O antifascismo temperán de Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo.

Xesús González Gómez.

Non é descubrir ningún mediterráneo afirmar que Ramón Otero Pedrayo era un home fondamente relixioso, conservador, etc. Mais, como en todo, nas ideoloxías tamén existen graos. Moitos conservadores, como demasiados liberais, por non afirmarmos que case a totalidade, entregáronse atados de pés e mans aos diversos fascismos que pulularon por Europa nos anos 1920-1930-1940 e que agora, de forma diferente, e con outra fasquía, semellan resucitar con certa, demasiada, forza. Mesmo en España, o único pais europeo que se enfrontou ao fascismo coas armas, o único que non se entregou atado de pés e mans ao fascismo, e por iso o pagou gravemente: 40 anos de franquismo; franquismo apoiado polos vencedores occidentais do nazi-fascismo. E como se estes (Estados Unidos, Inglaterra, Francia) decidisen castigar o único pobo europeo que se atreveu a non inclinarse ante a barbarie fascista. En realidade, un ten a impresión de que así foi: non se podía deixar libres os antifascistas que se atreveron a se enfrontaren a esa ideoloxía. Curiosamente, unha serie de estudosos e historiadores revisionistas, entre eles algúns que teñen como orgullo nomearse de esquerdas (que non o son) ou nacionalistas periféricos, están a intentar unha revisión tanto da guerra civil como do franquismo e, sobre todo, dos seus intelectuais. Operacións estas das que os maiores heraldos son José Carlos Mainer, Jordi Amat, Jordi Gracia, Andrés Trapiello, etc. Mesmo na literatura de ficción, nomes como Javier Cercas ou Antonio Muñoz Molina, entre outros, están empeñados nesa revisión. Logo ocórrelles o que lles ocorre: cando Plàcid García-Vargas e Rose Sala (El marqués y la esvástica. César González-Ruano y los judíos en el París ocupado, Barcelona, Anagrama, 2014) demostraron, por exemplo, que César González Ruano lle entregaba xudeus á Gestapo calaron ou entoaron un mea culpa en voz moi baixiña e pasaron a outra cousa… para continuaren no que eles denominan o «xusto medio».

Mais queriamos falar de Otero. Nun coñecido libro seu, Las armas y las letras (Barcelona, Destino, 2011; a primeira edición é de 1994 e, seica, este 2019 publicou unha nova edición aumentada, que non coñezo), Andrés Trapiello, a quen lle molestan os escritores de esquerda que se mantiveron na esquerda (como Max Aub, a quen considera un escritor de terceira categoría, un resentido que suspiraba por formar parte da Academia, e que mesmo chega a comparar, en calidade, cun escritorciño franquista e de vixésimo quinta categoría como Tomás Borrás), afirma, e non lle vou quitar a razón, que «Otero, Risco, Cunqueiro, Fole, Ben-Cho-Sey foron utilizados polo franquismo» (p. 325), mais nunca di que Otero, Fole e Ben-Cho-Sey, contra os dous outros citados, non escribiron unha liña a favor do Réxime. Pero é que Trapiello éche así. Como, por exemplo, cando afirma, na mesma páxina, que Otero continuou a facer excelentes guías de Galicia a pesar das «insidiosas insinuacións de Castelao», sen dicir palabra de que insinuacións eran esas e onde as fixo ou as ceibou o rianxeiro. Claro que tamén afirma que Gómez Román foi fusilado en 1936 ou escribe que Meditacións en el desert, de Gaziel, é, o que é certo, «un dietario muy íntimo, lo cual no le impide publicarlo en 1974» (en París, cousa que non di). Gaziel non publicou ese diario, pois de facelo el en persoa na data que se menciona, ese si que que sería un milagre, xa que quen fora o director de La Vanguardia morrera xustamente dez anos antes: el non publicou nada: publicáronllo. Hai máis erros no libro, pero tampouco se trata de facer de zoilo. Só se trata de confirmar que Trapiello éche así, e non hai máis que ir ao seu libro El escritor de diarios: historia de un desplazamiento (Barcelona, Península, 1998), no que entre outras cousas escribe: «Coherencia fue una palabra que pusieron de moda los comunistas en los años cincuenta y sesenta», e escribe isto contra Gil de Biedma (a quen neste libro pon a parir por todas as partes: a envexa non ten límites), cando o poeta recomendaba que un poema de amor tivese a mesma coherencia que unha carta comercial. Este libro sobre o escritor de diarios é divertidísimo… a contrario. Tamén é moi divertida a súa pirueta para colocar a Josep Pla dentro da literatura española e case deixalo fóra da catalá.

