Non é contracultura quen non quere

Aleix Salvans.

Xesús González Gómez.

Regálanme un libro: Gestió del caos. Escenes de la contracultura a Catalunya 1973-1992, de Aleix Salvans, publicado por Angle Editorial en setembro do 2018. Segundo a lapela, Salvans é licenciado en comunicación audiovisual e neste momento é redactor do diario El món e, ademais, escribe sobre ciencia e medio ambiente en Món Planeta.

O libro é unha «historización» dos diversos movementos «contra-culturais» que tiveron lugar en Catalunya (sobre todo en Barcelona) nos anos que se di. Anos, en verdade, movidos. Vemos pasar diante de nós os debuxantes Nazario e Mariscal, a Ocaña, os poetas e escritores Genís Cano, Pau Malvido (Pau Maragall i Mira, irmán do que foi alcalde de Barcelona e presidente de la Generalitat Pasqual Maragall; o «Malvido» era o segundo apelido da súa avoa materna, a muller do poeta Joan Maragall), a Enric Cassasses, a Roberto Bolaño, David Castillo, etcétera etcétera; e toda a restra de músicos etc. Vemos tamén a aparición, unha vez morto o caudillo, das denominadas «radios libres», das salas en que actuaban os diversos grupos musicais, que tiñan, en certo modo, a Pau Riba e Jaume Sisa como «mestres», a aparición de revistas como Star, que se quería máis «proletaria» que Ajoblanco, á que acusaban de ser produto de señoritos, o nacemento do Sindicat do Espectacle con Mario Gas, Juan Puigcorbé, Francesc Bellmunt… As primeiras xornadas libertarias no Parc Güell, que foron o canto de cisne do movemento libertario en Cataluña (logo veu o misterio do atentado contra a sala de festas Scala, e o movemento libertario ficou en nada) E, aínda que non lle dedique moito, o gran desastre: a aparición da droga e, e aquí habería que discutir moito sobre os movementos contraculturais, a aparición de «contraculturais» nazi-fascistas. Non hai que esquecer a fascinación que polos símbolos nazis tiveron (aínda teñen?) moitos movementos musicais dos anos 70-80 e 90.

Salvans non se esquece de ninguén e o resultado é, en certos momentos, un libro atractivo e mesmo, pode considerase, fascinante, mais sobre todo é informativo. Fascinante para aqueles que queren ser fascinados ou foron fascinados por estes movementos. Ora ben, o que falla no libro é o «ton». O autor non quere dicir con todas as letras que estes elementos «anti-culturais» non tiñan nada a ver cos movementos nacionalistas, fosen da tendencia que fosen, e iso moléstalle enormemente. Escribían en catalán ou en castelán, segundo lles viñese ao caso ou lles petase, e se ben case todos foron autores en catalán, non por iso esqueceron o castelán: eran anti-franquistas, mesmo pode ser que fosen anti-españolistas, mais non vían o idioma como un inimigo. O ton do libro alcanza, ás veces, absurdos lingüísticos e/ou expresivos, ao non querer decatarse Salvans de que o Estado Español é unha institución xurídico-político-policial-militar, non nunha entidade xeográfica. Tampouco acaba de deixar moi claro que todo o movemento das denominadas radios libres, cuxo estandarte foi Radio Pica, foi decapitado, si, polo Estado Español, evidentemente, mais a man executora foi o seu representante en Cataluña, a Generalitat, comandada daquela por Jordi Pujol e a coalición Convergència i Unió. A Pujol, como aos representantes oficiais da cultura catalá «molestáballes» esa contracultura.

No entanto, o libro é útil para coñecer uns movementos que estaban por debaixo da tona, que se movían nas periferias e que, finalmente, foron totalmente recuperados polas institucións, a non ser que os representantes destes movementos morresen antes desa recuperación. Non en van, a mellor antoloxía que até hoxe se publicou sobre eses poetas e escritores «anti-culturais», foi editada polo Concello de Barcelona, estamos a falar de Poesia contracultura Barcelona, argallada por dous ex-membros desa contra-cultura: David Castillo e Marc Valls. Por outra parte, a maioría destes poetas e escritores acabaron ou colocados ou morreron en plena mocidade. Digamos que moitos dos que participaron neses movementos contraculturais acabaron dentro do que se denominaría o «sistema» cultural catalán. Algún deles, individualmente, subvencionados por institucións tan progresistas como a Caixa de Pensións, hoxe máis coñecida como Caixa/Banc. Digamos que dos 18 poetas escolmados na antoloxía de Castillo/Valls, todos morreron entre os 30 e os 60 anos.

Polo demais, os nomes de Bolaño, Enric Cassasses, o propio David Castillo, Pau Riba, por non falarmos dos membros do Sindicat do Espectacle, foron asimilados polas institucións culturais públicas (algúns, como Mario Gas, ao servizo do PP de Esperanza Aguirre). Algúns deles, nun xesto que os honra, nunca falan do seu pasado. Outros simplemente lémbrano como materia de libros, e outros aínda actúan como «popes» perante os novos poetas, recordando sempre o famoso «eu etiven alí»: Enric Cassases, por exemplo, un poeta sobrevalorado. Os últimos libros de poesía de Cassasses, e moitos dos primeiros, non deixan de seren bromas privadas que dado se publicaron e mesmo foron galardoados con premios importantes, como Carles Riba, convértense en bromas públicas. O peor de todo, é que Cassasses non entende os seus versos como bromas e os seus últimos libros de poemas, desde, como mínimo, o ano 2000, non son máis que produtos narcisistas e solipsistas.

Con todo, recomendo o libro de Salvans, como recomendo, máis encarecidamente, Poesia Contracultura Barcelona (este cun aparato iconográfico abondo importante e interesante), como recomendaría, por exemplo, Murs de Barcelona, libro de Genís Cano –talvez, ou sen talvez– o «teórico» máis importante desta contracultura (acabou como vice-decano da Facultade de Belas Artes) e Anxo Rabuñal, con textos, entre outros, de A. Tàpies, Vázquez Montalbán ou Margarita Ledo –libro editado polo Concello de Barcelona. E de Anxo Rabuñal non podemos deixar de recomendar o excelente catálogo que argallou a raíz da exposición O lado da sombra. Sedición gráfica e iniciativas ignoradas, raras ou desacreditadas entre 1971 e 1989, realizada na Fundación Luís Seoane. Un catálogo importante e interesante. Dúas recomendacións máis: Escribir y dibujar, en el fondo, no son lo mismo, de Rabuñal e Martí Peran (Asimétricas), e se van por Compostela, unha visita á Libraría Novaniké, aló pola rúa de Xerusalén, dirixida por Anxo Rabuñal.

Para acabarmos, uns libros que dan noticia duns movementos e dun mundo que xa desaparecera antes de 1992 e que agora se reivindican, sobre todo, ou talvez, porque os seus reivindicadores están máis que secos e non saben de que falar.

Podiamos tamén discutir o concepto de «contracultura»; recomendamos, como introdución ao tema, o libro de Ken Goffman e Dan Joy, La contracultura a través de los tiempos. De Abraham al acid-house, publicado por Anagrama: neste curioso libro verá o lector que a contracultura, ao final, o abrangue todo e que talvez non é contracultural simplemente quen non quere.

♦ Gestió del caos, de Aleix Salvans, Angle, 2018. 304 páxinas. ♠18,90€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s