Teresa Pàmies e Galicia

Xesús González Gómez.

Teresa Pàmies. FRANCESC BOIX.

Este 2019 celébrase en Cataluña o centenario do nacemento de dous escritores, que se ben –na miña opinión– non están entre os grandes escritores cataláns do século XX, si gozaron, e aínda gozan, dunha ampla popularidade por motivos moi diferentes; é unha popularidade, digamos, diferente. Estamos a falar de Joan Brossa (1919-1998) e de Teresa Pàmies (1919-2012). Joan Brossa goza hoxe de máis «popularidade» que cando estaba vivo (agás os últimos anos da súa existencia). Non imos, agora e aquí, a trazar as liñas fundamentais da vida ou da obra de Brossa, soamente anotar unhas cantas curiosidades. Brossa pasa por ser un dos últimos vangardistas cataláns… para os académicos das vangardas. Brossa non era máis que un falso vangardista. Nos últimos anos da súa vida foi o neno mimado tanto da Generalitat pujolista como dos concellos dirixidos polos socialistas e/ou ex-comunistas: tiña encargos de todos. Unha vez morto creouse un «Espai Brossa», en Barcelona, que é como un centro de promoción (sic) das vangardas. E, por último, hoxe as súas primeiras publicacións alcanzan uns prezos nas librarías de vello que «asustan»: en realidade, eses libros acaban por non se vender. En fin, talvez noutro momento, antes de que acabe o ano, falemos con máis vagar do «fenómeno» Brossa, un fenómeno curioso, produto típico dunha clase media radicalizada… na cuestión nacional.

Teresa Pàmies foi moi popular entre os estratos máis baixos (sic) dos lectores cataláns, e entre os máis ideoloxizados. Se as súas obras goza(ro)n dun certo interese, este interese é (ou foi) máis ben ou testemuñal ou ideolóxico (era membro do Partit Socialista Unificat de Catalunya, exiliouse en 1936, e foi compañeira do secretario xeral do PSUC Gregorio López Raimundo). A súa literatura non formulaba problemas literarios aos seus lectores, e ideoloxicamente, baixo a aparencia dun certo antidogmatismo (anti-staliniano), non facía máis que reafirmar a ideoloxía de Así se temperou o aceiro, até que caeron o muro de Berlín e tantas outras cousas.

De Teresa Pàmies o lector galego tiña ao seu alcance, en galego, o libro Rosalia no hi era (1982), cuxa tradución, de Andres Pociña, Rosalía non estaba alí, publicou en 1996 Ediciós do Castro (persoalmente acho que Pociña se equivocou ao non manter en catalán as versións que fixo Pàmies de diversos poemas, ou anacos de poemas, galegos). Mais non era esta a primeira vez que Teresa Pàmies falaba de temas ou personaxes galegos.

A Pàmies deuse a coñecer ao «gran» público catalán en 1971,cando gañou o Premio Josep Pla de narrativa co libro Testament a Praga, asinado conxuntamente co seu pai, Tomàs Pàmies, dirixente do PSUC morto na capital do que entón se denominaba Checoslovaquia. Antes de gañar este galardón, Teresa Pàmies colaboraba en revistas catalás como Serra d’or ou Oriflama, entre outras. En 1971 regresou Cataluña. Tres anos máis tarde gaña o Premio Joan Estelrich con Quam érem capitans. Memòries d’aquella guerra. É un feito curioso que unha escritora «comunista» gañase premios que levan o nome de dous escritores cataláns que colaboraron a morte co franquismo: Josep Pla e Joan Estelrich, este último acabou sendo o representante do réxime franquista perante a UNESCO, e un deses historiadores revisionistas, Jordi Amat, nun libro con certo interese mais totalmente discutíbel, El llarg procès: cultura i política a la Catalunya contemporánia (1937-2014), (Barcelona, Tusquets Editores, 2015), ten o santo valor de comparar un discurso deste Estelrich, do ano 1945, con outro do historiador holandés Johan Huizinga, o autor de Homo ludens, O outono da Idade Media, etc., e afirmar que ambos son grandes «europeos». Así será, pero mentres en 1942 o señor Estelrich estaba se posicionar dentro do franquismo, e en 1945 xa estaba totalmente posicionado, o holandés en 1942 vía como cerraban a universidade en que impartía aulas, era despoxado da súa cátedra, detido e confinado polos nazis, aliados do franquismo. En 1945 morrería: non o mataron directamente os nazis e os seus aliados, mais as duras condicións do campo de concentración en que o encerraron primeiramente, e logo do seu desterro, minaron a súa saúde. Pódese ser revisionista, mais un pouco de respecto e non confundir (ou sexa, mesturar nunha unidade) os mortos cos seus asasinos. A onde queriamos ir: en Quam érem capitans aparece a primeira referencia galega na obra de Teresa Pàmies. No capítulo «dous» da segunda parte deste libro pódese ler:

