‘Da Resistencia á Independencia’, unha recensión ucrónica

Alexandre Bóveda, á esquerda, dá unha conferencia en Vigo no 1932.

Xesús González Gómez.

Hai unhas semanas, nesta mesma web, falando dun libro de Álvaro Cunqueiro, escribía eu: «Poden facer vostedes unha ucronía e imaxinar que sería a obra de A. C. de poder escribir todos os artigos que publicou en castelán… en galego? E o que sería a nosa literatura?». Non quixese, aquí e agora, esbardallar (teorizar) sobre a «ucronía». Máis do que escribir sobre as «ucronías» quizais é mellor «facelas», xa que, de momento, é imposíbel realizalas. Aí vai unha. Trata da recensión dun libro que, infelizmente nunca se deu e nunca se dará.

Título: Da Resistencia á Independencia.

Autor: Alexandre Bóveda

Edita: Edicións Laiovento.

Alexandre Bóveda, responsábel até a súa morte, acaecida en 1966, dos destinos da República Socialista de Galiza, confederada no Consello de Repúblicas Socialistas Ibéricas, deixou inéditas unhas «memorias» que só corenta e catro anos despois do seu pasamento, seica que segundo as disposicións deixadas polo líder no seu testamento, ven lume. Ás memorias, despois de seren corrixidas –filoloxicamente– por un grupo de expertos da sección de manuscritos do Seminario de Estudos Galegos, engádeselle unha serie de escritos de Bóveda e de entrevistas que van dende 1933 até 1966, o ano da súa morte.

As «memorias, ocupan un espazo de pouco máis dun terzo das 414 páxinas do libro. Os escritos van dende artigos na prensa, escritos na clandestinidade e escritos reflexivos sobre o camiño que debía tomar a República socialista que el, colexiadamente, dirixiu durante oito anos, aínda que o seu espírito, e as súas «recomendacións» e intervencións na prensa foron sempre seguidas polas diversas direccións colexiadas que rexen o destino do noso país. Deste conxunto de textos, memorias, escritos, entrevistas, deita unha gran preocupación pola claridade e simplicidade na expresión das situacións máis difíciles vividas por el mesmo e polo seu pobo.

O lector podería así, ao fío das páxinas, achar ou descubrir trinta anos de historia galega, española, europea, mundial. Nós só podemos suxerirlle algúns temas abordados, deixándolle a palabra ao segundo presidente da República Socialista de Galiza.

–Sobre a resistencia e a loita contra os militares sublevados e o fascismo internacional. «Cando se bota agora unha ollada a estes acontecementos –sobre os nosos preparativos, os inicios da nosa loita, as tentativas de entendérmonos cos partidos españois para combatermos xuntos, sobre a reconversión do noso Partido nun partido socialista e revolucionario– vese máis claramente que foi unha loita de clases, entre nós e as clases burguesas galega e española, que querían esmagar os seus pobos mentres que nós estabamos do lado do pobo, que foi quen, en realidade, ao longo de tres anos, reconverteu o noso Partido, o Partido Galeguista, no partido dirixente durante a guerra de liberación prolongada. Partido dirixente, mais non dominante: hoxe, porque así o quixo o noso pobo, e os pobos dos restantes partidos e comunidades da Península Ibérica: somos o único país socialista do mundo en que o proletariado, os campesiños, os funcionarios, etc., están representados por diversos partidos. Dentro destes partidos existen múltiplas tendencias. E os nosos sindicatos non están dirixidos por funcionarios, xa que tanto os funcionarios dos partidos, como os do “Estado” están sometidos perpetuamente ao principio da revogabilidade.»

–Sobre o papel do Partido Galeguista dende o principio da loita contra as burguesías fascistas galega e española: «Dende o principio da insurrección militar, o noso partido, en realidade as súas organizacións xuvenís e as tendencias máis esquerdistas, traballaron na clandestinidade e na guerrilla para organizar e conduciren unha guerra popular xeneralizada que, englobando a amplas capas da poboación, se realizase en toda Galiza. É dicir, dende os primeiros disparos dos insurrectos, a nosa loita tivo como fin derrotar os militares e chegar a acordos puntuais –ás veces duradeiros– cos diversos Partidos españois: socialista, comunista, así como cos anarquistas. Rompemos, dende o primeiro momento, cos partidos burgueses que apoiaban a República española: sen discusións internas. Nos descansos das batallas, en amplas e abertas discusións, chegouse a unha única conclusión: da vitoria resultante só podía saír unha República galega socialista e independente, que se incorporaría, no plano de completa igualdade e co dereito á secesión, a unha comunidade de pobos ibéricos, libres e iguais en dereitos, o que hoxe é o Consello de Nacións Ibéricas.»

