As dúbidas respecto ao idioma galego de Johan Carballeira

Xesús González Gómez.

Johan Carballeira.

Leo, de corrido, o libro de Francisco Rodríguez Pastoriza A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira), publicado por Edicións Laiovento este 2019. O volume é, como moi ben se di na contracapa, «Unha recompilación comentada e contextualizada da maior parte dos seus traballos publicados nos xornais e nas revistas nas que colaboraba. Aquí están a práctica totalidade dos seus escritos xornalísticos clasificados por bloques temáticos (política, cultura, lingua…), por xéneros xornalísticos e ordenados cronoloxicamente». (Os xornais e revistas en que colaborou son, maiormente, El Pueblo Gallego, de Vigo, e xa en menor medida, Céltiga –aínda que moitos dos traballos publicados nesta revista da emigración bonaerense son reprodución de artigos publicados antes no xornal vigués–, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, os madrileños El Sol, Ahora, Luz, etc., e revistas como Gaceta de Galicia (da que foi fundador), Estampa, Ser. Semanario de izquierdas…) É dicir, atopámonos diante dun libro moi útil para penetrar (e afondar) no pensamento, na ideoloxía de Carballeira, e, tamén, claro, na súa escrita xornalística. O libro, ademais dun estudo da obra xornalística de Carballeira, é, tamén, unha homenaxe á súa persoa.

Rodríguez Pastoriza, despois dunha sucinta biografía, e logo unhas poucas páxinas nas que fala da «obra dun profesional do xornalismo», páxinas nas que capta moi ben que «na súa escrita, desde un orixinal costumismo modernista, Carballeira vai evolucionando cara a unha expresividade formal dunha gran riqueza literaria e dun amplo vocabulario» e, ademais, ideoloxicamente (nos «seus valores», escribe Rodríguez Pastoriza»), «progresa carta a unha madurez conceptual nas súas formulacións sociais, políticas e culturais que se manifesta a través da crítica e a protesta ante a incompetencia e o inmovilismo que observa ao seu redor[…]« (p.20-21). E despois deste capítulo, o autor entra de cheo no tema do seu estudo.

Como nos di a contracapa e reproducimos parágrafos atrás, Rodríguez Pastoriza argalla o libro clasificando os artigos por bloques temáticos: o xornalismo, os primeiros artigos, «Vendimiario», unha sección que asinaba Johan Carballeira en El Pueblo Gallego, crítica social e política, «Galicia no corazón», «Sempre en Bueu», a lingua galega, o xornalismo e a crítica cultural, e outros xéneros (entrevistas: foi Carballeira o primeiro que lle fixo unha intelixente entrevista a Ramón Otero Pedrayo: mágoa non continuase con outros escritores galegos do seu tempo), obituarios, reportaxes, e perfís. Ou sexa, estamos perante unha excelente escolma (en fragmentos) da obra xornalística de Carballeira, ademais, como se di na lapela, argallada cronoloxicamente, o que permite ver a súa evolución, tanto político-ideolóxica como estilística.

Se se le con atención o que escribe Carballeira (os extractos de artigos e outro traballos que escolma Rodríguez Pastoriza), a pesar de que, como ben avisa este último, «non podemos xulgar a obra xornalística de Johan Carballeira coas mesmas formulacións do periodismo contemporáneo, non só porque a sociedade actual é moi diferente á que lle tocou vivir senón porque o estilo e os xéneros do xornalismo do primeiro terzo do século XX evolucionaron de tal xeito que case nada teñen que ver co xornalismo actual […]»; diciamos, se se len con atención os treitos que escolma Rodríguez Pastoriza, veremos que moitos diagnósticos (ou opinións, se se prefire) de Carballeira, malia a sociedade actual sexa diferente da dos anos 1920-1930 –non en van pasou case un século– son dunha actualidade asoballante. Lea o lector o que di sobre o xornalismo que se fai no país, e os xornais que se editaban daquela en Galicia: o diagnóstico é aínda, e infelizmente, válido; lea o que di do campo e da pesca; da cultura, do xornalismo cultural… e da lingua. O libro non só vale como «retrato» dunha década (1926-1936) do noso país, senón que demostra á claras que aqueles «lodos» que denunciaba vigorosamente o xornalista comprometido, trouxeron os actuais «pos», agravados por 40 anos de franquismo e máis de trinta de fraguismo e herdeiros.

Na citada xa tantas veces contracapa afírmase que a presente é unha «recompilación contextualizada e comentada» da maior parte dos traballos xornalísticos de Carballeira. Comentada si, contextualizada, non. Para isto último sería necesario que Rodríguez Pastoriza situase (sic) os escritos de Carballeira nos xornais e revistas en que foron publicados, sobre todo El Pueblo Gallego, o gran xornal galego de 1924 a 1936. Por que, noutro xornal galego que non fora o vigués poderían publicarse os seus artigos? Ademais, para a «contextualización» habería que estudar as sinaturas dos seus compañeiros de redacción e/ou opinión. Para acabarmos con isto da contextualización: para situar a obra xornalística de Carballeira no seu tempo, sería necesario facer unha historia política (e social) de El Pueblo Gallego: non era ese o traballo que Rodríguez Pastoriza se encomendara.

Unha curiosidade (?). O 4 de setembro de 1928, Johan Carballeira publica en El Pueblo Gallego o artigo «Posición del gallego». Como ben afirma Rodríguez Pastoriza: «[…] sorprende que defenda o uso do galego só para a literatura e se manifeste derrotista en relación coa práctica na vida cotiá׃

“Cultivemos en el campo puramente estético cada día más la votiva flor de nuestra vernácula fala. Todo aquel que la sienta –la lengua gallega es hoy la única saudade de los gallegos– vacíe en su propia arcilla el prolífico ardor de su fantasía.

