Rapazas de Polar. Capítulo 7. Final

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 7. Final

Pintura ao óleo. CAYLEY ROBINSON/EUROPEANA.

Chegou logo o sábado; pola mañá tiñamos a hora que lle chamaban de estudo, e case toda a pasamos a mirar da fiestra para fóra (estudio, xa se dará vostede conta, era un poñer: moitas liamos novelas ou escribiamos cousas de nós; as que estudaban facíano cunha devoción que non sabiamos de onde colleramos: pero non das monxas). Fomos logo xantar, sen pensar, e logo foi como se a luz do día nos tirase para fóra, cara á poza, pero aquilo, se o pensamos ben, era o que pasaba sempre. Baixando pola corredoira pina para abaixo, unha e dúas e tres miramos para atrás para ver se viña Imogen camiñando connosco: camiñaba, viña, e entón, a cada unha por separado, algo nos pinchaba no corazón dentro: porque se camiñaba connosco tamén aquela vez era porque Imogen era parte de nós. Chegamos ao pé do outeiro, collemos para a poza: xa daquela iamos pensando que Imogen si fora parte de nós, pero agora igual xa non: pero xa lle dixemos que en Polar era difícil pensar o presente, logo o pasado, logo o futuro. Quentándonos o sol, chegamos á poza, e ao primeiro andamos todas ocupadas a nos espir e a nos admirar de como o sol nos entraba pola pel. Fomos para a auga; chapuzamos, mergullamos as cabezas e volvemos saír, como faciamos sempre: pareceunos que estaba a auga máis quente que d’habitude, pero xa lle dicimos agora que nós naqueles simbolismos procurabamos non crer moito. Estabamos, logo, xa todas na auga e vimos que Imogen non; miramos entón para a terraferma e vímola camiñar cara a nós. Alí viña sorrindo, coa pel brillándolle como se a trouxese cuberta de escamas, a cabrona dela: haberanos desculpar pero: a cabrona dela, aló viña como se fose superior a nós: e era.

Non lle imos dicir outra cousa máis que o que pasou: que aló nos botamos todas enriba dela; unhas enriba e outras debaixo. Non o tiñamos tampouco pensado así: isto foi que de dentro de nós saíu aquela forza primeira que tiñamos dentro e que criamos que non, pero Imogen sabía que si. Tamén lle dicimos que coidamos que aquel día botamos fóra de vez todo o que tiñamos daquilo: xa non cremos –mire o que lle dicimos– que nos volva saír nunca máis.

Cando camiñamos de volta para Polar, as monxas a todo nos dixeron que si: tamén é verdade que outra cousa non ían facer. Mirou para nós con ollada torva Sor Mártara a Nova na aula principal, na que nos meteran a todas de urxencia. Mírenme ben: están seguras de que dixeron todo o que tiñan que dicir? Dixemos, Madre. Como non lle iamos dicir, Madre (e era: porque aquelas cousas non deixaban de ser todas accidentes da natureza). Pois será así logo: vaian agora descansar, e, se algunha non dá feito, que vaia canda Sor O’Malley a que lle faga unha cunca de English breakfast. Mañá xa pasou todo. Pasou, Madre, dixemos como un eco, e marchamos. Coidamos que no corredor andaba agachada Sor Elvira Lecumberri, mirando para nós, como querendo e non querendo saír á vez. Nin ladeamos a cara para mirala. Aí nos decatamos que o interese que tiveramos por ela perderámolo todo: estabamos na idade.

A verdade? Quere agora que lle digamos o que é a verdade? Para algunhas de nós, algunha vez, e para Sor Elvira Lecumberri pensamos que tamén, a verdade pode ser o que recordamos de tocar no cabelo húmido de Imogen cando se facía branda e mansa para sempre: branda e mansa, entendemos agora, como nos habemos facer todas algún día.

CAPÍTULO 6

3 comentarios en “Rapazas de Polar. Capítulo 7. Final

  1. Un final interesante, á altura do conxunto. Agora que rematou, volvín ler “O presente”, onde a autora fai tamén outro exercicio arredor deste mesmo personaxe en primeira persoa do plural. Parece mesmo que aquel conto funciona un pouco como secuela deste, facendo máis evidentes algúns dos temas que aquí aparecen só apuntados (o fascismo en particular).
    Paréceme interesante como nesta iteración a idea era desencaixar unha parte do narrador para que pasase a ser personaxe independente, en Imogen (filla ser irmaos?, a princesa de Shakespeare, unha outra Ofelia?). Explorar as posibilidades desa limitación formal do narrador plurar, un recurso que só pode ser literario, mete curiosidade por que máis cousas se poderían construír con el.
    Tamén me recorda moito o conto á novela de Jaeggy “Os ditosos anos do castigo”, cun outro orfanato, suizo, tamén opresivo.

  2. Grazas polo teu comentario. Lin o de Jaeggy, despois de moito tempo querendo lelo, cando xa levaba mediado este proxecto (non esta noveleta en concreto). Non diría que é unha influencia de por si, que daquela xa tiña o espazo ficcional de Polar bastante traballado, pero coido que as semellanzas son inevitables. O internado de nenas como espazo literario paréceme moi interesante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s