–Certos feitos históricos son esclarecidos nestas memorias de Alexandre Bóveda. Talvez era el o máis indicado para clarexalos por ser un dos seus máximos protagonistas. A propósito do conflito co Consello de Nacións Ibéricas, cando este quería recortar a independencia de Galiza dentro da confederación: «Para un político, sexa da cor que for, non existe nada máis penoso que ver afundirse todas as súas crenzas, todo o que enchía de sentido a súa vida. Era necesario reaccionar, penetrar a significación dos acontecementos.»

Ao longo destas páxinas, tanto das «memorias» como as dos artigos e as entrevistas, hai un tema «estrela»: a independencia política significa tamén independencia económica. Independencia conquistada por Galiza dentro do Consello de Nacións Ibéricas como dentro do Movemento Socialista Internacional, e no concerto das nacións que conforman o planeta Terra. Cómpre lembrarmos o enfrontamento de Galiza, enfrontamento liderado por Bóveda, co Komiforn na cuestión de Iugoslavia, e cómpre lembrarmos que o Consello de Nacións Ibéricas –arrastrado pola política galega– negouse a condenar o presidente Tito, e con el o seu país, e, finalmente, acabou por desvincularse da organización con sede en Moscova. Bóveda, fronte ao Kormiforn, e fronte a algúns dos dirixentes do consello ibérico, opina que as nacións pequenas e aquelas que durante moito tempo conformaron esa entidade vagorosa (tamén talvez vaporosa) chamada Terceiro mundo, deben elixir o camiño que máis acaia aos seus pobos. Por outra parte, e este é un dos máis importantes traballos que de Bóveda se entregan neste volume, se ben remarca que o inimigo principal é o imperialismo americano e os seus aliados europeos, e tamén dos outros continentes, cómpre non esquecermos que os inimigos considerados secundarios (ou soamente adversarios puntais) poden ser fautores de maiores desfeitas e derrotas que as que nos ocasiona o inimigo principal. Sen nomear directamente a URSS, recorda que a actuación deste país, aínda que se chame socialista, con respecto aos países que conformaban o COMECON era completamente neocolonial: o subliñado é de Bóveda. O líder galego, esta vez directamente, crítica con dureza a actuación da URSS en Polonia dende o primeiro momento da liberación deste país das poutas nazis polo Exército vermello; a dura crítica continúa pola actuación en 1951 das tropas rusas e o Partido Socialista Unificado de Alemaña cando a rebelión dos obreiros alemáns en Berlín, contra as duras condicións de traballo instituídas para o aumento da produción. Nega o carácter contrarrevolucionario, máis ben afirma todo o contrario, do levantamento húngaro de 1956 esmagado polas tropas soviéticas coa axuda dalgúns dirixentes comunistas húngaros, que Bóveda non dubida en cualificar de cipaios, etc. Nunha das súas notas inéditas, que non viu lume até hoxe, o segundo presidente da República non dubida en cualificar a hoxe desaparecida URRS como un cárcere de homes, pobos e pensamento. E outro traballo dos importantes e interesantes inéditos, que ás veces semella sementado de frases humorísticas e cuxo transfondo irónico, ou máis ben sarcástico, non lle escapará ao lector, que se entrega agora: «O Modelo soviético para o subdesenvolvemento», explica como este modelo é inservíbel para calquera pobo do mundo, como inservíbel é (foi) para a URSS. Segundo os datos que manexa Bóveda, desenmascarando as cifras inexactas ou simplemente falsas dadas polo Kremlin, demostra que a produción agrícola e industrial, e os servizos, cada día que pasaba eran máis anticuadas. Os maiores gastos da URRS non eran en educación, sanidade ou reforma da produción senón en armamentos. No final do seu traballo afirma que o modelo político-económico da URSS só pode conducir, indefectibelmente, ao subdesenvolvemento económico e cultural, á opresión política, á miseria moral, cultural e social e, talvez, en última instancia á desaparición, por imposibilidade de manter os aparellos de produción, desa nación (cómpre lembrarmos, con asombro, que este artigo, inédito até hoxe, está datado en 1965!). Para Bóveda, sen entrar en discusións históricas sobre as que di non ter todos os datos enriba da mesa, o problema da URSS  é que se ben se pode dicir que chegou a cambiar o modo de produción, as relacións de produción continuaron a ser as mesmas que no tempo do tsarismo: eran relacións de produción capitalistas.

