‘Alma. Un sopro de aire fresco’, intriga histórica con sorpresa

Xosé Lorenzo Tomé. EDUARDO CASTRO BAL/AELG.

Eva Moreda.

As primeiras páxinas e o paratexto de Alma. Un sopro de aire fresco (Bahía, 2017), a penúltima novela publicada de Xosé Lorenzo Tomé, parecen anunciar unha novela de intriga histórica das que existen non poucos exemplos nas nosas letras (O xardineiro dos ingleses, Lapis na noite, por dar dous títulos) e sobre todo fóra: debe tratarse dun modelo rendible, pois non deixan de aparecer novelas que o empreguen. Estou a falar de novelas non excesivamente sisudas senón máis ben con vocación comercial dirixida a un público máis ou menos progresista, nas que uns personaxes do noso presente tratan de saber máis ou resolver un misterio situado nun pasado relativamente recente (normalmente relacionado coa Guerra Civil, Segunda Guerra Mundial), co tempo da acción oscilando entre un e o outro. Aquí o segmento do presente estaría representado por Ada, unha muller galega xa madura que vive en Aosta despois de pasar polos Estados Unidos, e o do pasado polas irmás Touza de Ribadavia, coñecidas por colaboraren nunha rede clandestina que axudaba a xudeus perseguidos polo nazismo a fuxir cara a Portugal.

Isto, xa digo, é un pouco o que se promete ao comezo, porque logo a cousa cambia. Ada recibe en Aosta a visita dun seu amigo, Amado, e a partir de entón a novela vaise armando en base a diálogos entre eles dous e, esporadicamente, con terceiros que van atopando Ada e Armando na súa viaxe desde Aosta a Galicia (pasando por Ribadavia), logo aos Estados Unidos, logo a Galicia outra vez: máis do cincuenta por cento da novela, penso, son diálogos, e unha parte considerable do resto está dedicada á descrición dos ambientes por onde pasan Ada e Amado. A intriga aquí pasa decididamente a un segundo plano: a información sobre as irmás Touza simplemente a van presentando os diversos personaxes cando se lles pregunta ou cando queren eles, sen que haxa a sensación de que sexa isto un esforzo nin un tabú. Mesmo cando se revela que a amiga que Ada ten nos Estados Unidos é de orixe ben galega, non se trata como isto fose unha gran revelación nin un gran misterio.

Este cambio de rumbo na novela é tan obvio que non podo menos que pensar que é deliberado; que Lorenzo Tomé en realidade non quixo construír unha novela como as que describín máis arriba, senón algo diferente. (Nas últimas páxinas, porén, si que se intenta crear esta sensación de intriga, dar unha resolución ao caso das irmás Touza, poñerlle unha conclusión pechada a unha novela que non sei se a precisa e con iso volver achegar a novela a estes modelos máis comerciais).

Que podemos, logo, dicir do corpo da novela? Este está, certamente, pouco en liña co que se premia, o que se promociona e o que é visible na literatura galega de hoxe en día. Ada e Amado son, por dicilo de xeito algo simplista, un par de culturetas que falan por extenso dos referentes da súa clase e xeración, tamén en Galicia: Sartre, De Beauvoir, Ingmar Bergman, Walter Benjamin (quen proporciona o elo coa trama das irmáns Touza), o movemento dos Civil Rights en América, etc. Esta construción dos personaxes resolve, polo menos en parte, o problema de inverosimilitude que poderían ter os diálogos: pódese aceptar, aínda que haxa que forzar algo a suspension of disbelief, que estas sexan dúas persoas da intelligentsia galega nacidas pola volta de 1950 que realmente falen así ou parecido. O que se nos di sobre estes referentes non me pareceu aló tan novidoso ou profundo; isto penso que requeriría un léxico ou un estilo máis rigorosos; o que se emprega, aínda que con certa intención lírica, non deixa de estar encadrado no estándar. Se cadra o que importa máis, porén, é como se reconstrúe un certo xeito xeracional de falar sobre estes referentes: imaxino que isto pode resultar particularmente atractivo para aquela xeración de lectores que comparten os referentes de Ada e Amado. Porén, tamén a min me pareceu atractivo, sequera por veces, e eu desa xeración non son.

♦ Alma. Un sopro de aire fresco, de Xosé Lorenzo Tomé. Baía, 2017. 190 páxinas. ♠12€

Un comentario en “‘Alma. Un sopro de aire fresco’, intriga histórica con sorpresa

  1. Estimada Eva Moreda:

    Moitas gracias por dedicarlle un tempo de lectura e critica a Alma. Es a primeira persoa que se ocupa dela con criterio literario. No ermo de recepción das obras que temos é un auténtico regalo o que fas co teu texto, claro, preciso.
    En efecto, Alma non pretende ser só un libro de intriga, aída que tome esa forma. Pretende falar de xente con Alma, como Consueliño, como Ada como W.Benjamin, a xeración Beat e como as irmás Touza.
    Se cadra me pasei de coltureta pero xa sabes o dificil que é acertar coa dose; é dicir dar coa forma.

    Vexo que tes moitas obras e premios, felicidades. Espero ler pronto a que tes publicada en Xerais.

    Unha aperta

    José Lorenzo Tomé

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s