‘Os días felices de Benvido Seixas’, unha boa novela humorística

Eva Moreda.

Un precedente na nosa literatura d’Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019) podería ser, se cadra, o relato de María Lado na antoloxía de ficción erótica Abadessa, oí dizer. Ao igual que Lado, Velasco preséntanos nesta súa primeira novela publicada unha historia lixeira de parelliñas novas que se desenvolve nos ambientes do nacionalismo cultural e político galego, ambientes que se nos presentan pasados polo filtro dunha sátira non sei se amable, pero si amena e desenfadada. Tamén, como en Lado, cabe preguntarse se este tipo de texto vai poderse entender fóra duns círculos (moi reducidos) que, en primeiro lugar, sexan quen de recoñecer estes ambientes por pertenceren a eles e, segundo, teñan o humor suficiente para aceptar de bo grao a sátira. Tampouco importa tanto, porque o resultado é unha novela escrita sen atrancos (sen acumulación de adxectivos, sen falso lirismo, sen sintaxe correcta pero forzada) que se pasa ben lendo, e que se cadra podería considerarse un exemplo da literatura humorística (non de gargallada, senón máis ben de sorriso constante) que tanto escasea entre nós.

Eduard Velasco.

A novela conta a historia de Bienvenido Seijas, vástago dunha familia acomodada con fortuna no sector inmobiliario, que namora de Mariña, activista nacionalista, e se transforma en Benvido Seixas no seu intento, exitoso, por conquistala. Para recrear os ambientes dos que proceden os seus personaxes, Velasco confía aquí en clixés compartidos co lector, o cal resulta acaído ao ton livián que se busca: queda ben claro desde o principio que non é esta unha narrativa realista á que se lle pide profundidade psicolóxica ou sociolóxica. Está moi ben buscada, por exemplo, a nai do protagonista, Peregrina, señora de Pontevedra de toda la vida, que aparece brevemente no primeiro capítulo. Os ambientes nacionalistas-culturalistas teñen un aquel de naïf que os fai literariamente máis atractivos que o que temos atopado noutras novelas que tamén quixeron pintar criticamente estes mundos pero que preferiron facelo desde un ton de seriedade case insoportable. A novela de Velasco si que nalgún momento bordea a seriedade (por exemplo, cando vemos que para Benvido os autores clásicos da literatura galega non son máis que nomes que estudou hai anos no instituto: igual que o son para unha maioría moi grande da poboación do país, aínda despois de corenta anos de normalización), pero non se presenta isto nin outras cousas en ton de condena moral, teledirixindo personaxes e situacións para que a conclusión quede ben clara.

Porén, onde Lado contaba coa vantaxe dun formato breve, Velasco tropeza en certo modo coa dificultade de manter o interese ao longo de 184 páxinas. Unha vez pasada a fase do primeiro namoramento e cortexo de Benvido e Mariña, hai un certo acumularse de situacións que parecen non ter outro obxectivo que redundar na sátira dos círculos nacionalistas e non deixar que quede fóra ningún clixé do que vén sendo o pack ideolóxico (exaltación do rural, compromiso coa igualdade de xénero, celebración do Día da Patria, etc.). A pesar disto e dun aceleramento do ritmo nos últimos capítulos que descompensa o conxunto, esta é unha novela ben entretida que acada algúns momentos deliciosos baseados nos ires e vires dos dous personaxes protagonistas. En efecto, Benvido e Mariña, aínda sendo en boa medida os arquetipos algo esaxerados sobre os que debe sustentarse un texto como o que nos ocupa, teñen ao mesmo o suficiente aquel como para que empaticemos con eles e queiramos, ao cabo, que todo lles vaia ben: non é isto fácil de acadar para un escritor, e Velasco conségueo.

♦ Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, Xerais, 2019. 184 páxinas. ♠17,30€

2 comentarios en “‘Os días felices de Benvido Seixas’, unha boa novela humorística

  1. Pois a min, como lector, a historia narrada defraudoume. Resultoume bastante “plana” e previsíbel, cunhas persoaxes sen moito fondo e pouco traballados.

    O que menos me gustou foi a persoaxe masculina. O tópico do rico irresponsábel, algo sinvergonza e iletrado que se aproveita das mozas menos pudentes, iso si, mais intelixentes e idelistas, e que, ao cabo, “humanízase” após de facelo mal grazas a lectura dos clásicos galegos, non sei, pareceume pouco orixinal.

    En fin, sonche cousas de lector resabiado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s