pórlle unha placa conmemorativa na fachada. Hoxe pode verse alí a chapa pero, como outros recordatorios similares, somente vale pra confirmar os vencidos na melancolía e os vencedores na prepotencia. O vitimismo reforza a moral dos vitimarios. Se eu quixese reparar a morte de Vítor Figueiredo, non levantaría un memorial, cortaríalle o pescozo a algún dos seus matachís e igualaría o tanteo. Non o fago porque, pra catro días que se vive, é burrada desperdicialos nunha empresa fútil. Desde aquelas últimas horas que pasei con el, hai tres palabras que anoxo: brigada, política, social. Non teño ansia ningunha de ser brigadeiro nin político e non creo que exista a sociedade, o que hai son fulanos. Este fulano, con todo, algunha frousada de guerra mostra na coira. E non me vexo no oprobio de camadas universitarias precedentes, que protestaban contra os xesuítas porque os da Compañía inaciana trataban de pendangas ás alumnas que bailaban o agarrado nas festas minervais. As palabras de orde daqueles levantadizos eran avanzadísimas: “¡Viva Carlos III, fuera los jesuitas!”. E, deseguida, da que acudían os uniformes cinsentos, safaban da cachamorra policial con outra atrevida consigna: “¡Franco si, comunismo no!” Aínda o contan…un día destes lin unha entrevista cun ilustre oftalmólogo galeguista (nin chega a Barraquer nin se imita a Castelao), que se gababa de semellante fazaña. Ignoro  por que consideran ilustre ao oculista das polainas e en que basean a bitola de galeguista, pero de min sei dicir que, se tivese participado nun ridículo motín de tunantes como o descrito máis arriba, calaría como un peto verdeal.

Por un modo alégrame que Vítor non estea aquí pra ver en que veu dar a causa ou cousa. Conténtame que finase pensando que a épica das pampas do bisonte ou da selva de asfalto podía xustificar tanto unha vida como unha morte. Agora a revolución fana os insurxentes zoofílicos que atacan os restaurantes parisinos renuentes á moda vexetariana. Non queren ser animais estes pretensos amadores dos animalciños, no entanto quen si os ama de veras latexa co corazón da donicela carnívora que arrinca ollos de cazapos. A min pásame que, cando como un guisote de coello, o meu espírito é un co das cobras engulidoras de láparos. Aínda non safei da analoxía romántica.

Hai pouco admirábase a escritora e pensadora feminista María Xosé Queizán de que, nesta altura da civilización, aínda nos reproduzamos os humanos co mesmo método do asno: introducindo o carallo na cona (Anoto neste paréntese que vén de apresentarse no mercado un automóbil chamado Kona, o que por un lado exalta a toponimia havaiana e por outro talvez delate o escaso poder adquisitivo da lusofonía). Se eu fose muller, abrazaría o ideario do feminismo separatista pra escapar da sexualidade viril, inevitablemente invasiva. Predicaría sen hesitar o ideal proustiano da separación de sexos pero engadindo a precaución da distancia xeográfica, cunhos continentes amazónicos e con outros machotes. Alén diso estou convicto de que a lideira se volvería inevitable e de que as mulleres sobrevivirán só no caso de que ganen a guerra biolóxica, esparexendo un virus que ataque selectivamente os zánganos.

Concordo pois en parte coa Queizán, coincido en todo menos no optimismo científico. É certo que a clonación solucionaría a cuestión reprodutiva sen a lata da chingueta e da música lixeira (do bolero e do reguetón), toda ela ensopada de ideoloxía patriarcal, liberando as donas da condena que a natureza lles impón ás femias dos mamíferos, sometidas á humillación sexual e aos traballiños da crianza. No entanto discrepo da panacea positivista, sospeito inclusivamente que rusos e xaponeses (ou calquera outro grupo humano envellecido en regresión demográfica) fabricarían millós de clonados pra contrapesar o que tanto inzan africanos e asiáticos a base do tradicional e animalesco arrebollón. Quen teña as mellores factorías de réplicas humanas dominará o mundo producindo soldados, operarios e cantoras como as de ABBA (unha delas nada en granxa nazista, dunha valquiria local e dun soldado tudesco). Mesmo este extintivo pobo galego, que xa quería morrer en tempos de Vicente Risco e que se está a suicidar cultural, lingüística e demográficamente, talvez reviva coa clonación maciza de exemplares rústicos e marxinais (o equivalente humano da vaca pisca e da galiña de Mos) nas granxas de UTECO.

