‘Bonus track’, relatos sobre música que desafinan

Rosalía Fernández Rial. AELG.

Eva Moreda.

Bonus track (Galaxia, 2018), primeiro libro de narrativa de Rosalía Fernández Rial, é un conxunto de vinte e dous relatos que a autora, talvez, confiou que daría sostido con éxito sobre o seu coñecemento (indubidable) de varios xéneros e estilos da música popular, e non tanto sobre calidades de tipo máis literario. Ideas hai, e talento intúese tamén, pero debo confesar que rematei o libro coa sensación de que ningún dos relatos (cunha posible excepción, que comentarei máis adiante) chegaba a funcionar de todo.

Unha das causas disto pode ser que a autora estivese escribindo para o que vén sendo o público obxectivo da narrativa mainstream galega: rapazada de instituto, o seu (certo) profesorado e así. Non estou a inventar nada, que ao comezo do libro dise ben claro que “os lectores teñen á súa disposición na páxina web de Editorial Galaxia, na sección “Materiais”, unha unidade didáctica escrita pola autora para traballar nas aulas con Bonus track” (aquí convén lembrar que o libro foi publicado nunha colección de narrativa non pensada específicamente para público LIX: iso xa di moito). Así, temos a lista habitual de temas candentes (racismo, violencia de xénero, transexualidade, drogadicción, etc.) e temos personaxes-tipo que se nos presentan, cunha linguaxe máis ben prosaica, en poucas liñas e sen afondar máis, porque xa se entende que o lector sabe de que lle falan e sabe situar tamén estes personaxes sen problema ningún dentro das súas coordenadas ideolóxicas (“En vez de cagarse na rutina e na insignificancia existencial, Patricia alimentábase dun imaxinario tan coñecido como alleo a ela. Igual ca un cativo cre ser o seu heroe preferido ou unha moza xoga ao rol de xeito épico, ela vese poeta e punk no contexto laboral e vital máis inmediato”, en “Afouteza punk”; o emigrante en “Só tambor”; as varias xeracións dunha familia tipo galega en “Bailador, baila con ela”).

Outros relatos non pasan de ser unha anécdota sen máis graza nin trascendencia que se lle intenta insuflar vida vinculándoa coa letra dalgunha canción coñecida (“Como falar?”, “Astronautas”), nalgúns casos tamén buscando un enfoque metaliterario (“A casa do sol nacente”, “Augas de marzo”) que non é tampouco do máis orixinal. Non habería problema, por suposto, por facer un relato que en realidade non conte nada ou que sexa reflexión ou poética máis que trama (isto aquí sería especialmente acaído e mesmo interesante, porque xa digo que Fernández Rial de música sabe), pero se se fai hai que facelo con convicción e sen estamparlle un final collido polos pelos (“S.O.S.”, “Ensaio xeral”).

Penso, porén, que hai espalladas polo libro suficientes probas de que estes relatos, ou se cadra futuros libros, poderían ser outra cousa. Está, xa digo, a habelencia de Fernández Rial en tratar xéneros e estilos que deu a música popular nas últimas décadas. Están tamén algunhas ideas argumentais certamente atractivas (“Amalia Spray ou Lili Marleen”), que, tratadas coa ambición necesaria, poderían dar moito xogo. Está unha certa pericia na alternancia de puntos de vista nunha narración aparentemente convencional en terceira persoa (“Un froito estraño”), e, ocasionalmente, unha atención demorada ao desenvolvemento de situacións sen necesariamente intentar pechalas nunha trama convencional (“Oe, como vai?”). E, finalmente, está o toque surrealista e fabulista de “Paxaros na cabeza”, probablemente o relato máis exitoso desta colección.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s