«Antes de proseguirmos a viaxe a Poukeenppsee, onde se atopaba o aristocrático colexio de señoritas Vassar College, estivemos un par de días en Nova York. Desde o porto, os rañaceos eran un espectáculo marabilloso, de lonxe, xa que unha vez metidos naquelas rúas estreitas os rañaceos non se vían. Non deixaban entrar o sol e, como que era no verán, agradecíase, mais aquela cidade tan orixinal era esmagadora. Daqueles dous días lembro, sobre todo, un pic-nic no Ulmer Park, organizado por «Sociedades Gallegas Unidas». Eu nunca vira tanta xente reunida no campo, entre quioscos improvisados nos que se vendían hot-dogs e caldo gallego, unha especie de «Fête de l’Huma». [Festa de L’Humanité, o órgano do Partido comunista francés, que se celebra cada ano na segunda fin de semana de setembro.] Aquel día, no fondo do parque erguíase un escenario que durante toda a mañá foi ocupado por cantantes, bailaríns e show-men. Ao comezo da tarde subiron as verdadeiras vedettes do programa, aqueles polos que viñeran a Ulmer Park ducias de millares de españois emigrantes en Nova York: Castelao e dous anarquistas da nosa delegación: Fèlix Martí Ibáñez e Serafí Aliaga.

»Coñecía de nome o multifacético Alfonso R. Castelao. Os seus gravados sobre a guerra civil, especialmente as escenas dos primeiros días, eran xa mundialmente famosos. Lembrarei sempre, entre todos, aquel que se titulaba: «A derradeira lección do mestre».

»Castelao foi recibido polos seus paisanos de Nova York cun entusiasmo delirante. Falou a súa lingua: o galego, e só este detalle arrancou toneladas de bágoas aos nostálxicos galegos e galegas de Nova York. Castelao foi un grande axitador, non porque tivese a figura e o xesto. Fisicamente non impresionaba moito, era esmirrado e miope, tal como el se autocaricaturizaba. Axitaba pola forza do seu verbo. No canto de falar, pintaba, debuxaba e as imaxes que saían dos seus labios eran fieis e estarrecedoras como as da súa pluma […]».

Lembremos, tamén, que no libro, aparecido e 1976, Los que se fueron, dedica un capítulo a Santiago Álvarez, de quen era amiga, e cada vez que o vello dirixente comunista viña a Barcelona, a presentar á Galería Sargadelos algún dos seus libros, alá estaba Teresa Pàmies e Gregorio López Raimundo, e outros vellos militantes comunistas cataláns ou residentes en Barcelona. No devandito ano de 1976, con prólogo de Jordi Solé-Tura, editorial Dopesa, editou o segundo volume das obras selectas e inéditas de Teresa Pàmies: «Records de guerra i d’exili», volume cuxas 850 páxinas recollen os libros de «memorias» Quam érem capitans, Quam érem refugiats e Va ploure tot el dia (este en forma de novela, narrada en segunda persoa). É dicir, guerra, exilio e regreso. Ademais destes tres libros, o volume complétase con «Setanta gotes», unha serie de artigos publicados no xornal Mundo diario; 13 artigos publicados, en versión catalá ou castelá, (aquí entrégase a versión catalá) en diversos medios de comunicación cataláns ou españois, dúas narracións inéditas (O triunfador e A espera do ascensor) e catro artigos inéditos. Destes artigo inéditos, traducimos o seguinte:

VOCES CEIBES NA MUTUALITÉ

 

Crónica escrita en París o 27-12-1969, enviada a unha revista de Barcelona que non a publicou.