De rapaces lemos 1984 e Un mundo feliz pensando que tales romances retrataban un indesexable totalitarismo, unha malformación científica, un progreso deshumano. Pois seica non che era por aí, Vitiño, o verdadeiramente indesexable viña sendo o suposto atraso en que nos criamos, aquel inferno de barrios aínda trufados de cultura camponia, de aldeas onde os paduanos limpabamos o cu cunha verza. Queridiño, se vivises hoxe igual pasabas por reaccionario rural e rebelde catalufo. Bo foi que morriches en tempo e coñeciches a dozura de vivir antes da clonación.

Onte achegueime á biblioteca de Fonseca pra follear os diarios que ofrecen na sala de lectura inseridos nun espeto metálico que impide que se embrullen. Especificamente quería ler a columna que publica nas segundas feiras o colega e ex camarada Méndez Ferrín. Desta vez versaba sobre unha inminente invasión de percevellos, que regresan tras décadas de extinción só aparente. Eu xa non acordo eses parasitos liquidados canda os piollos na xeración dos pais a base de zetazeta, un veneno producido por unha empresa celtista (Zeltia Agraria).

Conforme saía da biblioteca atentoume un cartaz que anunciaba unha mostra de fotografías tomadas en África. Polo andar superior do claustro do pazo de Fonseca decolgaban estampas dunha infancia riseira e brincallona inmersa en paraxes rústicas con cardeñas teitadas de colmo e nais a peneirar cereal. Todo me resultou familiar, acordeime das fotos en molduras de plástico barato que decoraban o lar dos avós, imaxes exóticas de caciques pretos sentados no chao sobre pelicas mosqueadas de leopardo.

Quincalla decorativa á parte, considérese o feito de que eu vin peneirar, a miña avoa bailaba o cribo igual que as mulleres retratadas na exposición, amasaba na artesa con formento e cocía pan no forno. A fariña que peneiraba trouxéraa eu ao lombo dun muíño eléctrico de atmosfera irrespirable por causa da queila que se metía nos ollos e na gorxa. Os muiñeiros padecían doenzas pulmonares como os mineiros ou ebanistas. Meu pai carpinteiro enviou moita serradura pero, como botou na emigración boa parte da miña nenice, case non tiven ocasión de compadecer a súa tosiqueira.

A falar verdade a figura paterna que tiña máis próxima era a do Julio, proxenitor do meu amigo e estiladeiro admirable cando chegaba a sazón. O home pasaba horas de estila onda a alquitara, cocendo bagazo de todas as casas do lugar, mesmo durmía ao pé do pote e acordaba sobresaltado cando se alteraba o ritmo das pingueiras de augardente rexido pola viveza da labareda. Espertaba, atizaba cunha pitela e volvía pegar no sono. O trazo máis destacado na súa persoa era unha inclinación relixiosa na estrema do fanatismo supersticioso. Á luz do lume que obraba o milagre de transubstanciar o bagazo contaba historias inverosímiles de aparecidos, ánimas en pena ou cérberos do demo que saían de debaixo da cama dos réprobos defuntos, contiños pespunteados co retrouso  “Queridiño de Nuestro Señor”, proferido con ton mexericas. Unha daquelas veladas conseguiu asustarme e entón pedinlle aos meus avós permiso pra quedar a durmir co Vitiño.

Sidecar de lambretta.

Metinme nos lenzos fríos dunhas camas metálicas bastante altas -cumpría agatuñar polas patas pra acocharse- e vin que difícilmente sería homosexual. Cando o compañeiro me pediu que lle chupase a landra, deume noxo aquela carne tan pulida. O moi saído continuou refucindo o prepucio e eu cansei a cabeza pensando na paternidade. Vítor vivía co pai pero non estaba alá moi contento, mamá Erundina contáralle que o día do seu nacemento andaba Julio na caza e non asistira ao parto. O fillo levaba o apunte desa deserción, odiaba a venatoria tanto como se envergoñaba das prosmadas relixiosas. Eu en troca gustaba da caza. Estrañaba a meu pai que -cando collía vacaciós forzosas porque as nevaradas do inverno alpino lle impedían traballar facendo pontellas, tellados ou transformadores de madeira- viña pasar o Natal e monteaba comigo. Portábame no side-car da lambretta e ao can levábao entre as súas pernas, asomando a formosa cabeza por riba do guiador. Dunha ocasión fíxose noite e, cando quixemos volver pola moto deixada nunha pista do sopé da serra, extraviámonos e vímonos isolados por un río que baixaba a caneiro cheo coas chuvias de decembro. Camiñamos unha boa miga endeica encontrar un pontigo que pasaba alto sobre a barronca e carecía de peitoril. O vento xélido obrigounos a atravesalo darrastro como miocas, temerosos de que nos chimpase á espuma da cachoeira que branqueaba na caveanca escura. Ata o can ouveaba aterecido de medo e frío.

