‘As mulleres da fin do mundo’, distopía que non convence

Daniel Asorey.

Eva Moreda.

As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey (Xerais, 2019) ten, en principio, algunhas particularidades que a poden diferenciar do que coñecemos do xénero distópico: principalmente, que as súas protagonistas sexan mulleres e, ademais, de razas, orientacións sexuais e identidades de xénero diversas (precedentes hai, claro, pero se cadra por aquí pouco nos chegan quitando a ben publicitada Margaret Attwood). Iso non abonda, porén, se logo o universo ficcional todo se arma en base a unha checklist tirada sen máis de Huxley e Orwell: desaparición dos estados autónomos e poder centralizado nunha ditadura máis ou menos disimulada; uso da tecnoloxía máis avanzada como modo de control; estratificación social extrema ata o punto de que cada clase social vive no seu propio ambiente illado dos demais; disolución de lazos familiares e afectivos e deshumanización en xeral; fomento das drogas por parte do poder para controlar a poboación un pouquiño máis, etc.

As distopías de Huxley e Orwell, ademais dos seus méritos literarios, seguen aínda, na substancia, vixentes, pero pode que no detalle resulten, a estas alturas, ocasionalmente risibles: aínda que compartamos con estes dous autores o temor fundado de que o mundo se estea indo ao tacho, o noso contexto mudou; algún dos camiños que anticiparon estes autores pode que xa non sexan plausibles. O problema é que Asorey mete no lote todos os modelos deitados por estes dous autores sen matizalos, sen desenvolvelos, poñéndoo todo ao servizo dunha condena de certos aspectos do mundo actual e da celebración das mulleres coa que se espera que o lector estea, de entrada, de acordo (cada pouco temos unha cuña publicitaria ao respecto: “Para que habían querer atopar outros seres humanos? Eran mulleres. Había séculos que fixeran delas trincheiras, trofeos e brasóns”). Por exemplo, cando coñecemos o malo, o líder do Imperio, preséntasenos deste xeito, como un ready made que toca todos os ideoloxemas que ten que tocar:

“De feito, cando cursara Economía, nunha universidade conservadora e elitista, xamais se imaxinara a si mesmo dirixindo ningún partido político, nin sequera afiliado a nada diferente dun club privado. Era un estudante mediocre e presumía de non ter ideoloxía, aínda que, claro está, el daquela xa sabía perfectamente que iso supoñía concordar co pensamento dos que vendían e ordenaban. Ao cabo, iso fixeran sempre os seus. Nesa etapa estudantil non participara en ningunha manifestación ou protesta (…). Neses tempos, Albert tampouco asinara ningún manifesto ou asistira a ningún mitin. Votaba a quen había que votar, sen máis problemas. Por soñar, soñaba cunha oficina de vidros sobre o río e un avión privado que o transportase por riba dos océanos.”

Igual quedaba a cousa máis interesante, xa non digo se se nos humanizase o tal Albert, senón que se nos dese algún detalliño interesante, incongruente, pavero mesmo (que rompa o ton de insoportable seriedade co que semellan estar escritas as distopías desta xínea: penso en Soños eléctricos, de Ramón Caride, en Obediencia, de Antón Lopo): se o tal Albert está baseado en Núñez Feijóo, que semella que o está, ben se nos podía presentar asistindo a unha churrascada, ou convencendo a súa nai de que saia nun vídeo de propaganda a maior gloria de si mesmo. Renxe tamén o renovado papel do fundamentalismo cristián no mundo ficcional da novela. O cristianismo facendo un comeback nunha sociedade cada vez máis atea, na que xa hai quen di que a principal relixión é a da liquidez, coa que as relixións tradicionais son incompatibles? Pode ser, claro, que para iso estamos nun mundo ficcional, pero a distopía clásica, esta que bebe de Huxley e Orwell, depende en boa medida de que se explique de xeito convincente como se chegou ata aló a partir do que coñecemos. Non basta que se nos diga que “no nome da liberdade, se prohibiron determinadas formas de vestir, de falar ou de amar” e que, presumiblemente, todo o mundo dixese que si: hai que explicar como, por que e, sobre todo, como actúa o sistema sobre as conciencias para dotarnos dunha subxectividade que non admita máis xeitos de ver o mundo que os que sanciona o sistema mesmo: non sei se hai ou houbo algunha ditadura, real ou de facto, que poida sobrevivir sen acadar isto, e por iso o escenario de As mulleres da fin do mundo non remata nunca de convencer.

Penso que, limitando as cuñas das que falei antes, contendo tamén un pouco o estilo (outro exemplo: “Faheema soñou transformarse nunha pinga na inmensidade dese océano, contaminado e quente. Vagaría nel ata as illas xigantes de plástico que aboian sen ruta. Navegaría ata os vertedoiros anónimos de podremia e morte. Cruzaría os horizontes todos, abeirándose nas praias sinistras onde van morrer os mercantes desafiuzados deste Imperio. Porque era muller. Filla de muller. Ceiba”) podería a historia gañar bastante: algunhas das escenas de Blau, tamén as que se ocupan da interacción entre o sarxento cristián Tichborne e a súa prisioneira Faheema, teñen, ocasionalmente, un ton de serie B à la Mad Max que non deixa de ser atractivo: un ton que se cadra que podía ser o celme para escribir distopías con máis xeito, un xénero que xa xunta unha bibliografía apreciable (en tamaño) nas nosas letras, pero que coido que poucas veces se cultivou con verdadeiro éxito literario.

♦ As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey. Xerais, 2019. 248 páxinas. ♠17,50€

Advertisements

3 comentarios en “‘As mulleres da fin do mundo’, distopía que non convence

  1. Pois quítame esta crítica un pouco as ganas de ler o libro. Aínda teño na pila de pendentes de Asorey o de Nordeste, que non atopo o momento de meterlle dente, pero si que me tiña moi boa pinta. Supoño que en función del formarei criterio tamén para esta distopía.

    Por certo, desas distopías en galego, cal recomendarías? Tiven algunha vez nas mans a de Caride pero non me acabou de chamar e iso que sempre que lin relatos breves del me pareceron moi interesantes.

    • Eu veño de rematar “O cervo na torre”, de Darío Xohán Cabana (Premio Xerais 1994). Gustoume moito porque non é unha distopía das que son agora máis habituais (digamos, de mensaxe ecoloxista). Esta é unha novela “da guerra fría”, que para min crea un universo propio moi logrado. Pode ser que 25 anos despois haxa aspectos que renxan un pouco (por exemplo, desde unha perspectiva de xénero sería hoxe moi criticada) pero paga a pena. Darío Xohan Cabana é un enorme fabulador e domina o idioma como poucos,.

  2. Natura, de Iolanda Zúñiga, que saíu tamén hai pouco, e 15.724, de Xesús Constenla, parécenme das que mellor se desenvolven no modelo “clásico” de distopía. A verdade, e isto é opinión persoal, que non me semella un xénero para nada agradecido se un se cingue aos modelos de Orwell-Huxley-Attwood: queda sempre unha sensación de déjà vu que non sei ben como se pode evitar. Igual o máis sensato a estas alturas é tirar polo camiño da parodia ou a serie B, como fai Tomás González Ahola en Galiza mutante. Poder nuclear!, e polo menos bótanse unhas risas. Logo hai algunhas outras novelas que están ambientadas en futuros máis ou menos infelices e máis ou menos recoñecibles, pero non cumpren con todos os tópicos e aí estaría o debate de se se poden considerar distopías ou non; de aí gústanme A sombra cazadora, de Suso de Toro, e Tránsito dos Gramáticos, de Marilar Aleixandre.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s