O cartel amarelo pegado na saída do metro das portas de París anunciaba: «Festival de la nouvelle chanson des peuples dEspagne», os cataláns de aquí, fieis á «nova cançó» non podían faltar, porque entre estes pobos está o noso e entre aquelas cancións, as nosas. Canto máis acompañada vaia a «nova cançó», máis alto poderá cantar.

Así descubrín «a nova cantiga galega» en tres voces que se proclaman «ceibes». Unha das voces, a do estudante de Medicina Xerardo Moscoso, encantoume. Preséntase coa guitarra na man, un pouco acurrunchado, con pantalóns de veludo quizais un algo amplos, con xersei negro descubrindo puños e colo dunha camisa clara. Detense diante dun par de micrófonos, un dos cales recolle o Festival para Radio París. Descansa o pé dereito enriba dunha cadeira e, sostendo a guitarra co peito, tirou do peto dúas fitas: unha branca e outra azul ceo. Átaa ao colo da guitarra, timidamente mais decidido. entón, os españois «de todos os pobos de España» e centenares de franceses –máis de mil, entre eles nós– que non sabían cales son as cores da bandeira de Galicia, atopáronse xuntos para aplaudiren, sorprendidos e conmovidos. Comprenderamos que aquelas dúas fitas non podían ser outra cousa que unha bandeira.

O mozo mirounos a todos, desde as butacas até o poleiro, coa ollada de alguén que tamén acaba de descubrir algunha cousa. A complicidade ficaba estabelecida. O seu canto xa non necesitaba tradución. A súa canción só podía ser a dun pobo que leva a bandeira no peto.

Xerardo ten unha voz íntima, repousada. Lembroume a de Leonard Cohen, un cantante que gusta moito co seu «The Partisan». É unha voz de «raconteur» coa que explica Celso [Emilio], e xa sabemos as cousas que di este gran poeta galego. Tamén interpreta cancións propias, como aquela que fala dun pícaro que recibe dúas labazadas na escola por falar a única lingua que coñece: o galego, a de Galicia, unha Galicia na que hai que falar doutra maneira cando se vai ao colexio. É unha canción tenra e carraxenta. A voz é tibia mais non feble. Vén de lonxe e sen présas, mais chega ao fondo. Hai que escoitala e se escoita apreixando a mensaxe e desfrutándoa.

Xerardo non naceu en Galicia. É fillo de emigrantes galegos, fillo do exilio. Seus pais, en México, faláronlle galego, cantáronlle en galego; fixeron un galeguiño. Os desterrados que temos fillos sabemos o esforzo que isto representa, as satisfaccións e as decepcións que se teñen. Xerardo, por este feito, era máis noso. Ao oílo cantar na lingua discriminada de seus país achabamos como un gusto de vitoria sobre a adversidade do exilio e da derrota. Quizais o mozo entendeuno escoitando o silencio da Mutualité. Penso que foi sensíbel; a voz e o ademán reflectíano.

Mais a lingua aprendida no berce dun fogar emigrado non podía darlle todo a Xerardo Moscoso. Foille preciso vivir en Galicia, en Santiago, coñecer o país cos seus ollos e o seu corazón e non soamente polas historias nostálxicas dos pais. Por iso puido converterse nunha «voce ceibe» de agora e non de onte. Por isto, nin o ton nin a letra do seu canto vén de fóra, non cae doutro país nin doutro tempo.