Tempo despois, tamén con pánico, pasei outro río fuxindo da Galiza ocupada pola hoste nazista do xeneral con barrigola de pimpín rumbo ao Portugal que se librara de Salazar o Vinte e Cinco de Abril. Atravesei case sen mollarme, primeiro camiñando sobre a barra de cascallo dunha pesqueira que se internaba endeica o medio do Miño e logo coa  auga polos xoellos e as perneiras das calzas refucidas.

Esperaba atopar da banda de alá un comité de benvida presidido por Otelo Saraiva de Carvalho pero tropecei cun indíxena que me interpelou con retintín: “Gostas de Portugal, garabano?”. Nas semanas seguintes, chegado que fun a un refuxio entre maoístas lusitanos, informeime de que un garabano vén sendo un canado ou un funil pra trasfegar o viño e un aldraxe que os portugueses lles endireitan aos viciños da marxe galaica, os cales devolven o insulto cualificando aos lusos de “setebiquiñas” (forrabicas ou mortos de fame) cando non de “carneiros” (prófugos da guerra de Angola). Con efecto, ata había pouco, antes da queda do doutorzinho Oliveira Salazar, a xente fuxía atravesando o río en sentido contrario. Escapaban os mozos que non querían dar a alma na guerra colonial africana, escondéndose nas casas das aldeas arraianas da Galiza unhos días en espera de que os contrabandistas os trasladasen a Franza por unha boa presa de follatos. Trala revolução dos cravos eramos algús insurxentes desafectos ao régimen del 18 de julio quen  buscabamos amparo nas vilas morenas do sul.

Quen me ía dicir entón que corenta anos pasados volvería atentarme o exilio? Foi o último outono, cando os españois pintaron a cana verde contra o referendo catalán, cando os corredores de moitas cidades se encheron de bandeiras e circulou a palabra de orde ¡A por ellos! Os televisores de medio mundo difundían as pallougadas no lombo dos votantes do Principado e eu acordeime de que a equipa de futebol de Chaves gasta zamarreta blaugrana. A piques estiven de marchar cara alá, desta volta pola raia seca, evitando mollar os pés no río do esquecemento. Condenados bandeirantes!

Tu teríaste salvado e non concorrerían á beira da túa cova os correlixionarios con bandeiras brancas e azuis en cada cabodano, se me acompañases á morada que xenerosamente me emprestaron os camaradas do caravel vermello na praza Filipa de Lencastre do Porto. No entanto tiñas pistola, o ferro que che proporcionara o Lobo, un membro do cumio da ETA que veu resultando infiltrado da policía. Armoute, logo denunciounos e hoxe é un heroi patrio, protagonista dun best-seller.

Estando desarmado talvez virías comigo a darlle a noite á viciña idosa,  pero empuñaches a arma e… lume no cano!, como se foses un matalobos tipo Harry o Porco. Por certo que o mes pasado, ferido polo aguillón da saudade, visitei o noso lugar de Cinco Nogueiras e, no bar Manchespe, encontrei un flipper que no cristal lucía a imaxe de Clint Eastwood apuntando co seu magnum cara unhos parroquianos que xogaban ao tute mal, encetando tódolos paus. Queres crer que onte, no mesmo trinque de Docobo onde hai décadas vimos un winchester, había exposto un magnum? Queridiño de Nuestro Señor!, que diría o teu vello.

