‘Hotel para coleccionistas discretos’, máis táctica ca estratexia literaria

Diego Giráldez.

Xesús González Gómez.

Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, editada por Galaxia, vai dunha serie de coleccionistas, todos grandes capitalistas ou vinculados ás altas esferas do poder, que coleccionan «caprichos»: dentes de leite, lazos de bragas de perlé, conos de tráfico, peluxe de embigo, medias de centrocampistas de elite, walkmans que funcionan, etc. Entre estes coleccionistas áchase xente como Carlos Mora, quen «posúe o control da sección do tráfico de órganos e o dominio do sector turístico de transplantes», Martín Lombao, «xornalista acreditado», Eduardo Lapique, «asesor do presidente da patria». Manuel Arce, «líder espiritual do lobbie de empresas de alimentación e bebidas», Amalia Valverde, «a meirande empresaria da patria», que só se unira ao grupo (de coleccionistas) «para combater a soidade dos hoteis», Andrés Caibo, que está no grupo porque é amigo de Amalia, e quen nunca estivo cómodo dentro do «fato de coleccionistas». Amalia está a piques de morrer e dille a Andrés que necesita «redimirse» e que lle pediu á súa filla (Lara) que reunise a todos os coleccionistas no hotel en que ela traballa. Amalia morre, os coleccionistas están reunidos no hotel e Andrés Caibo proponlles, coa filla de Amalia en segundo plano mais axente importante na súa realización, «coleccionar algo completamente novo: emocións». Despois dunha curta discusión, aproban a «nova colección». Manuel Arce coleccionará a plenitude; Eduardo Lapique, a melancolía; Martín Lombao, a euforia e Carlos Mora, a confusión: todo isto, seica, é un plano da defunta Amelia. Así o fan e… a terceira parte da novela é o desenlace; desenlace que avanza, en certa medida, o autor (ou o narrador Andrés Caibo, xa que existen varios «narradores» nesta obra, sen que por iso sexa a presente, como se di na contracapa, unha novela coral: os coleccionistas semellan mais ben extras, no sentido cinematográfico da palabra do que outra cousa: é dicir, a pesar de todo, do título da novela, semella que non teñan ningunha importancia argumental..

Un, na súa soidade, pensa que o denominado posmodernismo deixou unha fonda pegada na literatura do noso tempo, pegada que, acha un, nótase cada vez mais en certas tendencias que andar a pulular polas diversas literaturas europeas e non só europeas. Estas tendencias son, como o é (ou foi) o posmodernismo, froito do desencanto histórico e o seu obxectivo cando se traducen en obras literarias, sobre todo novelas, é a descontextualización da realidade, xogar con ela en diversos niveis, ás veces moi sutís, outras máis ben bastos, evitar que a lóxica (sobre todo se é dialéctica) rexa a dinámica da narrativa, flirtear co caos, achegarse á loucura, ao delirio, e pór en dubida, negar todo o que até entón era aceptado como referente da realidade e punto de partida. Dentro destas tendencias existe outra que, nos últimos tempos, ten moitos «seguidores» entre a/os novelistas de hoxe: aquela narrativa en que a vida do autor se converte nun «experimento» constante, nunha fonte de vivencias e datos que, unha vez elaborados, poden utilizarse na creación. O autor é, se non «protagonista», si un importante personaxe dentro da «novela»: o que se denomina agora auto-ficción. Non se trata xa de «descubrir» que personaxe «representa» o autor, ou goza dos seus, digamos, trazos ideolóxicos (este tipo de descubrimentos é unha verdadeira parvada: na ficción o autor non se representa e os personaxes, en penúltima instancia, son «autónomos»). Moitas máis tendencias, ou sub-tendencias, nacidas do posmodernismo conforman a actual narrativa, mais non pretendemos aquí e agora comentalas, así que aquí nos detemos, non sen recomendarmos a lectura do xa «vello» libro de Christian Salmon Tumba de la ficción.

Malia que, segundo o título, os coleccionistas son discretos –non tanto, por outra banda, como percibirá o lector–, digamos que na novela, na súa trama, hai extravagancias e rarezas argumentais que un non sabe se queren procurar a estupefacción do lector ou constatar o baleiro de realidade en que se moven tanto os personaxes como a propia novela, pero que en calquera dos casos chegamos ao final como se atravesásemos confusas liñas.

Non sei se a novela quere ser unha denuncia dos psicópatas instalados nas altas esferas do poder ou dos coleccionistas, «antolladizos neuróticos», contracapa dixit (aínda que cabería discutirmos se todo coleccionista non é un algo antolladizo e un pouco neurótico); ou se quere, simplemente, mostrar eses psicópatas, quen sabe! En todo o caso teño para min que talvez os obxectivos da novela (o único obxectivo dunha novela é, ou debe ser, no fondo e simplemente, ser lida) son importantes para o autor e para algún dos personaxes (Andrés Caibo, Lara…), mais non o son tanto para o lector. Como non están ben subliñados no marco da narración, é probábel que eses obxectivos só sexan uns pasos cuxa verdadeira función é diminuír a xa de por si frouxa tensión argumental. Tensión que, infelizmente, capítulo tras capítulo, personaxe tras personaxe, narrador tras narrador, voz tras voz, se vai desinchando, como se o autor (e as voces narrativas) non atinasen a descubrir as partes sensíbeis da historia. Historia, por outra parte, case collida polos pelos (por usarmos dun tópico, esa cousa –o tópico– que, seica, aterroriza tanto o autor como os diversos narradores que pululan por este «texto»), como se o autor non fose abondo hábil para dotar de vida os momentos cruciais, cando todo é desorientación (as dúas primeiras partes) e non se sabe cal pode ser a conclusión. Conclusión, polo demais, que patentiza unha pobreza inventiva por parte do autor, que dá a impresión de que tiña pensado o final cando iniciou a escrita da súa novela.

Ora, cabe afirmarmos que se ben para nós o autor non acadou o seu obxectivo (unha boa novela), non se pode deixar de constatar que é un bo táctico, aínda que non teña nada de estratega. O despregue de diversas voces narrativas, de diversos, narradores, amosa que intentou seducir a atención do lector mais o mecanismo novelesco, argumental (aquí sería onde entraría en funcións o estratega), que move a historia semella enferruxado desde os primeiros movementos. Nunca «triunfa» o suspense; a ansiedade por coñecermos as peripecias dos coleccionistas e os movementos dos outros personaxes axiña se disipan. A capacidade persuasiva de sorpresa esváese rapidamente e o afán de saber como acabarán ligándose tantos fíos dispersos remata sendo un esforzo inútil.

Hotel para coleccionistas discretos é unha novela escrita nunha lingua aceptábel, mais fáltalle a creación lingüística (potencia verbal, dicíase noutros tempos) capaz de converter en verosímil o que semella, ou é, inverosímil. Puido, o autor, lanzarse por outros carreiros: o do humor, digamos, groso: sería un camiño demasiado fácil. Existía tamén o carreiro do humor irónico ou do negro, mais malia o que afirme a contracapa, nesta novela non hai humor, nin en primeiro, nin en segundo nin en terceiro grao, a non ser que se considere humor os obxectos que arrexuntan estes coleccionistas.

En fin, unha novela menor, discreta, que apunta calidades, pero na que salientan os defectos. Diego Giráldez é un bo escritor mais aínda non é un novelista.

♦ Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, Galaxia, 2019. 116 páxinas. ♠13€

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s