A Xerardo dixéranlle que Galicia é verde. Lérao en mil versos; escoitárao no exilio nostálxico de verdor duns pais desarraigados e necesitados de paisaxe con cheiro de choiva. Non é o verde de dó das viúvas de vivos, dos orfos, daqueles que traballan en Alemaña, dos que se espera a carta que non chega. Xerardo dedicou esta canción «a todos aqueles que, coma meus pais, tiveron que abandonar a terra». Dedicóunola moitos dos que o escoitabamos na Mutualité o 21 de decembro de 1969.

Son cousas así as que canta Xerardo coa súa voz sosegada; cunha fita azul ceo e unha branca atadas no colo da súa guitarra.

Dos outros cantantes de «Voces Ceibes» –entre eles o famoso Miró (sic)– falaron doutros aspectos da realidade galega; cantaron os poetas de Galicia coñecidos ou non, mais todos eles substancia do pobo. A de Miró é unha voz poderosa, como o é a súa presenza física. Talvez vaia máis lonxe que Xerardo no mundo da «cantiga», mais a min semelloume máis galega a voz e a presenza daquel mozo que naceu en México e que aprendeu o galego cos versos de Rosalía. Pode ser unha opinión subxectiva, producida polo fillo de desterrado que retorna á terra dos pais cantándoa como el a canta.

Unhas rapazas francesas, veciñas de butaca, preguntáronme, sen ningún complexo: «onde queda iso de Galicia». Deilles nomes de cidades e portos galegos, mais con dificultades apenas coñecían os do Mediterráneo, veciños e máis ao alcance do seu peto. A xeografía, porén, non podía explicar a «nova cantiga galega». Era necesario falar de Historia.

A historia duns pobos –os de España– faise tamén coa «nova cançó», coas «voces ceibes», dunha xeración portadora dunha fabulosa esperanza. A de Galicia é unha realidade. Ao falar desta «nova cantiga», un dos seus intérpretes díxome que o deben á «nova cançó catalá». Un deles describiuno non hai moito en «Messaxe (sic) a Raimon»:

«Ti enseñadenos (sic) a decir: ¡Non!

 i a comprensión abriuse en nós.»

 Aquí acababa este artigo, mais o domingo 24 de marzo, na sección «Cartas ao director», e na subsección que a redacción titula «El lector expone», aparecía a seguinte carta, que achamos curiosa, e de aí a súa reprodución (traducimos do catalán).

Sobre Teresa Pàmies e Rosalía de Castro

Cando na década dos setenta comecei a aprender catalán, un dos primeiros libros que lin foi Gent del meu exili, de Teresa Pàmies; o motivo: facer o traballo que me pediran. Aínda teño o traballo e, santo ceo, as faltas de ortografía que hai! Desde entón interesoume a vida da autora e empecei a ler a súa obra: Testament a Praga, Quam érem capitans, Plou sobre mullat… [a autora da carta sofre un lapsus, Teresa Pàmies non escribiu ningún libro con tal título, polo que pensamos o confunde con Va ploure tot el dia] E agora, hai un par de anos, nunha pequena biblioteca dunha vila galega, remexendo polos estantes descubrín un libro dela traducido ao galego: Rosalía non estaba alí.

Non é necesario dicir que o lin e foi un descubrimento. É un dos seu libros de viaxes. Trata do mes que a autora pasou percorrendo as terras galegas onde vivira Rosalía de Castro. Cóntanos que a coñeceu aos quince anos en Balaguer, grazas ao director da coral en que cantaba, o día que lles deu unha partitura coa letra de Negra sombra. Impresionárona tanto aqueles versos que se fixo o propósito de esculcar, cando lle fose posíbel, a vida da autora dun poema tan melancólico e belo.

O verán pasado naquela mesma biblioteca dei unha conferencia sobre as dúas escritoras baseándome no libro Rosalía non estaba alí. Ademais de dar a coñecer Teresa Pàmies a un grupo de galegos, tamén acheguei o meu graniño de area ao centenario do nacemento da escritora. Espéroo impaciente.

ANNA AGUSTÍ FARRÉ

Barcelona

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s