A lingua galega presente no lanzamento internacional do novo Astérix

Edu Maroño.

É o novo álbum de Astérix realmente imprescindible? A resposta é si, mais vaiamos por partes.

Capa de ‘A filla de Vercinxetórix’

O 24 de outubro do 2019 é o día escollido para a presentación internacional d’A filla de Vercinxetórix , o novo álbum de Astérix escrito e debuxado por Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, os autores aos que se lles confiaron as aventuras dos heroes galos tras a retirada de Albert Uderzo. A edición galega do álbum, traducida por Xavier Senín e Isabel Soto, estará á venda nesa mesma data, publicada por Xerais. Non é a primeira vez que a editora galega participa deste evento mundial. De feito, leva facéndoo dende que Ferri e Conrad se fixeron cargo da cabeceira en 2013.

Daquela, a aparición de Astérix e os pictos en galego foi capitalizada por Xerais como a resposta a unha demanda social. Cómpre lembrar que as aventuras dos heroes galos comezaron a publicarse en galego en 1976 e ata 1998 foron aparecendo novos álbums con certa asiduidade. A considerable difusión destes cómics, que aínda hoxe poden atoparse en moitas bibliotecas do país, creou un vínculo emocional con varias xeracións de lectores, o que explica que co cambio de século xurdisen campañas que reclamaban a recuperación para o galego das máis populares creacións de René Goscinny e Albert Uderzo.

A énfase con que Xerais subliña sempre a súa participación na estrea internacional dos álbums de Astérix (fíxoo tamén con O papiro do César (2015), Astérix en Italia (2017) e agora con A filla de Vercinxetórix) pon de relevo a compoñente simbólica que o acontecemento ten para nós. A aparición dun novo álbum de Astérix transcende o eido da banda deseñada e mesmo da información cultural para entrar no ámbito dos acontecementos sociais que acadan un notable eco mediático. Que o galego estea presente nun evento coma este é un xeito de reafirmármonos como sistema cultural e obtermos un indicio obxectivo de que a cultura galega existe e pode participar dun acontecemento mundial en pé de igualdade con sistemas lingüísticos moito máis poderosos ca o noso.

Puro pensamento desiderativo, claro. O que a crúa realidade nos di é que o noso sistema editorial é incapaz de alcanzar a cifra de vinte títulos de banda deseñada en galego ao ano; que, superada a liturxia desta semana, Xerais desaparecerá mentres Galaxia e as demais editoras literarias non existen alén do anecdótico; e que o peso real da edición de BD, tanto cuantitativamente coma en termos de apoio aos autores do país e creación de capital cultural, recae en selos especializados (Demo, Retranca) cunha capacidade de produción moito menor.

A publicación en galego dun novo álbum de Astérix cada dous anos é unha boa nova porque nos mantén en contacto cunha das creacións máis senlleiras da historia do cómic europeo; tamén, aínda que eu non sería moi optimista sobre este particular, porque a súa exposición mediática pode traer algún efecto positivo en termos de visibilización ou apertura a novos públicos. Pero se hai un motivo polo que ao meu ver debamos celebrar a inminente aparición en galego de A filla de Vercinxetórix é porque, cando un mercado editorial está literalmente no limiar da inexistencia, cada título que se publica pasa a ser imprescindible.

Viñeta de ‘A filla de Vercinxetórix’.

Un comentario en “A lingua galega presente no lanzamento internacional do novo Astérix

  1. Esperemos que o guión desta historia sexa bastante mellor que o das dúas últimas. O papiro do César pareceume unha boa idea que non acabou de concretarse, o de Asterix en Italia simplemente me pareceu malo. Por suposto, comprareino a ver que tal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s