Rapazas de Polar. Capítulo 4

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 4

Unha enfermeira no laboratorio do hotel Dieu de Beaunes, Francia. F. BÉGUIN/EUROPEANA.

Os primeiros días aqueles non pasou nada; logo, no almorzo, vimos a Imogen se xuntar máis do que tocaba con Sor Elvira Lecumberri no dining hall, e logo igual para o día seguinte e para o outro. Ti mira ben o que fas, diciámoslle despois a Imogen no dormitorio de todas, ela sentada enriba da cama coas pernas ao estilo indio, cepillando a cabeleira: nós non che imos dicir nada, pero se che deixamos ir será tamén para que nos contes logo cousas: ou que? Cando sentas na misa con Sor Elvira Lecumberi, cando che di de ordenarlle a caixa das agullas, que che di? Algo che dirá. Algo che contará. Algo, dicía Imogen, elusiva. Pero estas cousas levan tempo. Tiñamos, naquilo, que darlle a razón. Logo empezou a nos contar: sempre aos poucos. Mirade, dicíanos no dormitorio, poñendo voz de saber: mirade que eles xa se coñecían de antes, por un irmán de Sor Elvira Lecumberri que é poeta (como non ía ser poeta) e redactor. Ou pensades que o director dun xornal, e dun xornal como ese ademais, ía vir aquí para lle facer as beiras a unha monxa? Un xornal como que, increpábamola as demais, poñéndonos serias: pero, por dentro, non deixabamos de matinar como coñecería, de verdade, Sor Elvira Lecumberri a aquel home: nós tiñamos irmáns tamén, e algúns deles poetas e redactores, pero: como nos ían presentar eles a ningún dos seus amigos, se nosoutras estabamos todo o tempo en Polar? Na casa viamos de pasada a algún, pero mesmo lles escapabamos, porque nos dabamos de conta de que non estabamos afeitas a estas con xente. Pois un xornal coma ese, coma ese, dicía Imogen. Ese que ides mercar á tenda do Eliseo en Agromos: ou pensades que non vos ven as monxas cando ides. Ben que vos ven: e logo queren ir delas detrás, abofé. Mirade o que vos digo: o país enteiro quere ir detrás, e vai ir, e o país, cando vaia, non dará a volta como deu Sor Elvira Lecumberri. Cando dicía aquilo, axitábansenos as carnes dentro da blusa, porque sabiamos que cousas coma esa non se podían dicir, nin dentro de Polar nin fóra. Algunha, algunha vez, mesmo dixo en voz algo máis alta da que tocaba: Imogen: a ver se  tiras da boca esas porcalladas, Imogen. Sabemos que o teu avó tiña porcos na corte e os mataba coas mans: xente coma el si que se botaría sen vergoña, sen pensar, a todas esas cousas que ese xornal quere traer a este país, pero outros teñen máis sentidiño. Entendes? Temos máis sentidiño, Imogen. Imogen estiraba as pernas enriba da cama, volvía sorrir: e entón algunhas de nós, Deus nos perdoe, case viamos naquel momento a Imogen como unha porca fartiña a se enzoufar na lama.

Daquela, xa notáramos que Imogen comezara a mudar, ou se cadra a ser o que sempre debera ser, e máis o viamos canta máis calor caía de enriba e máis medraban os días todo era entón roupa máis fina, máis tempo de luz para pensar ou para se dar conta de cousas. Ao contemplar a Imogen, coa saia máis curta da normal, as meixelas repoludas, a moitas de nós véusenos por separado ao miolo, formándose como se da nada, as palabras: GIOVINEZZA. GIOVINEZZA. PRIMAVERA. DI BELLEZZA.  Saber non sabiamos o que era, ignorantes como eramos das cousas do século, pero logo cando unha vez sentamos xuntas a falar das nousas cousas e a comparar, vimos que aquela vez se nos ocorrera a todas o mesmo, e non era por alucinación, coma no Nadal: aquilo tiña pinta de ser outra cousa. Puxémonos a buscar e atopamos, e non haberá que dicir que quedamos todas espantadas: marchamos escopetadas poñernos de xeonllos e rezar na capela, porque daquela aínda pensabamos que unha cousa e a outra eran incompatibles (porque o de rezar, instintivamente, o asociabamos co que era coñecido e o outro co que non: daquela aínda todo o entendiamos en dicotomías). As monxas, claro, non poñían reparo ningún, pero non se nos escapaba tampouco que tamén sospeitaban. Tanto rezar, dicía algunha cando nos vía marchar sobre a capela ás tres da tarde, ás once da mañá do sábado, despois de cear. Tanto rezar. Por que non estudan, que para iso está aquí? Estuden logo, que algo terán que facer coa vida o día de mañá (isto último, que as monxas dicían como ao chou, arrepiábanos e confundíanos: nós sabiamos desde había ben de tempo que en Polar palabras como pasado, presente, futuro, non tiñan sentido, pero as monxas, que levaban no colexio desde antes ca nós, nin o cheiraran. Nosoutras o que queriamos facer o día de mañá non o sabiamos, pero o que non queriamos facer si: ser monxas).

CAPÍTULO 3

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s