Mais continuemos con Otero. No 2018 Libros del Asteroide publicou unha nova edición de La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor, o que fai a cuarta edición española deste libro, cuxa primeira edición foi publicada pola arxentina Editorial Losada en 1948. En España: 1976: Ediciones del Centro, cun prólogo especial de Blanco Amor para esta edición que as seguintes non recuperan; Editorial Galaxia 1997; La Voz de Galicia 2004. Como os responsábeis de Libros del Asteroide non recuperaron o mencionado prólogo para a súa edición, chamaron a Trapiello –especialista en todo o que se lle bote, ou lle boten, por diante– para que fixese a presentación da novela. Non imos comentar o que di Trapiello sobre a obra de Blanco Amor, só reproducir unhas frases: «El propio Blanco Amor, y muchos estudiosos, hicieron responsable de aquella vida difícil [a que levou ao seu regreso a España o escritor galego] al Régimen, lo que seguramente era cierto, pero lo es también que el Régimen no hizo mucho más por escritores suyos como Cunqueiro, Torrente Ballester, Otero Pedrayo, Eugenio Montes o el gran Vicente Risco» (p. XIII). Meter a Otero nesa lista e denominalo «escritor del Régimen» é, simplemente, insultar a Otero. Cunqueiro, Torrente Ballester, Eugenio Montes gozaron de sinecuras e prebendas franquistas; Risco, xa sabemos ben o que fixo, sen esperar sinecuras nin regalías, Otero foi depurado en 1936 e até 1948 gañou a vida escribindo artigos a embute: asinándoos sempre con pseudónimo, fóra da serie «Parladoiro» de La Noche e algúns máis (sempre até 1948). Publicou en ducias de xornais e revistas, pero sempre cos pseudónimos de Santiago Amaral, Luís de Alba, L. Peñanofre,  etc. En segundo lugar, Cunqueiro, Torrente, Montes e Risco escribiron artigos e artigos loando o Réxime, o Caudillo, a Falange, o Alzamiento, o 18 de xullo: pode alguén exhumar un escrito de Otero no que se loe algún deses feitos ou algunha desas institucións? Talvez Trapiello debera ler, cando fala de Otero, O libro dos amigos ou, simplemente, a correspondencia entre o ourensán e Filgueira Valverde: este si franquista. E, en terceiro lugar, talvez Trapiello debera ler a biografía de Otero escrita por Carlos Casares e reparar nos actos de homenaxe a Lamas Carvajal en Ourense en 1949, co gallo do seu centenario: a figura de Otero sae engrandecida e o seu «franquismo» non aparece por parte ningunha.

Otero puido ser, e de feito foino, manipulado polo franquismo, mais tamén o foron, sen irmos máis lonxe, Antoni Tàpies, Joan Miró, Luis Gordillo, Antonio Saura, Josep Maria de Sagarra, Carles Soldevila, etc. Por non falarmos dos intentos de manipulación de Antonio Machado, Miguel Hernández, Juan Ramón Jiménez e un longo etcétera. Ou Luis Buñuel, cuxo filme, Viridiana (rodado en España) foi premiado no Festival de Cannes en 1961, recollendo o galardón o director xeral de cinematografía… español: logo o filme foi denunciado polo Vaticano, o devandito funcionario cesado fulminantemente e o filme prohibido en territorio español. O tiro saíulles pola culata, mais o intento de manipulación existiu. E mesmo Gerald Brenan ou Robert Graves polo simple feito de residiren longas tempadas en territorio español. E postos a falarmos de manipulacións, até poderiamos considerar manipulados a restra (case que infinita) de escritores que colaboraron, despois de 1950, en Cuadernos Hispanoamericanos e outras revistas do Réxime (Revista del Trabajo, Revista de Opinión Pública e unhas cantas máis, sen esquecermos as publicacións do Instituto de Estudios Políticos). E xa que estamos a falar de manipulacións, talvez debamos pensar que, en puridade, Trapiello está a manipular a realidade para colocar a Otero Pedrayo no lugar no que o coloca.