Para Bóveda, ademais, a independencia das nacións, á parte de non ser un fin en si mesmo, deita da independencia dos individuos. Bóveda, seguindo a Marx, non propón unha sociedade ideal, onde cada individuo accede inmediatamente á liberdade. É perfectamente consciente de que isto é ilusorio, de que esa sociedade non sería senón unha abstracción mentres cada un dos seus membros non sexa libre como individuo. Por iso postula de maneira explícita que unha sociedade nova só pode ser unha asociación de homes (e mulleres) onde «a liberdade de cada un se erixe en condición indispensábel da liberdade de todos», como se di no Manifesto. Este é o camiño que tomou Galiza, o Consello de Nacións Ibéricas. Difícil e duro camiño, que comportou moitos sacrificios de índole persoal, e mesmo colectiva, e que Bóveda espera que os seus netos vexan triunfar en todo o planeta.

Para moitos marxistas, Bóveda sería un «revisionista.» Se non dubida en afirmar que en Marx, Engels, Lenin, Luxemburg, Trotski, Gramsci, etc., se achan respostas a case todas as cuestións de principio, hai outras moitas preguntas que se fai o home para as que o marxismo non ten respostas, de aí a loanza a Freud e a moitos marxistas considerados no seu día como herexes ou traidores e que, segundo o dirixente galego, conformaron a súa visión do mundo e o seu pensamento: o primeiro Lukács, Karl Korsch, Otto Rühle, etc.

Para acabarmos, se o lector quere fuxir de discusións políticas e filosóficas cuxa profundidade se lle pode escapar (ou poden atragoalo), recomendámoslle as 110 páxinas que conforman as «memorias» (o título foi posto polos editores), sobre todo as emocionantes páxinas en que explica como, por vez primeira, tivo que «segar» unha vida. Ao historiador, porén, talvez interésenlle máis as páxinas en que relata o seu descubrimento, serodio, do marxismo, a reconversión do Partido Galeguista nun partido marxista revolucionario, e as liñas seguidas para lograr hexemonizar, sen violencia cara a outros partidos, agrupacións ou tendencias revolucionarios, o movemento revolucionario en Galiza. Belas, e informadas, son tamén as páxinas en que Bóveda narra como, presionadas polas súas propias bases, as organizacións socialistas, comunistas, anarquistas galegas, orgullosas das súas direccións nacionais (españolas), se sumaron ás reclamacións do Partido galeguista e apoiaron, en todo momento sen case vacilación por parte dos seus membros dirixentes, a proclamación de Galiza como República independente dentro dunha confederación. E como, conseguida a independencia, se chegou a un acordo democrático, por tanto, xusto, cos outros pobos e comunidades da península para formar o Consello de Nacións Ibéricas. Consello que pola súa democracia, polos seus progresos nos campos económico, social, cultural, os seus avances en sanidade e educación públicas, é un exemplo para todos os pobos do mundo, como non puido menos que dicir na Asemblea xeral das Nacións Unidas de novembro de 1964 un gobernante tan afastado do pensamento e a acción de Bóveda como o laborista inglés Harold Wilson.

Da Resistencia á Independencia, pola súa claridade expositiva, polo dominio do idioma, pola amplitude de miras, pola emoción que deita, pode ser considerado un clásico, non só da teoría política senón tamén da literatura galega do século XX.

O presente volume, número 22, fecha, con gloria, a publicación das Obras completas do gran líder galego morto na súa madurez creativa, tanto política como literaria.

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s