“Pero pretender a esta hora en que nuestra atención se maquilla con todos los colores del mapa darle transcendencia y sentido políticos a este idioma tan lejos de la ordinaria gimnasia mental del pueblo, nos parece perder el tiempo» (p. 173-174). Segundo Rodríguez Pastoriza, pouco despois Carballeira rectifica en certa maneira («El otro resbalón» (5-12-1929), e xa en 1933 asume totalmente o programa do seu partido, o Partido Galeguista, no que se refire á lingua. Véxanse os artigos «Piñeiros» (8-12-1933), «A unificazón do idioma» (22-7-1934) ou «Vitalidad y fuerza expresiva del gallego» (23-3-35), dos que no libro se reproducen fragmentos. O primeiro en lle contestar, un pouco oblicuamente, foi Antón Villar Ponte: «Xudaísmo idiomático» (El Pueblo Gallego, 9-9-1928, asinado co anagrama ANVIPO), veu logo a resposta, máis directa e dura, de Plácido R. Castro: «Cosmopolitas o “castellano de imitación» (14-9-1929, El Pueblo Gallego). Outra dura resposta foi o editorial da revista Céltiga: «Sobre el idioma gallego. Una polémica y una metedura…» (nº 92, 25-10-1928). A «metedura» (de pata) foi a de Jaime Solá, director de Vida Gallega, home e revista para os que Céltiga, sen citalos expresamente, teñen duras palabras. Solá que confundía a Johan Carballeira con Johan de Loira (pseudónimo este último usado polo propietario e director do xornal vigués, Portela Valladares). Pouco despois, no nº 100 da revista bonaerense, correspondente ao 25 de outubro de 1928, Carballeira rectifica en parte o que dixera no seu anterior escrito co artigo «Conocimiento de Portugal» (con este mesmo título, publicará un artigo en El Pueblo Gallego o 15 de xaneiro de 1933: en realidade é case o mesmo artigo de Céltiga, só que recortándolle parágrafos). Mais o xornalista non se detivo aquí: no número (no nº 105 da devandita revista, 10 de maio de 1929), volve ao ataque, matizando unhas cuestións, ampliando outras, co artigo «Los puntos sobre las íes», que os da revista publican con esta matización en nota a pé de páxina: «N. de la R. – Apenas extinguidos los ecos de la polémica que surgió con motivo de una publicación de Johan Carballeira, acerca del idioma gallego, en la que por cierto hubimos de intervenir, vuelve nuestro estimado colaborador a insistir en sus anteriores afirmaciones que se nos antojan, en cierto modo caprichosas y de un sectarismo a veces arduo y a veces pueril. Pero no corresponde a nosotros alinear las baterías de la réplica, que así es lo correcto cuando se apela al derecho de asilo que ofrecemos en estas columnas –y muy honrados con ello– para que, como en este caso puedan defenderse de supuestos agravios nuestros colaboradores. Ahí quedan, pues, las palabras de J. Carballeira y nuestras páginas ofrecidas en palestra para los contendores. Tal vez después hagamos un resumen y demos nuestra opinión». [En Galiciana pode o lector atopar os artigos publicados en El Pueblo Gallego, e na web do Consello da Cultura, a colección enteira de Céltiga.] Sobre a polémica, véxase o que escribe Xosé M. Millán Otero no intelixente prólogo que lle puxo a Páxinas galegas, libro organizado por el e publicado no 2000 por A Nosa Terra, e que recolle a maioría, por non dicir que todos, os escritos en galego (en prosa) de Johan Carballeira.

A obra xornalística de José Gómez de la Cueva é, como dixemos, un libro útil, sobre todo pola súa «organización» fáltalle, porén, unha «contextualización» dos escritos de Carballeira, contextualización que si fixo (estupendamente, e esperemos que amplíe algún día) Millán Otero no mencionado libro por el preparado, porque en realidade Carballeira é un nome, importante, dentro da nómina de escritores e xornalistas que intentaron, realizaron, unha renovación do xornalismo galego nas décadas 1920 e 1930. Renovación da que El Pueblo Gallego foi faro, estandarte e locomotora.

E outra curiosidade. Segundo afirma Millán Otero, a sinatura de Carballeira desaparece de El Pueblo Gallego en setembro de 1930 e non volve aparecer até inicios de 1932. Foi neses anos que Carballeira se decanta cara ao galeguismo do PG. O que non se sabe é porque desaparece a súa sinatura do xornal vigués e as consecuencias que tivo esta «desaparición»: con el desaparece das columnas de El Pueblo Gallego o nome do seu amigo Rafael Ochoa Carrasco, poeta vangardista, debuxante, deseñador de pezas de cerámica e columnista (Ochoa sería logo militante do Partido Comunista de España e un dos homes que forzaría a expulsión deste partido de Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía: véxase Xulio Parada, Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión, Ediciós do Castro, 2004). Digamos, con todo, que o 29 de xaneiro de 1931, coincidindo co primeiro cabodano da morte de Manuel Antonio, aparece na primeira plana de El Pueblo Gallego o artigo «Elexía a Manuel Antonio», asinado por R. Alfar, que non é outro que o mencionado Ochoa Carrasco. Mais a historia da amizade Ochoa/Carballeira xa nola contará, cando el queira, Xosé Enrique Acuña, que ten todos (ou case todos) os datos no seu poder.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s