A verdade é que Las armas y las letras, cuxa primeira edición é de, como dixemos, 1994, inaugurou un camiño: o da investigación da literatura franquista, aínda que ese camiño fora realmente construído no seu día por José-Carlos Mainer con Falange y literatura (Barcelona, Labor, 1971), libro que no seu día abriu moitas expectativas mais que en realidade foi a primeira pedra (con outros traballos do propio Mainer recompilados no seu libro Literatura y pequeña burguesia en España. Notas 1890-1950, Madrid, Edicusa, 1972) do revisionismo que nos invade, xa que non hai que esquecer que de Mainer parte o famoso oxímoro «falanxismo liberal»; e, sobre todo, Julio Rodríguez Puértolas con La literatura fascista española, cuxa primeira edición (Tres Cantos, Akal,1986, 2 vol.) cometía algún que outro erro máis que groso. Pero como Rodríguez Puértolas é, ou era, marxista, Trapiello só o cita, sen nomealo, de pasada e para lle dar un couce, sen entender que Puértolas afirma de entrada que considera literatura fascista española aquela que loa o réxime franquista; cousa, por outra parte, que ispe un pouco a Rodríguez Puértolas, pois moita literatura franquista non era fascista, aínda que fose autoritaria, nacional-católica, etc. Pero o estudoso español non se quixo meter en camisas de once varas e tirou polo dereito. Despois do libro de Trapiello apareceu unha monografía dedicada ás letras franquistas: Liras entre las lanzas. Historia de la literatura “nacional” en la Guerra Civil, de José María Martínez Cachero (Madrid, Castalia, 2009). O señor Cachero afirma que quere ser neutral; será, pero os lapsos en que incorre desménteno ferozmente: cada vez que unha cidade ou territorio español cae en mans franquistas, Cachero escribe aquilo de cidade ou territorio «liberado», polo que a neutralidade… alá vai! Tamén este autor inclúe entre os escritores «nacionais» a Ramón Otero Pedrayo, quen fora presidente, segundo el mesmo escribe, do «Instituto de Estudios Gallegos (sic e resic) hasta su disolución por motivos extraculturales» (máis que disolución, foi roubo con latrocinio). Ora ben, os artigos de Otero sempre os firmou, segundo Martínez Cachero, co pseudónimo de Santiago Amaral, e eran «artículos y ensayos de variado asunto», nunca «políticos» ou de loanza ao réxime. Se Trapiello pode ser considerado, ideoloxicamente, achegado a UPyD e agora a Ciudadanos, Martínez Cachero podiámolo inscribir nos arredores do PP, as dúas adscricións sempre cum grano salis, o que non é obstáculo para que se dean couces mutuamente: liortas persoais ou loita pola hexemonía dentro do bloque dominante, ou ambas cousas?

Como verá o lector destas liñas, tanto Trapiello como Cachero, máis o primeiro que o segundo, intentan colocar a Otero Pedrayo dentro do grupo dos escritores franquistas, pero malia o conservadorismo (non reaccionarismo) do de Trasalba, é imposíbel colocar o escritor galego dentro desa pléiade de escritores que adoitaban parir artigos cada 18 de xullo, cada 1 de outubro, cada 20 de novembro, cada 1 de abril: que ensinen o primeiro artigo de Otero en que enxalza estas datas, entón ao mellor acreditamos no que din, mais penso que non o van encontrar, porque non os escribiu. Otero, até a súa restitución no ensino, viviu maiormente das colaboracións xornalísticas, e até 1946 poucas veces apareceu o seu nome nun artigo, xa que os asinou, como se dixo, con diversos pseudónimos, a non ser a serie «Parladoiro», en La noche, serie que vai de marzo de 1946 a abril de 1949 e na que publicou case un total de 550 artigos (todos en galego). Só unha vez, antes da devandita serie, apareceu un artigo de Otero asinado co seu nome e apelidos nunha publicación franquista. Trátase dun artigo sobre Nicomedes Pastor Díaz aparecido na revista El Español, que dirixía Juan Aparicio. Como foi isto? Explicouno moi ben Manuel Cerezales nun artigo titulado «Os pseudónimos de Otero Pedrayo», publicado o domingo 24 de abril de 1994 no suplemento «Lecer» (páxina V) de O Correo Galego. Segundo Cerezales, el propuxéralle a Otero que asinase co seu nome e apelidos os artigos de Misión. «Desculpouse aducindo que mentres non puidese facelo na súa amada lingua galega absteríase de da-lo seu nome».

