‘O rebumbio dos vagalumes’, segredos dunha profesora

Alberte Santos Ledo.

Eva Moreda.

O rebumbio dos vagalumes (Laiovento, 2015) foi a primeira novela publicada de Alberte Santos Ledo van xa aló catro anos. Unha pescuda rápida en Google suxire que apenas levou daquela ningunha crítica: unha mágoa, porque se trata dun debut meritorio e non hai en principio ningunha razón pola que non debese ter suscitado máis atención.

A novela conta a historia de Paula, unha profesora de Filoloxía que está casada cun executivo de éxito pero que, porén, ten os seus enredos extramatrimoniais con diversos homes da súa contorna. O motor da narrativa é o querer poñer de manifesto a dobre ou tripla vida e as contradicións desta protagonista. De aí imaxino que virá a decisión do autor de adoptar o perspectivismo, coas mesmas escenas e vivencias narradas en momentos diferentes por diferentes voces en primeira persoa: a da propia Paula e a doutros homes que se cruzan con ela.

O fío condutor, por así dicilo, é, non obstante, un narrador de terceira persoa focalizado en Xaime Couto, o home de Paula, a quen seguimos no seu traslado temporal a Londres por motivos de traballo. É esta a voz que atopamos ao comezo e ao final, e tamén intercalada entre as diferentes partes que narran en primeira persoa os outros personaxes. Quedei coa impresión de que esta decisión de usar a Xaime Couto como fío condutor non lle fixo ningún favor á novela e pexou en certo xeito o seu potencial. En efecto, Santos Ledo sérvese nestes capítulos dun estilo que non é nin tan almibarado nin tan funcionarial como o que adoitamos atopar en boa parte da narrativa estándar galega pero que non embargante carece de pegada de seu; é funcional pero xa tirando a pedestre. Se cadra por isto, e pola acumulación de situacións un tanto tópicas, non brilla Paula nestes capítulos tanto como merecería: o que vemos é un prototipo que xa coñecemos de muller de mediana idade e insatisfeita no seu matrimonio.

Digo que Paula non brilla aquí tanto como merecería porque noutras seccións da novela si que vemos unha personaxe feminina que, aínda sendo debedora de modelos xa coñecidos, sobre todo polo cine, si que presenta unha fondura e humanidade moi atractivas (sobre todo no aspecto, se cadra máis insinuado ca desenvolvido, de femme fatale de cidade galega pequena). Vémolo nas sección narradas en primeira persoa pola propia Paula e, sobre todo, nas narradas por Raúl Merodio e Uxío Meicende, que achegan un certo ton surrealista un tanto retro pero ao cabo efectivo. Nas narracións en primeira persoa, Santos Ledo demostra ademais unha vontade por crear voces diferenciadas máis aló da narración en terceira persoa; a de Meicende é se cadra a máis conseguida neste sentido. Esta Paula de carne e óso reaparece tamén cara ao final do libro, na narración en terceira persoa de Couto, deitando pegadas da fondura que este personaxe podería ter acadado e pechando un conxunto que, ao meu ver, ben merece unha lectura.

♦O rebumbio dos vagalumes, de Alberte Santos Ledo, Laiovento, 2015. 228 páxinas. ♠15€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s