Ao tempo entráranos a febre de prepararnos prá resistencia e fomos, co Cea como instrutor, a facer manobras ao monte Pedroso, armados con espingardas de aire comprimido. Do Cea lembreime aí atrás, vendo un xogo do mundial: Uruguai versus Franza. Porque el viñera do paisiño de alén mar e fora tupamaro ou cousa parecida. Polo noso instrutor táctico-armamentístico souben que houbera dous xogadores galegos campeós do mundo e que non se chamaban Luís Suárez nin Amancio nin militaran na selección española. Emigraran desde Redondela e deran a sorpresa conquistando nos anos cincuenta a taza do mundo pró Uruguai. Un deses titás apelidábase Cea, que lle rebimba o mallo! O outro Cea, o noso instrutor militar, preside agora, en 2018, a Fundación Figueiredo que perpetúa a túa memoria.

Através da xanela do bar onde almorzo, vin un cadeliño chihuahua cagando na beiravía, pero anoxoume máis saber polo xornal do establecemento que Carmencita Martínez-Bordiu Franco se me adiantara no ostracismo lusitano. Disque se retira a morar no campo portugués cun coach que na foto de imprensa ten traza de gigolo. Cando viña cara aquí, na outra banda da rúa, boteille unha moeda a un guitarrista que interpretaba Recuerdos de la Alhambra, peza  que me abriu o apetito porque as súas notas soaron nun spot televisivo dos embutidos Óscar Mayer. Contemplo as rodas de chourizo que decoran o bordo do prato rodeando tacos de queixo e penso nos labios inchados con silicona da neta do ditador. Despois de tantos anos abriuse a veda, agora van desenterrar os restos do coudel sacándoos do seu mausoleu no Valle de los Caídos e talvez lle expropien aos descendentes o pazo de Meirás. Os parentes do invicto seica xuntaron un impresionante forrollo aplicando un sinxelo principio de economía política: a pereira é pró que está á beira. Non choro ese acervo pispado por semellante ralé, non lles quero nada nin lles envexo ren, por min que o metan por onde se enfían as agullas. O que me amola é que unha desas carrachas descubra as meiguices do outro lado da raia. Haberá algún recanto da ecúmena onde eu poda escapar sen coincidir con tan miserable cafarnaxe?

O mesmo xornal, que luxei con pingas de viño e gordura de chourizo, tamén informa de que condenaron varios milicos chilenos por esmagarlle as maos e ferrarlle corenta e cinco tiros a Víctor Jara. Ao meu Vítor igualmente o cribaron con varios cargadores.Venme a gana de nifrar, estou amolecendo, daquí a pouco engradarei por menos de nada. Pra non engurrar o bico procuro distraerme fixándome na clientela que substituíu aos roteiristas de videoxogos. Reparo nunha muller trintona que calza chanclas e loce nas uñas dos pés unha pintura amarela a xogo co vestido vaporoso que a envolve. Inspírame simpatía o feito de que lea unha revista no canto de abstraerse no ecrán dun móbil ou dunha tablet como case todo o censo urbano. Estou por cantarlle Adelita co sotaque de Nat King Cole, porque se imita a unha viciña do barrio onde paramos de estudantes de secundaria, alá en Ourense nun inverno dos sesenta.

Alugábanos cuartos a señora Jesusa nun faiado aireado e alumeado por bufarros pequenos, era o que podían pagar meus pais con francos suízos e os Figueiredo con pesetas da venda do leite ou en especie, fornecendo a despensa da patroa con mariñas, polos ou carne de marrao.

Adela era unha moza feita de vinte e cinco anos que, polo entroido, escalou a cima da elegancia epocal lendo El hogar y la moda. Luciu un modelo moito meigo en gasa azul turquesa que contrastaba cos grotescos disfraces que agromaban naquel Ourense pándigo e trouleiro, desafiante da beatería nacional-católica. Naquela sazón levábanse as prendas de punto (tecidas en canalé e fantasía e calcetadas con la de cor verde musgo), a saia-pantalón e os chalecos cruzados, pero a licenza carnavalesca inducía ao travestismo. Os raparigos de boa casa fardaban de matadores de touros ou de mosqueteiros con plumacho no chapeu e nós, Vitiño e mais eu, gobernámonos cos farrapos de dous espantallos que trouxeramos de Cinco Nogueiras.