Juan Aparicio, continúa Cerezales, manifestoulle un día que quería incorporar a Otero como colaborador de El Español, e pediulle que fixera xestións arredor do escritor. Cerezales negouse, dicíndolle que esas xestións debía facelas el, Aparicio, como director da publicación: «Juan Aparicio non quixo ou non se atreveu a facelo, quizais por non exporse a unha negativa, que eu daba por feita. Polo que souben logo, buscou outro emisario, o cal aceptou e cumprimentou […]». e continúa Cerezales: «Comprenderán o meu estupor cando un día, folleando El Español, ollo abraiado un artigo sobre Nicomedes Pastor Díaz asinado por don Ramón Otero Pedrayo. Escribinlle queixándome respectuosamente de que despois de que me negase a súa firma para Misión, lla facilitase a unha publicación do réxime político que tan poucas consideracións tivera con el». Otero contestoulle que ese era un artigo que enviara «para Misión coa asinatura de Luís de Alba». Juan Aparicio comunicoulle a Cerezales que a xestión que el se negara a facer aceptáraa outro escritor galego, cuxo nome Cerezales silencia. «Este escritor colaboraba habitualmente en Misión e frecuentaba a redacción. Cando eu non estaba sacou do caixón da miña mesa de traballo o artigo, cambioulle a asinatura e foi con el facerlle ou venderlle o labor, mais non souben que principiase ningunha acción denunciando a andrómena». Noutras palabras, de 1937 a 1946 só se coñece un artigo aparecido na prensa franquista asinado Ramón Otero Pedrayo, e xa vemos como foi. Non, Otero non foi un escritor franquista, nin un escritor do Réxime, nin un escritor da «situación».

En 1953, en Buenos Aires, Otero Pedrayo publica O libro dos amigos, libro no que homenaxea a Manuel Carrasco Formiguera, Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Roberto Blanco Torres, Ánxel Casal, Arturo Noguerol (todos fusilados polo franquismo), a Castelao e Portela Valladares (exiliados), etc. Como afirmou unha vez Xosé Luís Méndez Ferrín, este é o libro máis antifascista de Otero Pedrayo –cito de memoria–, porque don Ramón, dentro do seu conservadorismo-liberalismo era antifascista, como o demostrara xa en 1933 nun artigo publicado en El Pueblo Gallego: «Enrique Mann contra Hitler», talvez o escrito máis directamente antifascista de Ramón Otero Pedrayo.

Si, Otero Pedrayo colaborou na prensa franquista (había outra naqueles anos en Galicia, e despois de 1939 no resto do estado?), pero nunca renegou das súas crenzas e nunca loou o réxime nacido da sublevación do 18 de xullo de 1936. O de Otero Pedrayo franquista, Trapiello debeu soñalo nun pesadelo e confundiuno con realidade. Ou talvez, o que sería máis grave, confundiu os seus desexos coa realidade.

O título deste escrito é «O antifascismo temperán de Ramón Otero Pedrayo», antifascismo, repetímolo para que non haxa equívocos, dun conservador/liberal (no plano alemán, por exemplo, o antifascismo dun Sebastian Haffner; véxase, entre outros, o seu libro Historia de un alemán, 1914-1933, Barcelona, Destino, 2006). Un antifascismo, o destes «conservadores» que ás veces foi máis lúcido que o antifascismo de esquerdas, ao entender que nun momento determinado no nazismo, e no fascismo, a política mandou sobre a economía, a ideoloxía, como adoita ser, sobre a realidade e, en primeira instancia, a mentira sobre a verdade.

Sobre o artigo de Otero mellor é non dicir nada, só subliñar a derradeira frase do artigo que di, simplemente, que o libro de Heinrich Mann, é «un libro pra ser lido e meditado hoxe niste intre de España». En certo modo, o de Trasalba –naquel decembro 1933, Hitler xa levaba case un ano no poder, cando en Europa empezaba a empardecer–, oficiaba de profeta: infelizmente, acertou na súa profecía.

Velaí o citado artigo de Otero Pedrayo, artigo que reproducimos co permiso da Editorial Galaxia, posuidora dos dereitos do autor de Arredor de si. Agradecémosllo fondamente á editorial viguesa.

Enrique Mann contra Hitler

Enrique Mann aos sesenta e dous anos botado da patria alemá por a tiranía fascista publica na Francia –i-en alemán na Holanda– sua forte acusación de liberal, La Haine, contra o sistema de Hitler imperante na Alemania.

