O ‘boom’ da novela negra viguesa e do xornalismo cultural

Unha imaxe parcial de Vigo.

César Lorenzo Gil.

Non. Non hai ningún boom da novela negra. Nin viguesa nin doutra caste. Non na literatura galega actual. Tampouco é que haxa ningún momento especialmente doce da novela viguesa.

Entón, ¿por que lemos cada tres meses nalgún medio de comunicación deses que ignoran a cultura galega por sistema que existe tal fenómeno? Porque a crise do 2008, igual que dana a edición de libros en galego, tamén danou, seguro que para sempre, o xornalismo, neste caso do que falo o xornalismo cultural.

Hai uns meses, a conta dunha reportaxe que un coñecido xornal coruñés quixo facer sobre a libraría na que traballo, chamei á redacción preguntando pola xornalista que me contactara, subliñando que pertencía á sección de Cultura. “No”, corrixiume a persoa que me colleu o teléfono. “Está en Especiales”. Especiais, para que non saiba o que significa no campo semántico da prensa escrita, define eses cadernos que adoitan publicarse nas fins de semana e que se confeccionan con textos diversos, moitas veces especializados nun tema, para captar de xeito máis efectivo publicidade específica. Talvez a persoa que falou comigo errou e esa xornalista si forme parte da sección de Cultura porque é hoxe unha das firmas máis habituais de textos relacionados coa cultura galega, sempre desde unha óptica lixeira, de periodismo de tendencias, é dicir, de moda e de publicidade.

O xornalismo cultural é outra cousa. E en Galicia apenas existe. Os veteranos xornalistas que dominaron esa área hoxe están ben no paro ben dedicados a outras cousas. Nas redaccións dos xornais, tamén nos escritos en galego, a cultura é unha sección menor. Claro está que brillan profesionais como Montse Dopico ou Daniel Salgado pero son a excepción. Eu, que fun redactor de A Nosa Terra, coñecía o traballo de Xan Carballa, Manuel Veiga Taboada e Carme Vidal moito tempo antes de pensar en compartir mesa con eles. Ningún deles vive hoxe do xornalismo. Tampouco Camilo Franco ou Antón Lopo. Resiste Jaureguizar no Grupo Progreso mais coido que o seu labor non é abondo recoñecido.

E sen profesionais nin medios, cunha prensa en castelán que non é que ignore senón que é belixerante con todo o que cheire a galego, a presenza das nosas letras nas súas páxinas é testemuñal e sempre repite os mesmos clixés. Na escolla dos temas sempre hai unha intención política. De aí que a esa prensa lle encante o tema dos booms, que esprema os tópicos da novela negra e da novela viguesa, por exemplo, sen argumentar en ningún caso en que sostén tal comentario.

Porque na realidade non hai hoxe máis interese polos autores  na novela negra que hai 30 anos. Tampouco hai máis demanda da comunidade lectora. Novela negra escríbese pouca. Agás Diego Ameixeiras e Bieito Iglesias (na vertente humorística-paródica) case ninguén a cultiva. O que se vende por negro é, en realidade, policial. Novelas policiais ou como moito thrillers mal escritos e copiados de modelos considerados exitosos alén das nosas fronteiras, desde Escandinavia a Italia. E tampouco hai tantos (afortunadamente), só que a media ducia de escritores que apostan polo xénero policial reciben certa atención dos medios e conseguen moi boas cifras de vendas para o contexto galego, o que fortalece o círculo vicioso: se a novela vende aparece nos medios en castelán, se aparece nos medios en castelán consegue ampliar un tanto a base de compradores. Isto non ten nada de malo pero non se inscribe no eido da cultura senón no do comercio.

Se coincidimos con Dolores Vilavedra en que a novela criminal é hoxe o equivalente da novela realista no século XIX, a literatura galega actual ten un problema. Os autores de éxito, os que aparecen unha e outra vez nas reportaxes sobre o boom, non propoñen un relato baseado nos conflitos presentes na Galicia actual. Non atenden ao xeito de falar dos seus contemporáneos nin describen atmosferas ou formas de pensar inspiradas no palpable. Non hai continuidade coas tradicións de Aníbal Malvar, o Roque Morteiro de Seis cordas e un corazón ou o Toni Barreiro de Manuel Forcadela, por indicar tres vías completamente distintas mais interesantes ao seu xeito. Os personaxes da novela policial con maior atención mediática poderían ser de calquera sitio. Viven situacións universais, moitas veces impostadas. Poden estar ambientadas en Vigo pero se alguén mudase as referencias xeográficas directas e obvias e as substituíse por outro escenario nada mudaría. Iso é algo lexítimo, por suposto pero é incompatible coa afirmación de que hai un noir vigués.

En efecto, Vigo é unha cidade moi literaria na narrativa contemporánea. Cid Cabido é un dos seus grandes autores aínda que case nunca apareza como integrante do boom. Vigo é protagonista en Lois e Helena buscándose nun día de tormenta, de Manuel Veiga Taboada e en Cardume, de Rexina Vega. Vigo transpírase en María Xosé Queizán e en Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. E por suposto tamén está a súa idiosincrasia presente en moito do publicado por Pedro Feixoo e Domingo Villar. Mais é máis discutible que a novela policial que se ambienta en Vigo e arredores capte as contradicións e conflitos reais da cidade. Vigo non ten un González Ledesma. E non pasa nada, simplemente que poñer a etiqueta de subxénero parece simplemente unha manobra para poder organizar con maior éxito algúns roteiros literarios, quizais subvencionados polo Concello. Cos mesmos elementos poderiamos afirmar que existe un boom da novela negra ourensá. E sinceramente habería máis datos obxectivos para defendelo.

Crean lectores os xéneros máis lixeiros coma o policial, o misterio e o thriler? Cómpre máis novela negra, pero negra de verdade, en galego? Coido que o que sempre mellora un sistema literario é a calidade dos seus produtos, en todas as escalas. Non vexo problema en que cada ano se publiquen máis novelas populares, de trama, ca literatura. É unha constante en todas as culturas actuais. O problema é que nos catálogos editoriais galegos custa ver obras ambiciosas, modernas, en diálogo coa propia tradición e mais coas técnicas e modelos dos escritores máis sobranceiros do mundo. Mais ese é tema para outro debate.

Falando de policiais, sería unha pena que á narrativa de xénero en galego lle pasase ao que lle ocorre á ficción que fai Voz Tv para a TVG, historias revellas, inverosímiles e infestadas de clixés.

 

Un comentario en “O ‘boom’ da novela negra viguesa e do xornalismo cultural

  1. E non será, digo eu, unha aposta editorial para ligar comercialmente os seus produtos á promoción da vila e pescar no río revolto das subvencións?
    A min como manobra empresarial paréceme óptima. Como literaria… ya tal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s