Vixencia do Napoleón que Tólstoi non soubo interpretar

Napoleón Bonaparte.

Manuel Veiga Taboada.

Cando eu era neno, Napoleón aínda era importante. Por exemplo, nos manicomios  resultaba habitual que as persoas con delirio de grandeza se identificasen con el e que incluso paseasen polo patio ou pola rúa coa man dereita en ángulo recto e introducida debaixo da chaqueta, como o representou David nun famoso cadro.

Até o último cuarto do pasado século, Napoleón estivo presente nas conciencias, igual que os grandes homes da antigüidade, Alexandre Magno ou Xulio César, pero coa vantaxe de que as súas batallas podían ser recordadas. Nos libros estudábase a francesada como algo aínda capaz de irradiar certa influencia.

A imaxe máis común de Napoleón non era esencialmente positiva nin tampouco negativa, senón o epítome da grandeza do home que conseguira colmar toda a súa inmensa ambición. Hegel identificaba a Napoleón co “absoluto”: “Aí chega o absoluto e vén dacabalo”, escribe con sarcasmo.

Napoleón naceu o 15 de agosto de 1769, hai polo tanto 250 anos. Pero nun momento de crise, no que a masa volve necesitar heroes, apenas se encontran referencias a el. O que nos quedou foi unha imaxe estereotipada que non sabemos xa o que representa.

Parece estraño, en cambio, que libros como Guerra e paz, que teñen a Napoleón como protagonista, se sigan vendendo bastante. Eu mesmo puiden encontrar, nunha libraría mediana, cinco edicións diferentes e actualizadas.

O problema é que a visión de Tólstoi non axuda a entendelo. O escritor ruso refírese a Napoleón como “ese home, sen conviccións, sen principios, sen tradicións, sen nome, nin sequera francés”. Explica os seus éxitos como unha casualidade, como unha conxunción de “millóns de casualidades”. Négase a recoñecerlle calquera mérito: “Ese ínfimo instrumento da historia –di–, que nunca, nin sequera no desterro, mostrou dignidade ningunha”.

Tal explicación de Napoleón como unha consecuencia do azar casa moi ben coa nula presenza das ideas da revolución francesa nunha novela tan voluminosa dedicada non obstante e en gran medida a describir a invasión francesa de Rusia.

En Guerra e paz, Tólstoi fala varias veces dos miles de factores que inciden para que un feito ocorra, nese sentido é un relativista e un autor moderno, pero fúrtanos unha interpretación dos motivos que levaron os franceses a conquistar Europa e non di apenas nada das simpatías que as súas ideas espertaban nalgúns sectores dos propios países invadidos.

A idea de acabar co Antigo Réxime, máis en concreto cos privilexios da nobreza –estes si moi presentes en Guerra e paz– non aparece nin por asomo na novela. Aínda que Napoleón acabe derrotado, nada volverá a ser igual no continente. Os alemáns, por exemplo, até aquel momento menosprezados, como Tólstoi anota, comezan a unirse e a tomaren conciencia da súa forza como país.

O que Napoleón trae consigo é tamén ese “absoluto” ao que con sarcasmo se refire Hegel. Con el comeza a desaparecer a Europa na que un podía trasladarse dun lugar a outro sen ningún tipo de documento, o que provoca certa nostalxia nas elites, pertencentes ou moi relacionados con esa nobreza que en realidade é a única con capacidade e posibilidades de viaxar.

Coa Grande Armée chega o servizo militar obrigatorio, que de paso permite que un fillo do pobo poida acadar os máximos graos militares, algo vedado na sociedade estamental, e tamén chegan a escola pública e a alfabetización, os museos e a historia entendida como ciencia ou os esgotos que garanten a hixiene nas cidades. Aumenta o control social pero tamén os dereitos dos cidadáns. Unha cousa vai unida a outra.

Tólstoi, coa súas descricións, déixanos case exhaustos pero tamén incapaces de comprender unha parte importante do que ocorre na época. Con grande atrevemento –hoxe diriamos incapaz de ver o elefante na habitación– pasa por alto a revolución francesa. Non chegamos a saber que con Napoleón comeza a desaparecer, por toda Europa, a servidume e a entrega dunha renda aos propietarios das terras, ao tempo que queda garantido o dereito universal á propiedade, a comprar, vender e hipotecar e, na esfera política, a opinar, a mudar de residencia e a exercer o sufraxio. Tólstoi limítase a anotar, nun par de ocasións, que os grandes señores rusos temen que, coa chegada de Bonaparte, ao que despectivamente chaman Buonaparte, os campesiños se subleven.

Tólstoi entende a alma rusa e a guerra popular, encarnada no xeneral Kutúzov, que consegue derrotar os invasores. Tamén entende a inmensidade da natureza (“Amo esta herba, a terra, o aire”, comenta o príncipe Andrei que, a punto de morrer, accede a unha visión cosmolóxica). Algúns dos seus ensaios serviron despois para que fose  catalogado de ecoloxista e incluso de anarquista, cunha forte vertente relixiosa.

Pero Tólstoi non comprende esoutra corrente histórica fundamental encarnada nese momento por Napoleón, o racionalismo. Fíxase na súa egolotría, na súa vaidade e na falta de sentido de que os homes se maten entre si, ás veces en gran número, como en Borodinó, ás portas de Moscova. Pero non encontra nel unha soa virtude, o que sen dúbida lle resta méritos a un libro, por tantos outros motivos, magnífico.

Un comentario en “Vixencia do Napoleón que Tólstoi non soubo interpretar

  1. Chamoume a atención cando lin “La forja de un rebelde” que Arturo Barea falaba de que a súa avoa lembraba vivir de pequena a Francesada. Chamoume a atención; dado que Barea é nado en 1897, paréceme un pouco inverosímil (se fose a bisavoa, si), pero coido que a anécdota vén ilustrar que estes eran episodios que durante a República, por poñer un exemplo, aínda estaban en certo xeito na memoria, igual que hoxe a República está na memoria nosa: máis preto, ao cabo, de Napoleón e da Francesada do que se puidese pensar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s