Como corresponde ao autor un libro de esencial importancia, rexo, aceirado, impracabele, firente sátira política baixo cuio acento vibra a dôr d’o grande alemán que sabe ser ao tempo un grande europeo. Os irmáns Mann –Enrique i-o mais novo, Tomás– son as meirandes figuras da moderna novela xermánica. Nados e Lücbeck, a vella cibdade hanseática de longa tradición ceibe e republicán, de cultura e riquezas feitas â soma do libre concello, entramos irmáns seguiron vieiros diverxentes na aparencia, íntima verdá co mesmo fito. Enrique foi o Balzac da época do imperio, da ronda dos histriós –hulanos, centíficos, “junkers”, negociantes– arredor do guapo emperador que se coidaba da xigante estatura de Carlomagno. As tráxicas loitas das razas na Europa central, o desengano da supercultura, o destino dos tipos de escollido esprito, as vidas e decoraciós italiáns, xénero de proba para os artistas literarios despois de Stendhal como o un para os pintores son tratados por E. Mann co sentido vivente do decorrer i-a mestría que o fai un da meia ducia dos grandes escritores vivos hoxe.

Mann, os dous Mann, son os millores escritores políticos da Alemania. Puxeron suas prumas ao servicio da república, loitaron pra inscribir a sua patria alemá na comunidade cordial de unha Europa feita de paz, comprensión e armonía, baixo o signo dos valores outos da cultura. Sendo fondamente alemán, cun xermanismo xeneroso anterior a Bismack e a Prusia, e meirande sentimento do esprito que da forma cega da raza, Enrique Mann ama ao latinismo como Goethe nos derradeiros anos. Iste idealista mira no fascismo hitleriano desencadeadas potencias de un odio que vai contra Alemania e contra Europa. Il foi dos primeiros en sufrir seus efeitos, o grande autor consagrado.

E ataca con forzas poucas veces igoalada na polémica, en retratos psicolóxicos de surprendente arte pra pintar aos homes mediocres, finchados de odio, aventureiros que arroinarán a moral dun grande pobo de fondo senso íntimo da paz e despertarán intencionadamente todas as furias da guerra mundial.

Ista vos de E. Mann será escoitada e afirmará a concencia da moral da Europa en perigo ainda que hoxe os libros anque pareza estraño non teñen o efeitos inmediato que se podía agardar dos moitos medios de publicidade. Será escoitada con respeito hastra por os ademiradores do fascismo, pois é a voz limpa dun ceibe e responsabele esprito, que con toda lealtade acusa os erros da República que tanto ama. Un libro pra ser lido e meditado hoxe niste intre de España.

El Pueblo Gallego, 9 de decembro de 1933, p. 1.

3 comentarios en “O antifascismo temperán de Otero Pedrayo

  1. Moi bo artigo.

    A ver, Otero non era “conservador”. Era “Liberal á maneira ourensá”.

    (Relixioso, claro, pero ao longo dunha longa vida literaria amosa unha relixiosidade moi aberta, poñendo en dúbida, por exemplo, que a tumba en Santiago encaixase o apóstolo – el sostén que era Prisciliano. Cando deputado nas Cortes, defendeu a apertura dunha mesquita en Granada. O seu catolicismo non era nada ultramontano.

    Eu, por ben ou por mal, son dous poucos seres humanos vivos ou mortos que leu toda ou case toda a obra de ROP. Só atopei unha referencia a Franco e ao réxime franquista nesa obra extensísima. Creo que está nun dos catro tomos de “Geografía Universal” (o dato está no meu libro sobre ROP, “O Devalar da idea: Ramón Otero Pedray e a identidade galega”). E a referencia é breve, pasaxeira por ser inevitable ao falar Otero de Franco e a guerra, e nada simpatizante. Di algo como “e a vitoria do Caudillo trouxo paz e estabilidade a España”. Pero á luz das demais ausencias de referencia a Franco et al, non o leo como un apoio nin apoloxía.

    Ou sexa, como suxire o artigo, se comparamos a Otero con Filgueira Valverde… Daquela, cando a polémica do Dias das letras dedicado a FV, Alonso Montero andaba dicindo que ROP apoiara a réxime franquista e que tiña probas. Eu díxenlle que amosase esas probas, en público. Nunca chegou a facelo. Eu diría que non o fixo porque non é posible.

    ROP case non escape coa vida da guerra e posguerra. Só grazas ás amizades cos cregos, sobrevive.

  2. Que texto tão, tão magnifico… e tão ajeitado a essa dignidade de Otero e a essa traição à República da Inglaterra e da França.

    E que comentário não menos interessante e elucidativo do Patterson… Lembro ter debatido isso mesmo com Alonso Montero há anos. Quase afoga com o café que estava a tomar… e deixei o tema.

    Obrigado, por ambos, num dia complicado para mim…reconciliam-me com muitas cousas, até com Biosbardia…;)

    Saúde,

    P.s.eu sempre imaginei Otero, por formação e cultura na linha de Vitor Klemperer…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s