Con noite pecha volviamos un chisco afumados polo camiño viciñal do arrabaldo, da parede apegada a aquela na que estaban os nosos cuartos transcendía un son saudoso que tiraba do moco do Vítor, porque os bébedos choran por calquera cousa. Un televisor co volume alto demais difundía un tema de Aznavour: Que c´est triste Venise. Vítor petou na porta e fomos convidados a ver a gala musical, con Adela e os pais enguruñados ao pé dunha estufa de butano. Os vellos logo se foron á cama e eu tamén me retirei porque ese tipo de aquecedor dábame dor de cabeza.

Esa velada fuches seducido, por dicilo coa linguaxe puritana que se usa atalora, ben seguro que ficarías pampo se resucitases pra ver como un tipiño denunciou a actriz Asia Argento, porque disque quedou gravemente traumatizado ao ter que fodela sendo xa case corentona e contando o montador dazasete veraos. Tu andabas neses anos e experimentaches unha aparición sacra, o coito era entón misterioso e tráxico (palabra de Pasolini) e algo numinoso compartillo contigo buscando no móbil a banda sonora daquela noite de entroido. No entanto, non selecciono a versión de Aznavour, quero mellor a de Iva Zanicchi: Com´è triste Venezia soltanto un anno dopo

Oito anos dopo usabas bigote postizo e pintabas o parvo, porque quen te coñecía non se deixaba enganar por unhos pelos mal apegados no bico e, de por parte, parecías un mero macho imitador de Jorge Negrete. Contodo e así, a víspora do día de autos ben que conquistaches unha moza levándoa en vespa á praia e, se non fose polo que pasou, terías rebrincado con ela no San Roque de Ares ou en calquera das festas iluminadas polo luar de agosto. Porque tu, Vitiño, eras dos que esixen amor, non dos que o dan, e polo tanto esperábate o fado feliz daqueles que son idolatrados sen facer mérito ningún.

No bar acenden o televisor e, durante unhos minutos, sigo un documentario sobre a vida de Eric Clapton. Pola época da túa inmolación, o guitarrista estaba recluído nunha quinta de Surrey tan metido na heroína que non se lambía. O artista maldito concede unha entrevista e declara que espera morrer novo, que a vida non lle gusta. Unha tal declaración empúrrame aos paseos de Francogrado, onde vexo que mellorou o tempo. Ao romper en Compostela, o día semellaba mouco e temín que espesase a brétema aquí nas rías altas. Endireito pola rúa que baixa cara a Praza de Armas e paro como unha estaca a fumar diante do predio onde (no terceiro andar) tiñamos o piso franco. Estoute vendo entrar moi serio, incitándome a surtir ao patio de luces pra tantear a ventá da morada viciña. Encontreina arrimada, como puden comprobar deseguida empurrándoa desde a banqueta en que me subira. Separáronse as follas e esperei por se aparecía a vella que coñecía de saudala nas escadas. Sabía, polo letreiro da caixa do correo, nome e apelidos: Matilde Brillante Gómez. Estaba xorda e non sentira ruxir a xanela, de maneira que avantei o peitoril e metinme en casa allea.

Estendín a mao cara o Vítor pra axudarlle a subir onda min pero el evocou unha mañá de perdices da nosa infancia. Falou daquela perdiz que voaba a rentes das nosas cabezas, convidándonos a cazala a voo co fin de apartarnos do preciso suco onde achantaran os perdigotos, inmóviles e mimetizados coa restreba. Encomodeime e mandeino ao carallo, por moi responsable de célula que fose non lle aturaba contiños podres sobre a avifauna cando estabamos sitiados. “Sube dunha vez ou seica me amolas!”, berrei confiado na xordeira da señora Matilde, pero el colocou a banqueta contra a parede oposta do patio e agatuñou ao tellado. Pisaba as tellas con tento e aceneaba coa mao despedíndose de min. Cabalgou un instante sobre o anquiete que separaba as dúas augas, pasou á outra caída do tellado e perdino de vista. Axiña sentín crebar o vidro da claraboia, un estronicio que me pinzou o fío do lombo e atraeu a dona da casa. Matilde olloume con máis estrañeza que medo e déuseme por soltarlle unha prosmada: “Son un galeguista que precisa amparo”. Recibín a réplica que merecía: “Gallego é calquera, pero que foi do nacho que para contigo?”

