Marxista, surrealista e esquecida

Á procura de Simone Kahn (e II)

Xesús González Gómez.

Cando estalou a Segunda guerra mundial non sabemos que fixo Simone Kahn, que casara con Collinet en 1938. Si se sabe que en outubro de 1940 nacía a súa filla Sylvie, e que recibiu unha tarxeta de felicitación de André Breton, con quen retomara amizade nos anos da guerra de España. Ambos coincidirían en actos organizados por grupos trotskistas ou para-trotskistas (ou peri-trotskistas), ou da esquerda socialista, tanto en mitins contra a política de non-intervención seguida polo goberno francés da Frente Popular, ou en actos e mitins en defensa de León Trotski ou denunciando os Procesos de Moscova. Supomos que, debido á súa condición de xudía, tras a derrota de Francia fronte aos nazis, debeu esconderse, tanto dos nazis como da milicia do goberno colaboracionista de Vichy, até o momento da liberación. Collinet, pola súa banda, participou na Resistencia no grupo denominado Os da Resistencia, a carón de xente como Léo Hamon, Michel Debré ou Jean-Jacques Mayoux, entre outros.

Simone Kahn.

En 1948, Simone aparece dirixindo a galería de arte Artistes et Artisans, mentres que o seu marido, que colabora en diversas revistas como Masses ou Spartacus, se converte nun dos dirixentes en Francia do Congreso para a Liberdade da Cultura (mais isto é outra historia). De 1954 a 1965 dirixe a Galería Furstenberg, na que unicamente expuñan artistas surrealistas (foi ela quen descubriu, e enviou a Breton, o pintor surrealista húngaro Ender Roszda). En setembro de 1966 morría André Breton; en xaneiro de 1969 Denise Naville; en 1973, Max Morise; en 1977 Michel Collinet; e o 30 de marzo de 1980, Simone Collinet, Simone Kahn de nacemento e durante uns oito anos Simone Breton. (Engadamos, como curiosidade e información, que segundo a responsábel do devandito volume Lettres à Denise, Simone confesoulle á súa filla Sylvie que «nunca tería abandonado a Breton, a pesar de todo, se el non a obrigase.»)

Despois da morte de Simone, a algún investigador deulle por pórse en contacto coa súa familia para poder fozar así no seu máis que interesante arquivo. Seica hoxe está a se traballar moito nel. Pero o máis curioso (!) de todo é que Georgina Colville, a editora responsábel de Lettres à Denise, e a primeira persoa en traballar no arquivo de Simone Kahn, non diga palabra da militancia desta na esquerda socialista revolucionaria nos anos trinta, nin tan sequera na cronoloxía! E, o que me parece máis grave aínda, que non mencione os seus escritos deses anos nos diversos órganos da Gauche Révolutionnaire e outras revistas. Porque Simone Kahn, que asinou co seu nome de solteira desde o seu divorcio de André Breton até o seu casamento con Michel Collinet, escribiu bastante, e moi ben, durante a década 1930-1940, en realidade de 1934 a 1937. Ademais de militar e ser presidenta de diversas asociacións de mulleres socialistas.

Velaí unha pequena listaxe dos escritos de Simone Kahn nos órganos da Gauche Révolutionnaire e outras revistas:

–«La psychologie collective du fascisme I», Les Primaires, Revue mensuelle de Culture populaire, de Littérature et d’Art, Tomo X, nº 60, decembro de 1934, pp. 724-740.

–«La psychologie collective du fascisme, et II», Les Primaires. Revue mensuelle de Culture populaire, de Littérature et d’Art, Tomo XI , nº 61, xaneiro de 1935, pp. 4-14.

–Recensión de «La Condition humaine, de André Malraux», Masses, nº 12, decembro de 1935.

–«Détresse paysanne et solutions socialistes», Gauche Révolutionnaire, 25 de febreiro de 1936.

–Recensión de «Blanqui à Belle-Île, de Maurice Dommanget», Gauche Révolutionnaire, 15 de xuño de 1936.

–«Je suis un renegat», Gauche Révolutionnaire, xullo-agosto de 1936.

–Recensión de «Fascisme et grand capital, de Daniel Guerin», Gauche Révolutionnaire, 10 de outubro de 1936.

–«En Espagne, les staliniens contre les révolutionnaires, Que est-ce le POUM?», Gauche Proletarienne, 20 de xaneiro de 1937.

–«Histoire des Russes», Gauche Proletarienne, 15 de marzo de 1937.

–«Attile était une colombe», Le Drapeau Rouge. Journal du Socialisme Révolutionnaire, número especial contra a guerra.

–«Quand la révolution gagne la guerre. Madrid, coeur de l’Espagne (I)», L’Espagne socialiste, nº 1, 16-30 de xaneiro de 1937.

