‘Pazo de Tor’, cando o muro se volve pétala

César Lorenzo Gil.

Luz Pozo (Ribadeo, 1922) é unha matriarca da literatura galega. Unha voz poderosa e xenuína que sempre dá gusto poder ler de novo. Desta volta a través do libro Pazo de Tor, publicado por Alvarellos. Este poemario publícase cun prólogo de Vítor Freixanes e está baixo a edición da tamén poeta e profesora Carme Blanco.

Luz Pozo Garza.

O libro pode considerarse como unha homenaxe á nai da autora, Luz Garza Feixoo, a través da visita lírica aos muros do Pazo de Tor. Esta construción, hoxe pública e aberta a visitas, foi patrimonio da liñaxe Garza desde o século XIV e sérvelle a Pozo como espazo de conexión coa súa propia xínea, co recordo da súa familia, co encontro coa súa nai e tamén coa súa propia lembranza. Mais non só. A escritora aprovéitase de que parte do seu pasado está diáfano: coñece a liñaxe dos Garza, os seus documentos e símbolos a través do tempo. Tamén outras ramas da familia teñen hoxe eco da súa sona de outrora mais esa é outra historia. Desta volta, a poeta calza o brasón da garza e imaxina aquel pasado: “levarían a garza/malferida/na man//Irían sempre alerta…/os vellos bisavós de nome celta”.

Pazo de Tor é un libro de poemas delicados, clásicos, ás veces afincados na beleza da palabra precisa, outras veces na evocación do recurso literario: a aliteración (“lirio de ouro/no reino azul da luz e do delirio), a anáfora e outras repeticións, tamén a metáfora, cunha interesante proposta de palabras relativamente novas na nosa lingua (“e a tarde fíxose holograma”).

A autora propón unha linguaxe do íntimo baseada en tres elementos primordiais: o adxectivo, o léxico do enclaustrado e o ritmo. O adxectivo é quizais o menos conseguido deste libro. Sobran os cargados de menos significante e a potencia do verso reséntese ás veces de certo temor da autora a desprenderse dese adorno. É coma se Pozo Garza contase con que o substantivo nu perdería graza ou fermosura. Mais no entanto hai poemas aos que lles sobra vestido e quedan obnubilados pola dominante do cualificativo.

Este é un libro que non oculta a súa relación co pazo, cos elementos que compoñen a construción. Non só a construción arquitectónica senón a mental. Acaso pode un pazo galego da zona de Lemos non ser tamén un universo? Salvando as distancias, a poeta achégase aos muros de Tor coma fixo Manuel Veiga en Todo ser humano é un río aos Pazos de Antero, intentando observalo como un todo que vibra, respira e sente. Neste libro de Pozo esa vida global nace da desilación entre o absolutismo dunha casa capaz de estar en pé (con todas as reservas) 600 anos e o relativo da natureza que medra e morre entre os seus valados (“no nivel superior era a pedra solar/no nivel inferior era a rosa de púrpura”).

Sen ritmo non hai poesía e Luz Pozo sabe diso. A sutil musicalidade, o dominio da métrica implícita (e a rima explícita nalgúns poemas, caso de “Cantiga de amigo”), o xogo entre a lingua que se escribe e a lingua que se fala, o paso do culto ao profano, do sublime ao cotián, non só mediante o significado das palabras senón tamén a partir da súa colocación no poema. Esta mecánica da fermosura quédalle moi ben á autora e é neste aspecto onde Pazo de Tor acada os seus maiores logros.

Neste libro, Pozo reivindica o seu propio estilo, a súa propia traxectoria. Percíbense nos seus versos os ecos e as aprendizaxes de obras anteriores. Velaquí están moitos dos seus temas e intereses, tamén os seus xeitos preferidos de facer poesía. A escritora fachendea da súa propia experiencia, da súa integración en escolas literarias quizais hoxe minoritarias en Galicia mais fundamentais para entender a renovación do século XX, a fusión entre a tradición evidente (o Rexurdimento) e a descuberta serodia do tesouro das cantigas, que fascinaron os poetas do século XX talvez máis ca aos do XXI.

Pozo é dona da palabra. Sabe o que quere dicir e como dicilo. Sabe non só estiñar o silencio senón asombralo coa palabra: “Pazo de Tor/amor/magnolia escura//oh torre de ficción/por fin/a ti me entrego”. E nesta sabedoría antiga que de tanto adestrar parece innata, natural, Luz Pozo tece un fío irrompible con Xohana Torres, especialmente neste libro coa obra Elexías a Lola.

Pazo de Tor garda a esencia da literatura de Luz Pozo e amais de servir de ensino de aspirantes a poetas, polo rigor e respecto cara á arte que profesa, é un libro que se degusta, que consegue arremuiñarse desde o papel e sentirse a través dos demais sentidos. Ule a papeis vellos e flores grandes; sabe a licor macerado en madeira, séntese coma arpas ou pezuño ferrado de cabalo, ten o relevo do brasón de granito e da plumaxe da garza.

♦ Pazo de Tor, de Luz Pozo Garza, Alvarellos, 2018. 90 páxinas. ♠12,50€

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s