O conacho que paraba comigo arrepúxose a España e velaquí estou termando da memoria, da de Vítor e da de vosté, xentil anfitrioa. A deshora viñeron chamar á porta nun rexistro xeral do predio, da rúa e do barrio inteiro, aínda ben que o Lobo non sabía o noso enderezo exacto. O meu Vitiño, desconfiado como lle acaecía a un galego dantes, non se franqueara de todo co axente que presumía de vasco botaporela e que a nós nos tiña por cagarrás. Os policías insistiron petando co chamador de gadoupa ata oírmos a voz doutro viciño  no descanso da escada: “Aí vive unha vella soa e xorda, non sentirá o ruído aínda que lle afundan a porta”. Marcharon por fin e reanimei a Matilde que sufrira un mal, cunha fecha de coñá que encontrei nun chineiro.

Neste preciso instante, mentres rodeo o predio pra ver a calexa pola que desceu Vítor a estas traseiras axardinadas nas que onte como hoxe inzaban as buganvilias, vénme ao cordo o coronel brasileiro apelidado Brilhante que torturou durante a ditadura. Aqueloutra Brillante finou sen que eu volvese pra agradecerlle o aconchego que me brindou en transe tan penoso, en troca o supliciador de alén mar recibe louvanzas da ollecida ultradireita que está a piques  de gobernar no país-continente.

Botei fora da morada da Matilde ao clarear, con tan boa sorte que os tiras e cereixeiros estaban apiñocados no fondo da rúa, diante dunha porta de dobre folla contigua a unha mercería aínda pecha en hora tan temperá. Non repararon no liscánzaro que se escoaba en dirección a Fene, onde me camuflaría entre o rebumbio dunha asamblea de operarios do estaleiro e onde contactaría co camarada que me transportaría no seu auto á raia miñota.

Mentres tanto, alí no cabo da rúa, no vestíbulo confinante coa mercería, o Vitiño xacía estarricado nas baldosas do chao barnado de sangue. A porta, sobre todo no painel inferior, estaba furada, estillada polos moitos disparos e coa pintura verde carruaxe esborcelada afeito. Eu non a vin, falo polo que me contaron compañeiros que pasaron por alí nas horas inmediatas. Como tamén non vin ao amigo gacheiro entre a frouma dos xardís traseiros, guichando desde a fraguizada pra seguir as andainas dos que osmaban polos blocos das casas viciñas. En certa altura da madrugada pensou que levantaran o cerco, enganaríao o silencio ou decidiu que de calquera xeito había que aproveitar as sombras antes de que rompese o día. O caso foi que surtiu ao encontro dunha caninea adovecida. Tiven ocasión de preguntarlle a Erundina, chamada entón pra identificar o cadáver, e díxome que tiña un burato no lombo a máis de incontables feridas no peito, do que deduzo que o alcanzou un balote cando corría polo paseo inantes de entocarse. Despois, as pistolas e fusís concentraran o fogo na madeira do poxigo. Apertábaselle o anus co medo, ao empurrar as follas da porta verde aínda dispararon varias refoleadas de chumbo por un siescaso. Figúrome os asaltadores co aspecto de Billy el Niño, un lampo lipín tristemente célebre como torturador daquel tempo. A direita brava destas partes é así, unha requitropa de costureiriñas adoutrinada en colexios de clérigos pedófilos. Visualizo o Vitiño no lance de enguruñarse en pose fetal nas baldosas baixo un torbón de balotes, pero non adiviño en que pensou. Sentiu saudade do futuro?

Mikel Legarza, alias El Lobo.

O vestíbulo está clausurado hoxendía por unha porta de vidro e aluminio, hai unha placa conmemorativa do martirio de Figueiredo e o baixo que ocupaba a mercería véndese, segundo anuncia un rótulo cun teléfono anotado.

O fume do tabaco amárgame a boca, trasteo o cigarro nos lastros e baixo o último tramo da rúa que desemboca na Praza de Armas. Acudo ao reclamo do que parecen petardos e troula festiva. Non hai festa de ningunha clase, desfilan policías vindicando a equiparación salarial (con quen?) e unha das manifestantes ceiba un urro: “¡Ésta es nuestra policía!”

A meu carón abala unha rapariga que observa o cortexo e murmulla: “Dan miedito”. A min repíteme o chourizo que mouguei no almorzo antes de visitar o santuario de Vítor Figueiredo, e iso que non o comín todo, lembro que deixei unha rodela no prato por mandato idiosincrático, polo que sempre se dixo da vergonza do gallego.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s