–«Quand la révolution gagne la guerre. Madrid, coeur de l’Espagne (e II), L’Espagne socialiste, nº 2-3, 1 de maio de 1937.

De todos estes traballos e artigos, así como dos mencionados ao longo destes artigos, non cabe a máis mínima dúbida de que o máis importante saído da pluma de Simone Kahn é o dedicado a «La psychologie collective du fascisme», un ensaio sobre a obra homónima do psicanalista e comunista alemán Wilhem Reich. Traballo escrito en 1934 e que se publicou en dúas partes na revista mensual Les Primaires. Neste traballo, Simone Kahn, seguindo a esteira de Reich, intenta unha simbiose, digámolo así, entre psicanálise e marxismo para entender o ascenso dos fascismos. Durante moito anos, as caralladas da III Internacional e os seus herdeiros (entre eles, por exemplo, Nicos Poulantzas, talvez o mellor autor non anglosaxón da década dos 1970 que intentou entender a aparición e ascenso dos fascismos), intentaron analizar o fascismo mediante a única explicación que, segundo eles, era válida: a económica. Os estudosos e historiadores que seguiron esta vía desembocaron nun canellón sen saída: houbo que esperar a novos filósofos e historiadores como G. L. Mosse, Robert Paxton, Ian Kershaw, Adorno, F. Neuman, Ernst Bloch, etc.; e dirixentes políticos como Antonio Gramsci e Angelo Tasca, para poder entendermos o porqué dese ascenso, incluso no seo das clases proletarias e populares. As «indicacións» de Reich e, xa que logo, de Simone Kahn, eran un camiño a seguir, camiño que ficou cegado en Francia, e non só alí. Este traballo de Simone Kahn demostra non unicamente que lera a Freud e, por descontado, a Reich, senón tamén a Marx, Engels, Lenin, Trotski, Clara Zetkin, Rosa Luxemburg e… Les vases communicants, do seu ex-marido. La psychologie collective du fascisme –nun principio trataríase dunha longa recensión do título homónimo do psicanalista alemán, que Simone leu no seu idioma orixinal, xa que non existía tradución francesa– é un traballo pioneiro para entendermos a psicoloxía de masas desde un punto de vista materialista (marxista) e, á vez, un traballo totalmente esquecido. E, infelizmente, non é unha «peza» histórica, xa que a pesar de estar datado moitas das cousas que di Simone Kahn continúan a estar de actualidade[1].

Non dubidamos que Simone Kahn, nesa etapa da súa vida como militante da esquerda socialista revolucionaria, debeu escribir máis textos dos que damos noticia; textos que, infelizmente, non puidemos atopar. Sábese que existen oito cartas súas dirixidas a Boris Souvarine[2]e un número indeterminado ao historiador e militante sindicalista revolucionario Maurice Dommanget, tamén se sabe que as cartas que enviou a Breton durante o seu noivado e matrimonio non foron encontradas. Esperemos que algún día, non moi afastado, alguén dea con elas e poidan publicarse (a non ser que André Breton as destruíse).

Para acabarmos, dúas notas. A primeira é unha mostra de como as gastan algúns «historiadores». Gilles Morin e Gilles Richard dirixiron un interesante volume, Les deux France du Front Populaire, publicado no 2008 polas parisienses Éditions de l’Harmattan. Entre os diversos traballos recollidos no libro hai un de Séverine Liatard, titulado «Autour de la Gauche Révolutionnaire: des femmes en politique au temps du Front Populaire». Despois de consignar o nome e dicir quen eran as mulleres desta agrupación política, cando cita a Simone Kahn –na nota 11– escribe: «Non encontramos ningunha información sobre Simone Kahn». Isto no 2008, tres anos despois de que se publicase a súa correspondencia con Denise Lévy/Naville nas Éditions Jöelle Losfeld, como se informaba ao inicio deste artigo, e é que existen demasiados historiadores e historiadoras «idiotas», no sentido etimolóxico da palabra: persoa privada de habilidade profesional.

A segunda nota debería, penso, inducirnos a todos a unha forte reflexión: dá a impresión de que Simone Kahn só foi ela cando asinou co seu nome, cando non estaba casada, xa que durante o seu matrimonio con André Breton só se coñece un texto seu, publicado en La Révolution surréaliste, nº 1. Despois do seu matrimonio con Michel Collinet e pasar a chamarse (oh, la la, la France) Simone Collinet, o seu nome desaparece das publicacións da Gauche Revolutionnaire. Non aparece nin como Simone Collinet, como tampouco aparece o seu nome nas publicacións do partido fundado por Marceau Pivert e o seu grupo cando foron expulsados da SFIO, o Parti Socialiste Ouvrier et Paysan, do cal, segundo informacións, tamén foi militante e mesmo dirixente. A que foi debido isto? Os seus matrimonios destruíron (sic) a escritora ou pensadora que había en Simone Kahn ou, simplemente, foi ela quen, por iniciativa propia, abandonou toda veleidade literaria e/ou filosófica, e mesmo política?[3] Ou en realidade, e seguindo a Virginia Woolf, ao deixar de ter un «cuarto propio», ao compartir –de xeito subalterno?– o seu «cuarto», o seu espazo propio, con outra persoa, de sexo contrario, habendo polo medio o contrato denominado matrimonial, é como se perdese, ou postergase, a súa capacidade creativa?

[1] Sería interesante unha lectura paralela e «deconstrucionista» (sic) do escrito de Simone Khan e do traballo de Pierre Yoyotte, «Reflexións que conducen a precisar a significación antifascista do surrealismo». Yoyotte, estudante martinico, foi en 1932 un dos fundadores, con Jules Monnerot, Aimé Césaire e outros, da revista anticolonialista Légitime défense, revista na que afirmaban tanto a súa fe no comunismo como a súa confianza no método surrealista. Yoyotte, do que non se sabe a súa data de nacemento, pasou a formar parte do grupo surrealista, colaborou en Le surréalisme au service de la révolution, e na revista belga Documents 34. Intervention surréalista, Bruxelas, xuño de 1934, co mencionado traballo. Segundo todas as noticias, Yoyotte morreu nos inicios da Segunda guerra mundial. Este texto de Yoyotte está traducido ao galego en Xesús González Gómez, Manifestos das vangardas europeas (1909-1945), Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1995, pp. 177-187.

[2] Boris Souvarine, papers 1915-1984, Harvard University, Cambridge, Massachussets. Souvarine (de verdadeiro nome Boris Konstantinovich Lifschitz, 1895-1984) foi un dos fundadores do Partido Comunista Francés, do que foi expulsado en 1924. En 1934 publicou a primeira biografía (non oficial) de Stalin: Staline. Aperçu historique du bolchevisme, biografía aínda hoxe de lectura case que obrigatoria. Quen queira saber máis del, en Google dan 160.000 resultados.

[3] En 1960, durante a guerra de Alxeria, deuse a coñecer en Francia a Declaración sobre o dereito á insubmisión na Guerra de Alxeria, coñecido tamén como o «Manifesto dos 121», por ser este número o dos seus primeiros asinantes (unha tradución, así como unha contextualización, deste manifesto poden verse en: Xesús González Gómez: Ecos da batalla cotiá. (Declaracións políticas surrealistas), Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2004, pp. 144-147 e 237-242 respectivamente). O manifesto deuse a coñecer en setembro de 1960, o día 1. En outubro dese mesmo ano, o día 27, deuse ao prelo unha «segunda edición», que aumentaba o número de asinantes até 246. Entre os novos asinantes aparecía o nome de Simone Collinet, mais non o de seu marido, Michel Collinet, daquela un dos responsábeis franceses (co o xa dixemos) do Congreso para a Liberdade da Cultura. Digamos que Collinet foi o director de Mañana, revista do Congreso para España e editada en París (1965-1966), da que Xavier Alvajar, fillo de César Alvajar (representante do Consello de Galiza en París e membro do Congreso), era o administrador. Lembremos que Xavier Alvajar, morto en 1996, foi elixido en 1983 alcalde de Carral nas listas do PSOE. Sobre Mañana, velaí unhas palabras do exiliado republicano Carlos Esplá: «[10 de mayo de 1965] Me trae Javier Alvajar la adjunta carta. Después de decirle que no tendría tiempo para escribir el artículo. Además la colaboración en un periódico que se edita en París porque no puede editarse en España, plantea un problema político que no puedo resolver sin contar con los de España. Ya se lo dije una vez a Gorkin, [máximo responsábel do Congreso para España e Latinoamerica] que no pensaba tener otra actuación que la que fuese para servir a IR [Izquierda Republicana] de España. Allí no quieren contactos con algunos de los colaboradores españoles de Mañana (Alvajar lo sabe, allí no quieren contactos con Ridruejo y demás, cuando estaba él en España pensaba lo mismo), y hacer un artículo que representa por su publicación esos contactos requiere que lo pensemos y que yo lo trate con los del interior. No son decisiones que se puedan improvisar. Alvajar me dice que sería yo el primer republicano que colaborase en la revista (todo lo que han enviado de España es de tendencia monárquica). A los de ARDE [Acción Republicana Democrática Española] les molestaría que yo fuera el primer republicano invitado. Insisto en que reproduzcan lo que quieran de mi discurso. Me pregunta si pueden hacer constar mi autorización para ello y le digo que sí.» (Carlos Esplá Rizo [Alicante 1895-México 1971], Mi vida hecha cenizas [Diarios 1920-1965], Biblioteca del Exilio, Editorial Renacimiento, Sevilla 2004, pp. 373-374)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s